Mediante a Resolución do 13 de xaneiro de 2020 (DOG nº 21, do 31 de xaneiro) publicáronse as bases reguladoras dos premios e axudas aos proxectos agrupados Industria 4.0 en Galicia 2020, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e realizouse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.
As ditas bases establecen no seu artigo 11.4 que a resolución conxunta dos premios e axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.
Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo da Resolución definitiva con data do 22 de decembro de 2020 de concesión dos premios e axudas aos proxectos agrupados Industria 4.0 en Galicia 2020, no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas). O texto completo da resolución non se publica no DOG na súa integridade en virtude da cautela prevista no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Habilítase un prazo de 10 días naturais para que os interesados accedan á oficina virtual do Igape, no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas), utilizando o seu NIF e o código IDE do expediente para descargar a súa resolución individual. Transcorrido o dito prazo desde a posta á disposición da resolución individual sen que se acceda ao seu contido, entenderase rexeitada.
Os premios fináncianse con cargo a fondos propios da Xunta de Galicia.
As axudas ás pemes fináncianse no marco do programa operativo Feder Galicia 1420, que ten unha taxa de cofinanciamento Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular:
Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e da acuicultura (no caso do FEMP).
Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.
Obxectivo específico 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoios avanzados, incluíndo os sectores agrícola, pesqueiro, mariño, marítimo, turístico, cultural, comercial...
Actuación 3.4.1.3: apoio a proxectos de investimento empresarial para promover o crecemento e a consolidación das pemes.
Campo de intervención CE001: investimento produtivo xenérico en pemes.
Liña de actuación 07: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial.
O que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro, e o Regulamento (UE) 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.
A concesión destas axudas supón a aceptación do beneficiario de ser incluído na lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013. Así mesmo, o beneficiario deberá cumprir os requisitos de publicación e comunicación en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do dito Regulamento (UE) 1303/2013.
Segundo. As resolucións individuais, segundo o establecido no punto primeiro, esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso de dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se accedese ao seu contido. Non obstante, previamente poderá interpor un recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso de dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se accedese ao seu contido.
Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2021
Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica