Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Venres, 13 de novembro de 2020 Páx. 45077

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 11 de novembro de 2020 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal da Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela a partir do día 16 de novembro de 2020.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) convocou unha folga que, segundo o seu teor literal, afectará todo o persoal estatutario que presta servizos na Unidade de Coidados Intensivos de Adultos (UCI-A) do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. A folga desenvolverase con carácter indefinido todos os luns a partir do 16 de novembro de 2020, entre as 8.00 horas de cada luns e as 8.00 horas do martes seguinte.

Cómpre ter en conta o contexto en que se vai desenvolver esta folga e que ten motivado, como é público e notorio, a progresiva adopción, evolución e adaptación de medidas preventivas, de contención, seguimento e actuación en materia de saúde pública e asistencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da pandemia do coronavirus denominado COVID-19.

A aparición do novo coronavirus causante da síndrome respiratoria aguda grave (SARS-CoV-2), xurdido no mes de decembro de 2019, creou un escenario mundial que está requirir a adopción de medidas e accións que permitan facer un seguimento da situación e do avance dos casos; o que implica para as autoridades a previsión de escenarios e o deseño de protocolos para afrontar as múltiples situacións que se están a producir.

Neste sentido, o abrocho do coronavirus motivou que en xaneiro de 2020 a Organización Mundial da Saúde o declarase como emerxencia de saúde pública de impacto internacional, o que deu inicio a unha serie de actividades en todo o Estado e nas comunidades autónomas, en canto que integrantes do Sistema Nacional de Saúde.

Pola súa vez, a Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que, cando a situación de perigo ou os danos ocorridos sexan, pola súa especial extensión ou intensidade, particularmente graves, o Consello da Xunta poderá acordar a declaración de emerxencia de interese galego. O que aconteceu tamén neste caso.

En definitiva, desde as sucesivas declaracións de emerxencia sanitaria, a Comunidade Autónoma de Galicia vén realizando, a través do Consello da Xunta e da Consellería de Sanidade, un seguimento constante da situación co fin de adoptar as medidas de prevención, contención e asistencia sanitaria necesarias no marco do ordenamento xurídico.

De acordo con isto e polo que atinxe, en particular, ao eido das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, estase a tomar un conxunto de medidas de ordenación do seu persoal (en materia de xornada, horarios, mobilidade, reforzos de determinados servizos e unidades, etcétera), dirixidas a garantir en todo momento a dispoñibilidade de profesionais nos centros sanitarios, esencial para atender a carga asistencial derivada da actual situación de crise sanitaria. Todo iso na procura, en último termo, da garantía do dereito á vida e á protección da saúde da cidadanía.

De tal sorte que o criterio reitor e os servizos mínimos establecidos na presente folga deben cohonestarse coa salvagarda das medidas de ordenación e reforzo de persoal emprendidas nas institucións sanitarias, con carácter extraordinario e transitorio, ante unha situación de indispoñibilidade de recursos humanos por mor da crise sanitaria. Trátase de conciliar, en suma, o lexítimo exercicio do dereito de folga coas actuacións adoptadas (e que continúan a implantarse) co fin de dispoñer dos recursos humanos necesarios para facer fronte ao incremento da carga asistencial motivada pola evolución da pandemia. Máxime nunha área funcional tan singularmente crítica como é a de coidados intensivos dun centro hospitalario, neste caso, o Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, no cal se ten reforzado a Unidade de Coidados Intensivos de Adultos (UCI-A) co persoal preciso para atender as dúas áreas de funcionamento (UCI-A COVID e UCI-A non COVID) que integran actualmente a dita unidade.

Polo que a determinación dos servizos esenciais contidos nesta orde se realiza atendendo ás devanditas circunstancias.

Con base no que antecede e logo da audiencia ao Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen na presente orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a cobertura adecuada do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía. E ao propio tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado e, particularmente, no actual contexto de emerxencia sanitaria.

De acordo co anterior, deben fixarse os servizos mínimos necesarios para garantir a atención aos/ás usuarios/as que non se pode aprazar sen consecuencias negativas para a saúde. Con esa finalidade, para a determinación dos servizos mínimos, establécese como criterio reitor a cobertura do 100 % da actividade da Área de Coidados Intensivos de Adultos nos seguintes colectivos profesionais:

a) Persoal licenciado sanitario.

b) Persoal sanitario diplomado e de formación profesional: enfermeiro/a e técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría.

c) Persoal de xestión e servizos: celador/a e auxiliar da función administrativa.

No momento actual, a Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela precisa manter a súa cobertura habitual, pois ten que dar resposta aos quirófanos e ás urxencias que, pola súa gravidade e ante unha posible falta adecuada de resposta, porían en perigo a vida dos/das pacientes, nomeadamente por mor das patoloxías respiratorias e doutra índole relacionadas co coronavirus SARS-CoV-2.

Artigo 2

Baseándose no criterio anterior, no anexo desta orde recóllense o número de efectivos precisos para cubrir os servizos mínimos durante a folga.

A fixación do persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá estar convenientemente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse adecuadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios do centro con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, se for o caso, será realizada pola dirección da Xerencia da Área Sanitaria de Compostela e A Barbanza e notificada aos profesionais afectados.

O persoal designado para a cobertura dos servizos mínimos que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar, de ser o caso, a substitución da súa designación por outro/a profesional que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 3

Os paros e as alteracións no traballo, por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os preceptos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base asemade nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Área sanitaria de Santiago de Compostela e A Barbanza.

– Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (Hospital Clínico):

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal licenciado sanitario da UCI-A

9

3

3

Persoal de enfermaría da UCI-A

– UCI-A non COVID

7

7

7

– UCI-A COVID

7 + 2(1)

7 + 2(1)

7 + 2(1)

Total persoal de enfermaría da UCI-A

16(1)

16(1)

16(1)

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría (TCAE) da UCI-A

– UCI-A non COVID

4

3

3

– UCI-A COVID

4

4

4

Total TCAE da UCI-A

8

7

7

Celador/a da UCI-A

– UCI-A non COVID

2

2

2

– UCI-A COVID

2

2

2

Total celador/a da UCI-A

4

4

4

Auxiliar da función administrativa da UCI-A

1

-

-

(1) Se o índice de ocupación é do 100 %.