Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 16 de outubro de 2020 Páx. 40084

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 6 de outubro de 2020 pola que se desenvolve o Decreto 59/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establecen as condicións e o procedemento para a homologación pola Academia Galega de Seguridade Pública de cursos impartidos por outras entidades.

O artigo 5 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, atribúelle á entidade, entre outras funcións e para as materias que lle son propias, a homologación cando proceda dos títulos correspondentes aos cursos de formación impartidos por outras academias, escolas ou centros.

O Decreto 59/2012, do 19 de xaneiro, establece as condicións e o procedemento para a homologación e faculta a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución.

A experiencia acumulada desde a entrada en vigor do antedito decreto pon de manifesto a necesidade de acometer ese desenvolvemento e adaptar a normativa tanto aos últimos cambios lexislativos como ás novas circunstancias da formación dirixida ao persoal integrante dos corpos da policía local, bombeiros e bombeiras, agrupacións de protección civil e demais servizos relacionados coa seguridade e as emerxencias de Galicia.

Por todo o exposto, é obxecto desta orde o desenvolvemento da regulación das condicións e o procedemento para a homologación pola Academia Galega de Seguridade Pública de cursos impartidos por outras entidades, de conformidade coas previsións contidas no Decreto 59/2012, do 19 de xaneiro.

En virtude do anterior, por proposta do director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública, e en exercicio das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto desenvolver as previsións contidas no Decreto 59/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establecen as condicións e o procedemento para a homologación pola Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) de cursos impartidos por outras entidades.

Artigo 2. Entidades solicitantes

Poderán solicitar a homologación dos cursos de formación que organicen:

a) A Administración xeral do Estado, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades que integran as administracións locais en Galicia así como os organismos públicos e entidades de dereito público vinculadas ou dependentes delas.

b) As universidades públicas.

c) Outras entidades, escolas ou centros, sempre que estean legalmente constituídas, se é o caso, inscritas nos correspondentes rexistros oficiais, e nos seus estatutos ou na normativa reguladora da súa actividade se recolla expresamente entre os seus fins a impartición de actividades formativas. Deberá acreditarse unha experiencia mínima de 3 anos na formación de colectivos en materias relacionadas coa seguridade e as emerxencias.

Artigo 3. Persoal destinatario dos cursos

A Agasp homologará unicamente cursos de formación relacionados cos servizos de seguridade pública de Galicia e dirixidos exclusivamente aos colectivos mencionados no artigo 4 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública: xuíces, xuízas e fiscais, persoal funcionario de institucións penitenciarias, persoal traballador da seguridade privada, corpos da policía, integrantes dos servizos de protección civil, bombeiros e bombeiras e axentes forestais.

Exceptúanse desta limitación os cursos organizados directamente polas entidades sinaladas na letra a) do artigo 2, sempre que o seu contido teña manifesto interese para o desempeño das funcións propias dos colectivos mencionados.

Artigo 4. Requisitos dos cursos

1. Metodoloxía e contidos.

Os cursos terán unha duración igual ou superior ás 20 horas e o contido deberá estar relacionado coas actividades formativas que imparta a Agasp. En ningún caso se homologarán as actividades formativas que non sexan cursos.

Os cursos poderán ser impartidos na modalidade presencial, semipresencial ou en liña.

Nas sesións presenciais o alumnado será, como máximo, de 30 persoas e a duración da xornada lectiva non poderá ser superior a 8 horas. Para a realización deberá contarse coas aulas e demais equipamento necesario, e as instalacións deberán cumprir as condicións exixidas pola lexislación aplicable aos centros de formación.

Para os contidos impartidos en liña, a metodoloxía terá que adecuarse aos estándares utilizados pola Agasp para impartir este tipo de contidos respecto de cuestións como a plataforma utilizada e o control da actividade do alumnado. Nesta modalidade, o número máximo de persoas participantes supervisados por unha mesma persoa titora será de 30 persoas. Establécese como estándar de calidade que a proporción entre as horas lectivas acreditadas e a duración da unidade formativa sexa de 1 hora lectiva por cada día de duración.

2. Profesorado.

O currículo do profesorado deberá acreditar a súa idoneidade para impartir os contidos do curso e a súa adecuación con respecto ao nivel da actividade e ao perfil das persoas destinatarias.

3. Avaliación.

O curso deberá contar sempre cunha proba ou sistema de avaliación final para determinar a aptitude do alumnado, sen que se poidan homologar cursos nos que só se valore a asistencia. En todo caso, non poderá considerarse apto o alumnado que non asista como mínimo ao 90 % das horas lectivas, e as ausencias deberán ser sempre xustificadas. Nas unidades formativas impartidas en liña, ademais da superación das probas de avaliación, deberá acreditarse a visualización de todos os contidos, a realización dos traballos e ter dedicado o tempo establecido á correspondente unidade.

Artigo 5. Solicitudes e documentación

O procedemento iniciarase mediante solicitude segundo o modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal. Deberá presentarse cunha antelación mínima de dous meses con respecto ao día sinalado para o comezo do curso.

Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Memoria xeral que, como mínimo, deberá comprender:

• Identificación e ámbito territorial de actuación da entidade solicitante.

• Copia dos estatutos, acta fundacional ou documento de constitución no que consten as normas polas que se regula a súa actividade inscrito, se é o caso, no correspondente rexistro oficial.

• Acreditación da experiencia no desenvolvemento de actividades formativas relacionadas coa seguridade ou as emerxencias.

• Descrición dos medios técnicos, materiais, didácticos e instrumentais de que dispón a entidade para a realización dos cursos.

b) Memoria específica do curso que xustifique o interese deste para o persoal do sistema integral de protección civil e emerxencias de Galicia e que deberá indicar:

• Denominación, obxectivos, destinatarios, publicidade, programa, contidos do curso e material que se porá a disposición do alumnado.

• Número de horas lectivas, lugar, horario e datas de celebración. No caso de actividades celebradas en liña, descrición da plataforma de estudos. A entidade deberá proporcionar un perfil de usuario e chave que permita o acceso ao curso e a supervisión da actividade do alumnado.

• Controis de asistencia e sistema de avaliación que se vai utilizar.

• Currículo do profesorado.

c) Xustificante do aboamento da taxa correspondente.

Artigo 6. Tramitación, instrución e resolución do procedemento. Réxime de recursos

Para a tramitación, a instrución e a resolución do procedemento e en relación co réxime de recursos haberá que aterse ao establecido no Decreto 59/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establecen as condicións e o procedemento para a homologación pola Academia Galega de Seguridade Pública de cursos impartidos por outras entidades e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 7. Obrigas das entidades solicitantes

1. A selección de persoas participantes será responsabilidade da entidade, debendo cumprir os requisitos establecidos no artigo 3 e respectando os principios de igualdade, mérito e capacidade. Todos os datos sobre o persoal participante nos cursos que a entidade achegue á Agasp deberán estar desagregados por sexo e polo colectivo ao que pertenzan.

2. As entidades deberán levar a cabo as accións formativas conforme o establecido na correspondente solicitude e na resolución de homologación que, se é o caso, se conceda.

Calquera cambio deberá ser comunicado á Agasp antes do inicio do curso e deberá ser validado por esta.

3. É responsabilidade da entidade velar polo cumprimento dos requisitos fixados para a participación e a superación dos cursos, para o que disporán os mecanismos de control que sexan necesarios.

4. As entidades deberán facilitar as tarefas de supervisión e control do desenvolvemento dos cursos reservadas á Agasp.

5. O incumprimento reiterado por parte dunha mesma entidade das obrigas establecidas nos puntos anteriores ou no resto da normativa aplicable suporá a denegación da homologación de futuras solicitudes á correspondente entidade durante os dous anos seguintes ao dito incumprimento.

Considerarase incumprimento reiterado cando este se produza en máis de dous expedientes solicitados pola mesma entidade nun prazo non superior aos doce meses, ou se teñan que realizar máis de dous requirimentos de cumprimento do establecido nesta orde e demais normativa de aplicación en máis de dúas solicitudes da mesma entidade e pola mesma causa.

Disposición adicional primeira. Outros requisitos

Co obxecto de harmonizar as condicións nas que se desenvolven os cursos homologados, as actividades formativas organizadas e impartidas directamente pola Agasp servirán de referencia para establecer aqueles requisitos que deban cumprir os cursos, as entidades e o alumnado e que non estean recollidos expresamente na normativa.

Disposición adicional segunda. Cursos de manifesto interese policial

Para efectos de baremo de méritos para a promoción interna e mobilidade, o persoal funcionario dos corpos de policía local de Galicia poderá solicitar a homologación dos cursos de formación profesional continua que supere, sempre que teñan manifesto interese policial e fosen organizados e impartidos directamente por algunha das entidades sinaladas na letra a) do artigo 2 da presente orde. Os cursos deberán axustarse aos requisitos sinalados nesta orde e no resto da normativa.

Disposición transitoria

Aqueles procedementos xa iniciados á entrada en vigor desta orde continuarán a súa tramitación de acordo co establecido no Decreto 59/2012, do 19 de xaneiro.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo