Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Venres, 11 de xuño de 2021 Páx. 29048

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 9 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do III Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da COVID-19 mediante axudas directas para o apoio á solvencia e á redución do endebedamento do sector privado, a través do Programa I de persoas traballadoras autónomas en estimación obxectiva (TR600A), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.

BDNS (Identif.): 569314.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como persoas traballadoras por conta propia e profesionais (de ser o caso, mutualistas) en réxime de estimación obxectiva que teñan o domicilio fiscal en Galicia e cumpran os seguintes requisitos:

2. Desenvolver unha actividade económica correspondente a un CNAE do anexo I do Real decreto lei 5/2021, do 12 de marzo, de medidas extraordinarias de apoio á solvencia empresarial en resposta á pandemia da COVID-19.

3. No caso de desenvolver una actividade económica nun CNAE non incluido no mencionado anexo I do Real decreto lei 5/2021, do 12 de marzo, deberá acreditar unha caída de volume de operacións anual declarado ou comprobado pola Administración, no IVE ou tributo indirecto equivalente, dun 40 % ou máis comparando o ano 2020 co ano 2019.

Nos seguintes supostos, a caída do volume de operacións calcularase do seguinte xeito:

a) Para as persoas traballadoras autónomas de tempada, a caída do volume de operacións calcularase comparando a media mensual dos meses que estivo de alta no ano 2019 coa facturación media dos meses que estivo de alta no ano 2020.

b) Para as altas ou empresas creadas ou que teñan realizado unha modificación estrutural ao longo do ano 2019, a caída do volume de operacións calcularase comparando as operacións medias mensual dos meses con actividade do ano 2019 coas operacións medias dos meses do ano 2020.

c) Para as altas ou empresas creadas desde o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de marzo de 2020, a caída do volume de operacións calcularase comparando a media mensual dos meses con actividade do primeiro trimestre do ano 2020 coa media mensual dos tres trimestres restantes do ano 2020. A mesma regra aplicarase para as empresas que teñan realizado unha modificación estrutural ao longo do ano 2020.

4. Que cumpre todos os requisitos para ser beneficiaria establecidos no artigos 6 e 7 de esta orde.

Segundo. Obxecto

1. O obxecto deste programa, financiado con fondos distribuídos polo Goberno de España, é a concesión dunha axuda económica ás persoas traballadoras autónomas en réxime de estimación obxectiva no imposto da renda das persoas físicas, para o apoio á solvencia e redución do seu endebedamento.

2. Serán subvencionables os gastos realizados para:

– O pagamento da débeda a provedores e a outros acredores, financeiros e non financeiros.

– O pagamento da débeda dos custos fixos en que se incorreu.

3. Os pagamentos a que se refire o punto anterior deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Proceder de compromisos contractuais anteriores ao 13 de marzo de 2021.

b) A obriga de pagamento debe ter nacido entre o 1 de marzo do 2020 e o 31 de maio de 2021.

c) Os pagamentos deben estar pendentes na data da presentación da solicitude.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 9 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do III Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da COVID-19 mediante axudas directas para o apoio á solvencia e redución do endebedamento do sector privado, a través do Programa I de persoas traballadoras autónomas en estimación obxectiva (TR600A); do Programa II de apoio ás persoas traballadoras autónomas individuais e persoas traballadoras autónomas ou empresas con ata 10 persoas traballadoras, ou de ata 25 persoas traballadoras cun volume de facturación de ata 2 millóns de € (TR600B), e do Programa III de apoio ás persoas traballadoras autónomas ou empresas con máis de 10 persoas traballadoras, e cun volume de facturación de máis de 2 millóns de euros, ou empresas de máis de 25 persoas traballadoras (TR600C), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse cento cincuenta millóns de euros (150.000.000 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será do 14 de xuño ao 14 de xullo de 2021, ambos incluídos.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2021

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade