Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Mércores, 28 de abril de 2021 Páx. 21169

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 20 de abril de 2021 pola que se modifica a Orde do 15 de xaneiro de 2021 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

A Orde do 15 de xaneiro de 2021 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro) regula, entre outras cuestións, o prazo para a presentación da solicitude única. En concreto, o seu artigo 10.3 prevé con carácter xeral que o prazo de presentación da solicitude única, para o ano 2021, se iniciará o 1 de febreiro e finalizará o día 30 de abril, ambos incluídos. Así mesmo, o artigo 13, parágrafo 1 desta norma regula o prazo de modificación da solicitude única e, para tal efecto, dispón que, unha vez finalizado o prazo para a presentación da solicitude única, as persoas solicitantes poderán presentar solicitudes de modificación ata o 31 de maio.

Estes prazos adecúanse ao disposto no Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda. Este real decreto regula, con carácter de normativa básica, o prazo de presentación da solicitude única e da súa modificación.

Nesta campaña 2021, a pandemia internacional do virus da COVID-19 segue afectando todo o territorio nacional e, por tanto, esta comunidade autónoma, e manténdose unha serie de restricións temporais, que teñen impacto no proceso de presentación da solicitude única.

Co obxecto facilitar o máximo posible a presentación de solicitudes ás persoas interesadas, máxime tendo en conta as dificultades económicas por que atravesan os diversos sectores da actividade, e co obxecto de promover en particular a mellora do sector agrícola, considérase preciso flexibilizar o prazo de presentación da solicitude única mediante a súa ampliación ata o día 15 de maio de 2021 e tamén o da súa modificación ata o día 15 de xuño do mesmo ano.

Neste sentido, os artigos 95 e 96 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, facultan as comunidades autónomas para ampliaren os ditos prazos de presentación da solicitude única e da súa modificación no seu ámbito territorial, de maneira debidamente motivada.

A maior abastanza, o día 29 de marzo de 2021 publicouse no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE) o Regulamento de execución (UE) 2021/540 da Comisión, polo que se modifica o Regulamento de execución (UE) 809/2014 no que atinxe a determinadas obrigas de notificación, controis sobre o terreo das solicitudes de axuda por gando e solicitudes de pagamento no marcos das medidas de axuda relacionadas cos animais, así como a presentación da solicitude única, as solicitudes de axuda ou as solicitudes de pagamento.

No considerando 3 deste regulamento europeo a Comisión Europea indica que a experiencia demostrou que os Estados membros deben dispoñer de maior flexibilidade na fixación das datas límite para a presentación da solicitude única, as solicitudes de axuda ou as solicitudes de pagamento a que se refire o artigo 13, número 1, do Regulamento de execución (UE) 809/2014, co fin de ter en conta máis adecuadamente as súas circunstancias específicas e, en particular, as cambiantes condicións climáticas e meteorolóxicas.

A seguir o artigo 1.3 do Regulamento 2021/540 suprime as frases segunda e terceira do artigo 13.1, parágrafo primeiro do Regulamento 809/2014. Precisamente as frases que se suprimen son as que estipulaban as concretas datas límite de presentación das solicitudes, polo que na actualidade, segundo a regulación vixente citada, se facultan os Estados membros para fixaren as datas límite de presentación da solicitude única coa única limitación de ter en conta o prazo necesario para a obtención de todos os datos pertinentes para unha correcta xestión administrativa e financeira da axuda e garantir a programación de controis eficaces.

Tendo en consideración as circunstancias actuais e a normativa publicada, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación está planeando a tramitación dun novo proxecto de orde de modificación dos prazos de presentación e modificación da solicitude única, establecidos nos artigos 95 e 96 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro. Neste proxecto saliéntase o obxectivo de facilitar o máximo posible a presentación da solicitude da política agrícola común do ano 2021, ante a excepcionalidade das medidas decretadas para a xestión da situación de crise sanitaria, así como evitar desigualdade de trato aos agricultores en función da comunidade autónoma que xestione a solicitude única e diferenzas na xestión dos requisitos de admisibilidade, dados todos os fitos e prazos relacionados con estas datas.

A Comunidade Autónoma de Galicia xa comunicou ao Fondo Español de Garantía Agraria a súa vontade de modificar a data límite de presentación da solicitude única ata o día 15 de maio de 2021, de forma que se flexibilice a data de presentación sen mingua da xestión.

Por outra banda, unha vez que entrou en vigor a Orde do 15 de xaneiro de 2021, que se modifica mediante esta norma, detectouse que no anexo III, relativo a «zonas de concentración parcelaria en que se empregarán obrigatoriamente referencias identificativas correspondentes a planos de concentración», faltaba incluír dúas zonas, polo que se engaden a través desta modificación, para que o anexo III quede completo.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confiren a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 15 de xaneiro de 2021 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control

A Orde do 15 de xaneiro de 2021 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control queda modificada como segue:

Primeiro. O número 3 do artigo 10 queda redactado do seguinte modo:

«3. O prazo de presentación da solicitude única, para o ano 2021, iníciase o 1 de febreiro e finalizará o día 15 de maio, ambos incluídos, agás o previsto no número seguinte».

Segundo. O número 1 do artigo 13 queda redactado do seguinte modo:

«1. Unha vez finalizado o prazo para a presentación da solicitude única, as persoas solicitantes poderán presentar solicitudes de modificación ata o 15 de xuño incluído».

Terceiro. No anexo III, relativo a «zonas de concentración parcelaria en que se empregarán obrigatoriamente referencias identificativas correspondentes a planos de concentración» deben engadirse as seguintes zonas ás xa incluídas:

Provincia

Concello

Código zona

Nome da zona

15

A Coruña

80

Santiso

7

Visantoña

27

Lugo

46

Pol

1

Santo Estevo

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2021

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural