Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 7 de outubro de 2020 Páx. 38642

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 25 de setembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 18 de xuño de 2020, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento PL400A).

O día 16 de xullo de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 18 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega (código de procedemento PL400A).

No artigo 21.3 da devandita orde establecíase que o prazo para que as entidades locais beneficiarias das axudas acrediten e xustifiquen os proxectos subvencionados remata o 20 de outubro de 2020.

Nos últimos meses asistimos a unha situación excepcional pola COVID-19, que xa provocou o adiamento da publicación da convocatoria deste ano, ademais de que o prazo de presentación de solicitudes coincidiu co desfrute, por parte do persoal ao servizo das administracións locais, das vacacións regulamentarias no período ordinario (meses de xuño a setembro de 2020). Tendo en conta todo isto e sen que por este motivo se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario introducir modificacións no artigo 21.3 da Orde do 18 de xuño de 2020 e ampliar o prazo de xustificación.

Visto o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 18 de xuño de 2020

Modifícase o artigo 21.3 da Orde do 18 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, que quedaría redactada como segue:

Artigo 21. Xustificación da subvención

3. O prazo de xustificación remata o día 30 de outubro de 2020. Para recibir a subvención, as entidades locais beneficiarias deberán remitirlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, co límite da devandita data, a documentación xustificativa dos gastos realizados, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente ao da axuda outorgada, excluído o imposto sobre o valor engadido (IVE), que non é subvencionable.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade