Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 3 de marzo de 2021 Páx. 12776

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Reforzo da Coruña

EDICTO de notificación de sentenza (DSP 762/2020).

Eu, María Blanco Aquino, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 da Coruña, fago saber que no procedemento de despedimento/cesamentos en xeral 762/2020 deste xulgado do social, seguido por instancia de José Dual Salazar contra a empresa Fondo de Garantía Salarial, Regueira Pombo, S.L., sobre despedimento, foi ditada a resolución cuxa parte dispositiva di:

«Sentenza.

A Coruña, 13 de xaneiro de 2021.

Vistos por Ana María Souto González, maxistrada xuíza do Xulgado do Social número 1 da Coruña, os presentes autos número 762/2020 sobre despedimento, seguidos por instancia de José Dual Salazar, asistido polo letrado Sr. Nogueira Esmorís, contra Regueira Pombo, S.L.

Decido estimar a demanda interposta por José Dual Salazar, asistido polo letrado Sr. Nogueira Esmorís, contra Regueira Pombo, S.L., e declarar a improcedencia do despedimento efectuada polo demandado con efectos do 14 de setembro de 2020 e, en consecuencia, debo condenar e condeno o demandado a readmitir o traballador demandante nas mesmas condicións que rexían antes de se producir o despedimento, con aboamento dos salarios de tramitación deixados de percibir desde a data efectiva do despedimento até a notificación da sentenza a razón de 12,75 euros diarios, ou ben, á escolla do empresario, á extinción da relación laboral con aboamento á demandante da indemnización de 245,50 euros por despedimento improcedente.

A opción do empresario entre a readmisión do traballador ou a indemnización por despedimento improcedente deberase exercer no prazo de 5 días contados a partir da notificación da presente resolución, mediante un escrito ou comparecencia ante este xulgado. Transcorrido o devandito prazo sen ter optado, entenderase que procede a readmisión.

Notifíquese a presente resolución ás partes.

Contra esta resolución cabe recurso de suplicación perante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que se deberá anunciar neste xulgado no prazo dos cinco días seguintes á notificación desta resolución, para o cal é suficiente a manifestación da parte ou do seu avogado, graduado social colexiado ou representante dentro do indicado prazo».

E para que sirva de notificación en legal forma a Regueira Pombo, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de autos ou sentenzas, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 10 de febreiro de 2021

A letrada da Administración de xustiza