Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Martes, 11 de agosto de 2020 Páx. 31854

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 3 de agosto de 2020 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión das axudas da Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (códigos de procedemento MR651A e MR651B).

O día 19 de febreiro de 2020, a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (códigos de procedemento MR651A e MR651B).

No seu artigo 26 precísase a aplicación orzamentaria e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas e sinálase que a dotación inicial se poderá incrementar.

Dado que a dotación orzamentaria desa orde ascende á cantidade de 3.000.000,00 euros para o ano 2020 e 2.800.000,00 euros para o ano 2021, e posto que esa dotación é insuficiente tendo en conta o importe das solicitudes recibidas, cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria das anualidades 2020 e 2021 para a concesión das mencionadas axudas. O número de solicitudes recibidas é de 683 e o seu importe ascende a 6.358.374,42 euros.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo o disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Incremento de crédito

1. Ampliar a dotación orzamentaria asignada á Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020, con cargo ás dispoñibilidades orzamentarias existentes na aplicación 14.02.551B.770.0 por importe de 580.000,00 euros, nas seguintes anualidades:

– Ano 2020: 300.000,00 euros.

– Ano 2021: 280.000,00 euros.

Como resultado desta ampliación, o orzamento total asignado á presente orde é o seguinte:

– Ano 2020: 3.300.000,00 euros na aplicación orzamentaria 14.02.551B.770.0 (código de proxecto 2016 00212), repartidos do seguinte xeito:

a) Liña I: dotada cun total de dous millóns setecentos cincuenta mil euros (2.750.000,00 €).

b) Liña II: dotada cun total de cincocentos cincuenta mil euros (550.000,00 €).

– Ano 2021: 3.080.000,00 euros na aplicación orzamentaria 14.02.551B.770.0 (código de proxecto 2016 00212), repartidos do seguinte xeito:

a) Liña I: dotada cun total de dous millóns cincocentos sesenta e tres mil euros (2.563.000,00 €).

b) Liña II: dotada cun total de cincocentos dezasete mil euros (517.000,00 €).

Artigo 2. Ausencia de efectos sobre o prazo de solicitudes

O incremento de crédito previsto no artigo 1 desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 30 de decembro de 2019 (DOG núm. 34, do 19.2.2020).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural