Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Venres, 13 de novembro de 2020 Páx. 45065

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 6 de novembro de 2020 pola que se regulan os criterios e o procedemento de distribución de máscaras entre o alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes públicos dependentes desta consellería e en centros privados concertados no curso 2020/21 (código de procedemento ED330E).

A pandemia causada pola COVID-19 supón no presente curso 2020/21 un gran reto, ante a necesidade de cumprir cos obxectivos educativos e de sociabilidade necesarios para o desenvolvemento equitativo do alumnado, e facelo aplicando as medidas de prevención e control da COVID-19 para dispoñer de centros educativos seguros.

Para este fin, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade realizará unha achega complementaria procedente do Fondo de Reserva de Garantía Educativa, para que os centros docentes públicos dependentes da consellería e os centros privados concertados afronten no curso 2020/21 a cobertura das novas necesidades sanitarias derivadas da COVID-19, entre outras, a adquisición de máscaras para o alumnado matriculado nos niveis de ensino obrigatorio e educación especial.

As máscaras distribuiranse entre o alumnado incluído no ámbito desta orde pertencente a familias cunha renda per cápita igual ou inferior ao limiar de 6.000 €, que foi o limiar de referencia no curso 2020/21 para ter dereito á axuda para adquirir material escolar (Orde do 12 de maio de 2020 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial (DOG núm. 96, do 9 de maio).

Polo tanto, será beneficiario das máscaras, directamente, o alumnado que resultou beneficiario das axudas de material escolar e, logo de solicitude e comprobación da renda per cápita da unidade familiar, o resto do alumnado que non foi beneficiario por diferentes circunstancias, sempre que reúna o requisito.

Na súa virtude, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente orde ten por obxecto establecer os criterios e o procedemento para que os centros docentes públicos dependentes desta consellería e os centros privados concertados distribúan máscaras entre alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial no curso 2020/21 (código de procedemento ED330E).

Artigo 2. Alumnado destinatario

O alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial que, de acordo coa Orde do 12 de maio de 2020 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar no curso 2020/21:

1. Fose beneficiario da axuda para adquirir material escolar.

2. Non fose beneficiario da axuda para adquirir material escolar por diferentes circunstancias, pero:

a) Pertenza a familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 6.000 €.

b) Estea matriculado en educación especial, ou suxeito a tutela ou garda da Xunta de Galicia ou teña unha discapacidade igual ou superior ao 65 %, con independencia da renda da unidade familiar.

Artigo 3. Renda per cápita da unidade familiar

1. Para os efectos desta orde, a renda per cápita da unidade familiar é o resultado de dividir a renda da unidade familiar do exercicio fiscal 2018 entre o número de membros computables, tendo en conta que computarán por dous os membros que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33 % ou a percepción dunha pensión da Seguridade Social por incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez, ou a equivalente de clases pasivas.

2. A renda da unidade familiar será o resultado de sumar as rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Cando se presentase declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas no exercicio fiscal 2018, sumaranse a base impoñible xeral (recadro 432) e a base impoñible do aforro (recadro 460); cando non se presentase, teranse en conta os ingresos de acordo cos datos tributarios facilitados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

3. Nos casos de violencia de xénero non se terán en conta os ingresos do agresor para determinar a renda per cápita da unidade familiar.

Artigo 4. Membros computables da unidade familiar

1. Para os efectos desta orde, terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) Os pais non separados legalmente nin divorciados ou, de ser o caso, o titor ou titores do alumnado.

b) Os/as fillos/as menores de idade con excepción dos emancipados. Terán a mesma consideración que os/as fillos/as as persoas en situación de tutela ou acollemento familiar permanente ou preadoptivo legalmente constituído.

c) Os/as fillos/as maiores de idade discapacitados ou incapacitados xudicialmente, sempre que estean suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

d) Os/as fillos/as solteiros/as menores de 25 anos e que convivan no domicilio familiar.

e) Os proxenitores separados legalmente ou divorciados con custodia compartida forman unha unidade familiar cos fillos que teñen en común.

f) A persoa que, por novo matrimonio, en situación de unión de feito ou en situación de afectividade análoga ás anteriores con convivencia, resida no domicilio familiar coa persoa proxenitora do alumnado, agás nos casos de custodia compartida.

2. Cando non exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os descendentes que convivan con eles e que reúnan os requisitos do punto anterior.

3. Non terá a consideración de membro computable:

a) A persoa proxenitora que non conviva co alumnado nos casos de separación legal ou divorcio, agás no caso de custodia compartida.

b) O agresor nos casos de violencia de xénero.

4. En todo caso, terase en conta a situación persoal e a composición da unidade familiar en 31 de decembro de 2018, agás no relativo á violencia de xénero, que se aplicará o disposto na lexislación específica.

Artigo 5. Competencia e procedemento

1. Corresponderalles aos centros docentes incluídos no ámbito desta orde, a través da aplicación informática, tramitar as solicitudes e realizar os demais actos de xestión.

2. De acordo co artigo 23.4 e 5 da citada lei, o prazo máximo para tramitar o procedemento será de tres (3) meses contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia; transcorrido este, a solicitude poderá entenderse desestimada por silencio administrativo negativo.

Artigo 6. Alumnado exento de presentar solicitude

Non terá que presentar solicitude o alumnado que fose beneficiario da axuda para adquirir material escolar no curso 2020/21.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. Deberán presentar solicitude os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado que non presentou solicitude de material escolar en tempo e forma ou resultou excluída. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa coa que conviva en acollemento familiar.

2. A solicitude será única para todos os fillos e, de ser o caso, tutelados, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2020/21; se están admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros.

3. As solicitudes deberán presentarse presencialmente no centro docente onde estea matriculado o alumno utilizando o formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Este formulario de solicitude (anexo I) tamén estará dispoñible:

a) No centro docente.

b) No portal educativo, enderezo http://www.edu.xunta.gal

Artigo 8. Prazo para presentar solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será de diez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).

b) Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figuren o alumno e os demais membros computables da unidade familiar.

En caso de separación ou divorcio, ademais deberán achegar a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/a menor.

Excepcionalmente, poderase acreditar o número de membros computables utilizando algún dos seguintes medios:

1º. Certificado ou volante de convivencia.

2º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.

Nos casos especiais, en que a composición da unidade familiar non se axuste ao sinalado no artigo 4.1 desta orde, achegarase un certificado ou volante de convivencia en que deberán figurar o/a alumno/a e todos os familiares que convivan con el/ela, ou un certificado dos servizos sociais do concello que acredite a situación familiar.

c) Certificado do grao de discapacidade do/da alumno/a ou calquera membro da familia recoñecido por un órgano que non pertenza á Xunta de Galicia.

d) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar, en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

e) Resolución xudicial de incapacitación con patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

f) Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou do certificado do centro de menores, para o alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.

g) Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou o titor ou titores carezan de DNI e NIE.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa presentase a persoa interesada xunto á solicitude de material escolar do curso 2020/21.

2. A documentación complementaria presentarase presencialmente no centro docente onde estea matriculado o alumno.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código de procedemento e o órgano responsable, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. En todo caso, os documentos deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación, e reflectir a situación persoal, familiar e económica en 31 de decembro de 2018, agás no caso de violencia de xénero, en que se aplicará o disposto na lexislación específica.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar.

b) DNI ou NIE da persoa representante do/a solicitante.

c) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou, na falta desta, o certificado tributario de imputacións no exercicio 2018, da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar, se é o caso.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

d) Certificado do grao de discapacidade recoñecido pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar, se é o caso.

e) Percepción de pensión por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou de pensión de clases pasivas por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade (equivalente a unha discapacidade igual ou superior ao 33 %), da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar, se é o caso.

En ambos os casos, a data de referencia é o 31 de decembro de 2018.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Publicación de actos

De conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, daráselle publicidade á listaxe provisional e definitiva de solicitudes excluídas, indicando a causa de exclusión, e á relación provisional e definitiva de solicitudes concedidas.

Estes actos publicaranse única e exclusivamente no taboleiro de anuncios situado no interior do recinto escolar.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Os trámites posteriores ao inicio do procedemento deberán realizarse presencialmente no centro docente. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos para facilitar a realización dos ditos trámites que poderán ser empregados por elas.

Artigo 13. Publicación da listaxe provisional, reclamación e publicación da listaxe definitiva

1. En caso de exclusión na listaxe provisional, as persoas afectadas poderán formular reclamación ante o centro docente nos dous (2) días hábiles seguintes ao da súa publicación.

2. Esta reclamación entenderase resolta coa publicación da listaxe definitiva.

3. Contra a exclusión na listaxe definitiva, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da listaxe definitiva (artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas).

Disposición adicional primeira. Deber de confidencialidade

O profesorado e o resto do persoal de administración e servizos dos centros docentes sostidos con fondos públicos que, con motivo do desenvolvemento das súas funcións, accedan a datos persoais e económicos do alumnado e das familias quedarán suxeitos ao deber de confidencialidade e á lexislación sobre protección de datos.

Disposición derradeira primeira. Recurso

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas) ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigos 8, 10 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa).

Disposición derradeira segunda. Autorizacións

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar os actos e as medidas necesarios para a aplicación e o desenvolvemento desta orde e para dirixir e coordinar o procedemento.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file