Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Venres, 13 de novembro de 2020 Páx. 45062

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 4 de novembro de 2020 pola que se aproba a modificación parcial dos estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, e corresponderon á Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da citada consellería, e do Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense acordou en asemblea xeral a aprobación da modificación parcial dos seus estatutos, que foron presentados ante esta Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade, en cumprimento do establecido no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade da modificación dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar a modificación parcial dos vixentes estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense aprobados pola Orde do 2 de abril de 2013 (DOG núm. 79, do 24 de abril).

2. A modificación afecta o contido do artigo 36, que figura como anexo á presente orde, no cal se regula a elección dos cargos da Xunta de Goberno do Colexio.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a publicación da modificación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo

ANEXO

Modificación do artigo 36 dos estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense aprobados pola Orde do 2 de abril de 2013

Artigo 36. Elección de cargos á Xunta de Goberno

1. A Xunta Xeral elixirá o cargo de presidente por proclamación e mediante votación nominal específica. Os cargos da Xunta de Goberno de vicepresidente, tesoureiro, e interventor-contador serán designados pola propia xunta entre os vogais exercentes elixidos pola Xunta Xeral e por proposta do presidente.

2. Os cargos da Xunta de Goberno de secretario e vicesecretario serán designados pola propia xunta entre os vogais elixidos pola Xunta Xeral e por proposta do presidente.

3. Os cargos da Xunta de Goberno terán unha duración de catro anos, renovaranse por metades cada dous e poderán ser reelixidos sen limitación.