Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 22 de outubro de 2020 Páx. 42163

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 16 de outubro de 2020 pola que se convocan para o ano 2020 as axudas pola crise sanitaria do COVID-19 no sector da flor cortada e da planta ornamental (código de procedemento MR436D).

BDNS (Identif.): 529003.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán solicitar a axuda as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que se trate de titulares de explotacións de flor cortada ou planta ornamental e

b) Que acrediten a destrución de produción entre o 14 de marzo e o 20 de xuño de 2020, ambos inclusive.

Segundo. Obxecto

Convocar para o exercicio orzamentario 2020, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas pola crise sanitaria do COVID-19 no sector da flor cortada e da planta ornamental (código de procedemento MR436D, axudas para o sector de flor cortada e planta ornamental), de acordo coas bases reguladoras establecidas no Real decreto 883/2020, do 6 de outubro, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas pola crise sanitaria do COVID-19 no sector de flor cortada e planta ornamental (BOE núm. 265).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 16 de outubro de 2020 pola que se convocan para o ano 2020 as axudas pola crise sanitaria do COVID-19 no sector da flor cortada e da planta ornamental (código de procedemento MR436D).

Cuarto. Importe

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación financiará as subvencións previstas, en función das dispoñibilidades orzamentarias, cunha contía máxima de 10.400.000 euros, que se repartirán entre todas as solicitudes que as distintas Comunidades autónomas consideren admisibles.

A contía máxima da subvención establécese en 20.000 euros por beneficiario.

En virtude do principio de concorrencia competitiva, terán prioridade os solicitantes que teñan a condición de explotacións de titularidade compartida de acordo coa Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias.

En virtude do establecido no punto anterior, en primeiro lugar concederase a subvención que corresponda aos beneficiarios que teñan o carácter de prioritarios, ata a contía máxima de subvención de 20.000 euros.

No caso de que estes importes superen o orzamento dispoñible, procederase ao rateo lineal destas ata axustarse ao devandito orzamento.

En caso de non esgotarse o orzamento dispoñible, procederase ao pagamento dos importes de subvencións aos beneficiarios sen carácter de prioritarios, ata a citada contía máxima de subvención de 20.000 euros.

De igual maneira, en caso de superarse o orzamento dispoñible tendo en conta o pagamento xa concedido sobre a base do punto anterior deste artigo, procederase ao rateo dos importes que percibirán os beneficiarios non prioritarios ata axustarse ao devandito orzamento.

Finalmente, se hai sobrantes de orzamento tras as anteriores operacións, repartirase o remanente mediante rateo entre aqueles beneficiarios cuxas actuacións subvencionables superen a contía de 20.000 euros, sempre sen superar o máximo de 100.000 euros por beneficiario, de maneira proporcional ao importe total admisible da solicitude, priorizando novamente as solicitudes presentadas por beneficiarios para os cales se concedeu prioridade.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 5 de novembro de 2020.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2020

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias