Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 6 de abril de 2021 Páx. 17936

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social da COVID-19 nos alugueiros de vivenda habitual, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento VI432E).

No Boletín Oficial del Estado núm. 91, do 1 de abril de 2020, publicouse o Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19. O seu artigo 10 establece que mediante Orde do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana incorporarase ao Plan estatal de vivenda 2018-2021, regulado no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, un novo programa de axudas ao alugueiro, denominado «programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social da COVID-19 nos alugueiros de vivenda habitual».

En virtude da citada habilitación, no Boletín Oficial del Estado núm. 101, do 11 de abril de 2020, publicouse a Orde TMA/336/2020, do 9 de abril, pola que se incorpora, substitúen e modifican os correspondentes programas de axuda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, en cumprimento do disposto nos artigos 10, 11 e 12 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19.

No artigo 1 desta orde ministerial establécese a incorporación de forma inmediata ao Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, do novo programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social da COVID-19 nos alugueiros da vivenda habitual.

No punto 3 do artigo 2 establécese que as comunidades autónomas concretarán o prazo e forma de presentación de solicitudes, mediante resolución ou acordo, que será obxecto de publicidade, á maior brevidade posible. E no punto 5 do artigo 2 establécese que corresponde ás comunidades autónomas a tramitación e resolución dos procedementos de concesión e pagamento das axudas deste programa, así como a xestión do seu pagamento, unha vez que se recoñecera polas ditas administracións públicas o dereito das persoas beneficiarias a obtelas, dentro das condicións e límites establecidos no Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, na orde ministerial e no propio Plan estatal de vivenda 2018-2021.

A Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, aprobou a Resolución do 19 de maio de 2020, co obxectivo de regular as bases reguladoras das subvencións do programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social da COVID-19 nos alugueiros de vivenda habitual, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (Diario Oficial de Galicia núm 98, do 22 de maio de 2020). Este programa, segundo sinala a exposición de motivos da Orde TMA/336/2020, do 9 de abril, establece axudas para facer fronte ás situacións máis acentuadas de vulnerabilidade social e económica que non sexan resoltas coas axudas transitorias de financiamento, así como axudar ao pagamento do préstamo que, se é o caso, se lle concedera ás persoas arrendatarias ao abeiro del artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo.

A experiencia derivada desta convocatoria, onde se puxo de manifesto a complexidade deste programa, a necesidade de garantir unha tramitación o máis áxil posible, así como a exixencia de adaptar as bases reguladoras ás guías normalizadas, xustifican que, mediante esta resolución, se aproben unhas novas bases reguladoras.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social da COVID-19 nos alugueiros de vivenda habitual e convocar estas axudas para a anualidade 2021, que se tramitará co código de procedemento VI432E

Este programa ten por obxecto a concesión de axudas ao alugueiro, mediante a adxudicación directa, ás persoas arrendatarias de vivenda habitual situada no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que, como consecuencia do impacto económico e social da COVID-19, teñan problemas transitorios para atender ao pagamento parcial ou total do alugueiro. Especificamente, o programa inclúe no seu obxecto a concesión de axudas para facer fronte á devolución das axudas transitorias de financiamento recollidas no artigo 9 del Real decreto lei 11/2020, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19 e contraídas polas persoas arrendatarias de vivenda habitual, a cuxa devolución no puideran facer fronte.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Definicións

Para os efectos da aplicación desta resolución, os termos incluídos neste ordinal interpretaranse co significado e alcance seguintes:

a) Unidade familiar: colectivo composto pola persoa que adebeda a renda de alugueiro, o seu cónxuxe non separado legalmente ou parella de feito inscrita e os fillos e fillas, con independencia de súa idade, que residan na vivenda, incluíndo aos vinculados por unha relación de tutela, garda ou acollemento familiar, e o seu cónxuxe non separado legalmente ou parella de feito inscrita, que residan na vivenda.

b) Residencia habitual e permanente da persoa inquilina e do resto das persoas integrantes da unidade familiar: domicilio no que constan empadroados todos eles.

c) Persoa con discapacidade: interpretarase de conformidade co Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

d) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): é o indicador definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía; considerarase unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.

Terceiro. Situación de vulnerabilidade económica a efectos de obter estas axudas

1. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, os supostos de vulnerabilidade económica como consecuencia da emerxencia sanitaria ocasionada pola COVID-19 requirirán, para os efectos de obter axudas en relación coa renda do alugueiro da vivenda habitual, a concorrencia conxunta dos seguintes requisitos:

a) Que a persoa que estea obrigada a pagar a renda de alugueiro pase a estar, a partir do 14 de marzo de 2020, en situación legal de desemprego, expediente temporal de regulación de emprego (en diante, ERTE), ou reducise a súa xornada por motivo de coidados, ou cesado a súa actividade en caso de traballador por conta propia, ou outras circunstancias similares vinculadas á actividade laboral ou empresarial, que lle supoñan unha perda substancial de ingresos.

b) Que o conxunto dos ingresos netos dos membros da unidade familiar, no mes anterior á solicitude, non acaden os seguintes importes:

i. Con carácter xeral, o límite de 3 veces o IPREM.

ii. Este límite incrementarase en 0,1 veces o IPREM por cada fillo a cargo na unidade familiar. O incremento aplicable por fillo a cargo será de 0,15 veces o IPREM por cada fillo no caso de unidade familiar monoparental.

iii. Este límite incrementarase en 0,1 veces o IPREM por cada persoa maior de 65 anos membro da unidade familiar.

iv. No caso de que algún dos membros da unidade familiar teña declarada discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, situación de dependencia ou enfermidade que lle incapacite acreditadamente de forma permanente para realizar unha actividade laboral, o límite previsto no subapartado i) será de 4 veces o IPREM, sen prexuízo dos incrementos acumulados por fillo a cargo.

v. No caso de que a persoa obrigada a pagar a renda de alugueiro sexa unha persoa con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cento, ou persoa con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 65 por cento, así como nos casos de enfermidade grave que incapacite acreditadamente a persoa ou ao seu coidador para realizar unha actividade laboral, o límite previsto no subepígrafe i) será de 5 veces o IPREM.

c) Que a renda, máis os gastos e subministracións básicas do mes anterior á solicitude da axuda, resulte superior ou igual ao 35 % dos ingresos netos que perciba o conxunto dos membros da unidade familiar. Para estes efectos, entenderase por «gastos e subministracións básicas» o importe do custo das subministracións de electricidade, gas, gasóleo para calefacción, auga corrente, dos servizos de telecomunicación fixa e móbil, e as posibles contribucións á comunidade de propietarios, todos eles da vivenda habitual que corresponda satisfacer á persoa arrendataria.

2. Non se entenderá que concorren os supostos de vulnerabilidade económica como consecuencia da emerxencia sanitaria ocasionada pola COVID-19, para os efectos de obter estas axudas, en relación coa renda de alugueiro da vivenda habitual, cando a persoa arrendataria ou calquera das persoas que compoñen a unidade familiar que habita aquela sexa propietaria ou usufrutuaria dalgunha vivenda en España.

Considerarase que non concorren estas circunstancias cando o dereito recaia unicamente sobre unha parte alícuota desta e obtívose por herdanza ou mediante transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuarase deste requisito tamén a quen, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade desta por causa de separación ou divorcio, por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade do seu titular ou dalgunha das persoas que conforman a unidade familiar.

Cuarto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de que a persoa solicitante opte pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de Administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Quinto. Información ás persoas interesadas

As persoas interesadas poderán obter documentación normalizada ou información adicional sobre esta convocatoria nas áreas provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou a través da páxina web do IGVS http://igvs.xunta.gal/web/igvs/portada e no teléfono 012 do Servizo de Atención e Información á cidadanía.

Sexto. Transparencia e bo goberno

1. Na tramitación do procedemento deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4.2.b) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por este das obrigas previstas no título I da citada lei.

Sétimo. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Oitavo. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa.

Noveno. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto no Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, na Orde TMA/336/2020, do 9 de abril, no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021); na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro e na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Décimo. Efectos

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

II. Bases reguladoras

Décimo primeiro. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas maiores de idade que na data da presentación da solicitude cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a nacionalidade española ou residir legalmente en España, no caso das persoas estranxeiras.

b) Ser titulares, en condición de persoa inquilina, dun contrato de alugamento de vivenda situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha duración mínima dun ano, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, con mención expresa da súa referencia catastral e do medio e forma de pagamento á persoa arrendadora.

c) Que a vivenda arrendada constitúa a súa residencia habitual e permanente, así como da súa unidade de familiar. Para estes efectos, tanto a persoa beneficiaria como as demais persoas integrantes da súa unidade familiar deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento á data da presentación da solicitude.

d) Estar ao día do pagamento da renda do alugueiro correspondente ás tres últimas mensualidades inmediatamente anteriores ao primeiro mes para o que se solicita a axuda, agás que o contrato tivese unha vixencia inferior, en cuxo caso deberá estar ao día do pagamento da renda desde o inicio do contrato. Para estes efectos, non se admitirán os pagamentos das rendas que se efectúen en metálico, debendo acreditarse mediante documento bancario.

e) Estar en situación de vulnerabilidade económica, conforme o establecido no ordinal terceiro.

f) Estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Non estar incurso nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Non poderá concederse a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade familiar se atope nalgunha das situacións que a continuación se indican:

a) Ser propietario ou usufrutuario dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito tamén ás persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación, divorcio ou por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inhabitable ou inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou dalgún membro da súa unidade familiar.

b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa que teña a condición de arrendador da vivenda ou ser socias ou partícipes da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.

c) Ter sido obxecto dunha resolución de revogación ou reintegro dunha axuda deste plan de vivenda ou doutro anterior, por causa que lles sexa imputable.

Décimo segundo. Contía, duración e finalidade das axudas

1. A contía desta axuda será de ata 500 euros mensuais, sen que en ningún caso poida exceder do importe da renda do contrato.

No suposto de ter accedido ás axudas transitorias de financiamento reguladas no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, á axuda poderá chegar ata un importe de 3.000 euros, co que se satisfará total ou parcialmente o pagamento da renda da vivenda habitual.

2. A axuda concederase polo prazo no que se acredite estar en situación de vulnerabilidade como consecuencia da COVID-19, durante un período máximo de seis meses consecutivos, podendo ter efectos retroactivos nos termos sinalados na correspondente convocatoria.

3. A axuda ten carácter finalista e, polo tanto, non poderán aplicarse a outro destino que o pagamento da renda do alugueiro ou, se é o caso, á cancelación, total ou parcial, das axudas transitorias de financiamento reguladas no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo. Neste suposto, unicamente cando se cancelara a totalidade do préstamo, sendo o seu importe inferior ao da axuda concedida, poderá destinarse a axuda a cubrir o pagamento de novas mensualidades de renda ata acadar o total da axuda concedida.

Décimo terceiro. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que se incorpora como anexo I a esta resolución. Deberá dirixirse á Dirección Técnica de Fomento do IGVS. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica da solicitude poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Só se admitirá unha única solicitude por cada vivenda, con independencia do número de titulares do contrato de alugamento. No caso de presentar máis dunha solicitude, só se tramitará a primeira das presentadas, téndose por inadmitidas todas as demais.

3. No modelo de solicitude, a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que se atopa en situación de vulnerabilidade económica como consecuencia da emerxencia sanitaria ocasionada pola COVID-19, segundo o establecido no ordinal terceiro desta resolución.

b) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade familiar solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e o seu importe.

c) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas integrantes da súa unidade familiar para a mesma finalidade, así como o seu importe.

d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade familiar é propietaria ou usufrutuaria dunha vivenda situada no territorio nacional, agás os supostos exceptuados no punto 2.a) do ordinal décimo primeiro.

e) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade familiar ten parentesco por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora nin é socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.

f) Declaración responsable de que nin á persoa solicitante nin a ningunha outra persoa integrante da súa unidade familiar se lle teña revogada ou fora obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda, deste plan de vivenda ou doutro anterior por causa que lle sexa imputable.

g) Declaración responsable de que a persoa solicitante non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

h) Declaración responsable de que a persoa solicitante non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

i) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación das bases reguladoras deste programa.

Décimo cuarto. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) No caso de cesamento de actividade dos traballadores por conta propia, certificado expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria ou órgano competente da Comunidade Autónoma, sobre a base da declaración de cesamento de actividade declarada pola persoa interesada e, de ser o caso, desemprego ou prestacións que reciba, así como as autoliquidacións periódicas dos impostos que correspondan, en función da actividade da persoa solicitante da axuda (declaración censal de alta/baixa ou variación de datos –modelo 036 ou 037–).

Nos casos de cesamentos temporais de actividade, resolución da mutua do cesamento de actividade ou resolución do Instituto Nacional da Seguridade Social o onde conste o dito cesamento temporal.

c) No caso de que a persoa solicitante estea afectada por un ERTE, certificado da empresa no que acredite que a persoa solicitante está incluída no ERTE, conforme o previsto no ordinal terceiro.

d) No caso de redución de xornada ou excedencias por coidados de familiares, resolución de variación de datos no Instituto Nacional da Seguridade Social ou calquera outro documento que acredite as ditas circunstancias.

e) No caso de perda substancial de ingresos derivada doutras circunstancias vinculadas á actividade laboral ou empresarial:

– En caso de traballadores por conta propia, autoliquidacións periódicas dos impostos que corresponda, en función da actividade da persoa solicitante da axuda (modelo 130 dos dous últimos trimestres presentados anteriores á solicitude, modelo 303 de declaración do imposto sobre o valor engadido dos dous últimos trimestres presentados anteriores á solicitude, no caso de autónomos non obrigados a presentar declaración IRPF) e estado contable de perdas e ganancias ou balance de situación co resultado neto do mes correspondente e documentos acreditativos de tales circunstancias nos demais supostos.

– En caso de traballadores por conta allea, xustificantes bancarios do aboamento en conta de nóminas ou prestacións con data valor do mes solicitado, independentemente do período de liquidez. Non obstante, para aqueles traballadores que cobren o seu salario en efectivo, certificado do empleador conforme se lle abonou a cantidade que se vai percibir, onde conste o concepto, cantidade e a data.

f) Libro de familia ou documento acreditativo de parella de feito, de ser o caso.

g) Certificado ou volante colectivo de empadroamento que acredite as persoas empadroadas na vivenda no momento de presentación da solicitude de axuda.

h) De ser o caso, declaración de discapacidade, de dependencia ou de incapacidade permanente da persoa solicitante e das persoas membros da unidade familiar, para realizar unha actividade laboral, no caso de non ser expedida pola Xunta de Galicia.

i) No caso de que a persoa solicitante ou algunha das persoas membros da súa unidade familiar conste como titular catastral dunha vivenda, nota simple do servizo de índices do Rexistro da Propiedade ou calquera outro documento que acredite que non é titular de ningunha vivenda.

j) No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade familiar sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español e non poidan dispoñer dela:

– Convenio regulador de separación ou divorcio ou sentenza que acredite a dita circunstancia, de ser o caso.

– De ser o caso, documentación que acredite que a persoa solicitante e a súa unidade de familiar no poden habitar a vivenda por calquera outra causa allea á súa vontade.

– Informe técnico que xustifique a inhabitabilidade ou inaccesibilidade da vivenda por razón da discapacidade da persoa titular e/ou dalgún membro da súa unidade de familiar, de ser o caso.

k) No suposto de que a persoa solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade familiar sexan propietarias ou usufrutuarias da parte alícuota dunha vivenda en territorio español, documentación acreditativa de que foi obtida por transmisión mortis causa, de ser o caso.

l) Contrato de alugamento da vivenda, cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral e do medio e forma de pagamento á persoa arrendadora.

m) Extractos ou certificados bancarios, acreditativos do pagamento das últimas tres mensualidades da renda do contrato anteriores ao primeiro mes para o que se solicita a axuda, salvo que o contrato levase vixente un prazo menor, caso en que se acreditará o pagamento desde o inicio do contrato.

n) De ser o caso, solicitude da axuda transitoria de financiamento de acordo ao establecido no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, ou certificado bancario do préstamo formalizado conforme ao artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo.

ñ) Anexo II, de declaración responsable das persoas integrantes da unidade de familiar da persoa solicitante e comprobación dos datos necesarios para a tramitación do procedemento, no caso de que a unidade familiar estea integrada por máis dunha persoa.

o) Documentación acreditativa dos ingresos da persoa solicitante e da súa unidade familiar correspondentes ao mes anterior ao da presentación da solicitude:

– Nóminas ou outros xustificantes dos rendementos do traballo percibidos nese mes, con independencia do período de liquidez a que se refiran.

– Certificados ou xustificantes do importe mensual de prestacións, subsidios ou pensións das administracións públicas percibidos nese mes, con independencia do período de liquidez ao que se refiran.

– Certificados bancarios de rendementos do capital mobiliario.

– Certificado da persoa empleadora conforme se ten realizado o pagamento, onde conste o concepto, a data e a cantidade percibidas asinado por ambas as partes, no caso de ingresos percibidos en efectivo.

p) Xustificantes bancarios do cargo en conta dos gastos e subministracións básicas da vivenda habitual que corresponda satisfacer á persoa arrendataria, referidos no ordinal terceiro e relativos ao mes anterior ao da presentación da solicitude.

Naqueles casos nos que os gastos e subministracións básicas estean a nome da persoa arrendadora pero sexan aboados pola persoa arrendataria, xustificantes bancarios de pagamento nos que conste o concepto e a cantidade aboadas a esta.

q) Informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos últimos 24 meses da persoa solicitante.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

3. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Décimo quinto. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo sexto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das persoas que integran a súa unidade familiar.

b) Número de identificación fiscal da entidade representante da persoa solicitante.

c) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, así como das persoas que integran a unidade familiar.

d) Certificacións da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a unidade familiar.

e) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro, onde conste que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da unidade familiar teñen en usufruto ou en propiedade outra vivenda en territorio español.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa solicitante.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas da persoa solicitante.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada ou calquera das persoas integrantes da unidade familiar, faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado acreditativo da discapacidade expedido pola Xunta de Galicia.

b) Certificado do grao e nivel de dependencia.

c) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, para o caso de que sexa estranxeira.

d) Consulta da situación actual de desemprego da persoa solicitante.

e) Importes das prestacións de desemprego percibidas pola persoa solicitante, así como polas persoas que integran a súa unidade familiar.

f) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade familiar .

g) Certificado das percepcións da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade familiar.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo sétimo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo oitavo. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento de concesión das axudas é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Décimo noveno. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación no DOG da resolución de convocatoria realizada pola persoa titular da Presidencia do IGVS.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria.

3. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

Poderanse enviar mensaxes ás persoas interesadas ao teléfono móbil e correo electrónico avisando destas publicacións. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán indicar no anexo de solicitude un teléfono móbil e/ou un correo electrónico de contacto para recibir as ditas comunicacións.

5. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, a persoa solicitante poderá ser requirida para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS elevará a correspondente proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario, resolverá o que segundo dereito proceda.

7. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as resolucións de inadmisión, desestimento e denegación das axudas solicitadas poderán publicarse na páxina web do IGVS www.igvs.xunta.gal, previa publicación desta circunstancia no DOG.

Vixésimo. Resolución e recursos

1. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da axuda ao alugamento. A resolución de concesión indicará a contía da axuda, a súa duración, os seus efectos económicos, así como a súa forma de xustificación.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do procedemento será de tres (3) meses, contado desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique a resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes en calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e considerándose data de presentación aquela na que a solicitude quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos esixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Vixésimo primeiro. Modificación da resolución

1, Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención ou á súa revogación.

2. A modificación ou revogación da resolución de concesión acordarase a través dunha nova resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. De ser o caso, comunicaralle á persoa beneficiaria a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención. No suposto de que a modificación sexa causa da perda sobrevida do dereito á axuda, na resolución limitarase o prazo de concesión ata a data na que se considere efectiva a dita perda.

Vixésimo segundo. Causas de inadmisión e desestimación

1. Inadmitirase a solicitude da subvención cando se presentase fóra do prazo previsto na correspondente convocatoria ou cando xa se tivese presentado con anterioridade unha solicitude de axuda respecto da mesma vivenda na mesma convocatoria, salvo que se tivese renunciado a esta.

2. Serán desestimadas as solicitudes de subvención que incumpran os requisitos esixidos nestas bases reguladoras e na correspondente convocatoria, así como aquelas outras que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.

Vixésimo terceiro. Pagamento da axuda

O pagamento da subvención realizarase dunha soa vez mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa arrendataria sinalada na solicitude.

No suposto de axudas transitorias de financiamento reguladas no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, a citada conta deberá ser aquela na que a entidade bancaria acredora cargue as cotas do préstamo.

Vixésimo cuarto. Xustificación da subvención

1. A xustificación da subvención realizarase cando finalice o período subvencionado, mediante a presentación dos extractos ou certificacións bancarias acreditativos do pagamento das mensualidades de renda subvencionadas á persoa arrendadora.

2. No caso de ter subscrito un préstamo mediante as axudas transitorias de financiamento reguladas no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, a xustificación da subvención realizarase mediante un certificado bancario onde se recollan as cotas mensuais do préstamos correspondentes ao período subvencionado. No suposto de que se cancelase a totalidade do préstamo, sendo o seu importe inferior ao da axuda concedida, a xustificación do pagamento das novas mensualidades de renda ata acadar o total da axuda concedida farase mediante a presentación da documentación sinalada no punto 1 deste ordinal.

3. Estas xustificacións realizaranse utilizando o modelo normalizado para a achega de documentación xustificativa dispoñible na Carpeta cidadá e poderán presentarse, ben electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ben presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Esta xustificación deberá presentarse dentro dos dez (10) primeiros días naturais do mes seguinte ao da finalización do período subvencionado.

5. No suposto de que a persoa beneficiaria deixe de estar en situación de vulnerabilidade, deberá comunicar esta circunstancia á Dirección Técnica de Fomento do IGVS no prazo de dez (10) días naturais desde a data na que se produza esta circunstancia e deberá achegar unha declaración responsable da desaparición da situación de vulnerabilidade e a documentación xustificativa enunciada nos puntos 1 e 2, segundo proceda.

Vixésimo quinto. Cambio de domicilio

1. Se durante a vixencia da concesión desta axuda, a persoa beneficiaria cambia o seu domicilio dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e subscribe un novo contrato de alugamento de vivenda, quedará obrigada a comunicar o dito cambio á Dirección Técnica de Fomento do IGVS. A comunicación deberá facerse no prazo máximo de cinco (5) días, contados desde a sinatura do novo contrato de alugamento e deberá achegar o citado contrato, con indicación expresa da súa referencia catastral e do medio e forma de pagamento á persoa arrendadora, xunto co certificado de empadroamento colectivo de toda a unidade familiar na vivenda obxecto do novo contrato,

2. O cambio de domicilio non suporá a perda do dereito á subvención, sempre que co novo alugamento se cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

3. O importe da subvención axustarase á contía do novo contrato de alugamento, sen que en ningún caso poida recibir máis subvención da que viña percibindo.

Vixésimo sexto. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias, ademais das recollidas na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, terán as seguintes obrigas:

1. Comunicarlle ao IGVS calquera modificación das condicións e requisitos que motivaron o recoñecemento da axuda.

2. Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións e as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e/ou o destino da subvención concedida.

3. Estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboen as subvencións.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

5. As demais obrigas que se derivan desta resolución.

Vixésimo sétimo. Perda e reintegro da subvención

1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.

b) A falta de xustificación da subvención ou a falsidade no pagamento das rendas á persoa arrendadora da vivenda e a resolución do contrato de alugamento.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 xuño.

4. De acordo co establecido no artigo 7 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, as persoas que se beneficiaran destas axudas sen reunir os requisitos previstos no artigo 5 do citado real decreto lei, serán responsables dos danos e perdas que se puidesen producir, así como de todos os gastos xerados pola aplicación destas medidas excepcionais, sen prexuízo das responsabilidades doutra orde á que a súa conduta puider dar lugar. O importe dos danos e perdas non poderá ser inferior ao beneficio indebidamente obtido pola persoa arrendataria pola aplicación da norma, a cal incorrerá en responsabilidade, tamén, nos casos nos que, voluntaria e deliberadamente, busque situarse ou manterse nos supostos de vulnerabilidade económica coa finalidade de obter a aplicación das medidas reguladas polo real decreto lei.

Vixésimo oitavo. Compatibilidade da axuda

1. A axuda deste programa, con independencia de que se teña subscrito ou non un préstamo mediante as axudas transitorias de financiamento reguladas no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, é compatible con calquera outra axuda ao alugamento que viñese percibindo a persoa arrendataria, incluso se for con cargo ao propio Plan 2018-2021, sempre e cando o total das axudas non supere o 100 % do importe do alugueiro do mesmo período.

Especificamente, a axuda deste programa é incompatible coas axudas dos programa do bono de alugueiro social e do programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que viñera percibindo a persoa arrendataria para o mesmo perídodo, nas que o importe das axudas acada o 100 % do importe do alugueiro.

No caso de superar o 100 % do importe do alugueiro, se a axuda correspondente a este programa fose concedida, reducirase na contía necesaria ata cumprir co dito límite.

III. Convocatoria da anualidade 2021

Vixésimo noveno. Obxecto

A convocatoria para a anualidade 2021 para solicitar as subvencións do programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social da COVID-19 nos alugueiros de vivenda habitual rexerase polo establecido nesta resolución e demais normativa de aplicación.

Trixésimo. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2021, por un importe de 2.000.000 euros.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, e producirá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Trixésimo primeiro. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 30 de setembro de 2021 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Trixésimo segundo. Valor do IPREM para a concesión das axudas

O IPREM que se terá en conta para a concesión destas axudas será o correspondente ao ano 2021.

Trixésimo terceiro. Retroactividade das axudas

1. De conformidade co punto 2 do ordinal décimo segundo das bases reguladoras, as axudas recoñeceranse desde o 1 de xaneiro de 2021, sempre que o correspondente contrato de alugamento estivese vixente nesa data e se tivesen xustificado debidamente o pagamento das mensualidades anteriores, conforme o ordinal décimo cuarto, punto 1.m).

2. En ningún caso se concederán axudas que excedan a anualidade 2021.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file