Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 30 de abril de 2021 Páx. 21575

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 29 de abril de 2021 pola que se establecen as condicións dunha emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de cento cincuenta millóns de euros.

Con base no artigo 37.3 da Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, autorízase a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública para formalizar operacións de endebedamento mediante a emisión de débeda pública, a concertación de créditos ou calquera outro instrumento financeiro dispoñible no mercado.

Así mesmo, no artigo 33 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a Comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, ao cal lle corresponderá, así mesmo, autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes non fosen determinados pola súa lei de creación. A dita facultade correspóndelle na actualidade ao conselleiro de Facenda e Administración Pública en virtude do Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 11/2021, do 21 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Mediante o Acordo do Consello de Ministros, do 2 de marzo de 2021, outorgouse a autorización establecida no artigo 14.3 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas. Así mesmo, mediante a Resolución do director xeral do Tesouro e Política Financeira, concedéuselle autorización específica da Secretaría Xeral do Tesouro e Financiamento Internacional para cumprir o establecido na Resolución do 4 de xullo de 2017, de prudencia financeira.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único

Autorízase un novo tramo (tramo 4), por un importe nominal de cento cincuenta (150) millóns de euros, da emisión de débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia (a emisora) por un importe nominal de 25 millóns de euros, emitida o 12 de decembro de 2019, cun xuro do 0 %, prezo da emisión do 100,15 % e amortización dunha soa vez á par na data de vencemento, 12 de decembro de 2022 (código ISIN ES0001352568).

A data de amortización, así como o tipo de xuro nominal e demais condicións deste novo tramo da emisión de débeda pública que autoriza esta orde, serán as mesmas que se estableceron na Orde do 10 de decembro de 2019 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigas da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 25.000.000,00 euros (Diario Oficial de Galicia núm. 236, do 12 de decembro), coas seguintes excepcións:

Importe nominal da emisión: cento cincuenta (150) millóns de euros.

Data de emisión e desembolso: 30 de abril de 2021.

Prezo de emisión por obrigación: 100,613 % do importe nominal de cada obrigación.

Entidade colocadora: Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S.A.

Disposición final

Esta orde terá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2021

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública