Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 31 de xullo de 2020 Páx. 30262

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se modifica a relación de aspirantes definitivamente seleccionados/as no concurso-oposición para o ingreso na categoría de celador/a, quendas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral, publicada pola Resolución do 22 de xuño de 2020.

Por Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, do 22 de xuño de 2020 (Diario Oficial de Galicia núm 128, do 30 de xuño) publicouse a relación de aspirantes definitivamente seleccionados/as no concurso oposición para o ingreso na categoría de celador/a, nas quendas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral, e iniciouse o prazo para a elección de destino.

A base novena da Resolución do 1 de marzo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 51, do 13 de marzo), de convocatoria do proceso dispón que o/a aspirante que, no prazo e conforme o procedemento que se estableza non seleccionase todos os destinos que se oferten pola orde de prelación que considere, e non resultase adxudicatario/a de ningún polos que optase, non poderá ser nomeado/a, e quedarán sen efecto todas as súas actuacións. Neste suposto, a autoridade convocante procederá ao chamamento de novos/as aspirantes, no número que se corresponda coas prazas ofertadas e non elixidas, coa finalidade de que manifesten a súa opción por elas, logo de acreditación do cumprimento dos requisitos exixidos. Esta opción realizarase pola orde de prelación que resulte da lista definitiva.

Finalizado o prazo para a elección de destino previsto na Resolución do 22 de xuño de 2020, este centro directivo, de conformidade coa antedita base

RESOLVE:

Primeiro. En cumprimento da base 9.9 da Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 1 de marzo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 51, do 13 de marzo), pola que se convoca concurso oposición para o ingreso na categoría de celador/a, excluir deste proceso selectivo a Isabel González Cuadrado con DNI ***5771**, aspirante da quenda de acceso libre, por non ter seleccionado no prazo e conforme o procedemento establecido ningún dos destinos ofertados.

Segundo. Declarar como aspirante seleccionada, na categoría de celador/a, quenda de acceso libre a Susana Fernández López, con DNI ***8224**, requiríndoselle para que no prazo indicado na base 9.1 da Resolución do 1 de marzo de 2018, de convocatoria do proceso presente en rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, dirixida á Dirección Xeral de Recursos Humanos, a seguinte documentación:

a) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separada do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores á convocatoria, nin estar inhabilitada con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, de ser o caso, para a correspondente profesión.

b) Certificado médico oficial en que se acredite a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións propias da categoría.

c) Por exixencia do artigo 13 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, segundo a redacción efectuada pola Lei 26/2015, do 28 de xullo, certificación do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais dependente do Ministerio de Xustiza de non ter sido condenada por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual ou, na súa falta, autorización escrita ao Servizo Galego de Saúde para consultar os datos contidos no citado rexistro e solicitar no seu nome a oportuna certificación.

Esta autorización deberá prestarse no modelo que para o efecto consta na páxina web do Servizo Galego de Saúde, na epígrafe relativa a emprego público (www.sergas.es/emprego público).

d) Declaración xurada ou promesa de non ter a condición de persoal estatutario fixo da mesma categoría a que opta.

Se dentro do prazo fixado pola base 9.1 da resolución de convocatoria non presentase a documentación ou do exame dela se deducise que carece dalgún dos requisitos para participar no proceso selectivo, non poderá ser nomeada persoal estatutario fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

Terceiro. Declarar como destino pendente de adxudicación, logo de finalizado o prazo previsto na Resolución do 22 de xuño de 2020, o seguinte: Centro directivo A.S da Coruña e Cee. Centro: A.S da Coruña e Cee. Concello: A Coruña.

Cuarto. Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2020

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos