Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Xoves, 6 de agosto de 2020 Páx. 31299

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 28 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2020 de axudas para a realización dun programa piloto de formación en formato non presencial de recualificación profesional dixital, dirixido a persoas desempregadas paradas de longa duración maiores de 45 anos, Programa piloto sénior dixital (código de procedemento TR303A).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, este departamento asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde pois, a esta consellería, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están, para o exercicio económico 2020, as medidas dirixidas a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego, da Estratexia española de activación para o emprego (EEAO) 2017-2020 e do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE 2019).

Por outra banda, o Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, aprobado polo Parlamento galego o 11 de maio de 2016, denomina como eixe 1 a «Empregabilidade e crecemento intelixente», o cal recolle como prioridade de actuación o aumento da empregabilidade e a produtividade das persoas traballadoras de Galicia a través da formación e a innovación constante. Neste sentido, este Plan marca, como un dos seus obxectivos estratéxicos ou prioritarios, a mellora da calidade da formación profesional para o emprego e como un dos eixes que agrupa os obxectivos estruturais, o da formación e o das oportunidades de emprego.

Na mesma liña, a Axenda 20 para o emprego asume como reto 2 a formación e capacitación, incrementando as cualificacións e acadando a inserción tras a formación.

Ademais, na Axenda da competitividade Galicia Industria 4.0, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia o 13 de maio de 2015, recóllese a formación das persoas como un dos compoñentes necesarios do programa de reforzo das persoas e das organizacións, así como a necesidade de que o sistema formativo se oriente ás necesidades da industria.

Por último, o 4º Acordo de Diálogo Social de Galicia asinado entre a Xunta de Galicia e os axentes económicos e sociais acadou o compromiso de poñer en funcionamento un plan de recualificación profesional de persoas desempregadas paradas de longa duración maiores de 45 anos, co fin de garantir políticas activas de emprego máis igualitarias e inclusivas con aqueles que, por mor da súa idade, son mais proclives a prolongar no tempo a súa situación de desemprego, e que por causa da súa idade teñen máis dificultades para atopar traballo.

A iniciativa obxecto desta orde é un programa piloto innovador a través do cal preparar as persoas desempregadas paradas de longa duración maiores de 45 anos para a súa efectiva incorporación ao mercado laboral actual, nunha verdadeira posta a punto para o emprego, do que forma parte inescusable o adestramento en competencias dixitais avanzadas. Esta intervención prográmase nun marco temporal amplo, axeitado para desenvolver as actuacións na súa integridade, o que dota da necesaria seguridade ás entidades que o van implementar, e lles permite centrar os esforzos no traballo efectivo e na consecución dos obxectivos deste proxecto: a recualificación profesional das persoas desempregadas paradas de longa duración maiores de 45 anos cara ao reforzo da súa empregabilidade e reinserción no mercado laboral. Neste sentido, establécese unha contía de subvención en función das persoas que finalicen a participación no programa, e asegúrase a efectiva obtención dos resultados previstos.

En efecto, o programa será executado por empresas con experiencia no ámbito da formación que presenten un proxecto innovador de formación orientado a persoas desempregadas paradas de longa duración maiores de 45 anos, co fin de mellorar a súa empregabilidade a través da súa capacitación tanto en competencias dixitais orientadas ao novo mercado laboral como en competencias brandas, incidindo especialmente na motivación das persoas participantes.

O proxecto ou proxectos innovadores de formación que presente cada solicitante, que deberán ser impartidos completamente a través de medios telemáticos, serán dirixidos a un mínimo de 35 e un máximo de 50 persoas, e cada edición terá unha duración de 70 horas ao longo de 3 semanas de formación, cunha participación máxima de 10 alumnos en cada edición.

As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva, para o que se valorará, por una banda, a solvencia técnica da entidade para levar a cabo o programa, tendo en conta a súa experiencia e a composición do seu equipo de traballo, e por outra, a calidade técnica do proxecto e a súa potencialidade para acadar a inserción laboral das persoas beneficiarias finais.

Establécese o financiamento deste programa piloto a través de fondos finalistas.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.

Por todo o exposto, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo de informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2020, de subvencións a entidades de formación para a realización dun programa piloto de recualificación profesional dixital, a través da modalidade en liña, de persoas desempregadas paradas de longa duración maiores de 45 anos para a súa capacitación, tanto en competencias dixitais orientadas ao novo mercado laboral como en competencias brandas, co fin de mellorar a súa empregabilidade, e a súa inserción laboral (código de procedemento TR303A).

Consistirá, por tanto, na impartición de programas de formación, a través dunha plataforma de aprendizaxe interactiva, de 70 horas distribuídas ao longo de 3 semanas de formación sobre:

1. Competencias dixitais orientadas ao novo mercado laboral (ferramentas esenciais para desenvolverse con fluidez na era tecnolóxica. Isto é, coñecementos sobre dispositivos electrónicos, redes, seguridade cibernética, sistemas de comunicación, traballo na nube, etc.).

2. Competencias brandas (motivación, boa comunicación, boa organización, traballo en equipo, puntualidade, pensamento crítico, sociable, ser creativo, habilidades interpersoais de comunicación, facilidade de adaptación, personalidade amigable, etc).

Especificamente, o Programa sénior dixital estará orientado á adquisición e fortalecemento en temáticas tales como coñecemento avanzado de ferramentas open office, ferramentas de xestión documental compartida na nube, ferramentas para almacenar información, ferramentas para o envío de grandes volumes de datos, traballo compartido na nube, traballo en streaming, etc, e dirixida a un perfil de alumnado cun nivel de competencias medio no manexo de ferramentas en liña para o desenvolvemento de traballo compartido e/ou teletraballo. Os contidos propostos deberán acadar un total de 55 horas de formación.

Estes coñecementos deberán acompañarse dun módulo específico dirixido á adquisición e fornecemento de competencias brandas, cunha duración mínima de 15 horas.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, a súa tramitación e resolución axustaranse ao disposto nesta orde e ao establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; e no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. No que resulte de aplicación, someterase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro modificado polo Regulamento (UE) 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L51 1/1, do 22 de febreiro), relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nos programas desta orde estará suxeita á existencia de crédito nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e realizarase con cargo ás aplicacións da Secretaría Xeral de Emprego que se sinalen na convocatoria.

As axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C.470.3 código de proxecto 2020 00024, cun crédito de 500.000 € (fondo finalista).

2. Estes importes poderán ser modificados ou incrementados con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia ou da Administración do Estado como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, todo iso de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos das axudas previstas nesta orde, entenderase por:

a) Entidade de formación: empresa cuxo obxecto social estea orientado á impartición de formación e teña experiencia demostrable no ámbito da formación.

b) Persoa desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data de comezo da súa participación no programa obxecto desta convocatoria.

c) Persoa desempregada de longa duración: aquela que na data de comezo da súa participación no programa obxecto desta convocatoria estea sen traballo e acredite un período de inscrición como desempregada no Servizo Público de Emprego de, polo menos, doce meses durante os dezaoito meses anteriores á súa contratación.

d) Persoa maior de 45 anos: aquela que na data de comezo da súa participación no programa obxecto desta convocatoria teña feitos os 45 anos.

e) Plataforma de aprendizaxe interactiva: ferramenta web a través da cal prover ás persoas que se van formar toda a información relativa ao curso, e que deberá dispoñer dunha aula virtual (informativa, práctica, comunicativa, titorial e avaliativa) a través da que se deberá permitir impartir formación en liña e en streaming (videoconferencia en modalidade multiconferencia), que será o método xeral de impartición; ademais doutras materias formativas en vídeo que o alumnado poderá estudar pola súa conta. Incluiranse, así mesmo, titorías por parte de docentes que inclúan test para a práctica dos coñecementos adquiridos, exercicios para posterior corrección por un docente, foros de debate e consultas de dúbidas, e soporte técnico permanente para solucionar de maneira inmediata calquera incidencia na plataforma.

f) Itinerario personalizado de formación: conxunto de actuacións, consensuadas coa persoa interesada, que teñen por obxectivo a mellora da súa formación encamiñada á mellora da súa empregabilidade.

g) Programa: conxunto de materias e contidos que integran a proposta previsto no artigo 1 desta orde, e que deberán estar compostos por contidos formativos de natureza análoga aos propostos, así como por formación en competencias brandas.

h) Proxecto: memoria explicativa dos contidos e alcance do plan formativo que se vai desenvolver, proposta por cada solicitante.

Artigo 6. Entidades beneficiarias

1. Poden beneficiarse das subvencións recollidas nestas bases reguladoras as empresas cuxo obxecto social estea orientado á impartición de formación e teñan experiencia demostrable no ámbito da formación, e que na data de publicación desta convocatoria cumpran as seguintes condicións:

– Ter recollido no seu obxecto social as actividades de formación.

– Ter desenvolvido programas dirixidos especificamente á formación.

– Dispoñer ou por á disposición unha plataforma de aprendizaxe interactiva.

2. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

b) Estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

d) Non estar incursas nalgunha das prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e reunir os restantes requisitos previstos nesta.

A acreditación, por parte das entidades solicitantes, de que cumpren as condicións sinaladas nas letras a), c) e d) anteriores realizarase mediante declaración responsable que se inclúe no anexo I de solicitude.

3. As entidades que poden ser beneficiarias poderán tramitar unicamente unha solicitude de axuda para un proxecto piloto. Polo tanto, só resultarán beneficiarias de axudas para o desenvolvemento dun proxecto piloto.

4. Ningunha entidade poderá figurar en máis dunha solicitude. O incumprimento desta norma dará lugar a que unicamente se dea validez á solicitude presentada en primeiro lugar e que se proceda á inadmisión das restantes solicitudes onde figure a entidade incumpridora.

Artigo 7. Solicitudes e prazos

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https:// sede.xunta.gal).

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas establecidas nesta orde será de 1 mes, e comezará o día seguinte ao da súa publicación. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal ao da publicación e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo remata o último día do mes. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

4. As solicitudes de subvención deberán presentarse xunto coa documentación indicada no artigo 21 e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

Artigo 8. Emenda da solicitude

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente, que comprobará se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 9. Trámites posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación das empresas/entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, se é o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 11. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderalle á Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprego, que realizará as actuacións necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

6. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Resolución e recursos

1. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes das subvencións presentadas ao abeiro desta orde correspóndelle, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Unha vez notificada a resolución as entidades interesadas disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con anterioridade á interposición do dito recurso poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou o outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Incompatibilidades e concorrencia

1. O importe das subvencións concedidas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, supere o custo da actividade subvencionada.

2. Esta subvención é incompatible coa percepción de axudas para o fomento de emprego polas persoas integrantes do equipo técnico, así como para a realización de programas e actividades ás cales se imputen gastos deste persoal durante o mesmo período subvencionable.

Artigo 16. Obrigas das empresas beneficiarias

Son obrigas xerais das empresas beneficiarias das axudas contidas nesta orde as seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Levar a cabo o seguimento do proceso de formación das persoas participantes no programa. Á conclusión do Programa piloto, a empresa deberá remitir ao órgano instrutor das axudas un informe do seguimento realizado.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos, tal e como establece o artigo 11.d) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

f) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

g) Dispor, se é o caso, daqueles libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados e que exixa a lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

h) Acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto da subvención.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos durante un período mínimo de 5 anos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

j) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para darlle publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con fondos recibidos do Servicio Público de Emprego Estatal (SEPE).

m) Cumprir as disposicións lexislativas sobre protección de datos de carácter persoal, concretamente a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, e o Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016.

Artigo 17. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá levar a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento do programa.

2. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Economía, Emprego e Industria para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e nas demais normas vixentes que resulten de aplicación.

3. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde.

Artigo 18. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria ES82 2080 0300 8731 1006 3172.

2. A entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

3. A devolución voluntaria non exclúe a reclamación dos xuros de demora cando se considere procedente o reintegro da subvención.

CAPÍTULO II

Programa piloto sénior dixital para a recualificación de persoas desempregadas paradas de longa duración maiores de 45 anos

Artigo 19. Ámbito temporal, e accións subvencionables

1. As subvencións obxecto deste programa van dirixidas ao desenvolvemento dun programa piloto de formación en liña orientado á recualificación profesional dixital de persoas desempregadas paradas de longa duración maiores de 45 anos nas temáticas de competencias dixitais orientadas ao novo mercado laboral e das competencias brandas. O programa de recualificación das persoas desempregadas maiores de 45 anos paradas de longa duración (sénior dixital) deberá constar das seguintes fases:

– Posta á disposición dunha plataforma de aprendizaxe interactiva.

– Elaboración de contidos formativos para un perfil de alumno con estudos de formación profesional media e/ou superior, así como estudos universitarios rematados, cos seguintes contidos orientativos:

Adquisición e fortalecemento en temáticas tales como coñecemento avanzado de ferramentas open office, ferramentas de xestión documental compartida na nube, ferramentas para almacenar información, ferramentas para o envío de grandes volumes de datos, traballo compartido na nube, traballo en streaming etc, e dirixida a un perfil de alumno cun nivel de competencias medio no manexo de ferramentas en liña para o desenvolvemento de traballo compartido e/ou teletraballo.

A proposta virá acompañada de módulos específicos dirixidos á adquisición e fornecemento de competencias brandas, cunha duración mínima de 15 horas.

– Proceso de captación e selección das persoas desempregadas paradas de longa duración maiores de 45 anos axeitadas para percibir esta formación.

– Elaboración dun itinerario personalizado de formación para cada unha delas, incidindo na súa inserción laboral.

– Implantación do itinerario formativo nunha modalidade completamente en liña, dando prioridade ao streaming sobre o repositorio de vídeos formativos, que inclúa a motivación e a autoestima.

– Seguimento, durante o seu desenvolvemento e á súa finalización, como medida de acompañamento dirixido todo iso á súa inserción laboral.

2. As solicitudes de proxecto estarán deseñadas para un mínimo de 35 persoas e a un máximo de 50.

A selección das persoas participantes realizaraa a entidade solicitante a través do Portal de emprego de Galicia (https://emprego.xunta.gal) e/ou a sondaxe nas oficinas do Servizo Público de Emprego.

A súa incorporación ao programa poderá ser sucesiva, pero para os efectos de avaliación do cumprimento do programa pola entidade beneficiaria só se terá en conta a súa participación se finaliza o itinerario deseñado dentro do período de execución do programa.

3. Cada persoa participante deberá asinar un documento de compromiso de participación no programa, así como unha valoración final en que se recollan as formacións realizadas e os obxectivos conseguidos.

4. O programa obxecto desta orde deberá ter ámbito autonómico ou inferior.

5. O proxecto piloto proposto desenvolveranse en edicións cun número de asistentes máximo de 10 alumnos por edición.

6. As edicións de cada proxecto piloto subvencionados desenvolveranse durante un período de 3 semanas nas cales se impartirán a cada alumno un total de 70 horas de formación. En todo caso, estes deben estar comprendidos integramente no período de execución das subvencións.

7. Cada solicitante deberá asignar ao programa un equipo de traballo que sume 4 profesionais (formadores e/ou titores) para cada proposta. O equipo de traballo deberá contar con un ou varios docentes e titores para a formación, con experiencia profesional demostrable nas materias ofertadas.

8. Adicionalmente, o equipo integrará un técnico informático por cada proposta, para a resolución de potenciais incidencias na plataforma.

9. Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria os proxectos aprobados que se desenvolvan desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión da subvención ata o 30 de novembro de 2020.

10. As entidades beneficiarias deberán poñer en marcha os proxectos piloto no prazo que se sinale na resolución de concesión da axuda ou, na súa falta, no prazo de dez (10) días desde a súa notificación, e comunicarllo ao órgano instrutor por escrito no prazo de dez (10) días desde o seu inicio. De non presentar a comunicación no prazo sinalado, entenderase que a entidade renuncia á subvención concedida.

Artigo 20. Contía do módulo subvencionable

A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1. O módulo económico de financiamento dos proxectos piloto, entendido como custo por hora e alumno nesta convocatoria serán de 12 €/h por alumno e hora efectivamente impartida.

2. En todo caso, o beneficiario deberá contar con medios propios para as funcións de programación e coordinación de programa, asumindo en todo caso a responsabilidade da execución da actividade subvencionadas fronte á Administración pública.

3. No caso de contratación de custos diferentes aos custos de contratación de persoal laboral, cando o importe do gasto supere a contía establecida para os contratos menores na normativa reguladora da contratación pública en vigor no momento da solicitude, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

4. Considerarase gasto realizado o que corresponde a actuacións levadas a cabo no período de execución sinalado na convocatoria e foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación.

5. A contía da subvención calcularase en función do número de horas de formación efectivamente completadas por cada alumno, establecéndose un límite máximo de 70 horas por alumno e programa, e atendendo ao importe do módulo correspondente.

Artigo 21. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Copia das escrituras vixentes da entidade solicitante, en que se recolla como o seu obxecto as actividades de formación.

b) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación coa que actúa a persoa que asina a solicitude.

c) Compromiso de adscrición de medios do equipo de traballo, segundo anexo II.

d) Descrición do proxecto innovador que se vai desenvolver e para o que se solicita a subvención, o cal debería recoller, canto menos, os seguintes aspectos:

1. Descrición e capacidades da plataforma de formación que se vai empregar.

2. Procedemento de captación e selección dos desempregados de longa duración maiores de 45 anos adecuados para recibir a formación en liña.

3. Modelo de configuración de itinerarios personalizados de formación.

4. Número de persoas desempregadas paradas de longa duración maiores de 45 anos máximo que podería afrontar cada edición.

5. Descrición global dos contidos formativos que se van impartir:

a. Competencias dixitais orientadas ao novo mercado laboral.

b. Competencias brandas.

c. Descrición da metodoloxía e medios que se van empregar para a impartición da formación en cada tipo de competencia.

6. Número de formadores especialistas en cada una das materias propostas e número de titores de cada especialidade dispoñibles para a resolución de dúbidas dos alumnos.

7. Descrición do sistema de autoavaliación e avaliación dos coñecementos adquiridos polas persoas formadas.

8. Modelo de seguimiento.

e) Acreditación de experiencia na execución de programas de formación de persoas desempregadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (anexo III).

f) Memoria do proxecto de programa formativo e da calidade da plataforma de aprendizaxe interactiva, segundo o estabelecido ao respecto no artigo 24 da presente orde de axudas.

g) Plan de igualdade da empresa (se o tiver).

h) Plan de responsabilidade social empresarial da empresa (se o tiver).

i) Declaración responsable de cumprimento dos requisitos a que se refire o artigo 6.2.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código do rexistro.

Artigo 22. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos regulados nesta orde consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) DNI ou NIE da persoa que recibe a formación.

e) Certificado de inscrición no Servizo Público de Emprego da persoa que recibe a formación.

f) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa que recibe a formación.

g) Certificado de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

h) Certificado de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Administración tributaria de Galicia.

i) Certificado de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I, segundo corresponda, e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos.

4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de concesión, xestión, control e verificación das axudas.

Artigo 23. Procedemento de concesión e composición da comisión de avaliación

1. O procedemento de concesión das subvencións previstas nesta orde será en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. A comisión de avaliación estará composta por:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Emprego, que a presidirá.

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Laboral.

Tres persoas funcionarias designadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, unha das cales actuará como secretaria/o.

Se no momento en que a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que sexa designada pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela o presidente ou presidenta, ou persoa en que delegue, unha vogal e a persoa que actúe como secretario/a.

3. Unha vez revisadas as solicitudes presentadas, e comprobado que todas cumpren os requisitos exixidos nas bases reguladoras para adquirir a condición de entidades beneficiarias, a Comisión de Avaliación valoraraas de acordo cos criterios que se establecen no artigo 24 desta orde e redactará un informe en que constará a relación de todas as solicitudes presentadas por orde de puntuación. O dito informe servirá de base á proposta de concesión ou de denegación da subvención.

Para efectuar a valoración das solicitudes a dita comisión poderá solicitar todas as aclaracións que considere oportunas.

4. O órgano instrutor elevará o informe da Comisión de Avaliación xunto coa proposta de concesión ao órgano competente para resolver.

5. A concesión das axudas a cada proxecto piloto realizarase por orde de prelación, segundo a puntuación outorgada pola comisión de avaliación a cada solicitante, ata esgotamento do crédito. A resolución da concesión de subvención fixará expresamente a contía total concedida a cada solicitante, a puntuación técnica obtida, e incorporará o correspondente programa de formación e as condicións, as obrigacións e as determinacións accesorias a que deba estar suxeita a entidade beneficiaria. Calquera modificación posterior referida á modificación de horas que afecte a repartición de orzamento deberá ser autorizada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Emprego, e estará suxeita á dispoñibilidade de crédito.

6. O órgano concedente asignará o crédito dispoñible na convocatoria por orde de prelación, comezando polas solicitudes que obteñan a puntuación máis alta e ata o esgotamento de crédito dispoñible.

7. No caso de que queden solicitudes sen atender por insuficiencia de crédito, o órgano instrutor poderá dar audiencia ás entidades solicitantes, por orde de prelación, co obxecto de que reaxusten o proxecto ao límite de crédito dispoñible. Este reaxuste poderá implicar a redución no número de persoas participantes, sempre que se respecte o mínimo de 35.

8. No suposto de renuncia ou non aceptación da subvención por parte dalgunha entidade beneficiaria e/ou de ampliación do crédito, o órgano concedente podería acordar, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención aos proxectos seguintes na orde de puntuación, e ata o límite do crédito dispoñible.

Artigo 24. Criterios de valoración

As solicitudes presentadas avaliaranse, ata un máximo de 100 puntos, segundo os seguintes criterios:

1. Criterios referidos á entidade solicitante, ata 30 puntos.

Valorarase a solvencia técnica da entidade para levar a cabo o programa, tendo en conta a súa experiencia e a composición do seu equipo de traballo, así como a súa implicación no emprego de calidade.

Neste punto teranse en conta os criterios seguintes:

a) Experiencia: execución de programas de formación de persoas desempregadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, nos tres anos anteriores á publicación da convocatoria, ata 8 puntos:

– Experiencia de 1 ano: 2 puntos.

– Experiencia de dous anos: 4 puntos.

– Experiencia de tres anos: 8 puntos.

Só se terán en conta aqueles programas en que se traballase cun mínimo de 10 persoas.

A experiencia acreditarase mediante certificados de boa execución emitidos e asinados pola entidade pública ou privada beneficiaria del, indicado o contido e alcance do programa de formación desenvolvido, con especificación de datas de inicio e finalización, e número de participantes, segundo o establecido no anexo III desta orde.

b) Recursos humanos: número de persoas técnicas do cadro de persoal da entidade nos centros de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, 1 punto por cada traballador/a ata un máximo de 10 puntos.

Para estes efectos, considéranse persoas técnicas as que ocupen postos directamente relacionados co obxecto desta convocatoria, dos perfís sinalados no artigo 19. Terase en conta a media dos últimos 12 meses a través da achega do cadro de certificado de persoal, e mediante a achega da relación nominal de traballadores e currículo das persoas técnicas as que ocupen postos directamente relacionados co obxecto desta convocatoria.

c) Existencia dun plan de igualdade na empresa:

– 6 puntos se se acredita a existencia dun plan de igualdade na empresa.

– 0 puntos se non se acredita.

d) Existencia dun plan de responsabilidade social empresarial na empresa:

– 6 puntos se se acredita a existencia dun Plan de responsabilidade empresarial na empresa.

– 0 puntos se non se acredita.

2. Criterios referidos ao programa, ata 70 puntos.

Valorarase a calidade técnica do proxecto de formación e a súa potencialidade para mellorar a empregabilidade das persoas maiores de 45 anos.

Neste punto teranse en conta os seguintes criterios:

a) Contido do programa: ata 40 puntos, distribuídos da seguinte forma:

– Diagnóstico individual: ata 10 puntos. Valorarase o grao de especificidade e adecuación da metodoloxía e/ou ferramentas de diagnóstico da formación e experiencia dos candidatos que formarán parte de cada proxecto presentado, de cara á mellora da súa empregabilidade, a claridade e grao de detalle na exposición e a súa coherencia interna.

– Metodoloxía empregada, ata 10 puntos. Valorarase o carácter innovador da metodoloxía de recualificación e formación proposta, e a súa adecuación para acadar un salto cualitativo na consecución dos obxectivos propostos nesta convocatoria.

– Calidade técnica global do proxecto, ata 20 puntos. Valorarase a adecuación das tarefas concretas que se van realizar ao diagnóstico individual dos candidatos e ao obxectivo previsto de mellora da súa empregabilidade, a adecuación dos recursos humanos e dos recursos estruturais e técnicos adscritos á súa execución, a adecuación do plan de seguimento e a relevancia dos indicadores de control e seguimento propostos, así como a claridade e grao de detalle na exposición e a súa coherencia interna.

O contido do programa terá unha extensión máxima de 20 páxinas en formato arial 11, 1,5 puntos interliñado.

b) Calidade da plataforma de aprendizaxe interactiva ofertada: ata 20 puntos.

A calidade da plataforma virtual de aprendizaxe valorarase en función da inclusión das seguintes características ou funcionalidades:

– Posibilidade de facilitar a interacción en tempo real dos alumnos:

• 5 puntos se acredita esta funcionalidade.

• 0 puntos se non a acredita.

– Posibilidade de habilitar espazos de titoría e de foros de discusión diferenciados das da aula virtual:

• 5 puntos se acredita esta funcionalidade.

• 0 puntos se non a acredita.

– Existencia de recursos didácticos e de xestión de contidos nun espazo diferenciado:

• 5 puntos se acredita esta funcionalidade.

• 0 puntos se non a acredita.

– Posibilidade de seguimento continuo e en tempo real do proceso de aprendizaxe das persoas participantes:

• 5 puntos se acredita esta funcionalidade.

• 0 puntos se non a acredita.

A descrición das características técnicas da plataforma terá unha extensión máxima de 5 páxinas en formato arial 11, 1,5 puntos de interliñado.

c) Equipo de traballo adicional, ata 10 puntos: proxecto por riba do mínimo exixido: outorgarase 1 punto por cada recurso humano adicional posto á disposición da implementación de cada proposta, dentro das categorías propostas no artigo 19, ata un máximo de 10 puntos.

Non se terán en contan as propostas que non acaden un mínimo de 15 puntos no punto 1, e un mínimo de 35 puntos no punto 2.

Artigo 25. Xustificación da axuda concedida

A xustificación do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e da aplicación dos fondos percibidos acreditarase mediante a presentación da documentación que se exixa na resolución de concesión.

1. A presentación da documentación xustificativa presentarase nun prazo máximo de quince (15) días desde a finalización do programa, nos termos e no modo que se exixa de forma expresa na resolución de concesión e, en todo caso, non poderá ir máis alá do 30 de decembro de 2020. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da documentación que non exceda da metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

2. Transcorrido o prazo establecido para a xustificación sen a ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a empresa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez (10) días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

3. De cara á liquidación da subvención unha vez executada a formación, considerarase que unha persoa finalizou o itinerario cando complete a formación deseñada ad hoc para o seu perfil tendo completado, ao menos, o 75 % das horas do programa ou tendo superado o 75 % dos controis periódicos de seguimento, con independencia das horas de conexión.

Se se producen abandonos dos participantes, poderanse incorporar outros de perfil similar en lugar daqueles, sempre que non se tivese superado o 25 % da duración do programa.

Considerarase que finalizaron a acción formativa aqueles traballadores desempregados que abandonen o programa por ter atopado emprego, así como aqueles que abandonaran o programa por enfermidade ou accidente acreditado, sempre que tiveren realizado ao menos o 25 % do programa.

Artigo 26. Documentación xustificativa

Para a xustificación da axeitada execución do Programa presentarase a seguinte documentación:

a) Anexo IV de autorización para a comprobación de datos das persoas participantes.

b) Anexo V de declaración expresa doutras axudas.

c) Un informe final do programa realizado, con indicación das persoas desempregadas paradas de longa duración maiores de 45 anos que participaron no programa, as datas de inicio e fin da formación, as horas completadas, os medios empregados na súa execución, os resultados obtidos e as dificultades atopadas para a súa execución. O informe conterá, así mesmo, a relación de persoas docentes, titores e persoal técnico dedicado ao programa á que se acompañará:

– Relación nominal de persoas traballadoras (RNT) coa indicación clara destas no conxunto do documento.

– Recibo de liquidación de cotizacións (RLC).

– Os seus contratos de traballo.

d) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas de difusión a que se refire o artigo 16 desta orde (colocación de rótulo ou banner).

e) Un informe da contía global da subvención xustificada, segundo o que conste na memoria de actuación presentada e os módulos recollidos na convocatoria. O sistema de determinación da contía global da subvención será o resultado de multiplicar o custo do módulo polo número de alumnos que finalizaron cada proxecto piloto, e polo número de horas efectivamente realizadas por cada alumno.

f) Os informes acreditativos da plataforma interactiva que permitan contrastar a veracidade dos datos declarados polo beneficiario, con especificación para cada un dos alumnos:

– Do número de horas de conexión á plataforma.

– Do número de horas de formación completadas e verificadas polo titor.

– Do número de probas completadas con éxito.

g) Valoración de cada persoa participante no programa en que se recollan as formacións realizadas e os obxectivos conseguidos.

Artigo 27. Pagamento da axuda

1. O pagamento da axuda efectuarase de forma nominativa a favor das empresas beneficiarias.

2. Unha vez concluídas as actividades obxecto da presente orde de axudas, e unha vez presentada a documentación xustificativa pertinente dentro do prazo de quince (15) días desde a finalización do programa, e comprobado que o equipo de traballo asignado ao programa coincide, en número e perfil profesional, co sinalado na solicitude, liquidaranse as contías que correspondan.

En ningún caso a contía da subvención poderá ser superior ao importe inicialmente outorgado, nin tampouco poderá superar o importe resultante da aplicación da fórmula de cálculo sinalada no artigo 20 desta orde.

Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 28. Revogación e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións establecidas nesta orde, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e coas causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, levará aparellada a obriga de devolver as cantidades percibidas.

2. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación:

a) A obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) O incumprimento no número de persoas participantes no programa: reintegro da parte proporcional da axuda concedida, sempre que se acadase un mínimo de 25 persoas participantes. Se o número acadado é inferior a 25, procederá o reintegro do 80 % da axuda concedida, e se é inferior a 20, o 100 %.

d) O incumprimento no número ou perfil profesional das persoas que compoñen o equipo de traballo asignado ao programa:

– Se o número ou perfís profesionais propostos fose determinante da concesión da axuda, en virtude da puntuación outorgada a este criterio de valoración: reintegro do 100 % da axuda concedida.

– Se se incumpre a ratio mínima ou non se conta con ningún dos perfís profesionais sinalados no artigo 19: reintegro do 100 % da axuda concedida.

– Noutro caso, procederá o reintegro da parte proporcional, para o que se terá en conta o 50 % do importe concedido para o cálculo correspondente ao número de efectivos, e o 50 % para o correspondente ao número de perfís diferentes.

e) O incumprimento dos obxectivos de formación do programa.

– Se os obxectivos propostos son determinantes da concesión da axuda en virtude da puntuación outorgada a este criterio de valoración, procederá o reintegro do 100 % da axuda concedida.

– Se o 20 % do número de participantes non acada o 75 % das horas de formación, procederá o reintegro do 100 % da axuda concedida.

– Noutro caso, procederá o reintegro da parte proporcional.

Para estes efectos, considerarase cumprido o obxectivo de formación cando se acade a porcentaxe establecida para o número de participantes sinalados no programa. Se se supera o número de participantes previstos, a non obtención de insercións sobre os adicionais non se considerará incumprimento.

f) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación previstas no artigo 16 desta orde, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, previstas no artigo 16, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos; o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado: reintegro do 100 % da subvención con-cedida.

g) O incumprimento da obriga de remitir o informe a que se refire o artigo 26.d): reintegro do 20 % da subvención concedida.

h) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 10 % da axuda concedida.

i) O incumprimento da obriga en materia de publicidade do financiamento público, mediante a colocación do rótulo ou banner visible ao público: reintegro do 10 % da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir a entidade beneficiaria para que nun prazo non superior a 15 días, emende o incumprimento, con expresa advertencia de que, de non facelo, se iniciará o expediente declarativo da procedencia do reintegro.

3. A entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso de financiamento, público ou privado, respecto do custo total da actividade subvencionada.

Cando se produza exceso das subvencións percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade, e estas fosen compatibles entre si, a entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación. O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas.

No caso de que as subvencións percibidas fosen incompatibles, a entidade beneficiaria deberá reintegrar o 100 % da axuda concedida.

4. O procedemento de reintegro substanciarase conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As obrigas de reintegro establecidas neste artigo enténdense sen prexuízo da posible cualificación dos feitos como infracción administrativa e incoación do expediente sancionador, de acordo cos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación do conselleiro.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais solicitados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión destes procedementos e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Facultade para desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file