Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 30 de abril de 2021 Páx. 21762

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 28 de abril de 2021 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes no procedemento de integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia (código de procedemento AP100A) do persoal laboral fixo da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia procedente do suprimido Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable, convocado mediante Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 5 de abril de 2021 (Diario Oficial de Galicia número 67, do 12 de abril).

Por Orde do 5 de abril de 2021 (DOG núm. 67, do 12 de abril) regulouse o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia procedente do suprimido Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable. No artigo 2.1 establécese que o prazo de presentación de solicitudes é de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia, o que se produciu o día 12 de abril de 2021.

O artigo 32.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece a posibilidade de que a Administración poida conceder, de oficio ou por petición dos interesados, unha ampliación dos prazos establecidos que non exceda da metade destes, se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiro.

De acordo co anterior, tendo en conta que se está a tramitar unha modificación da relación de postos de traballo da axencia para adaptala á nova situación derivada da supresión do Cixtec, circunstancia alegada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia na súa solicitude, enténdese que concorren circunstancias suficientes que aconsellan ampliar o prazo de presentación de solicitudes para a integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia procedente do suprimido Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable. Esta prórroga garantirá que o persoal afectado dispoña da máxima información de cara a presentar as solicitudes de integración.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, esta Consellería de Facenda e Administración Pública,

ACORDA:

Artigo único. Modificación do prazo fixado no artigo 2 da Orde de 5 de abril de 2021 pola que se regula o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia procedente do suprimido Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (código de procedemento AP100A).

Ampliar o prazo para presentar solicitudes para a integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia procedente do suprimido Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable ata o 13 de maio de 2021.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2021

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública