Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 18 de marzo de 2021 Páx. 15404

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se modifica, debido aos efectos da pandemia pola COVID-19, a Resolución do 24 de xuño de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2019 (SI429A).

Durante a execución dos proxectos de emprendemento feminino cuxas promotoras resultaron beneficiarias das axudas obxecto da Resolución do 24 de xuño de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se estableceron as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, continúa a crise ocasionada pola pandemia pola COVID-19.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada pola COVID-19 á categoría de pandemia internacional.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, polo Acordo do Consello da Xunta do 12 de marzo de 2020 adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública (DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo), que foron seguidas da declaración, por Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e de activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus, COVID-19.

A nivel estatal, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, estableceu as medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19.

O Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro, recentemente modificado polo Regulamento (UE) nº 2020/460, do 30 de marzo, e polo Regulamento (UE) nº 2020/558, do 23 de abril, considera o brote da COVID-19 como causa de forza maior.

Con posterioridade, declarouse de novo o estado de alarma polo Real decreto 926/2020, do 25 de octubre, por el que se declara el estado de alarma para contener la propagación de infecciones causadas polo SARS-CoV-2, que quedou prorrogado ata o 9 de maio de 2021, polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Na Xunta de Galicia, coa aprobación dos decretos 202/2020, e Decreto 5/2021, do 19 de xaneiro, polo que se se modifica o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, e polo Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, aprobáronse un conxunto de medidas para diminuír a expansión dos contaxios e reducir a incidencia da COVID, consistentes en limitacións á mobilidade e os desprazamentos, de limitación da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados, e de limitacións da apertura de establecementos da hostalaría e comerciais.

No caso particular do procedemento de subvencións, de conformidade co disposto no artigo 54 da Real decreto lei 11/2020, do 31 de maio, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19, poderanse modificar os prazos de execución da actividade subvencionada e, se é o caso, de xustificación e comprobación da devandita execución, aínda que non se considerase nas correspondentes bases reguladoras, nos procedementos de subvencións, as ordes e resolucións de convocatoria e concesión de subvencións e axudas públicas previstas no artigo 2.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que xa fosen outorgadas no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, debendo, para estes efectos, o órgano competente xustificar unicamente a imposibilidade de realizar a actividade subvencionada durante a vixencia do estado de alarma, así como a insuficiencia do prazo que reste, tras a súa finalización para a realización da actividade subvencionada ou a súa xustificación ou comprobación.

Neste sentido, o órgano competente elaborou un informe xustificativo, presentado ante o Organismo Intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020, a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, con base na análise das características das actividades das beneficiarias desa convocatoria, sobre a probable imposibilidade de realizar a actividade subvencionada durante o estado de alarma ou a insuficiencia do prazo que reste, tras a súa finalización para a realización da actividade subvencionada ou a súa xustificación ou comprobación.

Con base nas restricións e limitacións de horarios e de apertura de establecementos comerciais e de peche de establecementos da hostalaría e polas limitacións á mobilidade das persoas con peche perimetral circunscritos ao límite de cada concello, pódese deducir que existen moitas dificultades para o desenvolvemento da actividade económica dos proxectos de emprendemento feminino apoiados co programa Emega que recibiron a subvención ao abeiro da Resolución do 24 de xuño de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, e poderíase deducir que a situación de forza maior que provocou o estado de alarma, o confinamento e o peche de actividades económicas non esenciais, e os novos peches do inverno 2020-2021 están a ter un efecto moi negativo para a supervivencia destes proxectos empresariais debido, entre outros motivos, ás tipoloxías de actividades nas que se desenvolven e á data de finalización do período de permanencia.

Polo que se conclúe que o confinamento derivado da promulgación do estado de alarma e as medidas restritivas da mobilidade e de peche e horarios de apertura limitados de diversos sectores económicos puideron ter un efecto negativo sobre as beneficiarias do programa Emega do ano 2019, o que xustifica a necesidade, con base na forza maior orixinada pola crise da COVID-19, de modificar as bases reguladoras ao abeiro da Resolución do 24 de xuño de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2019 (SI429A).

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 24 de xuño de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2019 (SI429A)

A Resolución do 24 de xuño de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2019, queda modificada nos seguintes termos:

Un. Modifícase o punto 3 do artigo 5 relativo ás beneficiarias, que terá a seguinte redacción:

«3. Os requisitos e condicións para seren beneficiarias deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manterse durante o período mínimo de permanencia da actividade e do mantemento dos postos de traballo (dezaoito meses), salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente, de acordo co disposto no artigo 24 desta resolución».

Dous. Modifícase a letra b) do punto 1 do artigo 7 relativo á liña Innova, que terá a seguinte redacción:

«b) O proxecto de mellora ten que supor a creación, polo menos, dun posto de traballo para unha muller para o cal se exixa unha capacitación profesional media ou superior e cuxas funcións laborais estean vinculadas directamente ao desenvolvemento do proxecto de mellora e por un período mínimo de dezaoito meses».

Tres. Modifícase o punto 1 do artigo 23 relativo ás obrigas das beneficiarias, que terá a seguinte redacción:

1. Realizar a actividade e manter o emprego que fundamenta a concesión da subvención durante o período mínimo de permanencia de dezaoito meses, establecido no artigo 24 desta resolución, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente.

Catro. Modifícanse os puntos 1, 3 e 5 do artigo 24 relativo á obriga de permanencia mínima da actividade empresarial e do mantemento do emprego, que terán a seguinte redacción:

1. As beneficiarias das axudas do programa Emega teñen a obriga de realizar a actividade empresarial e manter os postos de traballo tidos en conta para a concesión da subvención durante un período mínimo de dezaoito meses, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente. Así mesmo, os acordos ou pactos de conciliación e os acordos de teletraballo deben estar vixentes, polo menos, durante o mesmo período.

3. Para o caso de que algunha das traballadoras cause baixa na empresa, sempre que se volva ocupar o posto de traballo por unha muller no prazo máximo de dous meses, non se considerará interrompido o período mínimo de permanencia da actividade empresarial e do mantemento do emprego, agás causas xustificadas derivadas da COVID-19 e da declaración do estado de alarma, no que se poderá ter en conta un período maior aos dous meses.

5. As beneficiarias deben presentar dentro do primeiro trimestre de cada ano, durante o período de permanencia da actividade e do mantemento do emprego, así como ao seu remate, para os efectos da comprobación da actividade e da súa permanencia, como mínimo, de dezaoito meses, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente, a seguinte documentación: a) informe de vida laboral actualizado de todos os códigos de cotización da empresa en que consten todos os contratos vinculados á axuda; b) informe actualizado de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social de todas as promotoras ou, se é o caso, certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela; c) no caso de finalización do período mínimo de permanencia da actividade laboral e do mantemento do emprego, fichas individualizadas de todas as promotoras e traballadoras por conta allea tidas en conta para a concesión da axuda, cos datos dos indicadores de resultado inmediato referidos á situación dentro das catro semanas seguintes á finalización do dito período, no modelo obrigatorio publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade; así como aqueloutra documentación que lle poida ser requirida, co obxecto de realizar as comprobacións e verificacións que se consideren relevantes para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución.

Cinco. Modifícase o punto 2, letra d) do artigo 25 relativo aos reintegros e sancións, que terá a seguinte redacción:

d) Procederá o reintegro parcial da axuda concedida ao abeiro da liña Emprende, Innova, Activa ou ITEF, no caso de non cumprir a obriga establecida no artigo 24 de manter a actividade e o emprego durante un período de dezaoito meses, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente e se aproxime de xeito significativo a ela. Para estes efectos, entenderase que se aproxima de xeito significativo ao cumprimento desta obriga cando se manteña a actividade e o emprego durante polo menos doce meses e a beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dezaoito meses, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2021

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade