Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Martes, 22 de setembro de 2020 Páx. 36884

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 11 de setembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas ao fomento de actividades de creación-produción ou investigación con fins expositivos na área das Artes Plásticas e Visuais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT403E).

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade é o órgano da Xunta de Galicia encargado da proposta e execución das directrices xerais da política cultural de Galicia e a quen lle corresponde a dirección e a coordinación das grandes liñas de actuación e as medidas para o desenvolvemento da cultura galega, no senso máis amplo, mediante o impulso e apoio de proxectos, tamén no sector privado, co fin de materializar iniciativas, entre outros ámbitos, no da creación, produción ou investigación cun fin de difusión cultural.

En tal sentido, dentro do ámbito de facultades que lle veñen sinaladas como áreas de actuación, de acordo co Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, e máis concretamente no que se refire á colaboración na promoción da plástica, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade estima oportuno proceder a arbitrar unha canle que permita apoiar as accións que o sector privado promove e desenvolve na área das Artes Plásticas e Visuais.

Con esta medida preténdese, sobre todo, fomentar a investigación con fins expositivos, así como a creación-produción de obra artística cun fin igualmente expositivo. En definitiva, búscase contribuír, deste xeito, á difusión da arte e da labor creativa dos artistas galegos, así como posibilitar que obteñan o recoñecemento ao seu traballo artístico.

Debido ás circunstancias extraordinarias derivadas da pandemia provocada pola incidencia da COVID-19, e ás graves consecuencias previsibles para a economía en xeral e para o sector das artes plásticas e visuais en particular, o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, aprobado o 30 de abril de 2020 polo Goberno da Xunta de Galicia, exixe unha liña de actuación que pasa por centrar recursos en obxectivos próximos que permitan paliar a situación deste sector e poidan acadar unha dinámica máis expansiva dentro da cultura galega.

Neste senso esta orde insírese dentro das medidas específicas para fomentar a creatividade e a produción cultural, incentivar o mantemento da industria cultural galega e do emprego e favorecer o consumo de produtos culturais mediante o mantemento e o impulso da actividade. De forma máis concreta a orde desenvolve, dentro do paquete de medidas de apoio ás artes plásticas e ás galerías de arte, unha liña de axudas á creación no ámbito artístico, estendendo o seu ámbito de aplicación á investigación con fin expositivo.

Por todo o exposto, considerouse necesario establecer un instrumento que se dirixa fundamentalmente á determinación, por un lado, das bases legais mínimas que garantan os principios de obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia e eficiencia do proceso de concesión de subvencións establecidos na Lei de subvencións de Galicia e na normativa xeral en vigor e, por outro, fixar os mecanismos que permitan á Consellería de Cultura, Educación e Universidade coñecer o correcto destino dos fondos públicos. Deste xeito, deséñase un marco de apoio o suficientemente amplo para permitir que aquelas persoas que desexen executar actividades con tal obxecto e con rigor poidan acceder a este réxime de subvencións, coa limitación da consignación orzamentaria e os criterios de valoración establecidos nesta convocatoria.

En consecuencia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as normas de desenvolvemento,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Constitúe o obxecto desta orde, por unha banda, o establecemento das bases reguladoras das axudas destinadas ao fomento de actividades de creación-produción ou investigación con fins expositivos na área das Artes Plásticas e Visuais e, por outra, a convocatoria destas axudas para o ano 2020. Código de procedemento CT403E

A finalidade da axuda é a realización de actividades de creación-produción ou de investigación no ámbito das Artes Plásticas e Visuais, en ambos os casos cunha finalidade expositiva e divulgativa do traballo artístico realizado.

Para estas axudas, tal como recolle o artigo 3.2 do Regulamento 1407/2013 relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, o importe total concedido a unha única empresa non superará os 200.000 euros durante calquera período dos tres últimos exercicios fiscais.

Artigo 2. Principios de xestión

A xestión destas subvencións realizarase consonte os seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán solicitar subvencións con cargo a esta orde as persoas físicas ou xurídico privadas, que ademais de desenvolver profesionalmente algunha das actividades previstas no artigo 5 e de facelo maioritariamente en Galicia, cumpran os requisitos previstos nesta orde.

2. Non poderán acceder ás subvencións previstas nesta orde as entidades públicas nin as privadas cuxo capital, patrimonio fundacional ou participación nos órganos de goberno ou de dirección sexa maioritariamente pública.

3. Non se poderán beneficiar das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se atopen nos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Financiamento e contía das axudas

1. As axudas convocadas para este ano terán unha contía total de douscentos mil euros (200.000 €) que se imputarán aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 na aplicación orzamentaria 11.20.432B.770.1. O proxecto será cofinanciado entre a persoa solicitante e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade. A axuda máxima por persoa beneficiaria que concederá a consellería será de 7.000 € por proxecto de creación-produción e 5.000 € nos proxectos de investigación, que en ningún caso poderá exceder do 80 % do investimento total aprobado.

2. Estas axudas son compatibles con outras axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, se o importe total que percibe o beneficiario non supera a porcentaxe máxima do investimento.

Artigo 5. Modalidades subvencionables

1. Será susceptible de subvención ao abeiro desta orde a realización de proxectos no campo das Artes Plásticas e Visuais, nalgunha das seguintes modalidades:

a) Creación-produción de obra artística cun fin expositivo.

Entenderase, para os efectos desta convocatoria, como obra artística: pintura, escultura, instalacións, videocreación ou fotografía, podendo empregar calquera técnica mixta con total liberdade técnica e formal.

b) Investigación artística, histórica, arqueolóxica ou etnolóxica con fin expositivo.

Entenderase, para os efectos desta convocatoria, nesta modalidade, a realización dun proxecto de investigación con fin expositivo que conteña: obxectivos, formulación teórica, concepto e mensaxe que se vai transmitir e principais valores e contidos e organización destes (temática, cronolóxica, funcional, técnica…); esquema organizativo do discurso en áreas, unidades temáticas ou seccións, relación de pezas para expoñer asociadas a cada área ou sección segundo o esquema organizativo con localización e identificación dos prestadores, datos identificativos e documentación gráfica de cada unha delas; proposta de elementos museográficos de apoio para información complementaria, no seu caso; programa didáctico e divulgativo asociado ao proxecto, material promocional, etc.

2. Non serán subvencionables os proxectos encamiñados á obtención dunha titulación académica.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. As subvencións dirixiranse a abonar os seguintes custos xerados pola realización do proxecto:

a) Gastos de produción directos:

1º. Materiais e útiles de produción do proxecto.

2º. Desprazamentos, aloxamento e transportes, relacionados directamente co proxecto. Serán gastos imprescindibles para o desenvolvemento do proxecto e estarán realizados por tanto durante o período de execución daquel. Indicaranse na memoria e concretaranse no orzamento.

b) Custos en concepto de soporte básico de dedicación á actividade subvencionada:

1º. O devandito concepto entenderase como parte do custo total do proxecto destinado á creación artística ou traballo intelectual.

2º. Estes custos imputaranse a razón de 80 euros por día.

2. Non serán subvencionables os gastos de investimento, gastos de funcionamento ordinario, tales como auga, luz, teléfono..., gastos financeiros, honorarios do persoal contratado de maneira habitual polo artista plástico (asistentes, xestores, contables...), os gastos relacionados coa promoción-difusión da obra ou a adquisición de determinados materiais tales como libros, fotocopias ou outros materiais de oficina, agás que formen parte consubstancial da obra (entenderase como tal cando formen fisicamente parte da obra).

Artigo 7. Solicitudes

1. Só se admitirá unha solicitude por persoa beneficiaria, que se presentará conforme ao modelo oficial que figura como anexo I da convocatoria. A solicitude irá dirixida á Dirección Xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de modo presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos de forma separada da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados en formato electrónico accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

1. Documentación relativa á persoa solicitante:

a) No caso de persoas xurídicas, escritura de constitución e estatutos, así como acreditación da súa inscrición nos rexistros públicos correspondentes.

b) Copia do último recibo do pagamento do imposto de actividades económicas ou do certificado de exención do pagamento do imposto de actividades económicas ou declaración responsable de exención do pagamento do imposto de actividades económicas.

c) De ser o caso, documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

d) As empresas, de telas recibido, deberán achegar declaración das axudas de minimis recibidas durante os dous anos anteriores e o ano en curso, segundo figura no anexo I. As subvencións que se concedan a entidades empresariais están sometidas ao réxime de minimis conforme o previsto no Regulamento (UE) núm. 1407/2013, da Comisión de 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (Diario Oficial núm. L 351/1, do 24.12.2013) que establecen que ningunha empresa poderá ser beneficiaria dun conxunto de axudas que superen os 200.000 euros nos tres últimos exercicios fiscais.

e) Currículo da persoa creadora ou investigadora (que non poderá superar unha cara dun folio de extensión) e traxectoria profesional coas actividades realizadas nos cinco últimos anos segundo o modelo do anexo II.

Indicaranse os proxectos realizados, exposicións individuais e colectivas nos que teñan participado, con indicación de título, lugar e datas e documentación acreditativa destes.

f) Declaración responsable onde conste que o proxecto obxecto da subvención é de autoría propia, inédita e non premiado nin subvencionado con anterioridade, segundo modelo que figura como anexo III.

2. Documentación relativa ao proxecto.

a) Documentación acreditativa de ter asinado, no momento da solicitude, contrato, invitación ou compromiso para a/as exposición/s do obxecto subvencionado por parte do equipamento cultural que corresponda, ben en museos ou centros especializados na exposición de arte, ou ben en galerías de arte, centros culturais e noutros espazos de carácter expositivo.

b) Ficha resumo do proxecto segundo o modelo que figura como anexo IV da convocatoria.

c) Memoria detallada da actividade (anexo V), que deberá incluír unha descrición en profundidade na que se indicará o/os obxectivo/s para alcanzar (que se quere realizar), así como as accións concretas para levalos a cabo.

No caso de proxecto de investigación con fin expositivo, deberá conter ademais os aspectos relacionados no número 5.1.b) desta convocatoria.

d) Orzamento desagregado e detallado do proxecto que inclúa previsión de gastos e ingresos previstos así como a cantidade que se solicita, segundo o anexo VI.

e) Relación doutras solicitudes de subvención instadas para o mesmo obxecto e situación na que se atopan, segundo figura no anexo I.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores  á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, de ser o caso.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

e) Estar ao día nos pagamentos coa Seguridade Social.

f) Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

g) Alta no Imposto de Actividades Económicas na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. De forma excepcional, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. Documentación acreditativa de contrato, convite ou compromiso para a/as exposición/s do proxecto subvencionado por parte do equipamento cultural que corresponda:

a) En centros museísticos ou centros especializados na exposición de arte: 40 puntos.

b) En galerías de arte, centros culturais e noutros espazos de carácter expositivo: 15 puntos.

2. Relación de exposicións nas que ten participado a/o artista/s ou redacción de proxectos expositivos executados:

a) Por exposicións ou redaccións individuais de proxecto expositivo en museos ou centros especializados de arte: 25 puntos por exposición/proxecto.

b) Por exposicións ou redaccións individuais en galerías de arte, centros culturais e noutros espazos expositivos: 10 puntos por exposición/proxecto.

c) Pola participación en exposicións ou proxectos colectivos en museos ou centros especializados de arte: 5 puntos por exposición/proxecto.

d) Por exposicións ou proxectos colectivos en galerías de arte, centros culturais e noutros espazos expositivos: 3 puntos por exposición/proxecto.

3. Pola inclusión de elementos no proxecto para a accesibilidade universal: 5 puntos.

4. Polo fomento da participación profesional da muller no proxecto: participación de profesionais e colaboradoras mulleres, e contribución do proxecto por contido e temática á igualdade entre homes e mulleres: 5 puntos.

5. Quedarán excluídos, e non poderán percibir subvención, aquelas solicitudes que non acaden puntos no criterio de valoración recollido no número 1.

Artigo 13. Instrución do procedemento e selección de solicitudes

1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A instrución do procedemento de concesión das subvencións correspóndelle á Dirección Xeral de Políticas Culturais, que revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non achegar toda a documentación requirida poderase reclamar aos solicitantes que emenden os defectos apreciados na documentación exixida, outorgándoselles un prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, desde a notificación do requirimento, e indicaráselles que se non o fixesen se lles terá por desistidos da súa solicitude de acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión técnica de avaliación que se axustará aos preceptos contidos na sección 3ª da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público. Esta comisión estará composta polo/a titular da Subdirección Xeral de Arquivos e Museos que a presidirá, actuando como vogais dous técnicos do Servizo de Museos. Exercerá a secretaría o/a titular do Servizo de Museos. En caso de ausencia dalgún dos membros, correspóndelle ao/á titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais nomear un suplente. A comisión formulará o informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

Artigo 14. Proposta de resolución

1. O órgano instrutor formulará proposta de resolución motivada das solicitudes por orde decrecente de puntuacións, logo de examinar os expedientes e do informe de avaliación emitido pola comisión de avaliación, distribuíndo o importe total do crédito dispoñible entre as axudas solicitadas segundo a puntuación obtida. Esta proposta provisional farase pública no Portal de Museos https://museos.xunta.gal/es. Nela expresarase a puntuación proposta para cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes. As entidades solicitantes disporán de dez (10) días hábiles, que contarán a partir do seguinte ao da data de publicación da proposta provisional, para formular as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta ante a Dirección Xeral de Políticas Culturais no lugar e na forma indicados no artigo 7 desta orde.

2. Cando o importe da subvención da proposta de resolución sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar o beneficiario a reformular a súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

3. No suposto de que algunha persoa solicitante non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 15. Resolución

A/o titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade resolverá o procedemento de concesión das axudas no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución por parte da Dirección Xeral de Políticas Culturais.

A resolución de concesión ou denegación da axuda terá que ser motivada, e notificaráselles ás persoas interesadas dentro do prazo de dez (10) días a partir da data na que o acto fose ditado, e deberá conter o texto íntegro da resolución, con indicación de se pon fin ou non á vía administrativa, a expresión dos recursos que procedan, se for o caso, en vía administrativa e xudicial, o órgano ante o cal se deban presentar e o prazo para interpolos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer, se for o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 16. Notificación e recursos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa faculta o interesado para entender como desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

7. A resolución de concesión ou denegación da axuda pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que ditou o acto, ou directamente, recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados de igual modo, segundo o artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 17. Aceptación da axuda

Logo da notificación da resolución definitiva do órgano competente, as persoas adxudicatarias propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida; se a renuncia non se comunica expresamente no citado prazo, a persoa beneficiaria queda comprometida a realizar o dito investimento, salvo causas de forza maior aceptadas pola comisión de valoración. De non facelo incorrerá nas responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Prazo, xustificación e pagamento das axudas

1. As persoas beneficiarias das axudas terán ata o 15 de novembro de 2020 para acreditar e xustificar os proxectos subvencionados; no caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

2. O cumprimento efectivo dos fins para os que foi concedida a axuda acreditarase por medio da presentación da seguinte documentación:

a) Memoria técnica detallada da actividade realizada: desenvolvemento e avaliación.

b) Memoria económica xustificativa do custe das actividades realizadas que incluirá:

1º. Balance de gastos e ingresos da actividade subvencionada de acordo ao formulario de presuposto presentado xunto á solicitude.

2º. Relación clasificada dos gastos da actividade.

3º. Xustificantes do total dos gastos do proxecto: facturas, nóminas de persoal e contratos de arrendamento xunto á acreditación de pagamento de mensualidades.

4º. Unha declaración responsable na que se acredite os días dedicados ao proxecto.

c) Relación doutras subvencións con destino ao mesmo obxecto outorgadas con posterioridade ao momento da presentación da solicitude.

d) Material gráfico ou sonoro xerado a partir da actividade subvencionada.

3. A presentación da documentación xustificativa despois do prazo sinalado ou a xustificación insuficiente, levará consigo a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

4. Serán obxecto de subvención nesta convocatoria os proxectos realizados desde o 1 de xaneiro de 2020 ata a data límite de xustificación da orde.

5. A Dirección Xeral de Políticas Culturais poderá requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

6. Non poderá realizarse o pagamento das axudas en tanto a persoa beneficiaria non se atope ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedor por resolución da procedencia de reintegro, ao abeiro do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados na data límite de xustificación.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias desta axuda quedarán suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en concreto, estarán obrigadas a:

1. Destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o cal fosen concedidos. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución das axudas.

2. Facer constar en toda a publicidade xerada polo proxecto subvencionado que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

3. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. As persoas beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 21. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigacións estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 22. Réxime xurídico

A tramitación de solicitudes e concesión destas axudas axustarase ao disposto na presente orde; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia; no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; nos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei xeral de subvencións; na Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma e demais normativa de aplicación.

A presentación electrónica de solicitudes suxeitarase ao disposto no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que regula a obriga das persoas xurídicas de relacionarse electronicamente coas administracións públicas.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase ao director xeral de Políticas Culturais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file