Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 6 de abril de 2021 Páx. 17984

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol

EDICTO (191/2020).

Eu, María del Carmen Fernández Matas, letrada da Administración de xustiza do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol, polo presente anuncio:

No presente procedemento seguido por instancia de Santander Consumer E.F.C., S.A. fronte a Roberto Carrilero Echarte ditouse sentenza, cuxo encabezamento e resolución son do teor literal seguinte:

«Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol

Sentenza: 113/2020

Xuízo verbal 191/2020

Sobre outros verbal

Demandante: Santander Consumer E.F.C., S.A.

Procuradora: Silvia Malagón Loyo

Avogado: Gonzalo Arturo Durán Rodríguez

Demandado: Roberto Carrilero Echarte

Sentenza.

En Ferrol o 26 de outubro de 2020.

Vistos por Berta Vidal Gallego, maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol, os presentes autos de xuízo verbal número 191/2020, seguidos ante este xulgado, en que son partes, como demandante, a entidade Santander Consumer E.F.C., S.A., representada pola procuradora Silvia Malagón Loyo e asistida do letrado Gonzalo Durán Rodríguez-Hervada, e como demandado, Roberto Carrilero Echarte, en situación procesual de rebeldía, sobre reclamación de cantidade por incumprimento contractual, procédese, en nome do rei, a ditar a presente sentenza.

Resolución.

Estímase integramente a demanda formulada pola procuradora Sra. Malagón Loyo, en representación da entidade Santander Consumer E.F.C., S.A., contra Roberto Carrilero Echarte, en situación procesual de rebeldía, e condénase o demandado a aboar á demandante a suma de 3.806,15 euros de principal, máis os xuros previstos no artigo 1.108 do Código civil desde a data de interposición da demanda (19.2.2020) ata a desta sentenza, devindicándose a partir desta data os xuros previstos no artigo 576 da Lei de axuizamento civil ata o completo pagamento, con imposición das custas do presente procedemento á parte demandada.

Notifíquese a presente sentenza ás partes, facéndolles saber que a resolución non é firme e contra ela cabe interpoñer recurso de apelación no prazo de vinte días contados a partir do seguinte ao da súa notificación.

Por exixilo así a disposición adicional décimo quinta da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, a interposición do recurso contra esta resolución exixe a constitución do depósito de 50 euros mediante ingreso en efectivo, en calquera sucursal de Banco Santander, na conta de depósitos e consignacións deste órgano xudicial, expediente 4797-0000 03 0191/20. O depósito da expresada suma deberá ser acreditado ao interpoñer o recurso, a cuxo escrito se achegará copia do xustificante ou da orde de ingreso, sen cuxo requisito non será admitido a trámite. Están exceptuados da obriga de constituír o depósito os que teñan recoñecido no procedemento o dereito de asistencia xurídica gratuíta.

Así, por esta miña sentenza, definitivamente xulgando, pronúncioo, mándoo e asínoo.

A maxistrada».

A difusión do texto desta resolución a partes non interesadas no proceso en que foi ditada só poderá levarse a cabo logo de disociación dos datos de carácter persoal que este contivese e con pleno respecto ao dereito á intimidade, aos dereitos das persoas que requiran un especial deber de tutelar ou á garantía do anonimato das vítimas ou prexudicados, cando proceda.

Os datos persoais incluídos nesta resolución non poderán ser cedidos nin comunicados con fins contrarios ás leis.

E encontrándose o devandito demandado, Roberto Carrilero Echarte, en paradoiro descoñecido, expídese o presente edicto co fin de que lle sirva de notificación en forma a este.

Ferrol, 26 de outubro de 2020

A letrada da Administración de xustiza