Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 14 de maio de 2021 Páx. 23901

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se convocan probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2021/22.

A Lei 3/2020, do 29 de decembro, no número 2 da súa disposición derradeira quinta sobre o calendario de implantación, establece que as modificacións introducidas nas condicións de acceso ás diferentes ensinanzas reguladas nesa lei orgánica se implantarán ao inicio do curso seguinte da entrada en vigor desta lei. Así mesmo, no seu punto corenta e oito, modifícase o artigo 64 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no referente á organización e aos requisitos de acceso ás ensinanzas deportivas.

O Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial, no seu artigo 30.1 establece que as probas de carácter específico para o acceso aos ciclos de ensinanzas deportivas serán organizadas e controladas polas administracións educativas. Igualmente, nas súas disposicións transitorias segunda e terceira preceptúa a vixencia temporal das ensinanzas establecidas ao abeiro do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, e das normas de desenvolvemento previstas nel.

A Orde do 24 de marzo de 2003, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, regula no ámbito de Galicia as probas de madureza e as de carácter específico para acceder ás ensinanzas deportivas conducentes ás titulacións establecidas polo Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro.

O capítulo II da Orde ECD/158/2014, do 5 de febreiro, pola que se regulan os aspectos curriculares, os requisitos xerais e os efectos das actividades de formación deportiva, aos cales se refire a disposición transitoria primeira do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, establece os requisitos de acceso xerais, específicos e para deportistas de alto nivel, alto rendemento e persoas con discapacidade.

O Decreto 89/2013, do 13 de xuño, polo que se fixan os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención dos títulos oficiais nas ensinanzas de música e artes escénicas, de idiomas, deportivas, de conservación e restauración de bens culturais e nos estudos superiores de deseño, establece, por primeira vez, os prezos públicos que serán de aplicación para as ensinanzas deportivas.

Por todo o exposto, esta secretaría xeral, en virtude das atribucións que lle son conferidas polo Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, resolve convocar as probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2021/22 que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeira. Condicións das persoas aspirantes

1. Terá acceso ao grao medio das ensinanzas deportivas o alumnado que cumpra calquera dos seguintes requisitos:

a) Para o acceso ao ciclo inicial ou primeiro nivel de grao medio, dispor do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, na opción de ensinanzas académicas ou na de ensinanzas aplicadas, ou equivalente para os efectos académicos, e superar unha proba de carácter específico ou acreditar un mérito deportivo. Para o acceso ao ciclo final ou segundo nivel de grao medio, ter superados os estudos do ciclo inicial ou primeiro nivel na correspondente modalidade ou especialidade deportiva, e poderase requirir a superación dunha proba de carácter específico ou acreditar un mérito deportivo.

b) O alumnado que non dispoña do título de graduado en educación secundaria, ou equivalente para os efectos académicos, deberá ter 17 anos e superar unha proba de acceso substitutiva do requisito de titulación (en diante, proba de madureza de grao medio) que se establece no anexo I desta resolución, ademais de cumprir os outros requisitos de carácter xeral e específico establecidos. A idade mínima establecida deberase cumprir dentro do ano natural de realización das probas.

c) A superación da devandita proba de madureza de grao medio dará tamén acceso ás actividades de formación deportiva de nivel I a que se refire a Orde ECD/158/2014, cos requisitos regulados nela.

d) A proba de madureza de grao medio poderase substituír pola superación dalgunha das seguintes probas:

1º. Proba de acceso a ciclos formativos de grao medio de formación profesional.

2º. Parte común da proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior de formación profesional.

3º. Proba de madureza de acceso aos ciclos formativos de grao medio de artes plásticas e deseño.

4º. Proba de madureza de acceso aos ciclos formativos de grao superior de artes plásticas e deseño.

5º. Proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

6º. Proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas artísticas superiores.

2. Terá acceso ao grao superior das ensinanzas deportivas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Dispor do título de técnico deportivo na correspondente modalidade ou especialidade deportiva, e poderase requirir, ademais, a superación dunha proba de carácter específico, acreditar un mérito deportivo ou cumprir cos requisitos relativos á experiencia deportiva que se poidan establecer na especialidade ou modalidade correspondente, e ter, cando menos, algún dos seguintes títulos, ou outro declarado equivalente para os efectos académicos:

1º. Bacharelato.

2º. Título de técnico superior.

3º. Título universitario.

b) O alumnado que non posúa o título de bacharelato, ou outro declarado equivalente para os efectos académicos, ou algún dos títulos establecidos na alínea anterior, deberá ter 19 anos e superar unha proba de acceso substitutiva do requisito de titulación (en diante, proba de madureza de grao superior) que se establece no anexo II desta resolución. A idade mínima establecida deberase cumprir dentro do ano natural da realización das probas.

c) A superación da proba de madureza de grao superior dará tamén acceso ás actividades de formación deportiva de nivel III ás cales se refire a Orde ECD/158/2014, cos requisitos regulados nela.

d) A proba de madureza de grao superior poderase substituír pola superación dalgunha das seguintes probas:

1º. Parte común da proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior de formación profesional.

2º. Proba de madureza de acceso aos ciclos formativos de grao superior de artes plásticas e deseño.

3º. Proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

4º. Proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas artísticas superiores.

Segunda. Acceso para aspirantes con discapacidade

1. De acordo co establecido na disposición adicional terceira do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, os/as aspirantes ao acceso e á admisión ás ensinanzas deportivas que presenten algunha discapacidade poderán requirir a adaptación que corresponda para a realización das probas de acceso ás devanditas ensinanzas.

2. Para tal efecto, os/as aspirantes con algunha discapacidade farano constar na epígrafe correspondente no formulario de inscrición e deberán presentar, xunto coa súa inscrición no procedemento de acceso e admisión ás ensinanzas deportivas, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e das condicións de realización da proba de acceso da modalidade deportiva que corresponda.

3. Co obxecto de garantir a eficacia da formación e o posterior exercicio das competencias profesionais inherentes ao título, o tribunal avaliará o grao de discapacidade e as limitacións que comporte para poder cursar con aproveitamento as ensinanzas e, de ser o caso, adaptará os requisitos e as probas de acceso que deban superar as persoas aspirantes que, en todo caso, deberán respectar o esencial dos obxectivos xerais establecidos para o ciclo de ensino da modalidade ou especialidade deportiva correspondente.

4. O tribunal poderá solicitar o asesoramento de persoas especialistas para elaborar un informe que lle permita ao tribunal valorar se o grao de discapacidade e as limitacións que comporta posibilita cursar con aproveitamento e seguridade as ensinanzas, e acadar as competencias correspondentes ao ciclo de que se trate e exercer a súa profesión.

5. Cando nas observacións das listaxes provisional e definitiva de inscritos aparezan as siglas PAC, significa «proba adaptada concedida».

Terceira. Validez das probas

1. De conformidade co artigo 32 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial, a superación da proba de madureza para o acceso ao grao medio e ao grao superior terá validez en todo o territorio nacional.

2. A certificación de superación da proba de acceso de carácter específico terá validez en todo o territorio nacional. A duración da validez está definida no correspondente real decreto que establece o título e as ensinanzas mínimas.

Cuarta. Tribunal

1. De acordo co establecido no artigo 31 da Orde 1363/2007, do 24 de outubro, para a organización, realización, avaliación e cualificación das probas de madureza de grao medio e de grao superior, constituirase o tribunal que figura no anexo III desta resolución.

2. Os tribunais encargados das probas específicas constituiranse de acordo co descrito nos respectivos decretos polos cales se establecen os currículos das modalidades ou especialidades correspondentes, tal e como figuran no anexo IV desta resolución.

Quinta. Lugar, prazo e forma de presentación das solicitudes

1. A inscrición para realizar as probas farase nas secretarías dos centros que se relacionan no anexo V, preferentemente na secretaría dos centros públicos onde se vaian a realizar as probas de carácter específico.

2. O prazo de inscrición será o comprendido entre o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e o día 2 de xullo de 2021. Para tal fin, os centros docentes deberán expor nos seus taboleiros de anuncios o seguinte:

a) Normativa reguladora do procedemento de inscrición nas probas de acceso ás ensinanzas deportivas.

b) Calendario de publicación da listaxe provisional e definitiva de solicitudes admitidas e excluídas, así como dos prazos para presentar reclamacións.

c) Calendario e procedemento para formalizar a matrícula.

3. Os centros facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo de solicitude de inscrición para a realización das probas.

4. Ao modelo xuntarase a documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:

a) Copia do DNI, NIE ou pasaporte da persoa solicitante.

b) Orixinal da solicitude de inscrición conforme o modelo facilitado polo centro.

c) Xustificante do aboamento dos prezos públicos segundo o Decreto 89/2013, do 13 de xuño (DOG do 17 de xuño), salvo no caso de estar exento/a do pagamento.

d) En caso de bonificación ou exención no pagamento do prezo público, documento que o acredite.

e) Certificación académica en que conste o expediente académico e/ou depósito dalgún dos seguintes títulos:

1º. Título de graduado na ESO ou de bacharelato (ou declarado equivalente para os efectos académicos), ou certificación académica en que figure ter realizado o depósito do correspondente título.

2º. Título de técnico superior.

3º. Título universitario.

f) Certificado de estudos do ciclo formativo en que figuren as cualificacións das materias cursadas e ter realizado o depósito do correspondente título.

g) Certificado de superación da proba de madureza, de grao medio ou superior, de acceso ás ensinanzas deportivas.

h) Certificado de superación da proba substitutiva de titulación para acceder aos ciclos formativos de grao medio ou superior de artes plásticas e deseño.

i) Certificado de superación da proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio ou superior (parte común) de formación profesional.

j) Certificado de superación da proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

k) Certificado de superación da proba substitutiva de titulación para acceder ás ensinanzas artísticas superiores.

l) Resolución do órgano competente en materia de deporte pola que se acredita a consideración de deportista de alto nivel ou de alto rendemento.

m) Certificado de méritos deportivos expedido pola federación española ou autonómica correspondente.

n) Volante de inscrición condicional (só para titulacións obtidas no estranxeiro).

ñ) Certificado do recoñecemento do grao de discapacidade.

5. As persoas solicitantes da exención da realización da proba de madureza por ter superado totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos, segundo o establecido no punto décimo da Orde do 24 de marzo de 2003, xuntarán o certificado correspondente onde conste a opción efectuada e a puntuación conseguida. A resolución sobre a exención correspóndelle ao tribunal avaliador.

6. No caso de alegaren titulacións obtidas no estranxeiro, achegarase o volante de inscrición condicional, segundo o modelo recollido como anexo II na Orde ECD/3305/2002, do 16 de decembro, pola que se modifican as do 14 de marzo de 1988 e do 30 de abril de 1996, para a aplicación do disposto no Real decreto 104/1988, do 29 de xaneiro, sobre homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros de educación non universitaria (BOE do 28 de decembro).

7. As persoas solicitantes que deban realizar a proba de madureza farano constar na epígrafe correspondente no formulario de inscrición. No caso de non superar a devandita proba, non serán admitidas na proba de carácter específico.

8. Aquelas persoas que teñan pendente algunha materia de bacharelato ou ESO poderanse presentar á proba de acceso de carácter específico sempre e cando acrediten no prazo de matrícula, no mes de setembro, a superación da materia ou materias pendentes. En calquera caso, poderanse presentar á proba de madureza.

Sexta. Exención da realización da proba específica de acceso

1. As persoas solicitantes que aleguen mérito deportivo, substitutivo da realización da proba específica, no caso da modalidade de baloncesto, así como aquelas persoas que soliciten a exención de realización da proba específica noutras modalidades, farano constar na epígrafe correspondente no formulario de inscrición e presentarán coa solicitude os documentos acreditativos establecidos nela da correspondente modalidade ou especialidade, tendo en conta os requisitos e período de validez de dita condición establecidos na normativa en vigor. A valoración dos méritos e resolución sobre a substitución da proba específica ou exención correspóndelle ao tribunal avaliador. As condicións para solicitar a exención nas distintas modalidades deportivas pódense consultar na seguinte ligazón do portal educativo:

http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/taboa_requisitos_de_acceso_especificos_e_motivos_de_exencion210618.pdf

2. Ademais, poderán ser obxecto de exención da realización da proba específica de acceso en cada unha das modalidades de ensino deportivo implantadas na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo coa súa normativa aquelas persoas que acrediten, con carácter xeral, a condición de deportista de alto nivel ou deportista de alto rendemento nas condicións que establece o Real decreto 971/2007, do 3 de xullo, sobre deportistas de alto nivel e alto rendemento, así como quen acredite algunha das condicións definidas no real decreto que establece o título para a modalidade deportiva correspondente, tendo en conta os requisitos e o período de validez de dita condición establecidos na normativa en vigor. Pódense consultar ditas condicións na ligazón do apartado anterior.

3. O procedemento de solicitude de exención require a inscrición correspondente nas probas de carácter específico obxecto desta convocatoria, así como o pagamento dos prezos públicos correspondentes de acordo co establecido no Decreto 89/2013, do 13 de xuño. Xunto coa solicitude de exención da realización da proba de carácter específico deberase achegar a documentación acreditativa que corresponda, e será o tribunal avaliador nomeado para cualificar a dita proba quen valore esa documentación e determine a exención da proba á persoa solicitante.

4. Na modalidade de baloncesto, aquelas persoas que acrediten o mérito deportivo, substitutivo da realización da proba específica, definido de acordo co real decreto que establece o título na correspondente modalidade deportiva, non terán que realizar o pagamento dos prezos públicos correspondentes.

Sétima. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e Universidade, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme á normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Oitava. Publicación das listaxes de inscrición

1. Concluído o prazo de presentación de solicitudes, o día 6 de xullo de 2021, os centros onde se realice a inscrición enviarán ao Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente, a través do correo electrónico xsereap@edu.xunta.gal, a relación de persoas inscritas para realizar as probas de acceso, na cal deberá constar expresamente o cumprimento na presentación da documentación necesaria, así como as persoas que alegan mérito deportivo, as que solicitan exención das probas ou adaptación destas por ter algunha discapacidade.

2. As solicitudes que aleguen mérito deportivo, soliciten exención ou adaptación de probas, xunto coa documentación achegada, serán obxecto de valoración por parte do tribunal avaliador; para tal efecto, as ditas solicitudes serán enviadas polos centros ao/á presidente/a do tribunal da proba correspondente o día seguinte ao do remate do prazo de inscrición en formato pdf.

3. A relación provisional de persoas inscritas será exposta o día 8 de xullo nos taboleiros de anuncios dos centros onde se realizase a inscrición, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade http://www.edu.xunta.gal, indicando expresamente as persoas con méritos deportivos (na modalidade de baloncesto), as declaradas exentas de realizar a proba específica na modalidade correspondente, as persoas con probas adaptadas (coas siglas PAC), así como as persoas excluídas nestas probas e os motivos da súa exclusión.

4. Poderanse presentar alegacións ás listaxes provisionais a través das secretarías dos centros nos cales se presentou a solicitude ata o día 12 de xullo. Unha vez resoltas ditas alegacións, os centros enviarán ao Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente, a través do enderezo electrónico xsereap@edu.xunta.gal, a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas.

5. A relación definitiva de persoas inscritas será exposta o día 15 de xullo nos taboleiros de anuncios dos centros onde se realizase a inscrición, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade http://www.edu.xunta.gal.

Novena. Lugar, datas e desenvolvemento das probas de acceso

1. As probas de madureza de grao medio e grao superior para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación terán lugar o día 7 de setembro das 9.00 ás 13.00 horas no IES As Fontiñas, de Santiago de Compostela, segundo o establecido nos anexos I e II desta resolución.

2. As probas de acceso de grao medio de carácter específico, para cada unha das modalidades deportivas, realizaranse:

a) Na modalidade de fútbol sala terá lugar no IES As Lagoas en Ourense, o día 8 de setembro, ás 10.00 horas.

b) Na modalidade de fútbol terá lugar no IES Universidade Laboral en Culleredo, o día 9 de setembro, ás 10.00 horas, e no IES Sánchez Cantón en Pontevedra (instalación A Xunqueira), o día 13 de setembro, ás 11.00 horas. As persoas aspirantes só poderán realizar as probas no centro en que formalizaron a inscrición.

c) Na modalidade de balonmán terá lugar no IES Sánchez Cantón en Pontevedra (instalación A Xunqueira), o día 13 de setembro, ás 10.00 horas.

d) Na modalidade de baloncesto terá lugar no IES Fermín Bouza Brey en Vilagarcía de Arousa, o día 14 de setembro, ás 10.00 horas.

e) Na modalidade de vela terá lugar nas instalacións do Centro Galego de Vela en Vilagarcía de Arousa, o día 14 de setembro, ás 11.30 horas; poden variar a data e/ou a hora do exame no caso de non darse as condicións meteorolóxicas establecidas no anexo VIII do Decreto 135/2012, do 31 de maio (DOG do 20 de xuño), polo que se establece o currículo das ensinanzas de técnico deportivo en vela con aparello fixo e técnico deportivo en vela con aparello libre.

f) Na modalidade de atletismo terá lugar no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes en Lugo, o día 15 de setembro, ás 10.00 horas.

3. Calquera posible variación sobre este calendario requirirá autorización expresa da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, por ser o centro directivo habilitado para coordinar estas probas e os seus criterios de avaliación.

4. Con carácter excepcional, a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional poderá convocar unha proba de carácter específico para aquelas persoas inscritas que por motivos debidamente xustificados, tales como lesións, non puideron realizar a proba nas datas fixadas nesta resolución.

5. Non se convocan probas de acceso de grao superior de carácter específico para ningunha modalidade deportiva.

Décima. Reclamacións e recursos ás probas específicas de acceso

1. Contra as cualificacións provisionais das probas de acceso poderase presentar reclamación motivada ante o/a presidente/a do tribunal durante os dous días hábiles seguintes ao da súa publicación, que resolverá o que proceda nos tres días hábiles seguintes.

2. Contra as resolucións das reclamacións emitidas polo/a presidente/a do tribunal, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada no prazo dun mes, ante a xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade correspondente segundo o ámbito provincial en que se ditase a resolución impugnada, no prazo máximo dun mes dende a súa publicación, de acordo co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A resolución deste recurso porá fin á vía administrativa.

Décimo primeira. Certificación da superación das probas

1. Unha vez publicada a listaxe definitiva de persoas aspirantes que superaron a proba de madureza, de grao medio ou superior, o/a presidente/a do tribunal emitirá os correspondentes certificados de superación da dita proba, que poderán ser recollidos na secretaría do centro onde as persoas aspirantes realizaron a proba. Os certificados que non foran recollidos no prazo dun mes, o Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente remitirallos aos centros onde as persoas aspirantes realizaron a inscrición.

2. Unha vez publicada a listaxe definitiva de persoas aspirantes que superaron a proba de carácter específico de acceso a cada unha das ensinanzas deportivas, o/a presidente/a do tribunal emitirá os correspondentes certificados de superación da dita proba, que poderán ser recollidos nas secretarías dos centros onde as persoas aspirantes realizaron a proba.

Décimo segunda. Admisión e matrícula

1. No relativo aos criterios de admisión nos centros sostidos con fondos públicos cando o número de persoas aspirantes supere o número de prazas ofertadas, aplicarase o disposto polo Real decreto 1363/2007, no seu artigo 34. As persoas interesadas deberán achegar a documentación necesaria para resolver o devandito proceso de admisión.

2. Para a modalidade de vela ofertado no IES Fermín Bouza Brey, o número de prazas para cursar o ciclo inicial de grao medio de técnico deportivo en vela con aparello fixo será de 12.

3. O prazo de matrícula das persoas aspirantes que superen o citado proceso de admisión a cada unha das ensinanzas deportivas abranguerá desde a data da publicación de persoas admitidas ata o 24 de setembro.

4. Para a formalización das solicitudes de matrícula, os centros públicos facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única solicitude na secretaría do centro en que se vaian a cursar as ensinanzas, que se xuntará á documentación xa presentada. As persoas interesadas deberán achegar a documentación que non fose presentada coa solicitude de inscrición nas probas de acceso, ou outra que lles sexa requirida, así como aboar os prezos públicos correspondentes en concepto de matrícula.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2021

José Luis Mira Lema
Secretario xeral de Educación e Formación Profesional

ANEXO I

Proba de madureza de ciclo de grao medio para os/as aspirantes
que non cumpran o requisito de titulación de ESO para acceder
ás ensinanzas deportivas

1. Para o acceso ás ensinanzas deportivas de grao medio tomarase como referencia os vixentes currículos oficiais da educación secundaria obrigatoria (Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia) e valoraranse os coñecementos e as habilidades suficientes para cursar con aproveitamento os novos estudos.

2. A proba de madureza constará das seguintes partes:

a) Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre lingua galega a partir dun texto escrito.

b) Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre lingua castelá a partir dun texto escrito.

c) Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen referidas a contidos socioculturais (xeografía e historia).

d) Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen referidas a contidos científico-tecnolóxicos (matemáticas, ciencias da natureza e tecnoloxía).

Nestes exercicios valoraranse a madureza e o nivel de coñecementos sobre estas áreas propias do currículo da educación secundaria obrigatoria. Cumprirá seleccionar tres das devanditas materias e desenvolver por escrito os exercicios que se propoñan para cada unha das tres elixidas.

ANEXO II

Proba de madureza de ciclo de grao superior para os/as aspirantes
que non cumpran o requisito de titulación de bacharelato para acceder
ás ensinanzas deportivas

1. Para o acceso ás ensinanzas deportivas de grao superior tomaranse como referencia os vixentes currículos oficiais do bacharelato (Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia) e valoraranse os coñecementos e o grado de madureza en relación cos obxectivos do bacharelato, así como a correcta comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e síntese.

2. A proba de madureza constará das seguintes partes:

a) Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre lingua galega e literatura.

b) Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre lingua castelá e literatura.

c) Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre lingua estranxeira (inglés/francés).

d) Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre historia de España.

e) Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre filosofía.

Cumprirá seleccionar tres das ditas materias e desenvolver por escrito os exercicios que se propoñan para cada unha das tres elixidas (igual ca o punto anterior).

Neste exercicio valorarase o grao de madureza da persoa aspirante en canto á correcta comprensión de conceptos, á utilización da linguaxe e á capacidade de análise e de síntese.

ANEXO III

Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas
de madureza das ensinanzas deportivas para o curso 2021/22

Tribunal titular

Tribunal suplente

Presidente

Fernando Fernández Fraga

Presidente

Manuel Guerra Fernández

Secretario

Manuel Ángel García Gómez

Secretaria

Ana María López Díaz

Vogal 1º

Rosa Giao Sánchez

Vogal 1º

Blanca Río Rey

Vogal 2º

Mª Jesús Lorenzana Lamelo

Vogal 2º

Juan José Lago Leis

Vogal 3º

Julia Taboada Martínez

Vogal 3º

Esteban Calviño Louzao

Vogal 4º

Carmen Meiriño González

Vogal 4º

Mª Rosario Ureña Lara

Vogal 5º

Noemí Álvarez Villar

Vogal 5º

Mª Esther Barroso Millán

Vogal 6º

Ricardo Pita Fernández

Vogal 6º

Victoria Cerviño Ferrín

ANEXO IV

Composicións dos tribunais que xulgarán as probas de acceso de carácter específico por modalidades deportivas para o curso 2021/22

1. Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas deportivas na modalidade de fútbol I (A Coruña):

Comisión titular

Comisión suplente

Presidente

Fernando Fernández Fraga

Presidenta

Mª Antonia González Comesaña

Secretario

Juan Emilio Riveiro Rodríguez

Secretario

Telmo Silva Alonso

Vogal 1º

Antonio Alberto Villamor Pérez

Vogal 1º

José Jorge Martínez Rodríguez

Vogal 2º

Modesto Yáñez Garrote

Vogal 2º

Anxo Gómez García

Vogal 3º

Juan Carlos Rodríguez López

Vogal 3º

Javier Rodríguez Sarmiento

2. Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas deportivas na modalidade de fútbol II (Pontevedra):

Comisión titular

Comisión suplente

Presidente

Fernando Fernández Fraga

Presidenta

Mª Antonia González Comesaña

Secretario

Juan Emilio Riveiro Rodríguez

Secretario

Telmo Silva Alonso

Vogal 1º

Tomás Montoya Aboal

Vogal 1º

José Jorge Martínez Rodríguez

Vogal 2º

Francisco Pérez Carral

Vogal 2º

Anxo Gómez García

Vogal 3º

Pedro Vicente Vila

Vogal 3º

Javier Rodríguez Sarmiento

3. Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas deportivas na modalidade de fútbol sala:

Comisión titular

Comisión suplente

Presidente

Fernando Fernández Fraga

Presidenta

Mª Antonia González Comesaña

Secretario

Juan Emilio Riveiro Rodríguez

Secretario

Telmo Silva Alonso

Vogal

Isidro Antonio Grela Mosquera

Vogal

José Jorge Martínez Rodríguez

4. Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas deportivas na modalidade de baloncesto:

Comisión titular

Comisión suplente

Presidente

Fernando Fernández Fraga

Presidenta

Mª Antonia González Comesaña

Secretario

Juan Emilio Riveiro Rodríguez

Secretario

Telmo Silva Alonso

Vogal

Iván Villar Fernández

Vogal

Pablo Villaronga Paz

5. Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas deportivas na modalidade de balonmán:

Comisión titular

Comisión suplente

Presidente

Fernando Fernández Fraga

Presidenta

Mª Antonia González Comesaña

Secretario

Juan Emilio Riveiro Rodríguez

Secretario

Telmo Silva Alonso

Vogal

Emilio Pintos Soto

Vogal

Miguel Ángel Raposo Aguiar

6. Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas deportivas na modalidade de atletismo:

Comisión titular

Comisión suplente

Presidente

Fernando Fernández Fraga

Presidenta

Mª Antonia González Comesaña

Secretario

Juan Emilio Riveiro Rodríguez

Secretario

Telmo Silva Alonso

Vogal

Roberto Marcos Ferreiro

Vogal

Santiago Cabado Estraviz

7. Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas deportivas na modalidade de vela:

Comisión titular

Comisión suplente

Presidente

Fernando Fernández Fraga

Presidenta

Mª Antonia González Comesaña

Secretario

Juan Emilio Riveiro Rodríguez

Secretario

Telmo Silva Alonso

Vogal

Manuel Javier Álvarez Seoane

Vogal

Diego Rojo Garrido

ANEXO V

Centros onde se poderá facer a inscrición para a realización das probas

Modalidade

Centros

Fútbol

IES Universidade Laboral (Culleredo)

IES Sánchez Cantón (Pontevedra)

Fútbol sala

CIFP A Farixa (Ourense)

Baloncesto

IES Fermín Bouza Brey (Vilagarcía de Arousa)

IES As Fontiñas (Santiago de Compostela)

Balonmán

IES Sánchez Cantón (Pontevedra)

Atletismo

IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo)

IES As Barxas (Moaña)

Vela

IES Fermín Bouza Brey (Vilagarcía de Arousa)