Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 9 de febreiro de 2021 Páx. 8052

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de xaneiro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o período 2021-2023 (código de procedemento PR608A).

A telefonía móbil é un servizo esencial que lle permite á poboación o acceso a servizos básicos de emerxencia en calquera situación e reduce o illamento en que se ven inmersas as zonas máis rurais.

En Galicia, nos últimos anos, leváronse a cabo diversas actuacións por parte de diferentes entidades –Administración estatal, autonómica, local e deputacións provinciais– para tratar de estender o servizo de banda larga a todos os galegos.

Con data do 18 de febreiro de 2010, a Xunta de Galicia aprobou o Plan banda larga de Galicia 2010-2013, no cal se definía a estratexia global para posibilitar o acceso ao servizo de banda larga a toda a sociedade galega, como un dos motores principais para o desenvolvemento de Galicia.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT), como órgano superior da Administración autonómica con competencias nesa materia, impulsou a execución das actuacións de despregamento do Plan banda larga de Galicia 2010-2013. Con data 25 de abril de 2011 ditouse a resolución da SXMIT pola que se estableceron as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a extensión de redes de acceso de banda larga no rural galego, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013 (código de procedemento PR880C).

A execución destas actuacións permitiu que Galicia dispoña actualmente dunha cobertura de redes 4G superior ao 98 % da poboación, malia isto aínda existen zonas nas cales non é posible realizar comunicacións de voz (poboacións rurais illadas e espazos naturais), supoñendo non só unha importante discriminación social, senón tamén un elevado risco para a seguridade dos cidadáns por imposibilidade de acceso aos servizos de emerxencia a través do 112.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) impulsa esta resolución para liquidar estas carencias e facilitar a prestación destes servizos, dotando de cobertura de telefonía móbil en zonas rurais e illadas que carecen deste servizo, é dicir, zonas nas cales non se poden realizar actualmente chamadas de voz con redes de telefonía móbil con ningún operador.

Estas medidas ampáranse no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, e modificado mediante Decisión de execución da Comisión C (2020) 8432 final, do 25 de novembro de 2020, a cal prevé actuacións de creación, mellora e despregamento de infraestruturas para mellorar as comunicacións de voz en mobilidade dentro da medida 7 de apoio aos servizos básicos e renovación da poboación rural, na submedida 7.4. de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locales. Así mesmo, estas medidas estarán financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), xunto con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración xeral do Estado.

O réxime de subvencións regulado nas presentes bases foi notificado á Comisión Europea.

De acordo co anterior, logo de autorización para esta convocatoria do Consello da Xunta de Galicia adoptada o 29 de decembro de 2020, e en uso das competencias atribuídas no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Bases reguladoras e convocatoria

1. Constitúe o obxecto da presente resolución a aprobación das bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados, cofinanciadas ao 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao 7,5 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e ao 17,50 % pola Xunta de Galicia, no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR) aprobado por Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, e modificado mediante Decisión de execución da Comisión C (2020) 8432 final, do 25 de novembro de 2020.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as citadas subvencións para o período 2021-2023 (código de procedemento PR608A).

Artigo 2. Solicitudes

1. O prazo para a presentación das solicitudes é dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o derradeiro día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ata ao primeiro día hábil seguinte.

2. As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura no anexo II-Solicitude, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidas pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Procedemento de concesión

1. Unha vez terminado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento de concorrencia competitiva establecido nas bases reguladoras.

2. En caso de lotes que sexan obxectivo de cobertura de máis dun proxecto que pase á fase de valoración, só se poderán conceder axudas para a súa cobertura no proxecto que teña maior puntuación. En ningún caso se concederán axudas para un mesmo lote en máis dun proxecto.

3. O prazo máximo para ditar resolución expresa e notificarlla aos interesados será de cinco (5) meses contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. Transcorrido o prazo sen ditar resolución expresa, os interesados poderán entender como desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, de conformidade co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Tipos de proxectos obxecto de axuda

1. Os proxectos que se presenten a esta convocatoria deben fundamentarse na extensión de redes de cobertura de telefonía móbil 2G/3G/4G que permitan a comunicación de voz a través de terminais de usuario estándar (teléfonos móbiles), tal e como se definen no artigo 4 das bases reguladoras. Para efectos da cobertura, lémbrase que será condición indispensable o cumprimento dos requisitos mínimos de servizo establecidos no dito artigo.

As zonas elixibles para o desenvolvemento de proxectos susceptibles de acollerse a esta actuación corresponderanse coa totalidade ou partes claramente delimitadas das entidades singulares de poboación (ESP) obxectivo incluídas no anexo III. As persoas solicitantes deberán indicar, para cada unha das ESP obxectivo a súa proposta de porcentaxe de habitantes cubertos.

2. As entidades singulares de poboación obxectivo incluídas no anexo III clasifícanse en dous niveis de prioridade (P1 e P2), sendo as P1 as de maior prioridade. Requirirase para cada proxecto un mínimo dunha (1) entidade cuberta de prioridade 1 (P1), tal e como se define no punto 3 do artigo 4 das bases reguladoras. Para os efectos da valoración da proposta, segundo se establece no artigo 21 das bases reguladoras, o valor de entidades ponderadas mínimo é de dous (2).

3. Non se establece un mínimo de poboación cuberta por proxecto, polo que para os efectos da valoración da proposta, segundo se establece no artigo 21 das bases reguladoras, este valor será cero (0).

4. Un mesmo solicitante poderá solicitar máis dunha subvención. Cada unha das solicitudes será tratada de maneira independente.

5. O ámbito xeográfico das actuacións recollidas nos proxectos deberá axustarse ás zonas elixibles.

6. Cada proxecto deberá diferenciar o seu alcance para cada un dos lotes indicados no anexo III, tal e como se define no artigo 15 das bases reguladoras.

7. Poderanse conceder axudas de maneira independente para cada lote. En ningún caso se concederán axudas para un mesmo lote en máis dun proxecto.

Artigo 5. Crédito

1. Para o financiamento desta convocatoria está prevista unha dotación orzamentaria máxima de 4.000.000 € que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 04.A1.571A.770.0, coa seguinte distribución:

Aplicación

Código proxecto

2021

2022

2023

04.A1.571A.770.0

2020 00009

1.000.000 €

2.500.000 €

500.000 €

Esta convocatoria tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, e ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2021. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

2. Segundo o disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a dotación orzamentaria poderase incrementar sen que se realice unha nova convocatoria, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. Este crédito está cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 7,5 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 17,50 % pola Xunta de Galicia no marco da submedida 7.4. de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locales do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

Artigo 6. Intensidade máxima da subvención

A intensidade máxima destas subvencións será do noventa por cen (90 %) do custo elixible do proxecto.

Artigo 7. Servizos postos á disposición dos beneficiarios por parte da Xunta de Galicia

1. En caso de ser preciso, a Xunta de Galicia farase cargo da execución de infraestruturas de soporte para a instalación do equipamento para dotar de cobertura as zonas obxectivo.

2. A proposta de uso destas infraestruturas será en todo caso opcional, e non irá en detrimento do uso doutras infraestruturas que os beneficiarios queiran empregar, nin será obxecto de valoración.

3. No caso de que os beneficiarios opten por solicitar a execución dalgunha infraestrutura, deberán especificalo claramente na súa proposta con indicación das localizacións concretas que precisarían.

Artigo 8. Realización do proxecto subvencionado

1. O despregamento da rede poderá prolongarse no tempo ata o prazo máximo para a posta en servizo que é o 31 de outubro de 2023.

2. Para os efectos da valoración do plan de despregamento, segundo se establece no artigo 21 das bases reguladoras, non se establece un valor mínimo obrigatorio, máis alá do cumprimento do prazo máximo para a posta en servizo de toda a rede.

3. No caso de proposta de uso das infraestruturas públicas referidas no artigo 7 da presente convocatoria, en xeral, non se poderán considerar dispoñibles as infraestruturas para o inicio da instalación do equipamento antes do 31 de marzo de 2022.

Artigo 9. Xustificación da realización do proxecto subvencionado

1. A execución dos investimentos subvencionables levarase a cabo entre o día seguinte á data de presentación da solicitude e o 31 de outubro de 2023.

2. Os beneficiarios deberán presentar a documentación xustificativa da execución dos investimentos subvencionables relativos á anualidade en curso ata o 31 de outubro de cada ano.

3. As cantidades que sexan concedidas aos beneficiarios para cada anualidade non serán transferibles a outras anualidades no caso de que a xustificación realizada polos beneficiarios sexa insuficiente para acadar o pagamento da cantidade total concedida nesa anualidade.

4. En todo caso, a execución de investimentos por unha persoa solicitante con carácter previo á resolución de concesión da subvención non xerará dereitos no caso de que a persoa solicitante non resulte beneficiaria, nin garante a súa aprobación no caso de ser beneficiaria.

Artigo 10. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código PR608A, poderá obterse documentación normalizada ou información adicional na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) a través das seguintes canles:

1. Páxina web: http://amtega.xunta.gal/

2. O teléfono: 981 54 55 35.

3. O enderezo electrónico: amtega@xunta.gal

4. Presencialmente.

5. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia (012 ou 902 12 00 12 se chama desde fóra de Galicia).

Disposición adicional primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para que dite as instrucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Disposición adicional segunda. Condicionamento do pagamento

O pagamento da subvención a que se refire a presente convocatoria quedará, en todo caso, condicionado ao disposto na decisión que adopte a Comisión Europea acerca da compatibilidade desta medida co artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2021

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia
competitiva, para a extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais
e illados, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural
(Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020

CAPÍTULO I

Obxecto e ámbito

Artigo 1. Obxecto

1. Constitúe o obxecto da presente resolución a aprobación destas bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados.

2. As subvencións reguladas nas presentes bases ampáranse no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, e modificado mediante Decisión de execución da Comisión C (2020) 8432 final, do 25 de novembro de 2020, a cal prevé actuacións de creación, mellora e despregamento de infraestruturas para mellorar as comunicacións de voz en mobilidade dentro da medida 7 de apoio aos servizos básicos e renovación da poboación rural, na submedida 7.4. de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locales. O Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 está cofinanciado ao 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao 7,5 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e ao 17,50 % pola Xunta de Galicia.

Artigo 2. Ámbito temporal

O ámbito temporal de vixencia das presentes bases será desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ata o 31 de decembro de 2024.

Artigo 3. Ámbito xeográfico

1. As convocatorias ditadas ao amparo das presentes bases axustarán o seu ámbito xeográfico ao ámbito territorial de aplicación do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, polo que non serán subvencionables zonas situadas nas parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016).

2. As zonas de actuación definidas nas convocatorias ditadas ao amparo das presentes bases deberán restrinxirse a entidades de poboación nas cales non sexa posible realizar comunicacións de voz con ningún operador de telefonía móbil.

3. As entidades obxectivo serán entidades singulares de poboación identificadas mediante o seu código INE de 9 díxitos, tomando para tales efectos o Nomenclátor de entidades de poboación do INE publicado en 2019. Deberanse definir en cada convocatoria os lotes, de forma que se permita a concesión de subvencións de maneira independente para cada lote. En ningún caso se concederán axudas para un mesmo lote en máis dun proxecto.

Artigo 4. Tipos de proxectos obxecto de subvención

1. Os proxectos que se presenten ás convocatorias ditadas ao amparo das presentes bases deben fundamentarse na extensión de redes de cobertura de telefonía móbil 2G/3G/4G que permitan a comunicación de voz a través de terminais de usuario estándar (teléfonos móbiles).

2. No contexto das presentes bases, así como das convocatorias ditadas ao seu amparo, considerarase cobertura válida aquela que cumpra as seguintes condicións:

a) Garanta a prestación dun servizo de voz en mobilidade.

b) Nivel de sinal mínimo outdoor superior a -90dBm, na tecnoloxía que preste o servizo de voz en mobilidade.

3. Para os efectos de valoración das propostas nas convocatorias ditadas ao amparo das presentes bases, considerarase unha entidade cuberta cando se cubra polo menos o 90 % dos seus habitantes.

4. Só serán obxecto de subvención aquelas redes que se empreguen, na súa totalidade ou principalmente, para a prestación de servizos de voz en mobilidade dispoñibles para o público nas entidades obxectivo. Quedan por tanto descartadas as redes privadas destinadas á prestación de servizos a un conxunto restrinxido de usuarios e as redes puramente troncais que non están destinadas directamente á prestación de servizos a usuarios finais nas entidades obxectivo.

5. O obxectivo é o despregamento de redes de acceso e poderán incluírse tramos da rede de transporte necesarios para dotar de conectividade á rede de acceso.

CAPÍTULO II

Requisitos e obrigas

Artigo 5. Requisitos das persoas solicitantes

1. Poderán solicitar e, se é o caso, obter a condición de beneficiario as persoas que teñan a condición de operador, conforme o establecido nos artigos 6 e 7 da Lei 9/2014, do 9 de maio, xeral de telecomunicacións, con licenza para operar redes de telefonía móbil e dispoñibilidade de frecuencias para a súa operación nas zonas obxectivo (titulares dos ditos dereitos de uso, ou ben dispor doutros dereitos de uso obtidos mediante os mecanismos de mercado secundario establecidos no título VI do Regulamento sobre o uso do dominio público radioeléctrico, aprobado polo Real decreto 123/2017, do 24 de febreiro).

2. Así mesmo, poderán obter a condición de beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas nas cales polo menos un dos integrantes posúa a condición de operador segundo se establece no punto anterior.

Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, sen personalidade, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De conformidade co disposto no artigo 8.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o beneficiario sexa unha persoa xurídica, os membros asociados do beneficiario que se comprometan a efectuar a totalidade ou parte das actividades que fundamenten a concesión da subvención en nome e por conta do primeiro terán igualmente a consideración de beneficiarios.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) As persoas nas cales concorra algunha das circunstancias que prohiben a obtención da condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incurso nas devanditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, con independencia das comprobacións que de forma preceptiva deba efectuar o órgano instrutor.

b) As empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C249/01) e o disposto no Regulamento de exención por categorías.

c) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ao beneficiario ilegal e incompatible co mercado común.

d) As persoas físicas, por ser requisito imprescindible o cumprimento do disposto no punto 1 do presente artigo.

Artigo 6. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios deberán cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as contidas nestas bases, as que se determinen en cada convocatoria, as que figuren na resolución de concesión das subvencións e nas instrucións específicas que, en aplicación e cumprimento das presentes bases e de cada convocatoria, sexan aprobadas en materia de execución, seguimento, pagamento das subvencións, información e publicidade, xustificación e control do gasto.

2. Os beneficiarios deberán comunicar ao órgano concedente no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da subvención concedida, a obtención de calquera outra subvención, axuda, ingresos ou recursos que financien a mesma actuación subvencionada, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

3. Os beneficiarios deberán manter un sistema de contabilidade separada, ou un código contable diferenciado que recolla adecuadamente todas as transaccións relacionadas co proxecto tal como se establece no artigo 66.1.c).i), do Regulamento (UE) nº 1305/2013. Así mesmo, deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos nos termos exixidos pola lexislación aplicable ao beneficiario, así como as facturas e demais xustificantes de gasto de valor probatorio equivalente e os correspondentes xustificantes de pagamento. Este conxunto de documentos constitúe o soporte xustificativo da subvención concedida, e garante o seu axeitado reflexo na contabilidade dos beneficiarios.

4. Os beneficiarios deberán manter asociadas as infraestruturas e equipamento que sexan obxecto de subvención aos obxectivos do proxecto durante un período mínimo de cinco (5) anos a partir da súa finalización ou ata o final da súa vida útil, se esta fose menor de cinco (5) anos, sen prexuízo de manter as obrigas previstas no punto 7 do presente artigo e no artigo 7. No caso de incumprimento, o beneficiario deberá reintegrar o importe obtido e os xuros correspondentes, nos termos previstos no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e da condicionalidade.

5. Os beneficiarios teñen a obriga de someterse aos controis administrativos, controis sobre o terreo e controis a posteriori, previstos na normativa comunitaria en aplicación ao establecido no Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, e a modificación realizada a este polo Regulamento de execución (UE) nº 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo de 2017.

6. Os beneficiarios comprométense a proporcionarlles á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegue a realización deste tipo de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades, de conformidade co disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1305/2013.

7. Con carácter específico, os beneficiarios deberán cumprir, sen menoscabo do establecido no marco normativo sectorial, e en especial a Lei 9/2014, do 9 de maio, xeral de telecomunicacións, as seguintes obrigas de explotación da rede, comercialización e seguimento dos servizos:

a) Operar a rede durante un período mínimo de dez (10) anos, contado desde a data en que as tarefas acometidas sexan aprobadas integramente conformes pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, sendo responsables da correcta explotación e mantemento de toda a infraestrutura e equipamento instalado. Conforme se vaia despregando e activando a rede e, como mínimo, ata a finalización do período de explotación, os clientes das áreas con cobertura poderán solicitar os servizos ofertados.

b) Asegurar unha dispoñibilidade do servizo, nos termos de calidade de servizo mencionados de, polo menos, o 98 % medida en intervalos de meses naturais por usuario final.

c) Ser responsables da comercialización do servizo nas entidades incluídas no plan de despregamento presentado.

d) Ofrecer a posibilidade de atender o usuario, tanto de forma oral como escrita, en idioma galego e castelán.

e) Facilitarlles aos demais operadores un acceso completo e non discriminatorio á información sobre a rede subvencionada e os servizos por xunto ofertados sobre esta rede.

f) Expresar nas súas referencias ao proxecto, calquera que sexa a súa natureza e tipoloxía, que foi impulsado pola Xunta de Galicia e cofinanciado con fondos Feader.

g) Cumprir coas obrigas de seguimento do proxecto, segundo se establece no artigo 33 das presentes bases.

8. Nos casos en que os beneficiarios estean dentro do ámbito subxectivo de aplicación establecido no artigo 3 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, deberán dar cumprimento ás disposicións relativas a publicidade activa que figuran no capítulo II do título I da Lei 19/2013, do 9 de decembro. En particular, tal e como se menciona no punto 2 do artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, publicarán a información prevista na alínea c) do punto 1 do artigo 8 da devandita lei seguindo os principios xerais establecidos no seus artigo 5.

Adicionalmente ás obrigas relativas á publicidade activa que marca a normativa de carácter básico, os beneficiarios están suxeitos ás obrigas de subministración de información, conforme o disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias de non atender esta obriga ditaranse conforme o disposto na devandita lei.

9. O incumprimento de calquera das obrigas sinaladas nos puntos anteriores, poderá ser causa da perda de dereito ao cobramento ou do reintegro da subvención concedida segundo a fase procedemental en que se atope a tramitación do expediente.

Artigo 7. Servizos por xunto

1. No tocante ao acceso de terceiros operadores á rede subvencionada, os beneficiarios das axudas estarán obrigados a ofrecer un paquete de servizos por xunto, que se ofrecerán en condicións equitativas e non discriminatorias.

2. As condicións específicas baixo as cales se fará efectiva a prestación destes servizos serán acordadas libremente entre os operadores. En caso de existir conflitos, será a autoridade competente (CNMC) a que terá potestade para resolver os conflitos e establecerá as condicións para a prestación destes servizos que considere oportunas.

CAPÍTULO III

Actividade subvencionable

Artigo 8. Financiamento e intensidade máxima da subvención

1. As subvencións que se concedan, financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias que se determinen nas correspondentes convocatorias.

2. Enténdese por intensidade de subvención o importe desta expresado en porcentaxe dos custos subvencionables do proxecto. Todas as cifras empregadas entenderanse antes de deducións fiscais ou doutro tipo.

3. A intensidade máxima das subvencións fixarase, para cada caso, nas convocatorias ditadas ao amparo das presentes bases.

4. As subvencións que se concedan ao amparo das presentes bases serán incompatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 9. Investimentos e gastos subvencionables

1. As subvencións destinaranse a cofinanciar investimentos e gastos que estean directamente relacionados e sexan necesarios para a realización dos despregamentos subvencionados, acorde co estipulado nas presentes bases e convocatoria, e que se materialicen no período fixado en cada convocatoria.

2. Só serán financiables os investimentos e gastos estritamente necesarios para a prestación do servizo de voz en mobilidade; non se recolle o financiamento doutro tipo de servizo.

3. Segundo a súa tipoloxía, considéranse investimentos e gastos potencialmente subvencionables na medida en que reúnan todos os requisitos preceptivos, os seguintes conceptos asociados ao despregamento:

a) Subministración e instalación de equipamento, software e outros elementos asociados.

b) Planificación, enxeñaría e dirección facultativa de obra, incluíndo os gastos directos imputables por gastos de persoal propio asignado ao proxecto. Os conceptos recollidos nesta alínea b) poderanse considerar ata un máximo do 12 % da cantidade subvencionable e máis concretamente os custos por gastos de persoal propio ata un máximo do 7 % da cantidade subvencionable.

4. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Débese respectar a moderación de custos tal como establece o artigo 48.2.e) do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014, da Comisión, do 17 de xullo de 2014. Para iso, para todos os gastos subvencionables, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que se levase a cabo con anterioridade un proceso de selección de provedores que garanta a elección das mellores propostas técnico-económicas. As ofertas presentadas para cada gasto, que deberán achegarse na fase de xustificación dos investimentos, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións.

b) Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos no artigo 42 do Real decreto de 22 de agosto de 1885, polo que se publica o Código de comercio.

c) Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír no caso de obra civil e instalacións a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca, modelo, así como características técnicas, e no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente na memoria económica da conta xustificativa, referida no artigo 28 das presentes bases, a elección, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os realicen, presten ou fornezan, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado no que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados neste punto.

5. En ningún caso consideraranse gastos subvencionables o imposto sobre o valor engadido ou outros impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda. Tampouco se considerará subvencionable o gasto en material funxible nin os gastos de informe auditor.

Artigo 10. Subcontratación

1. Cando na realización dun proxecto se subcontrate parte da súa execución, o custo da subcontratación non poderá exceder o cincuenta por cento (50 %) do custo total do proxecto.

2. A teor do disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, enténdese que un beneficiario subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización en por si da actividade subvencionada.

3. Non se poderá realizar a subcontratación con persoas ou empresas que non poidan obter a condición de beneficiario segundo o indicado no punto 3 do artigo 5 destas bases ou nas cales concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Cando a actividade concertada con terceiros exceda do vinte por cento (20 %) do importe da subvención e o devandito importe sexa superior a sesenta mil euros (60.000€), a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición a autorice previamente o ente concedente da subvención.

Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no parágrafo anterior.

CAPÍTULO IV

Comunicacións, representación e presentación de solicitudes

Artigo 11. Representación

1. As persoas físicas que realicen a sinatura da solicitude ou a presentación de documentos en representación das persoas solicitantes ou beneficiarias das subvencións deberán posuír a representación necesaria para cada actuación, nos termos establecidos no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. O asinante da solicitude de subvención deberá acreditar que no momento da presentación da solicitude ten representación suficiente para o acto. O incumprimento desta obriga, de non se emendar, dará lugar a que ao interesado se lle dea por desistido da súa solicitude.

3. Para o resto dos trámites, incluídas as declaracións responsables, cando o representante sexa distinto da persoa que asinou a solicitude da subvención deberase achegar igualmente a acreditación do poder con que actúa o novo asinante, que deberá ser suficiente para exercer a devandita representación.

4. O órgano instrutor poderá requirir en calquera momento ás persoas asinantes a acreditación da representación que posúan. A falta de representación suficiente da persoa solicitante ou beneficiaria en cuxo nome se presentou a documentación, determinará que o documento en cuestión se teña por non presentado, cos efectos que diso deriven para a continuación do procedemento.

5. A representación poderá acreditarse mediante calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia.

Artigo 12. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será o indicado en cada convocatoria.

Artigo 13. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes serán presentadas directamente polos interesados ou pola persoa que acredite a súa representación segundo o indicado no artigo 11.

2. As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para todas as persoas solicitantes na súa condición de persoas xurídicas.

3. Se algunha das solicitudes é presentada presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos, requirirase o interesado para que a emende no prazo máximo de dez (10) días, indicándolle que, se non o fixese, se dará por desistida a súa solicitude, de acordo co establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos para a tramitación do procedemento

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos dos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

b) DNI da persoa representante que asine a solicitude ou, de ser o caso, cando esta persoa sexa estranxeira residente, o NIE.

c) Certificado de estar ao día das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día das obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día das obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os devanditos documentos, segundo o disposto no artigo 15 das bases reguladoras.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

Artigo 15. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación complementaria:

a) Poder de representación: xunto coa solicitude citada, presentarase acreditación válida do poder de representación do asinante da solicitude, segundo o sinalado no artigo 11 das presentes bases.

b) Condición de operador: deberase achegar a acreditación de que a persoa solicitante reúne a condición de operador debidamente habilitado. Esta acreditación deberase realizar achegando certificación de estar inscrito no correspondente Rexistro de Operadores regulado no artigo 7 da Lei 9/2014, do 9 de maio, xeral de telecomunicacións, ou ben indicando o nome, servizo e data de resolución que figura no devandito rexistro, para a súa comprobación por parte do órgano instrutor. No caso de que a dispoñibilidade de frecuencias para a súa operación nas zonas obxectivo derive de dereitos de uso obtidos mediante os mecanismos de mercado secundario recollidos no título VI do Regulamento sobre o uso do dominio público radioeléctrico, aprobado polo Real decreto 123/2017, do 24 de febreiro, deberá acreditar igualmente a dita circunstancia, achegando resolución do organismo competente, segundo se establece no artigo 69 do citado Real decreto 123/2017.

c) Agrupacións de persoas físicas ou xurídicas: no caso de que se presenten proxectos subscritos conxuntamente por varias persoas solicitantes como futura agrupación de persoas físicas ou xurídicas, incorporarase un compromiso das persoas solicitantes para a súa constitución no caso de que lle sexa concedida a subvención. O escrito deberá de estar asinado polos representantes das diversas persoas físicas ou xurídicas promotoras. A agrupación deberá constituírse nun prazo máximo dun (1) mes contado desde a notificación da resolución de concesión da subvención e non poderá disolverse ata que transcorra o prazo ao que se estendan as obrigas derivadas da subvención, así como os prazos de prescrición previstos nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Memoria do proxecto, que deberá axustarse á seguinte estrutura mínima:

1º. Resumo executivo cos aspectos máis salientables da proposta que faciliten un mellor entendemento dela.

2º. Alcance, cunha proposta separada para cada lote ao que presente proposta de cobertura, incluíndo os seguintes puntos:

Porcentaxe de cobertura por cada entidade obxectivo, nas condicións establecidas nas presentes bases.

Localizacións propostas para a instalación do equipamento para prestar o servizo, e a súa asociación ás entidades obxectivo.

3º. Solución tecnolóxica proposta na cal se expoña, polo menos:

Detalle da solución para prestación do servizo de voz.

Resumo xeral da arquitectura de rede, na cal se indiquen as principais tecnoloxías e medios de transmisión empregados, tanto na rede de transporte como na rede de acceso.

Detalle de paquete de servizos por xunto que se ofrecerán ao resto de operadores respecto da rede subvencionada e metodoloxía para acceder a estes servizos, respectando as condicións establecidas no artigo 7.

No caso de que a solución tecnolóxica non sexa a mesma para todos os lotes para os que se presente a proposta, será preciso facer puntos separados para cada lote.

4º. Plan de despregamento, cunha proposta separada para cada lote ao que presente proposta de cobertura, co detalle mínimo que permita garantir as condicións establecidas, se é o caso, en cada convocatoria. O nivel de detalle mínimo será identificar á fin de cada semestre os fitos alcanzados para cada entidade obxectivo. Deberanse especificar fitos que supoñan un avance significativo e indicar, polo menos, o fito de cobertura total proposta de cada entidade.

5º. Plan de investimentos, detallando para cada lote ao que presente proposta de cobertura os investimentos previstos en gastos subvencionables desagregados nos conceptos indicados no punto 3 do artigo 9.

6º. Plan de negocio que abranga, como mínimo, dez (10) anos desde o inicio da prestación do servizo utilizando o método do valor actual neto (VAN) e indicando a taxa anual de desconto que deberá ser contrastada coa taxa interna de retorno (TIR). Igualmente, incluiranse as hipóteses de cálculo, o plan de investimentos propio, a distribución anual das subvencións solicitadas e o plan de custos e ingresos. Deberá incluírse unha desagregación de todos os conceptos por cada lote a que presente proposta de cobertura.

7º. Plan de seguimento e control incluíndo unha proposta para o seguimento económico (con indicadores de CAPEX, OPEX e ingresos), seguimento do despregamento (incluíndo polo menos os fitos indicados no Plan de despregamento), seguimento e control operativo (incluíndo reportes de incidencias e operacións de mantemento) e o seguimento e control comercial (incluíndo indicadores da penetración de servizos).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á comprobación de datos segundo o indicado no artigo 14 das bases reguladoras, ou existan circunstancias que aconsellen a súa presentación expresa, as persoas interesadas deberán achegar aqueles documentos sobre os que se opoñan á súa comprobación.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo ao Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión destes datos, incluíndo a responsabilidade que se asume por posibles erros realizados a título de simple descoido.

2. A presentación da solicitude de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Con todo, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento; nese caso, deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. Conforme o previsto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano concedente publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas ao abeiro destas bases.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Amtega publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas subvencións e as sancións que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, incluído o Rexistro Público de Subvencións, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Con todo, as persoas interesadas poderán pedir que non se fagan públicos os seus datos cando poidan afectar a honra e a intimidade persoal e familiar das persoas físicas, segundo o establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio.

CAPÍTULO V

Regras do procedemento de concesión

Artigo 18. Órganos competentes

1. A dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia convocará e resolverá as subvencións ditadas ao abeiro das presentes bases reguladoras, e será o órgano encargado da aplicación do réxime sancionador

2. A área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia será o órgano encargado da instrución e do seguimento das subvencións.

3. A Xerencia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia será a encargada da xestión económica-orzamentaria dos gastos e ingresos deste programa e do seguimento da súa execución.

Artigo 19. Instrución dos procedementos

1. O órgano competente para a instrución realizará de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, de acordo co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano competente para a instrución verificará a moderación dos custos propostos seguindo o indicado no artigo 48.2.e) do Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán valorados en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e valoración previstos nestas bases por unha comisión de valoración.

Artigo 20. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 21, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente: persoa titular da Xerencia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou persoa que a substitúa.

b) Dous vogais nomeados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia de entre os seus membros.

c) Secretario: persoal funcionario da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

3. A comisión poderá estar asistida por expertos externos que estarán suxeitos ao mesmo réxime de confidencialidade e ás mesmas causas de abstención que os empregados públicos.

4. Así mesmo, a comisión poderá dispor a constitución dunha subcomisión técnica para os efectos de colaborar na revisión e valoración dos documentos presentados xunto coa solicitude. Tanto os membros da comisión como os membros da subcomisión técnica poderán percibir axudas de custo por asistencias e axudas para gastos de locomoción por concorreren ás sesións, conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

5. A comisión de valoración realizará un informe co resultado da valoración que conterá, polo menos, o seguinte:

a) Relación de solicitudes para as cales se propón a concesión de subvencións, especificando para cada unha delas a puntuación acadada, o gasto subvencionable, a contía da subvención e, se é o caso, as condicións técnico-económicas particulares asociadas.

b) Relación de solicitudes para as que non se propón a concesión de subvencións, especificando para cada unha delas os motivos que concorren.

6. Sen prexuízo do recollido nos puntos anteriores, á vista da documentación dispoñible ou como resultado da valoración obtida en función dos criterios recollidos no artigo 21, a comisión de valoración poderá considerar que un proxecto presentado non cumpre as exixencias contidas nestas bases por non adecuarse aos obxectivos da convocatoria ou non ser considerado viable técnica, económica ou financeiramente.

Artigo 21. Criterios de valoración

1. A valoración realizarase sobre o proxecto completo, coa información agrupada de todos os lotes.

2. Os criterios de valoración son os seguintes:

Criterio de valoración

Puntos sobre 100

a)

Ponderación entre a cobertura total proposta e o importe da subvención solicitada

20

b)

Entidades obxectivo cubertas

30

c)

Poboación obxectivo á cal se dota de cobertura

25

d)

Plan de despregamento

10

e)

Solución tecnolóxica proposta

10

f)

Plan de seguimento e control

5

a) Ponderación entre a cobertura e o importe da subvención solicitada: outorgarase maior puntuación a aqueles proxectos que ofrezan unha mellor ratio entre a subvención total solicitada e as entidades cubertas no conxunto de todos os lotes (Ratiomin).

Outorgarase a puntuación cero a aqueles proxectos que non teñan ningunha entidade cuberta, ou teñan a peor ratio entre a subvención total solicitada e as entidades cubertas no conxunto de todos os lotes (Ratiomax).

O resto de proxectos puntuaranse linealmente segundo a seguinte fórmula:

missing image file

missing image file

Onde:

S representa o importe da subvención solicitada en euros (€).

N representa o número total de entidades cubertas proposto no proxecto no conxunto de todos os lotes.

(Ratioproxecto) representa o importe de subvención solicitada por entidade cuberta proposto no proxecto

(Ratiomin) representa o menor importe de subvención solicitada por entidade cuberta proposto, de entre todos os proxectos presentados

(Ratiomax) representa o maior importe de subvención solicitada por entidade cuberta proposto, de entre todos os proxectos presentados.

b) Entidades obxectivo cubertas: a puntuación máxima outorgaráselles a aqueles proxectos que teñan o mellor valor de entidades ponderadas (Entidadesmax).

Outorgarase a puntuación cero a aqueles proxectos que teñan o valor de entidades ponderadas mínimo definido na convocatoria (Entidadesmin).

O resto de proxectos puntuaranse linealmente segundo a seguinte fórmula:

missing image file

missing image file

Onde:

EntidadesP1 representa o número de entidades de poboación de prioridade 1.

(P1) cubertas no proxecto presentado no conxunto de todos os lotes.

EntidadesP2 representa o número de entidades de poboación de prioridade 2.

(P2) cubertas no proxecto presentado no conxunto de todos os lotes.

Entidadesproxecto representa o valor de entidades ponderadas do proxecto.

Entidadesmin representa o valor de entidades ponderadas mínimo definido na convocatoria.

Entidadesmax representa o maior valor de entidades ponderadas, de entre todos os proxectos presentados.

c) Poboación obxectivo á cal se dota de cobertura: a puntuación máxima outorgarase aos proxectos que ofrezan cobertura á maior cantidade de poboación no conxunto de todos os lotes, de entre todos os proxectos presentados.

Outorgarase a puntuación cero a aqueles proxectos que ofrezan atender a poboación mínima obrigatoria definida na convocatoria.

O resto de proxectos puntuaranse de acordo coa seguinte fórmula lineal:

missing image file

Onde:

C representa a cobertura de poboación proposta no proxecto no conxunto de todos os lotes, entendida como a suma de habitantes cubertos.

Cmin representa o mínimo de poboación de cobertura obrigatoria fixado na convocatoria.

Cmax representa o maior valor de cobertura de poboación de entre todos os proxectos presentados.

d) Plan de despregamento: outorgarase a puntuación cero a aqueles proxectos que ofrezan o valor mínimo obrigatorio fixado na convocatoria para o despregamento. A valoración dos restantes proxectos farase linealmente tendo en consideración a celeridade no despregamento.

e) Solución tecnolóxica proposta: valorarase a solución tecnolóxica proposta, en especial en canto á súa robustez e fiabilidade. A valoración das propostas a este respecto será comparativa.

f) Plan de seguimento e control: valorarase a proposta para o seguimento e control do proxecto, atendendo ao nivel de detalle e calidade da información facilitada. A valoración das propostas a este respecto será comparativa.

3. A avaliación realizarase exclusivamente sobre a información achegada nos formularios e a memoria do proxecto. Por tratarse de procedementos de concesión en concorrencia competitiva non se admitirán as melloras voluntarias da solicitude.

4. Para que unha solicitude poida ser beneficiaria deberá obter, a raíz do proceso de avaliación descrito, polo menos un 30 % da puntuación máxima posible.

5. Nos casos de solicitudes con igualdade de puntuación, terase en conta, para efectos de resolver o empate, a puntuación obtida criterio a criterio, seguindo a orde en que figuran no punto 2, empezando polo primeiro ata que se produza o desempate.

Artigo 22. Resolución provisional e audiencia

1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de valoración, formulará a proposta de resolución provisional, que deberá estar debidamente motivada e expresará, polo menos, os proxectos que se subvencionan, as entidades singulares de poboación para as que se concede a axuda, os lotes de cada proxecto e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación, e elevala ao órgano competente para resolver.

2. A proposta de resolución provisional poñerase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez (10) días, poidan formular alegacións.

3. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

4. Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva, que deberá estar debidamente motivada e expresará, polo menos, os elementos recollidos no artigo 23, ou, se é o caso, a causa de denegación, e elevarase ao órgano competente para resolver.

5. Notificada a proposta de resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

Artigo 23. Resolución

1. O prazo máximo para ditar resolución expresa e notificarlla aos interesados será de cinco (5) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Na resolución de concesión da subvención farase constar, polo menos:

a) Lote ou lotes para os que se concede a subvención, coa indicación das entidades singulares de poboación, e compromisos asumidos polos beneficiarios.

b) Créditos orzamentarios aos que se imputa o gasto, contía da subvención, fondo europeo, medida, submedida e prioridade do PDR das que se trata, e porcentaxe de financiamento.

c) Prazos e modos de pagamento da subvención, posibilidade de efectuar pagamentos anticipados e pagamentos á conta, así como o réxime de garantías que, se é o caso, deberán achegar os beneficiarios.

d) Prazo e forma de xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e da aplicación dos fondos percibidos.

e) Condicións técnicas e económicas que debe cumprir o proxecto obxecto da subvención concedida.

Artigo 24. Notificacións

1. Notificaránselles ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse por medios electrónicos.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia realizará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. Na notificación da concesión da axuda informaranse os beneficiarios de que as subvencións reguladas nas presentes bases se amparan no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, e modificado mediante Decisión de execución da Comisión C (2020) 8432 final, do 25 de novembro de 2020, a cal prevé actuacións de creación, mellora e despregamento de infraestruturas para mellorar as comunicacións de voz en mobilidade dentro da medida 7 de apoio aos servizos básicos e renovación da poboación rural, na submedida 7.4. de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais. Igualmente, informaranse os beneficiarios de que as subvencións están cofinanciadas ao 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao 7,5 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e ao 17,50 % pola Xunta de Galicia.

Artigo 25. Réxime de recursos

As resolucións de concesión da subvención poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante o órgano competente para resolver, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produciu o acto presunto.

2. Recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 26. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. En particular, a variación do orzamento aceptado polo órgano concedente e a obtención concorrente de subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. Tamén dará lugar á modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención.

2. Unha vez recaída a resolución de concesión e, en todo caso, antes de que finalice o prazo para a realización do proxecto, o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido, para o cal deberá achegar, xunto coa solicitude de modificación, un novo exemplar actualizado e asinado do documento normalizado correspondente, para acreditar a non vinculación cos provedores.

No caso de que as novas circunstancias afecten criterios tidos en conta na valoración, procederase a revalorar o proxecto; podendo neste caso, poderá dar como resultado unha modificación, á baixa, da subvención concedida ou a perda do dereito a esta.

3. Para a modificación da resolución de concesión non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución tiveron lugar con posterioridade a ela.

4. Os beneficiarios terán a obriga de comunicar ao órgano concedente calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención.

5. As modificacións da resolución de concesión poderanse autorizar sempre que:

a) A modificación solicitada non desvirtúe a finalidade da subvención e non supoña incremento do orzamento,

b) Non exista prexuízo a terceiros.

c) Os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorreren na concesión inicial, non supoñerían a denegación da subvención.

A conformidade expresa do órgano concedente ás mencionadas modificacións só será outorgada cando non se altere significativamente o proxecto inicial e se cumpran os requisitos antes indicados.

Artigo 27. Aceptación e renuncia

1. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. No caso de que se comunicase a renuncia, o órgano competente para resolver ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. No caso de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida, os créditos liberados poderán asignarse por orde decreciente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

Artigo 28. Xustificación e pagamento das subvencións

1. A xustificación da subvención será realizada polos beneficiarios de acordo co establecido no capítulo IV, artigo 27 e sucesivos, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no título III, capítulo II, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei e co establecido na normativa aplicable do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) da Unión Europea.

2. A modalidade de xustificación adoptada para a acreditación da realización do proxecto, o cumprimento das condicións impostas e a consecución dos obxectivos previstos na resolución de concesión, será a de conta xustificativa con entrega de informe de auditor, de acordo co previsto no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A documentación para presentar estará formada polos seguintes elementos:

a) Solicitude de pagamento, debidamente asinada polo representante legal do beneficiario.

b) Conta xustificativa segundo o establecido no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, asinada polo representante legal do beneficiario, que conterá:

1º. Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

2º. Unha memoria económica abreviada, que, como mínimo, conterá o previsto no punto 5 do dito artigo 50 do Decreto 11/2009.

3º. O informe de auditor.

4º. Unha relación detallada de todos os gastos e pagamentos contabilizados con cargo ao proxecto, que se achegará tamén nun formato que permita edición e cálculo.

c) Declaración doutras axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto.

d) Certificados de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social (soamente no caso de denegar expresamente o consentimento ao órgano xestor para que solicite de oficio os certificados).

e) Xustificación do cumprimento das obrigas de publicidade e información, segundo o disposto no artigo 31 das presentes bases.

f) Xustificación das obrigas relativas ao seguimento técnico do proxecto.

4. O informe de auditor virá realizado por un auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, de acordo co previsto no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A revisión da conta xustificativa polo auditor de contas realizarase de conformidade coas normas de actuación e supervisión que, se é o caso, propoña o órgano que teña atribuídas as competencias de control financeiro de subvencións en Galicia.

Para o estudo e revisión da documentación xustificativa, os auditores poderán utilizar técnicas de mostraxe de acordo coas prácticas habituais xeralmente aceptadas na auditoría de contas.

Finalizada a revisión da conta xustificativa, o auditor deberá emitir un informe asinado con indicación da data de emisión que terá o seguinte contido mínimo:

a) Identificación do beneficiario da subvención.

b) Identificación da subvención obxecto do informe, incluíndo o órgano concedente e data de resolución de concesión, obxecto da subvención, custo total do proxecto, cantidade da subvención e porcentaxe que representa sobre o custo total do proxecto, así como referencia ás fontes de financiamento.

c) Referencia ás normas autonómicas, estatais e comunitarias aplicables á subvención, así como as normas técnicas aplicadas ao desenvolvemento do traballo realizado e emisión do informe.

d) Identificación da conta xustificativa obxecto de revisión; deberase xuntar como anexo ao informe a listaxe dos xustificantes de gastos da totalidade do proxecto asinado polo auditor.

e) Mención de que o beneficiario facilitou canta información lle solicitou o auditor para realizar a revisión. No caso de que o beneficiario non facilitase a totalidade da información solicitada, mencionarase tal circunstancia con indicación da información omitida.

f) Alcance do procedemento de revisión, en particular:

1º. Detallaranse os procedementos de revisión levados a cabo e o seu alcance, o sistema de mostraxe empregada, o número de elementos e importe da mostra analizados respecto do total e porcentaxe de deficiencias advertido respecto da mostra analizada e contía dos gastos afectados.

2º. Verificación de que a natureza, cantidade e características da totalidade dos gastos correspóndense aos fins para os cales se concedeu a subvención, de acordo coas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión e cumpren coa normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación. En particular o informe incluirá no seu ditame os requisitos básicos relativos á elixibilidade do gasto financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da submedida 7.4. de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locales do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, en concreto, a confirmación de que o gasto se aboou dentro do período subvencionable incluído.

3º. Comprobación de que os gastos e pagamentos son admisibles e foron realizados e pagos dentro do período subvencionable.

4º. Comprobación de que os xustificantes de gastos (facturas, nóminas, etc.) e pagamentos son orixinais e cumpren coa normativa correspondente en cada caso.

5º. Deberase acreditar o cumprimento do disposto no punto 4 do artigo 9 das presentes bases. En particular, no caso de existir no beneficiario un procedemento que regule o proceso de compras, deberanse revisar as follas de adxudicación das compras aos provedores, ou documentación análoga, e verificar que se cumpre cos requisitos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos de libre concorrencia, publicidade e non discriminación.

6º. Verificación de que nos rexistros contables do beneficiario hai constancia da contabilización dos gastos correspondentes á actividade subvencionada e do seu pagamento. En particular, verificar que a contabilidade dos gastos inherentes ao proxecto se levou a cabo dun modo independente do resto dos gastos do beneficiario, é dicir, que existe un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas á operación.

7º. Comprobación de que o beneficiario non recibiu axudas para o mesmo proxecto de calquera outra Administración pública ou ente privado.

g) Resultado das comprobacións realizadas, mencionando os feitos observados que puidesen supoñer un incumprimento por parte do beneficiario da normativa aplicable ou das condicións impostas para a percepción da subvención; deberase proporcionar a información co suficiente detalle e precisión para que o órgano instrutor poida concluír respecto diso.

5. Toda a documentación necesaria para a xustificación da realización do proxecto, referida nos puntos anteriores, será presentada a través dos medios sinalados no artigo 16, no prazo máximo que se fixe na convocatoria, e en todo caso, antes do 31 de outubro de cada ano.

6. O órgano instrutor poderá ditar instrucións ou guías para a elaboración de calquera aspecto relativo á documentación xustificativa da realización do proxecto.

7. Tal e como se establece no artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen presentar esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste punto comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 29. Pagamentos parciais e garantías

1. Realizaranse pagamentos parciais, de conformidade co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei.

Os pagamentos parciais supoñerán a realización de pagamentos fraccionados que responderán ás actuacións executadas dentro da anualidade de que se trate, logo de xustificación do investimento realizado por parte do beneficiario, e poderán alcanzar o 90 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados sen exceder da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, por autorización do Consello da Xunta adoptada o 29 de decembro de 2020 de conformidade co establecido no artigo 62.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

En todo caso, os importes das anualidades previstas nas convocatorias ditadas ao abeiro das presentes bases reguladoras non serán transferibles a outras anualidades no caso de que a xustificación realizada polos beneficiarios sexa insuficiente para acadar o pagamento da cantidade total concedida nesa anualidade.

2. De conformidade co establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, os beneficiarios quedan exonerados da constitución de garantía para recibir pagamentos á conta ou pagamentos parciais, por autorización do Consello da Xunta adoptada o 29 de decembro de 2020.

3. Nas axudas tramitadas ao abeiro das presentes bases reguladoras, non se recolle a posibilidade de solicitar pagamentos anticipados.

Artigo 30. Actuacións de comprobación

1. O órgano encargado do seguimento das subvencións realizará as seguintes modalidades de actuacións de comprobación en aplicación do Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello:

a) Controis administrativos.

b) Controis sobre o terreo.

c) Controis a posteriori.

2. Os pagamentos calcularanse sobre a base dos importes que se consideren admisibles durante os controis administrativos recollidos no artigo 48 do Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014.

A autoridade competente examinará as solicitudes de pagamento presentadas polos beneficiarios e determinará os importes admisibles. Ademais, fixará:

a) Importe A: o importe que se lle pagará ao beneficiario en función da solicitude de pagamento e a resolución de concesión.

b) Importe B: o importe que se lle pagará ao beneficiario tras o exame da admisibilidade do gasto que figure na solicitude de pagamento.

Se o importe A supera en máis dun dez por cento (10 %) o importe B, aplicarase unha redución ao importe B igual á diferenza entre eses dous importes, pero non irá máis aló da retirada total da subvención.

Con todo, non se aplicarán reducións cando o beneficiario poida demostrar, á satisfacción do órgano competente, que non é responsable da inclusión do importe non admisible ou cando o órgano competente adquira doutro xeito a convicción de que o beneficiario non é responsable diso.

3. Se se deduce que o gasto acreditado foi inferior ao subvencionable ou que se incumpriron, total ou parcialmente, as condicións de outorgamento da subvención, o órgano competente iniciará o procedemento de perda de dereito ao cobramento ou, se é o caso, de reintegro.

4. Cando se poña de manifesto a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas na lei, iniciarase o procedemento de perda de dereito ao cobramento ou, se e o caso, de reintegro de acordo co establecido no título V, capítulo II, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no artigo 34 destas bases. Este procedemento incluirá o trámite de audiencia ao interesado.

5. Os beneficiarios da subvención estarán obrigados a facilitar as comprobacións do órgano encargado do seguimento das subvencións encamiñadas a comprobar a realización das actividades obxecto da subvención. Así mesmo, en relación cos proxectos obxecto de subvención, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes e, en particular, da Consellería do Medio Rural, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Consello de Contas, Tribunal de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

6. Os beneficiarios aseguraranse de que os orixinais dos documentos xustificativos presentados, estean á disposición dos organismos encargados do control, referidos no punto anterior, durante un período de polo menos cinco (5) anos a partir da presentación da xustificación, salvo que na resolución de concesión se especifique un prazo maior.

Artigo 31. Información e publicidade que realizará o beneficiario

1. Nas publicacións, equipos, material inventariable, actividades de difusión, páxinas web e outros resultados a que poida dar lugar o proxecto farase constar, á marxe doutras fontes de financiamento público e cando sexa de aplicación, que concorre o financiamento con fondos Feader.

2. Conforme o establecido no artigo 13 e no anexo III do Regulamento (UE) nº 808/2014, os beneficiarios da subvención deberán cumprir coa normativa sobre información e publicidade da subvención do Feader indicadas no anexo III do referido regulamento. En particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a cincocentos mil euros (500.000 €), o beneficiario deberá colocar un cartel ou placa, no cal indicará o nome e o principal obxectivo da operación e destacará a axuda financeira achegada pola Unión, así como o emblema da Unión e unha referencia á axuda do Feader «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste nas zonas rurais».

3. En todas as actividades de información e comunicación que se desenvolvan, os beneficiarios deberán recoñecer o apoio do Feader mostrando:

a) O emblema da Unión.

b) Unha referencia á axuda do Feader.

4. Durante a realización da operación, os beneficiarios informarán o público da axuda obtida do Feader, da seguinte forma:

a) Presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando poida establecerse un vínculo entre o obxecto do sitio web, e a axuda prestada pola operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión.

b) No caso de operacións non comprendidas no punto 2 (investimentos subvencionados cun custo total superior a cincocentos mil euros), atenderanse as seguintes obrigas:

1º. As operacións que reciban unha axuda pública total superior a 10.000 euros, en función da operación financiada colocarán polo menos un panel coa información acerca da operación (de tamaño mínimo A3), onde se destaque a axuda financeira recibida pola Unión, nun lugar visible para o público.

2º. Cando a operación dea lugar a un investimento, que reciba unha axuda pública total superior a 50.000 euros, o beneficiario colocará unha placa explicativa coa información sobre o proxecto, na cal se destacará a axuda financeira da Unión.

5. Os carteis, paneis ou placas e sitios web levarán unha descrición do proxecto ou da operación e os elementos descritos anteriormente. Esta información ocupará como mínimo o 25 % do cartel, da placa ou da páxina web.

Artigo 32. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlles á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 33. Seguimento e control técnico do proxecto

1. Sen prexuízo das actuacións de comprobación do cumprimento da finalidade das subvencións, os beneficiarios someteranse ao seguimento e control técnico do órgano encargado do seguimento, durante o período de despregamento e explotación, que poderá solicitar documentación complementaria para dispoñer dun pleno coñecemento das circunstancias en que se desenvolve o proxecto nas seguintes dimensións: despregamento de rede, operativa de rede, seguimento económico e comercialización dos servizos.

2. Os beneficiarios comprométense a nomear un director de proxecto que fará as veces de interlocutor co órgano encargado do seguimento para calquera aspecto relacionado coa execución do proxecto. Calquera alteración no devandito cargo representativo deberá ser notificada ao órgano encargado do seguimento.

3. O plan de seguimento e control presentado na solicitude de subvención constituirá a base para o seguimento e control técnico do proxecto, sen prexuízo das modificacións que o órgano encargado do seguimento poida considerar oportuno introducir.

4. Realizarase unha reunión de lanzamento en que se definirá a documentación necesaria para o inicio das tarefas e a documentación de seguimento. Cada reunión irá precedida da entrega da correspondente documentación de seguimento con polo menos dúas (2) semanas de antelación.

5. Durante a fase de despregamento celebraranse reunións de seguimento, coa periodicidade que se determinará na reunión de lanzamento, entre o órgano encargado do seguimento e o director de proxecto, o cal irá acompañado do persoal necesario para tratar todos os aspectos mencionados na orde do día.

6. Unha vez terminadas as tarefas de despregamento, celebraranse reunións, coa periodicidade que se determinará unha vez finalizado o despregamento, entre o órgano encargado do seguimento e o director de proxecto, o cal irá acompañado do persoal necesario para tratar todos os aspectos mencionados na orde do día.

CAPÍTULO VI

Reintegro e infraccións

Artigo 34. Reintegros e infraccións

1. O incumprimento dos requisitos establecidos nas presentes bases e demais normas aplicables, así como das condicións que, se é o caso, se estableceron na correspondente resolución de concesión, dará lugar, logo do oportuno procedemento de reintegro, á obrigas de devolver as subvencións percibidas e os xuros de demora correspondentes, conforme o disposto no título II, capítulo I da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no título V do seu regulamento.

Procederá o reintegro nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos investimentos subvencionados.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na lei.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se alcanzan os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das obrigas dos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Será de aplicación o previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se concorren os supostos de infraccións administrativas en materia de subvencións e axudas públicas.

3. As infraccións poderán ser cualificadas como leves, graves ou moi graves de acordo cos artigos 54, 55 e 56 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A potestade sancionadora por incumprimento establécese no seu artigo 66.

Disposición adicional primeira. Normativa aplicable

1. No non previsto nas presentes bases, serán de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; a Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, así como a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

2. Tamén será de aplicación o disposto na Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, será de aplicación a Lei 9/2014, do 9 de maio, xeral de telecomunicacións, e a súa normativa de desenvolvemento, así como o establecido no Real decreto 1494/2007, do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento sobre as condicións básicas para o acceso das persoas con discapacidade ás tecnoloxías, produtos e servizos relacionados coa sociedade da información e medios de comunicación social.

3. Por tratarse de proxectos cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), será tamén de aplicación a normativa comunitaria reguladora deste fondo, así como a común aos fondos estruturais e de investimento europeos e toda a súa normativa de desenvolvemento: Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013; Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e de Consello, do 17 de decembro de 2013; Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013; Regulamento delegado (UE) nº 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014; Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014; Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, e a modificación realizada a este, polo Regulamento de execución (UE) nº 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo de 2017.

4. Será tamén de aplicación a normativa comunitaria en materia de sancións: Regulamento (UE) 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberase transmitir á Base de datos Nacional de subvencións a información e o texto de cada convocatoria ditada ao abeiro das presentes bases reguladoras para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Lista de entidades singulares de poboación obxectivo

As entidades singulares de poboación obxectivo recóllense nunha lista con indicación do lote, prioridade, código INE de 9 díxitos da entidade singular de poboación (ESP), nome, provincia, concello e habitantes (datos INE de 2019).

O documento coa lista íntegra de entidades singulares de poboación obxectivo está dispoñible co nome «Anexo III-Lista de entidades.pdf» na páxina web da Amtega co enderezo:

https://amtega.xunta.gal/listado-zonas-convocatoria-cobertura-mobil

O resumo (pegada dixital) do devandito documento, obtido co algoritmo de hash SHA1 é:

A957BFBF3D92A0F3B6F1886A63953376F46C4EAEh