Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 16 de outubro de 2020 Páx. 40090

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 8 de outubro de 2020 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocado ao abeiro da Orde do 30 de xullo de 2020, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o impulso da comercialización dixital e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN201G).

A Orde do 30 de xullo de 2020, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 161, do 12 de agosto, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o impulso da comercialización dixital e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN201G).

No artigo 1.4 do anexo I das bases reguladoras establécese a consideración de actuacións subvencionables sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2020 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 16.

O artigo 16 do anexo I das bases reguladoras establece que o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria e ata o 30 de outubro de 2020, dunha copia da documentación especificada no devandito artigo 16.

Tendo en conta o escaso tempo transcorrido entre a data de remate do prazo de presentación de solicitudes e a data de xustificación e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o artigo 16 do anexo I da orde e ampliar o prazo ata unha data que permita unha mellor xustificación por parte dos beneficiarios.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 16.1 do anexo I da Orde do 30 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o impulso da comercialización dixital, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN201G).

O primeiro parágrafo do artigo 16.1 do anexo I da devandita orde queda redactado nos seguintes termos:

«O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, e ata o 10 de novembro de 2020, dunha copia da seguinte documentación:».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2020

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación