Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Xoves, 10 de setembro de 2020 Páx. 35615

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 31 de agosto de 2020 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES II), anualidade 2020 (códigos de procedemento IN421Q e IN421R).

As axudas obxecto desta convocatoria teñen o seu encaixe no Programa de incentivos a mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES II) aprobado por Real decreto 569/2020, de 16 de xuño, co obxecto de establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas a actuacións de apoio á mobilidade baseadas en criterios de eficiencia enerxética, sustentabilidade e impulso de enerxías alternativas, para contribuír á descarbonización do sector do transporte e á consecución dos obxectivos fixados polo Plan nacional integrado de enerxía e clima 2021-2030.

O citado real decreto no seu artigo 3 acorda que serán beneficiarios directos das axudas previstas neste programa as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla, que deberán destinar o importe das axudas aos suxeitos que se enumeran no punto segundo do mesmo artigo, que son os destinatarios últimos das axudas.

A entidade responsable da execución do programa MOVES II, na Comunidade Autónoma de Galicia será o Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

O Inega constitúese en axencia polo Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Instituto Enerxético de Galicia (DOG núm. 61, do 30 de marzo).

Entre os obxectivos básicos do Inega están o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia.

A Axencia ten entre as súas funcións, segundo o disposto no artigo 8 do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, as seguintes funcións:

a) Elaborar e propoñer á consellería competente en materia de enerxía, plans e programas en materia enerxética.

b) Promover, e se for o caso, executar os plans e programas indicados, aprobados pola consellería competente en materia de enerxía.

c) Propoñer a elaboración de disposicións para o establecemento, desenvolvemento e xestión de políticas enerxéticas.

d) Elaborar programas de racionalización do uso de enerxía e promover o aproveitamento dos recursos enerxéticos.

O Inega, para financiar esta convocatoria de axudas, dispón nos seus orzamentos de 5.000.000,00 €, procedentes do Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES II) promovido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e con actuacións potencialmente financiables con fondos Feder.

Estas axudas estarán sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, e nas demais disposicións da Unión Europea que resulten de aplicación.

As bases reguladoras do programa establecen que a coordinación e seguimento será realizado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). No exercicio destas funcións o IDAE informa que o programa MOVES se acolle á categoría de axudas para a protección do ambiente, sección 7, artigo 36 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión. Indica que os custos subvencionables se calcularán para a actuación 1 tendo en conta a alínea 5.b) do citado artigo, para as actuacións 2 e 3 segundo a alínea 5.a) e para a Actuación 4 pola alínea 5.a) ou 5.b) segundo a tipoloxía do proxecto. Ademais, o IDAE informa de que para evitar efectos fronteira dispón de diferentes informes e datos que permiten xustificar o cálculo do custo subvencionable e, por tanto, das contías das axudas establecidas para a Actuación 1 e que responderá ante a Comisión, caso de que haxa que xustificar a contía destas.

O Inega considera conveniente atribuír a colaboración no seguimento da xestión das axudas relativas a: Actuación 1-Adquisición de vehículos de enerxías alternativas e Actuación 2-Implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos (artigo 7 do Real decreto 569/2020) ás entidades colaboradoras que reúnan os requisitos establecidos no artigo 6.1 desta convocatoria.

A presente resolución, que aproba a convocatoria para os anos 2020-2021 do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES II), dítase conforme o disposto nos artigos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 3 e 12 das bases reguladoras.

En virtude de todo o anterior

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria

1. A presente resolución ten por obxecto a aprobación da convocatoria de axudas correspondente ás anualidades 2020-2021 para a concesión de axudas ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES II) -IN421Q-Procedemento de adhesión de entidades colaboradoras que participen na xestión da Actuación 1 e na Actuación 2 e -IN421R-Procedemento de presentación de solicitudes.

2. Pola presente convócanse axudas para as seguintes actuacións:

Actuación 1: Adquisición de vehículos de enerxías alternativas.

Actuación 2: Implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos.

Actuación 3: Implantación de sistemas de préstamos de bicicletas eléctricas.

Actuación 4: Implantación de medidas de mobilidade sustentable ao traballo.

Artigo 2. Réxime de concesión e normativa aplicable

1. A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta resolución de convocatoria resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude e ata o esgotamento do crédito, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

2. As axudas obxecto de esta convocatoria estarán sometidas ao disposto no Real decreto 569/2020, do 17 de xuño, polo que se regula o Programa de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES II) e onde se establecen as bases reguladoras das axudas á actuacións de apoio a mobilidade baseada en criterios de eficiencia enerxética, sustentabilidade e impulso do uso de enerxías alternativas, incluída a disposición de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos (en diante, bases reguladoras).

Ademais, será de aplicación a seguinte normativa:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu Regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Lei 4/2019, do 17 de xuño, de administración dixital de Galicia.

3. As axudas recollidas nesta convocatoria, cando os beneficiarios sexan autónomos, empresas ou outras entidades que emprendan actividades económicas que repercutan en terceiros, están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías) publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Serán beneficiarios os suxeitos que se enumeran no artigo 3.2 das bases reguladoras sempre que teñan a súa residencia fiscal ou un establecemento permanente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (para as actuacións tipo 2, tipo 3 e tipo 4 considérase que se cumpre este requisito se a actuación subvencionada se desenvolve no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia). En concreto, os seguintes:

Tipo actuación

Beneficiarios

Actuacións 1 e 2

Persoas físicas que desenvolvan actividades económicas.

Persoas físicas.

Comunidades de propietarios.

Persoas xurídicas e outras entidades con ou sen personalidade xurídica, cuxo NIF comece polas letras A, B, C, D,E, F, G, J, R ou W.

Entidades locais e sector público institucional de calquera Administración pública.

Actuacións 3 e 4

Persoas físicas que desenvolvan actividades económicas.

Persoas xurídicas e outras entidades con ou sen personalidade xurídica, cuxo NIF comece polas letras A, B, C, D, E, F, G, J, R ou W.

Entidades locais e sector público institucional de calquera Administración pública.

2. Non serán beneficiarios destas axudas:

a) Empresas en crise segundo a definición do Regulamento (UE) nº 651/2014.

b) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que tivese declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 4. Financiamento e contía máxima das axudas que se vaian outorgar coa convocatoria

As subvencións previstas nesta convocatoria financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega, coa repartición plurianual recollida na seguinte táboa.

1. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 5.000.000,00 euros.

Importe 2020 (€)

Importe 2021 (€)

Importe 2022 (€)

Importe 2023 (€)

Total (€)

1.500.000,00

1.500.000,00

1.500.000,00

500.000,00

5.000.000,00

O orzamento por partida e anualidade redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia entre as seguintes partidas: 09.A2.733A.703.1, 09.A2.733A.714.1, 09.A2.733A.730, 09.A2.733A.741, 09.A2.733A.762.1, 09.A2.733A.772.1 e 09.A2.733A.782.1.

2. O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:

Tipo de actuación

Orzamento total

Actuación 1: Adquisición de vehículos de enerxías alternativas

Actuación 1.1: Vehículos eléctricos

1.760.000,00

Actuación 1.2: Vehículos GLP ou gas natural

440.000,00

Actuación 2: Implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos

2.000.000,00

Actuación 3: Implantación de sistemas de préstamo de bicicletas eléctricas

200.000,00

Actuación 4: Implantación de medidas de mobilidade sustentable ao traballo

600.000,00

Total

5.000.000,00

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se, pasado un mes desde a apertura do prazo de solicitudes nalgunha das epígrafes, non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles e noutra das epígrafes existe listaxe de espera. Esta redistribución, de producirse, respectará en todo caso as porcentaxes establecidas no artigo 12.9 do Real decreto 569/2020 ata que finalice a vixencia da convocatoria. Finalizada esta, poderá redistribuírse o orzamento nos termos recollidos no artigo 12.12 e 12.13 das bases reguladoras.

3. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, se ben cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación das solicitudes que resulte da aplicación dos criterios fixados nas bases que rexen a convocatoria.

De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal).

4. A concesión das axudas estará supeditada ao efectivo financiamento por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do plan MOVES II.

5. A contía das axudas para cada unha das actuacións vén establecida no anexo III do Real decreto 569/2020, do 16 de xuño, polo que se regula o Programa de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES II) publicado no BOE núm. 169, do 17 de xuño de 2020.

Artigo 5. Forma de presentación das solicitudes

As solicitudes serán presentadas directamente polo beneficiario ou a persoa que o represente, salvo cando se trate de axudas para:

– Actuación 1: Adquisición de vehículos de enerxías alternativas.

Neste caso a solicitude farase a través dos concesionarios de automóbiles, que actuarán como entidades colaboradoras, excepto cando o solicitante sexa o sector público, que poderá solicitala directamente.

– Actuación 2: Implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos.

As solicitudes faranse a través de empresas con actividade de instalación de baixa tensión, que actuarán como entidades colaboradoras, salvo cando o beneficiario sexa o sector público ou empresas con actividade de estación de servizos, que poderán solicitala directamente.

Artigo 6. Procedemento de adhesión de entidades colaboradoras que participen na xestión da Actuación 1 e na Actuación 2 (procedemento IN421Q)

1. Requisitos, condicións e solvencia.

a) Poderán ser entidades colaboradoras:

1º. Para a Actuación 1:

Os concesionarios ou puntos de venta cuxa epígrafe da sección primeira das tarifas do imposto sobre actividades económicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro, sexa 615.1 comercio grosista de vehículos, motocicletas, bicicletas e os seus accesorios, ou 654.1 comercio retallista de vehículos terrestres.

2º. Para a Actuación 2:

As empresas con actividade de instalación de baixa tensión.

Será necesario que estas empresas estean dadas de alta na Consellería de Economía, Emprego e Industria como empresas con actividade de instalación de baixa tensión (procedemento IN609A).

As entidades colaboradoras teñen que ter o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta e sen que isto implique a entrega e distribución dos fondos públicos aos beneficiarios, que recibirán o importe da axuda directamente do Inega.

c) Na súa relación co Inega, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:

1º. Realización ante o Inega dos trámites para solicitar a axuda.

2º. Desenvolvemento das accións vinculadas á convocatoria.

3º. Xustificación da axuda ante o Inega.

d) Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Inega. As características técnicas exixibles poderán consultarse na páxina web do Inega (www.inega.gal).

e) Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo e que o soliciten no prazo que se indica no número 3 deste artigo.

f) De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio de colaboración entre elas e o Inega, no cal se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo II destas bases. O convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

g) Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Formularios.

Apróbanse e incorpóranse o seguinte formulario e modelo de convenio de colaboración como anexos á presente convocatoria:

– Anexo I. Solicitude de adhesión de entidades colaboradoras.

– Anexo II. Convenio de colaboración para subscribir coas entidades colaboradoras.

3. Prazo para presentar as solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará o día hábil seguinte á publicación no DOG da presente convocatoria e finalizará cando remate a vixencia do programa MOVES II en Galicia, o cal sucederá transcorrido un ano desde a publicación no DOG da presente convocatoria.

Para solicitar a súa adhesión terán que cubrir e presentar o formulario de adhesión (anexo I) .

4. Obrigas e compromisos das entidades colaboradoras.

a) Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1º. Encontrarse ao día no pagamento das obrigas tributarias coa facenda pública do Estado, da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

2º. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

3º. Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito co Inega.

4º. Actuar en nome e por conta do Inega para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión das subvencións sen que se produza a previa entrega e distribución dos fondos recibidos.

5º. Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de tres anos desde a súa concesión.

6º. Remitir copia dixitalizada de dita documentación ao Inega.

7º. Deixar clara constancia nos seu rexistro contable e así facilitar a axeitada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas, de acordo co disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:

1º. Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda (anexo III) a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

2º. Vender ou instalar no marco da iniciativa só os equipamentos que cumpran coas condicións establecidas na convocatoria de axudas.

3º. Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento da convocatoria, en concreto, no caso de que proceda a autorización ou inscrición da instalación no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria.

4º. Exhibir, nos seus centros de traballo ou puntos de vendas durante a vixencia do programa MOVES, un cartel de promoción en que se informe de que se trata dunha entidade colaboradora adherida conforme o modelo que se porá á disposición na páxina web do Inega.

5º. Facilitarlle ao Inega canta información e documentación precise para verificar a correcta aplicación das subvencións.

6º. Comunicar calquera variación que poida acontecer nos datos recollidos nos documentos achegados.

5. Adhesión simplificada.

a) Esta forma de adhesión esta unicamente dirixida ás entidades colaboradoras adheridas ao Convenio de xestión das axudas para a Actuación 1-Adquisición de vehículos de enerxías alternativas e para a Actuación 2-Implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, correspondente ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES) para as anualidades 2019-2020, reguladas na Resolución do 10 de abril de 2019 (DOG núm. 74, do 16 de abril) e que desexen adherirse aos procedementos de xestión das axudas á Actuación 1-Adquisición de vehículos de enerxías alternativas e á Actuación 2-Implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, correspondente ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES II) para as anualidades 2020-2021.

b) A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo II). A continuación xerarase un documento en formato pdf cos dous anexos.

Por defecto, a aplicación informática cubrirá os anexos cos datos dispoñibles da convocatoria da anualidade 2019-2020. A entidade colaboradora poderá actualizar os datos, se é o caso. No suposto de modificación de datos, a entidade colaboradora deberá xuntar a documentación necesaria para xustificar estes cambios, de igual xeito que se realiza na adhesión común, regulada no artigo 6.5 das bases reguladoras.

c) Para acceder á aplicación informática e solicitar a adhesión simplificada, utilizará o usuario e o contrasinal outorgados polo Inega na convocatoria 2020-2021. No caso de que algunha entidade colaboradora non recorde estes datos, poderá solicitalos a través do correo electrónico habilitado para tal efecto, indicando os seus datos para a identificación.

d) Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo I), deberá presentala por vía electrónica de conformidade co establecido. As copias dos documentos dixitalizados gozarán da mesma validez e eficacia que os orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

6. Adhesión común.

a) A primeira vez que a entidade colaboradora acceda á aplicación asignarase un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda e para ver o seu estado.

b) A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para encher a solicitude de adhesión (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo II). A seguir xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos -o segundo por duplicado-.

Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo I), deberá presentala por vía electrónica de conformidade ao establecido nestas bases. As copias dos documentos dixitalizados gozarán da mesma validez e eficacia que os orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Se a entidade interesada presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que for realizada a emenda.

A publicación dos formularios de solicitude no DOG farase unicamente para os efectos informativos.

c) As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1º. Documento acreditativo de poder suficiente do representante legal da entidade.

2º. Convenio de colaboración debidamente asinado pola entidade colaboradora (anexo II).

Unha vez asinado polo Inega a entidade colaboradora poderá acceder ao citado convenio no taboleiro.

d) A documentación complementaria deberase presentar electronicamente, as entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se a entidade interesada presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa presentada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos 5 MB, por arquivo individual, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

e) Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento, IN421Q, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

1º. NIF da entidade solicitante.

2º. DNI/NIE da persoa solicitante.

3º. DNI/NIE da persoa representante.

4º. Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT.

5º. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

6º. Certificado de estar ao día no pagamento coa facenda autonómica.

7º. Certificación de alta no Imposto de Actividades Económicas cando a entidade colaboradora sexa unha empresa.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude (anexo I) e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos.

7. Órganos competentes.

A xefa da Unidade Xurídico-Administrativa do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de adhesión das entidades colaboradoras, e corresponderá ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

8. Instrución do procedemento de adhesión.

a) Unha vez presentada a solicitude de adhesión xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras.

De conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade colaboradora para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de economía e facenda, Rexistro mercantil e outros rexistros públicos.

b) De conformidade co establecido no artigo 6.1.d) desta convocatoria canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións.

9. Resolución.

O prazo máximo para que o director do Inega resolva sobre as adhesións das entidades colaboradoras é de vinte (20) días hábiles desde a presentación da solicitude. Pasado o devandito prazo, as entidades colaboradoras poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. A resolución ditarase individualmente para cada unha das solicitudes e notificarase seguindo estritamente a súa orde de presentación, salvo que se deba emendar, momento en que se terá en conta a data de presentación da emenda.

Aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán adheridos a este programa.

Artigo 7. Forma e prazo de presentación de solicitudes (procedemento IN421R)

1. As solicitudes serán subscritas directamente polos interesados ou persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito ou cando se trate das actuacións 1 e 2, polas entidades colaboradoras se se tramita a axuda a través destas. Unha vez presentada unha solicitude, non se poderá modificar o proxecto ata que se dite resolución de concesión.

Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas a esta convocatoria de axudas para tramitar as actuacións 1 e 2.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 1 de outubro de 2020 e rematará un ano despois da publicación no DOG da presente convocatoria.

3. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes, será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas ou, se for o caso, polas entidades colaboradoras.

A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria e xerará a solicitude do beneficiario por duplicado.

4. A solicitude (anexo III) imprímese obrigatoriamente desde a aplicación informática.

O solicitante ou a entidade colaboradora presentará telematicamente desde a aplicación a solicitude de axuda unha vez asinada polo beneficiario ou representante, mediante o formulario normalizado accesible desde a citada aplicación informática e que se xunta como anexo III.

5. Para poder presentar unha solicitude debe ter o seguinte contido mínimo:

a) Solicitude de axuda-anexo III.

b) Autorización para a representación-anexo IV, salvo persoas físicas ou xurídicas que presenten directamente co seu certificado dixital.

c) Presentación da oferta do proxecto que se pretende levar a cabo. Achegaranse tres ofertas de distintos provedores cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €, salvo para a Actuación 1.

6. Os fondos solicitados e os validados poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles, polo tanto, a axuda máxima que se conceda ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera.

No momento da presentación, a aplicación informática, informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera.

As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados, liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.

7. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 8. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. Co envío da solicitude (anexo III) deberase incluír dixitalmente en formato PDF, con tamaño máximo por arquivo individual de 5 MB, a seguinte documentación complementaria:

a) Autorización para a representación segundo o anexo IV.

b) Cando se trate da Actuación 2-Implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos e da Actuación 3-Implantación de sistema de préstamo de bicicletas eléctricas, deberá acreditar a titularidade dos terreos ou inmobles sobre os que se vai executar o proxecto ou a súa dispoñibilidade, durante un período mínimo de tres anos (que permitan concretar a situación do predio ou inmoble sobre o terreo).

Os documentos admitidos para acreditar a titularidade son: certificado do Rexistro da Propiedade, escritura pública de obra nova, escritura pública de compravenda, escritura pública de aceptación da herdanza, escritura pública de doazón e aceptación ou sentenza xudicial segundo corresponda, contrato de arrendamento ou cesión de uso acompañado de documento que acredita a titularidade do arrendador ou cedente.

Non se admitirán como acreditación da titularidade recibos de impostos de bens inmobles ou certificacións do Catastro inmobiliario.

c) Para as actuacións tipo 2, 3 e 4, achegarase unha memoria técnica descritiva da actuación por acometer segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

d) Presentación da oferta do proxecto que se pretende levar a cabo.

Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000,00 €, o solicitante ou persoa que o represente achegará, xunto co resto da documentación complementaria, as tres ofertas da instalación que se pretende levar a cabo. Isto non será aplicable no caso da Actuación 1-Adquisición de vehículos de enerxías renovables.

A escolla dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a escolla non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da escolla.

Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, e neste suposto o beneficiario debe prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

e) Para aqueles casos en que o IVE poida ser subvencionable por non ser recuperable conforme a lexislación vixente, será preciso comprobar a xustificación por parte dos beneficiarios de non suxeición ou exención do imposto, emitida pola AEAT mediante a presentación da documentación oportuna. Con carácter xeral, salvo para persoas físicas, considerarase o IVE como non subvencionable.

f) Cando se trate da Actuación 4-Implantación de medidas contidas en plans de transporte ao traballo en empresas, no caso de investimentos en protección do medio natural non separados, deberase achegar unha oferta técnica dun provedor que avale o orzamento dun investimento similar que supoña unha menor protección do medio natural e que se podería realizar de forma crible sen a axuda.

g) No suposto da Actuación 1, cando proceda, certificado de discapacidade emitido por outra Administración distinta da Xunta de Galicia.

h) Para a Actuación 1, no caso de operacións de renting, en todos os supostos, o destinatario último da axuda asinará un documento de cesión do dereito de cobro a favor da compañía de renting que formalice a operación. Ademais, achegarase un certificado da conta bancaria da compañía de renting na cal se solicita o pagamento da axuda.

i) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

j) Cando se trate dunha agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade, ademais da documentación sinalada nas letras a), b) e c) no suposto de realizar a Actuación 1-Adquisición de vehículos ou/e Actuación 2-Implantación de Infraestruturas de recarga, deberá achegar a través da entidade colaboradora a documentación seguinte:

1º. Documentación que acredite a súa constitución.

2º. Documentación que acredite a representación con que se actúa.

3º. Cando se trate da Actuación 2-Implantación de Infraestruturas de recarga, achegarase un documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, ademais do importe da subvención que vai aplicar a cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios, mediante a presentación do anexo V (xúntase a título informativo). Este anexo deberá completarse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

A agrupación deberá nomear un representante autorizado para tramitar a subvención e non se poderá disolver en canto estean vixentes os prazos de prescrición aplicables.

4º. Cando se trate dunha comunidade de veciños, achegarase o acordo adoptado pola maioría legalmente establecida pola correspondente comunidade de propietarios, aceptando as bases da convocatoria, comprometéndose á execución das respectivas obras no suposto de que realicen a Actuación 2-Instalación de infraestruturas de recarga e facultando o presidente ou administrador de predios para formular a solicitude de subvención. Deberán constar os compromisos asumidos por cada membro, así como o importe da subvención que se vaia aplicar a cada un deles.

k) As administracións públicas, ademais da documentación sinalada nas letras a), b) e c) deberán achegar:

1º. Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

2º. Declaración responsable onde se acredite a súa adscrición, especificando se se refire á Administración xeral do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia ou a unha entidade local e onde declare se desenvolve ou non actividade comercial ou mercantil.

3º. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

4º. No caso das administracións locais, certificación de que a entidade solicitante remitiu as contas de cada exercicio orzamentario ao Consello de Contas a que legalmente está obrigado. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

l) As empresas, xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista nas letras a), b) e c) deste artigo e, cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente (non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública), ademais de:

1º. Documento oficial en que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como: declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades previstas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009.

2º. Documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (para as actuacións tipo 2, tipo 3 e tipo 4 considérase que se cumpre este requisito se a actuación subvencionada se desenvolve no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia).

3º. No caso de empresas públicas, ademais deberá achegarse certificado do representante legal ou de persoa habilitada onde se acredite a súa condición de empresa pública.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Todos os trámites posteriores que as persoas interesadas teñan que realizar presentaranse electronicamente a través da aplicación do Inega.

Artigo 9. Comprobación de datos procedemento IN421R

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Consulta dos administradores da sociedade, cando se trate dunha persoa xurídica.

f) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

g) Certificación de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

i) Certificación de estar ao día de pagamento coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

j) Certificado de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores ou certificado de situación censual, expedido por la Axencia Estatal da Administración Tributaria, cando se trate de profesionais autónomos.

k) Consulta de datos de vehículos coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

l) Consulta de datos de propietarios coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

– Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esa consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude (anexo III) e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Órganos competentes

A xefa da Unidade Xurídico-Administrativa do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións e corresponde ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 11. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada. De ser o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da listaxe de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, se dite resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha documentación ou información das previstas nas bases, requirirase o interesado ou, se for o caso, a entidade colaboradora para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, terase por desistida na súa petición e se arquivará o expediente.

Igual requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta efectuada a Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, da verificación do DNI/NIE e datos de vehículos e propietarios na DXT.

2. Poderá requirirse ao interesado ou, se for o caso, a entidade colaboradora para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Tras o informe dos servizos técnico e xurídico, as solicitudes serán avaliadas por un comité de avaliación formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética, a persoa titular da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética e un técnico do Inega. O comité de avaliación elaborará unha proposta en que figuren os criterios consensuados durante a tramitación dos expedientes e de xeito individualizado, os primeiros solicitantes propostos para obter subvención, así como o importe da subvención para cada un deles.

Artigo 12. Notificación nos procedementos IN421Q e IN421R

1. As notificacións de actos, resolucións administrativas e requirimentos realizaranse por medios electrónicos.

2. A notificación do requirimento de emenda practicarase do seguinte xeito:

1º. Para dar cumprimento ao establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (artigo 14.2) e na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (artigo 10) todas as notificacións realizaranse por medios electrónicos, mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), na ligazón de Notificacións electrónicas.

Este sistema remitirá aos beneficiarios ou, se for o caso, as entidades colaboradoras avisos da posta á disposición das notificacións na súa conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

2º. Os solicitantes ou, se for o caso, as entidades colaboradoras deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o dito enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas do seu deber de relacionarse por medios electrónicos.

Para utilizar os servizos de Notifica.gal deberá dispoñer dun usuario e clave no servizo Chave365 ou dun certificado de persoa física ou xurídica asociado ao NIF da persoa destinataria e comprobar que o seu navegador e sistema operativo cumpren os requisitos técnicos.

3º. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido. En tal caso, farase constar no expediente tal circunstancia e darase por efectuada a notificación.

Se o envío da notificación non é posible por problemas técnicos, o Inega practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Resolución

1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución elevarase ao director do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo máximo de seis (6) meses desde a data de presentación da solicitude e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución.

2. A resolución de concesión comprenderá a identificación do beneficiario, o investimento para a Actuación 1 e o custo elixible do proxecto para as actuacións 2, 3 e 4, así como a contía da subvención.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

1. Son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Xustificar ante o Inega directamente ou a través da entidade colaboradora, cando proceda, que cumpre cos requisitos ou condicións que determinan a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Presentar ante o Inega directamente ou a través da entidade colaboradora seleccionada, cando proceda, as outras dúas ofertas que necesariamente teñen que acompañar a solicitude de axuda cando a actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto sen IVE para o beneficiario igual ou superior a 15.000,00 €. Non será precisa a presentación destas ofertas para a Actuación 1.

As ofertas presentadas teñen que ser sempre con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben. As ofertas presentadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

d) Acreditar ante o Inega directamente ou a través da entidade colaboradora, cando proceda, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Realizar o pagamento das facturas antes da data en que deban presentarse ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como se establece no artigo 19 desta convocatoria.

f) Cando non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A renuncia será tramitada directamente polo beneficiario ou pola entidade colaboradora, cando proceda, mediante a presentación do anexo VI que se xunta a título informativo e que estará dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

g) O beneficiario está obrigado a respectar o destino do investimento, polo menos, os tres anos (3 anos) posteriores á data da resolución de pagamento final, no caso da Actuación 1-Adquisición de vehículos alternativos este prazo será de dous (2) anos salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

h) Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada un mínimo de tres (3) anos desde a resolución de pagamento final, no caso da Actuación 1-Adquisición de vehículos alternativos, este prazo será de dous (2) anos, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

j) Comunicar ao Inega, directamente ou a través da entidade colaboradora, cando proceda, a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos.

k) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) Toda referencia ás actuacións subvencionadas en publicacións, actividades de difusión, páxinas web e, en xeral, calquera medio de difusión debe cumprir cos requisitos que figuran no Manual de imaxe do programa que estará dispoñible na web do IDAE, no cal figurarán o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e o Programa de incentivos a mobilidade eficiente e sustentable, MOVES II, e tamén deberá constar o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, a entidade colaboradora debe notificalo ao órgano competente para a concesión da subvención mediante a presentación do anexo VIII.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no número 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado polo director do Inega logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados.

Artigo 16. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos dez (10) días hábiles a partir do seguinte ao da publicación da proposta de resolución definitiva sen que a o beneficiario e, se for o caso, a entidade colaboradora comunique expresamente a renuncia á subvención, entenderase que o solicitante acepta a subvención e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá comunicar ao Inega ou, se for o caso, a través da entidade colaboradora presentando o anexo VI polos medios establecidos no artigo 7 destas convocatoria, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará de conformidade co procedemento establecido no artigo 7 desta convocatoria.

Artigo 17. Prazos de execución e xustificación das actuacións

O prazo máximo de execución e xustificación das actuacións será de doce (12) meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión.

O prazo de execución das actuacións en ningún caso poderá exceder o 17 de marzo de 2023.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas entidades colaboradoras, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 12.2 desta convocatoria.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente a entidade colaboradora para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a achegue.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que conforme a lei correspondan.

Artigo 19. Documentación xustificativa do investimento

1. Os documentos de xustificación deberán presentarse dentro do prazo establecido no artigo 17 destas bases reguladoras, e nese momento, os investimentos, deben estar plenamente realizados, operativos e verificables.

2. Para o cobramento por parte do solicitante da subvención concedida, o beneficiario ou, no seu caso, a entidade colaboradora, deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo VII, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá completarse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Para xustificar cada un dos gastos realizados achegaranse as facturas, nas cales figurará o importe pagadoiro total, e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento da totalidade do equipamento polo solicitante.

1º. A factura deberá reflectir con claridade os seguintes datos:

– Nome e NIF/NIE do beneficiario.

– No caso de adquisición de vehículos de enerxías alternativas: a matrícula ou número de bastidor, marca, modelo e versión do vehículo adquirido e un desconto por parte do fabricante/importador ou punto de venda antes de IVE de, ao menos, mil (1.000) euros para a adquisición de vehículos M1 e N1. No resto das actuacións, o enderezo onde se realiza a obra e a descrición detallada da totalidade do equipamento instalado de acordo coa solicitude.

– Unidades.

– Provedor.

– Número de factura.

– Importe total da factura sen IVE e con IVE.

– Na factura farase constar a axuda pública correspondente ao programa, polo importe correspondente indicando «Axuda do programa Moves II que tramita o Inega».

– Data da factura.

– Data do documento bancario de pagamento.

Non se admiten as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen.

A expedición da factura e o seu contido axustaranse ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se regulan as obrigas de facturación.

2º. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas a transferencia bancaria, o xustificante bancario de ingreso de efectivo polo portelo e a certificación bancaria, nos cales deberán estar claramente identificados:

– Destinatario último: debe quedar acreditado que o pagador é o destinatario final da axuda, xa sexa mediante un pagamento directo ou mediante un contrato de financiamento.

– Receptor do pagamento (empresa ou autónomo).

– Número da factura obxecto do pagamento e, se for o caso, vehículo obxecto da subvención.

– Data de pagamento (data valor) ou saída efectiva dos fondos do destinatario último da axuda, que deberá ser posterior á data de rexistro da solicitude da axuda (salvo nos casos afectados pola disposición adicional segunda do Real decreto 569/2020 nos que a data valor debe ser posterior á entrada en vixencia do citado real decreto).

– Nos casos de renting: a empresa arrendadora.

– No caso de pagamentos mediante un contrato de financiamento deberase achegar copia do contrato de financiamento.

3º. Non se admitirán os supostos de autofacturación.

4º. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos mencionados nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5º. Non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos de pagamento en metálico por importe superior a 1.000,00 € nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para que sexan verificados por terceiros na sede electrónica da dita entidade.

6º. No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

7º. No caso de que as persoas beneficiarias da axuda se acollan á cesión do dereito de cobramento, establecido no número 1 do artigo 83 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, considerarase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor dos cesionarios.

b) Para a Actuación 1-Adquisición de vehículos de enerxías alternativas, ademais da documentación que figura na letra a), deberan achegar:

i. Ficha técnica (tarxeta ITV) do vehículo adquirido.

ii. Permiso de circulación do vehículo adquirido ou do permiso de circulación provisional emitido pola Dirección Xeral de Tráfico. Nos casos en que se emita permiso temporal para vehículos cuxa matrícula comece pola letra P, exixirase que se xunte o permiso de circulación no prazo dun (1) mes.

iii. No caso de renting ou leasing operativo, achegarase unha copia do contrato de renting o leasing operativo, que estableza unha duración mínima de dous (2) anos e onde figure como arrendatario o solicitante de axuda ou potencial destinatario final da axuda. Ademais, incluirase expresamente que a empresa de renting repercutirá o total da axuda nas cotas do arrendatario que queden por aboar con efectos desde a data en que a empresa de renting reciba o importe da axuda.

No suposto de que o importe da suma de cotas pendentes por aboar sexa inferior ao importe total da axuda, o contrato de renting recollerá a forma e o prazo de aboamento do excedente de axuda ao destinatario último, á finalización do contrato de arrendamento.

iv. No caso de vehículos M1 e N1, cando se opte por desmantelar un vehículo:

1º. Certificado acreditativo da baixa definitiva do vehículo, por parte do correspondente centro autorizado de tratamento de vehículos (CAT), en nome da Dirección Xeral de Tráfico ou, na súa falta, informe do rexistro xeral de vehículos da correspondente xefatura provincial de Tráfico, que acredita a baixa definitiva.

2º. Fotocopia do anverso e reverso da ficha técnica (tarxeta ITV) do vehículo desmantelado onde conste a última inspección técnica de vehículos e a de caducidade, de maneira que a inspección técnica estea vixente na data de entrada en vigor do presente programa, ou no seu caso na data de publicación do Real decreto 436/2020, do 14 de marzo, e do permiso de circulación do vehículo onde conste a data de primeira matriculación, data de matriculación en España e data de expedición. En ausencia de calquera destes documentos, achegarase o Informe da Dirección Xeral de Tráfico co historial do vehículo.

3º. Recibo do imposto de vehículos de tracción mecánica do vehículo desmantelado, debidamente aboado, ao menos desde o exercicio 2019.

v. No caso de vehículos eléctricos e de pila de combustible de ata nove (9) meses de antigüidade, achegarase o permiso de circulación do vehículo a nome do concesionario, punto de venda ou fabricante/importador que realice a venda do vehículo ao destinatario último da axuda.

c) Para a Actuación 2-Implantación de Infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, ademais da documentación que figura na letra a) debe achegar:

i. Memoria técnica ou proxecto da instalación realizada se así o require, segundo o Regulamento electrónico de baixa tensión.

ii. Localización dos sistemas de recarga, referencia nun plano indicando enderezo, número e coordenadas GNSS de lonxitude e latitude. No caso de edificios e parking, as coordenadas referiranse ao acceso principal de vehículos.

iii. No caso de que o beneficiario sexa unha persoa xurídica pública achegará unha certificación acreditativa da data de publicación dos pregos da licitación para a adquisición dos bens e/ou servizos obxecto da axuda, expedido polo órgano competente da persoa xurídica pública beneficiaria correspondente.

iv. Se o beneficiario é unha persoa física ou xurídica privada, xuntará unha copia do contrato de subministración dos bens e/ou servizos obxecto da axuda, formalizado pola persoa física ou xurídica privada beneficiaria correspondente.

v. Copia do certificado de execución de obra civil, expedido por un técnico competente.

vi. Xustificante da solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria no cal se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se for necesario.

vii. Certificado do instalador en que se indique a data de finalización da instalación subvencionada asinado polo técnico competente; en todo caso, a data de finalización debe estar comprendida dentro do período de xustificación.

Naquelas actuacións que requiran proxecto, achegarase no seu lugar o certificado de dirección de obra.

d) Para a Actuación 3-Implantación de sistemas de préstamos de bicicletas eléctricas, ademais da documentación que figura na alínea a), debe achegar:

i. Memoria da obra realizada.

ii. No caso de que o beneficiario sexa unha persoa xurídica pública achegará unha certificación acreditativa da data de publicación dos pregos da licitación para a adquisición dos bens e/ou servizos obxecto da axuda, expedido polo órgano competente da persoa xurídica pública beneficiaria correspondente.

iii. Se o beneficiario é unha persoa física ou xurídica privada, xuntará unha copia do contrato de subministración dos bens e/ou servizos obxecto da axuda, formalizado pola persoa física ou xurídica privada beneficiaria correspondente.

iv. Copia do certificado de execución de obra civil, expedido por técnico competente.

e) Para a Actuación 4-Implantación de medidas contidas en plans de transporte ao traballo de empresas, ademais da documentación que figura na letra a) debe achegar:

i. Plan de transporte ao traballo, plan de mobilidade urbana sustentable ou plan director e estratexia ou acordo en que se inclúa a medida.

ii. No caso de que o beneficiario sexa unha persoa xurídica pública, unha certificación acreditativa da data de publicación dos pregos da licitación para a adquisición dos bens e/ou servizos obxecto da axuda, expedido polo órgano competente da persoa xurídica pública beneficiaria correspondente.

iii. Se o beneficiario é unha persoa física ou xurídica privada xuntará unha copia do contrato de subministración dos bens e/ou servizos obxecto da axuda, formalizado pola persoa física ou xurídica privada beneficiaria correspondente.

iv. Declaración responsable acreditativa de que a execución da medida do plan se realizou con posterioridade á data de rexistro da solicitude de axuda.

v. Memoria xustificativa do aforro enerxético xerado pola medida, calculado con base nas viaxes evitadas (tep/ano).

Artigo 20. Incumprimentos xerais do proxecto

1. Incumprimento total.

Se se xustifican conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, por tanto, determinará a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

2. Incumprimento parcial.

Se a xustificación é igual ou superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

Artigo 21. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presente, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000,00 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se, debido á redución do investimento, se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 22. Reintegro de subvencións e réxime de sancións

1. O Inega reserva para si o dereito a realizar cantas comprobacións, inspección e demais medidas de control que se consideren oportunos para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Se no curso destas verificacións se detectar que os beneficiarios da subvencións ou as entidades colaboradoras adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas nestas bases reguladoras, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, se for o caso, o deber de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades colaboradoras e os beneficiarios das subvención, de ser o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desenvolto no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 24. Incompatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas convocatoria serán incompatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 15 desta convocatoria.

Artigo 25. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Enerxético de Galicia, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de dar a publicidade eixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Artigo 26. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

1. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) e no correo electrónico inega.info@xunta.gal.

2. No teléfono 981 54 15 00.

3. Presencialmente, no Inega (rúa Avelino Pousa Antelo, 5. San Lázaro. 15703 Santiago de Compostela.

Artigo 27. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Convenio de colaboración entre o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e a entidade colaboradora ___________ para a xestión das subvencións da Actuación 1-Adquisición de vehículos de enerxías alternativas e Actuación 2-Implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, correspondente ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES II) para as anualidades 2020 a 2023

Santiago de Compostela, ____ de _________ de ______

Dunha parte, o director do Inega, en virtude das facultades do seu cargo e das que lle foron conferidas en virtude das atribucións que lle confire o artigo 16 do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (DOG núm. 212, do 8 de novembro) e polo Acordo do Consello da Xunta, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares, publicado mediante Resolución do 8 de abril de 1991 da Consellería de Economía e Facenda.

Da outra parte___________________________________, con NIF____________, actuando en nome e representación da entidade ________________________________________________ con NIF/CIF _______________, debidamente facultado para subscribir este convenio,

EXPOÑEN:

I. Que o Inega acordou realizar unha selección de entidades colaboradoras para a tramitación das axudas para o Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES II). Estas entidades colaboradoras actuarán de ligazón entre o Inega e os beneficiarios das axudas que se convoquen para a Actuación 1-Adquisición de vehículos de enerxías alternativas e para a Actuación 2-Implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos.

II. Que ambas as partes consideran que, por razóns de eficacia na xestión e co fin de conseguir unha mellor prestación de servizos aos beneficiarios das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes estipulacións:

Primeira. Obxecto da colaboración

O obxecto deste convenio consiste en establecer un marco de colaboración entre o Inega e a entidade ________________________________________ de acordo coa Resolución de ____ de _______ de 2020, pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES II) para as anualidades 2020 a 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. ____, de ___ de _______ de ___).

Segunda. Entidade colaboradora

A entidade ______________________________________________________ é unha entidade colaboradora que cumpre co establecido no artigo 6.1 e 6.4 da convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES II) para as anualidades 2020 a 2023 (códigos de procedemento IN421Q e IN421R) (en diante convocatoria das axudas), que acredita o cumprimento dos requisitos para a xestión das subvencións da Actuación 1-Vehículos de enerxías alternativas/Actuación 2-Implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos e as condicións de solvencia económica e técnica previstas na mencionada resolución.

Terceira. Prazo de duración

Este convenio terá vixencia hasta o 15 de xuño de 2024.

Cuarta. Obrigas da entidade colaboradora

A entidade colaboradora obrígase, ademais de ao establecido no artigo 6.4.a) da convocatoria das axudas, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao seguinte:

– Asumir a tramitación e xestión ante o Inega das axudas dos beneficiarios.

– Comprobar e certificar o cumprimento das condicións ou requisitos establecidos na convocatoria das axudas para que os solicitantes obteñan a condición de beneficiario, así como a idoneidade da documentación que se lles exixe para a percepción da subvención.

– Presentar as solicitudes das axudas dos beneficiarios e a documentación xustificativa do desenvolvemento das actuacións tal e como se recolle na convocatoria das axudas.

– Vender ao solicitante da axuda no marco da iniciativa só os equipamentos que cumpran coas condicións establecidas na convocatoria de axudas.

– Comunicar ao Inega calquera variación que se produza nos datos inicialmente indicados para adherirse a este convenio, garantindo a confidencialidade dos datos fornecidos.

– Cumprir as normas sobre confidencialidade de datos, concretamente o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección da persoa física no que respecta ao tratamento dos datos persoais e á libre circulación destes datos e as normas que o desenvolvan.

– Atoparse sometida ás actuacións de comprobación e control previstas na letra d) do artigo 12 da mencionada Lei 9/2007.

– Atoparse ao día no pagamento das obrigacións coa facenda pública do Estado, da Administración autonómica e coa Seguridade Social.

– Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

– Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de tres anos desde a súa concesión.

Quinta. Compromisos da entidade colaboradora

Ademais dos compromisos establecidos no artigo 6.4.b) da convocatoria das axudas, a entidade colaboradora comprométese a:

– Coñecer o contido da convocatoria destas axudas e deste convenio e cumprir cos requisitos establecidos neles.

– Que ten o domicilio social ou centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Que posúe a solvencia técnica e económica segundo o establecido no artigo 6.1 da resolución.

– Que consente expresamente na utilización de medios electrónicos na comunicación entre as entidades colaboradoras e o Inega segundo o establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Que non se atopa incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Que comunicará ao Inega calquera variación que poida ocorrer nos datos recollidos nos documentos presentados.

– Que autoriza o órgano xestor para que solicite a información necesaria en relación co NIF da entidade colaboradora. De non dar a autorización para a comprobación mencionada, deberá presentar copia do NIF da entidade colaboradora (non do representante legal).

– Que autoriza o órgano xestor para que solicite a información necesaria para coñecer se o solicitante da adhesión está ao día nas súas obrigacións coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social e coa facenda da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. De non dar a autorización para a comprobación mencionada anteriormente, deberá presentar certificación xustificativa de estar ao día nas súas obrigacións cos organismos sinalados anteriormente.

Sexta. Obrigas do Inega

– Facilitar á entidade colaboradora toda a información e documentación normalizada que precise durante a tramitación da convocatoria de axudas.

– Dispoñer na páxina web do Inega (www.inega.gal) unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.

– Manter informada en todo momento e comunicar á entidade colaboradora o estado de tramitación das axudas.

Sétima. Xustificación dos requisitos dos beneficiarios

A xustificación por parte dos beneficiarios das condicións establecidas para o outorgamento das subvencións correspondentes realizarase no momento da solicitude.

A entidade colaboradora atópase obrigada a requirir aos beneficiarios a documentación establecida na convocatoria das axudas, así como a comprobala e a gardar a mencionada documentación durante un período de tres anos desde a concesión da axuda.

Oitava. Rexistro especial de operacións

A entidade colaboradora, para facilitar a xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas na convocatoria das axudas, levará un rexistro especial das operacións que se realicen dentro de cada convocatoria de axudas, que estará á disposición do Inega e demais órganos fiscalizadores da Comunidade Autónoma de Galicia, do Estado e da Comunidade Europea.

Neste rexistro gardarase unha copia da documentación xustificativa das operacións rexistradas, así como da documentación que lle entreguen os beneficiarios.

Novena. Requisitos da entidade e dos beneficiarios

Os requisitos que debe cumprir e facer cumprir a entidade colaboradora nas diferentes fases do procedemento de xestión das subvencións son os que se especifican no artigo 6.4 da convocatoria das axudas.

Décima. Xustificación das subvencións

Os beneficiarios xustificarán as subvencións, a través da entidade colaboradora, nos prazos e na forma prevista nos artigos 19 e 20 da convocatoria das axudas.

Décimo primeira. Causas de resolución

Son causas de resolución deste convenio entre o Inega e a entidade colaboradora o incumprimento total ou parcial dalgunha das estipulacións contidas nas súas cláusulas, no articulado das bases reguladoras das axudas, sen prexuízo da tramitación dos compromisos adquiridos con anterioridade sobre expedientes en curso, así como a falsidade ou inexactitude nos datos e documentos presentados polas entidades colaboradoras.

Décimo segunda. Incumprimento

Se no curso das verificacións que realizará o Inega se detecta que a entidade colaboradora incumpre algunha das condicións establecidas na normativa de aplicación, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios.

Décimo terceira. Natureza administrativa

O presente convenio ten natureza administrativa e queda fóra do ámbito de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios da devandita Lei para resolver as dúbidas ou lagoas que se poidan presentar. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo. As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveranse de común acordo, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Décimo cuarta. Normativa reguladora especial

Para todo o non previsto neste convenio, observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Acordo do Consello da Xunta do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; na Lei 4/2019, do 17 de xuño, de administración dixital de Galicia, así como no resto das normas xerais do procedemento administrativo.

Na medida en que as subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria están financiadas con fondos procedentes do Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES II) estarán sometidas ao disposto no Real decreto 569/2020, do 16 de xuño, polo que se regula o programa de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES) e onde se establecen as bases reguladoras das axudas a actuacións de apoio á mobilidade baseada en criterios de eficiencia enerxética, sustentabilidade e impulso do uso de enerxías alternativas, incluída a disposición de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos.

(Sinatura)
Ángel Bernardo Tahoces
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

(Sinatura)
Pola entidade colaboradora,
Representante legal de ________

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file