Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 16 de xuño de 2021 Páx. 29988

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2021 pola que se regula o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018–2021, se establecen as bases reguladoras das súas axudas e se abre o prazo de participación para a anualidade 2021 (código de procedemento VI408K).

No Boletín Oficial del Estado núm. 61, do 10 de marzo de 2018, publicouse o Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021, o cal inclúe o Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural. De conformidade co establecido no seu artigo 6, o 30 de xullo de 2018 asinouse o convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución deste plan.

Doutra parte, a Comunidade Autónoma de Galicia comparte o criterio de establecer medidas para a mellora das condicións de habitabilidade das vivendas e para a recuperación de zonas históricas, de áreas urbanas degradadas e de núcleos rurais, así como de inmobles con valor arquitectónico. Neste senso, nos anos 2018, 2019 e 2020 asináronse os correspondentes acordos de financiamento con aqueles concellos que solicitaron a participación no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural respecto das áreas de rehabilitación integral existentes nos seus termos municipais.

Mediante a Resolución do 19 de xuño de 2020 regulouse o procedemento para a participación no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018-2021, establecéronse as bases reguladoras das axudas previstas para este programa e abriuse o prazo de participación para a anualidade 2020 (Diario Oficial de Galicia, núm.128, do 30 de xuño de 2020). A necesidade de adaptarse ás novas guías normalizadas, así como a oportunidade de incrementar, con cargo aos fondos autonómicos, as axudas deste programa para as vivendas e edificios que estean situados tanto no ámbito dunha área de rehabilitación integral como dunha área Rexurbe, declarada nos termos establecidos na Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, xustifican que se dite esta resolución.

Esta resolución regula o procedemento para que os concellos interesados poidan participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural, establece as bases reguladoras das axudas deste programa, as cales serán de aplicación aos procedementos que os concellos tramiten para poder concedelas, e abre o prazo para que estes concellos soliciten a participación neste programa na anualidade de 2021.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais.

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto regular o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural previsto no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021), que se tramitará co código de procedemento VI408K.

2. Así mesmo, mediante esta resolución establécense as bases reguladoras das axudas previstas neste programa.

3. Igualmente, por medio desta resolución ábrese o prazo de presentación de solicitudes de participación neste programa para a anualidade 2021.

Segundo. Definicións

Para os efectos do disposto na aplicación desta resolución, os termos incluídos neste ordinal interpretaranse co significado e alcance seguintes:

a) Edificio de tipoloxía residencial colectiva: edificio composto por máis dunha vivenda, cuxo uso predominante sexa o residencial e onde cada vivenda conte coa correspondente referencia catastral.

b) Vivenda unifamiliar: vivenda situada nun edificio independente, cuxo uso predominante sexa o residencial, no cal non existe ningunha outra vivenda, e que conte coa correspondente referencia catastral. As vivendas unifamiliares poden ser illadas ou agrupadas en fila.

c) Conxunto histórico: interpretarase, de conformidade co previsto no artigo 2.n) da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e rexeneración e renovación urbanas de Galicia, como a agrupación de bens que conforman unha unidade de asentamento de poboación, continua ou dispersa, cunha estrutura física representativa da evolución dunha comunidade que resulta un testemuño cultural significativo polo interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial, científico ou técnico, aínda que individualmente os elementos que a conforman non teñan unha especial relevancia e que, consonte o disposto na lexislación de patrimonio cultural da Comunidade Autónoma de Galicia, teña consideración de ben de interese cultural ou ben catalogado.

d) Chabola: habitáculo que, non reunindo as características e condicións de vivenda nin sendo susceptible de se converter en tal, está a ser utilizado para tal fin.

e) Infravivenda: edificación ou parte dela destinada a vivenda, que non reúne as condicións mínimas exixidas pola lexislación aplicable. En todo caso, entenderase que non reúnen as ditas condicións as vivendas que incumpran os requisitos de superficie, número, dimensión e/ou características das pezas habitables, as que presenten deficiencias graves nas súas dotacións e instalacións básicas e as que non cumpran os requisitos mínimos de seguridade, accesibilidade universal e/ou habitabilidade exixibles á edificación.

f) Residencia habitual e permanente dunha unidade de convivencia: domicilio en que constan empadroadas as persoas integrantes da correspondente unidade.

g) Unidade de convivencia da persoa beneficiaria: conxunto de persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

h) Persoa maior de 65 anos: aquela que na data de presentación da solicitude teña feitos 65 ou máis anos.

i) Persoa menor de 35 anos: aquela que na data de presentación da solicitude non teña feitos os 35 anos.

j) Persoa con discapacidade: interpretarase de conformidade co previsto no Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

k) Agrupación de persoas propietarias: agrupación, formalmente constituída, de persoas propietarias de edificios de tipoloxía residencial colectiva que reúne os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e que non outorgase o título constitutivo da propiedade horizontal. Estas agrupacións deberán dispoñer do seu correspondente número de identificación fiscal.

l) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): é o indicador definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía; considerarase unha unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluídas dúas pagas extras. Para os efectos destas axudas, tomarase en consideración o IPREM do ano que se especifique na correspondente convocatoria.

Terceiro. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Cuarto. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia; na Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Quinto. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Sexto. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa.

Sétimo. Eficacia da resolución

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

II. Participación no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural.

Oitavo. Participación dos concellos

1. Poderán participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural os concellos que teñan algunha área de rehabilitación integral (en diante, ARI) declarada no seu termo municipal. Non obstante, o IGVS poderá establecer limitacións á participación dos concellos respecto das súas ARI que xa obtivesen financiamento con cargo a convocatorias anteriores deste programa no ámbito do Plan 2018-2021. De ser o caso, estas limitacións especificaranse na resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes de participación deste programa.

2. De conformidade co artigo 49 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, a materialización da participación no programa terá lugar a través da formalización dun acordo específico entre o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a Comunidade Autónoma de Galicia e o correspondente concello, no cal se establecerá que a devandita Administración local actuará como entidade xestora do programa. O citado acordo fixará o financiamento máximo previsto, as anualidades correspondentes ás achegas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, da Comunidade Autónoma de Galicia e os demais compromisos que deriven deste programa.

3. Nos termos previstos na normativa de subvencións e no convenio entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución do Plan 2018-2021, os concellos asumirán as obrigas de publicidade establecidas para potenciar a difusión da información das actuacións deste programa. Esta información constará nos carteis exteriores descritivos das obras de rehabilitación ou renovación e de urbanización, nos cales figurará o importe das subvencións achegadas polas distintas institucións. Tamén deberán figurar carteis nas oficinas municipais de rehabilitación en que se faga constar que as respectivas actuacións son financiadas con achegas das administracións asinantes dos acordos específicos.

4. A convocatoria das subvencións que realice o concello, unha vez asinado o acordo específico, deberá axustarse ás bases reguladoras aprobadas nesta resolución e aos demais requisitos establecidos no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

5. A falta de execución das actuacións previstas nos acordos específicos poderá ser tida en conta polo IGVS para os efectos, de ser o caso, da formalización de novos acordos de financiamento ao abeiro deste programa.

Noveno. Oficinas municipais de rehabilitación

1. Os concellos que participen neste programa deberán manter unha oficina de rehabilitación para a xestión e o impulso de actuacións de rehabilitación no ámbito das áreas declaradas. Estas oficinas deberán contar cos medios humanos e técnicos suficientes para a realización das súas funcións e comunicar ao IGVS as variacións que se produzan, tanto na súa composición como nos datos de contacto.

2. As oficinas de rehabilitación tramitarán os expedientes municipais de subvencións convocadas e realizarán as xestións derivadas das exixencias deste programa, baixo as directrices e a coordinación do IGVS. Ademais, proporán as medidas necesarias para desenvolver as actuacións derivadas da declaración de ARI ou, de ser o caso, as medidas para mellorar o funcionamento da dita área. Así mesmo, asesorarán e prestarán unha atención directa, persoal e especializada ás persoas promotoras que leven a cabo as actuacións de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas.

3. As axudas que, de ser o caso, poidan percibir os concellos para o financiamento dos gastos de mantemento da oficina de rehabilitación concederanse de acordo co establecido nos ordinais vixésimo e vixésimo primeiro desta resolución.

Décimo. Solicitudes de participación

1. Os concellos que queiran participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural deberán presentar unha solicitude dirixida á Dirección Xeral do IGVS, segundo o modelo que figura como anexo I desta resolución.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria de participación deste programa.

3. Os concellos que teñan varias ARI declaradas no seu termo municipal deberán presentar unha solicitude para cada unha das áreas que queiran incorporar a este programa.

4. A solicitude deberá formalizala, en representación do concello, a persoa titular da alcaldía ou a persoa en quen esta delegue.

5. No formulario de solicitude deberán realizarse as seguintes declaracións:

a) Declaración das axudas solicitadas ou obtidas de calquera entidade pública ou privada ou, de ser o caso, declaración de que non se solicitaron ou obtiveron outras axudas para a mesma finalidade. No caso de que se solicitasen ou obtivesen outras axudas para a mesma finalidade, deberanse indicar cales, así como o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou concedida para a mesma finalidade, así como o seu importe.

c) Declaración responsable de que o concello non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas das previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Declaración responsable de que o concello está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 13.2.g) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

e) Declaración responsable de que o concello coñece e acepta os contidos e obrigas recollidos nesta resolución.

f) Declaración responsable de que todos os datos consignados na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

Décimo primeiro. Forma de presentación das solicitudes de participación

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Décimo segundo. Documentación complementaria

1. Os concellos deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificado do acordo municipal de solicitar a participación neste programa e do compromiso do concello de actuar como entidade xestora das actuacións, logo da sinatura do correspondente acordo específico.

b) Anexo II, relativo á oficina municipal de rehabilitación, en que se relacionará o persoal adscrito á oficina, os locais, os medios materiais e outros recursos empregados no desenvolvemento das tarefas da oficina municipal de rehabilitación.

c) De ser o caso, certificado da persoa titular da secretaría municipal do concello en que se faga constar que a ARI para a cal se solicita a participación non obtivo financiamento con cargo a convocatorias anteriores deste programa no ámbito do Plan 2018-2021 ou, de ser o caso, que se realizou a correspondente convocatoria, así como o grao de execución das actuacións ou do financiamento comprometido, de cada acordo desa ARI, nos termos que se establezan en cada procedemento de apertura do prazo de presentación de solicitudes de participación neste programa.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Décimo terceiro. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Se algún dos concellos interesados presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. Os concellos interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo concello interesado, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos nesta resolución e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo cuarto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Número de identificación fiscal do concello.

b) Documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro/a da persoa representante.

c) Certificados acreditativos do cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, de obrigas coa Seguridade Social e/ou de obrigas tributarias e de non ter débedas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Certificado de ter cumprido o deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas de Galicia .

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa ou entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo quinto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que os concellos deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo sexto. Instrución do procedemento de participación

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude de participación presentada non reunise os requisitos exixidos no artigo anterior, requirirase o concello solicitante para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición.

2. Logo de examinar as solicitudes admitidas, o IGVS realizará unha proposta de repartición do financiamento entre os concellos admitidos. Esta proposta realizarase en atención aos tipos de actuacións contidas no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, e ás dotacións orzamentarias fixadas para este programa no convenio de colaboración para a execución do Plan 2018-2021. Neste senso, o IGVS, tendo en conta os fondos dispoñibles en cada convocatoria deste programa, poderá limitar o financiamento que poidan recibir os concellos independentemente do número das ARI que teñan declaradas no seu termo municipal. Así mesmo, terase en conta, para a repartición do financiamento, o número de actuacións incluídas orixinalmente na declaración de ARI, o número de actuacións pendentes de executar, o número de actuacións solicitadas, o grao de execución polos concellos das actuacións incluídas en acordos anteriores, o número de áreas declaradas en cada concello, o cofinanciamento municipal para o desenvolvemento da ARI, o tipo de área de que se trate e a existencia no ámbito dunha área Rexurbe declarada.

3. A proposta de repartición do financiamento será notificada aos concellos cuxas solicitudes fosen admitidas. Estes concellos disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da citada notificación, para achegaren, de conformidade co artigo 49 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, a documentación que a seguir se relaciona, necesaria para a formalización dos acordos específicos:

a) A ficha resumo de datos da actuación, establecida polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

b) Unha memoria-programa, en que constarán os seguintes documentos:

– Un diagnóstico sobre a situación demográfica, social, económica e ambiental da ARI.

– Un programa de actuacións, que inclúa a descrición das actuacións subvencionables, a súa idoneidade técnica e as formas da súa execución e da súa xestión, así como a súa programación temporal. Incluiranse tamén as medidas complementarias propostas nos ámbitos social, económico e ambiental, especificando de forma pormenorizada as institucións públicas e privadas implicadas e os compromisos establecidos para a súa posta en marcha, desenvolvemento e seguimento.

– Unha memoria de viabilidade técnica, que acredite a súa compatibilidade coa ordenación urbanística, e outra de viabilidade económica, que analice a rendibilidade e o equilibrio entre os beneficios e as cargas derivadas da actuación para as persoas propietarias. Nesta memoria deberá constar o orzamento total da operación, desagregado segundo os tipos de actuacións establecidos no artigo 51 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, e no ordinal décimo sétimo desta resolución.

– De ser o caso, un plan de realoxamento temporal e de retorno legalmente necesario, con indicación dos prazos e dos custos dos realoxamentos e das medidas sociais complementarias previstas para a poboación afectada.

4. O IGVS remitirá as solicitudes con toda a documentación ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a súa conformidade e posterior sinatura dos acordos específicos, en atención ás súas dispoñibilidades orzamentarias e aos criterios establecidos no artigo 49 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

5. A Comunidade Autónoma de Galicia, a través do IGVS, aboará a cada concello o correspondente financiamento, segundo o establecido nos correspondentes acordos específicos, tanto no que se refire á parte do Ministerio como ao importe previsto dos orzamentos da Comunidade Autónoma. Estes ingresos realizaranse por transferencia bancaria na conta de titularidade municipal sinalada para o efecto no anexo I.

6. Os concellos xustificarán os gastos efectuados mediante as oportunas certificacións municipais das actuacións realizadas, nos termos sinalados no ordinal vixésimo quinto desta resolución.

7. O cómputo das actuacións fixadas nos acordos específicos atenderá aos seguintes criterios:

a) No suposto de rehabilitación de elementos comúns de edificios de tipoloxía residencial colectiva, o cómputo de actuacións determinarase en función do número total de vivendas participes na obra do edificio promotor da actuación.

b) No caso de solicitudes realizadas por persoas titulares de vivendas unifamiliares ou situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva, computarase unha única actuación, aínda que soliciten axudas dirixidas, tanto á eficiencia enerxética e sustentabilidade, como á conservación e accesibilidade.

No cómputo do número de actuacións non se terán en conta os locais, sen prexuízo de que estes poidan recibir a correspondente subvención.

III. Bases reguladoras das subvencións do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural.

Décimo sétimo. Actuacións subvencionables

De conformidade co artigo 51 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, son subvencionables as seguintes actuacións:

1. As previstas no artigo 36 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, para o Programa de fomento da mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade en vivendas, sempre que se acade unha redución da demanda enerxética, nos termos establecidos no citado artigo.

2. As previstas no artigo 43 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, para o Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas.

3. A execución de obras e/ou traballos de mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, mesmo no interior das vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos aos estándares previstos pola normativa vixente.

4. A execución das seguintes obras de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano:

a) As de urbanización e reurbanización material dos espazos públicos, tales como consolidación, pavimentación, xardinaría, infraestruturas, instalacións, servizos de abastecemento de auga, saneamento, subministración enerxética, iluminación, recollida, separación e xestión de residuos, telecomunicacións e utilización do subsolo.

b) As de mellora da accesibilidade dos espazos públicos.

c) As de mellora da eficiencia ambiental, nas seguintes materias:

– En materia de auga, as de redución do uso de auga potable e de rega, as de xestión sustentable dos escoamentos urbanos, as augas pluviais e residuais e as de xestión de depuración e o seu retorno adecuado ao medio.

– En materia de enerxía, as de mellora da eficiencia enerxética en edificación e en servizos urbanos, as de implantación de enerxías renovables e sistemas de climatización centralizada ou de distrito, considerados eficientes segundo a Directiva 2012/27/UE, as de fomento da mobilidade sustentable e, en xeral, todas aqueloutras destinadas a reducir a demanda enerxética, as emisións de gases contaminantes e a aumentar o uso de enerxías renovables.

– En materia de xestión de residuos e uso de materiais, as de mellora da reciclaxe dos materiais, conforme os plans nacionais ou autonómicos de recollida de residuos, as de uso, tanto de materiais reciclados ou renovables en edificacións e en urbanizacións, como de materiais locais, ligados a estratexias de promoción dunha xestión sustentable do territorio.

– En materia de protección e mellora da biodiversidade, as infraestruturas verdes urbanas, como as propostas de conectividade de espazos verdes, de promoción de cubertas verdes ou de implantación de especies adecuadas ao medio.

5. As obras de demolición de edificios e de vivendas e as obras de construción de edificios de vivendas e vivendas de nova construción, en substitución doutros previamente demolidos. Os novos edificios e vivendas deberán ter unha cualificación enerxética mínima B e cumprir, en todo caso, coas exixencias do Código técnico da edificación.

6. As obras de construción de edificios e de vivendas, nos supostos de infravivenda e de chabolismo. Nestes casos, a edificación farase en función das unidades de convivencia residentes e das súas características e non en substitución doutros ou doutras edificacións demolidas, co fin último de posibilitar a súa inclusión social, a través do desfrute dunha vivenda digna nun contexto integrador.

7. Así mesmo, serán subvencionables:

a) O custo dos programas de realoxamento temporal das persoas ocupantes de inmobles que deban ser desaloxadas da súa vivenda habitual ou, de ser o caso, que ocupasen unha infravivenda ou unha chabola, como consecuencia da correspondente actuación. Inclúense tamén as actuacións de acompañamento social integral e individualizado das unidades de convivencia para favorecer a adecuada inclusión de cada un dos seus compoñentes no seu novo contorno.

b) Os gastos de equipamento e das oficinas de información, de xestión e de acompañamento social de actuacións subvencionables.

Décimo oitavo. Requisitos das actuacións

1. É requisito para que as actuacións sexan subvencionables que se realicen en vivendas unifamiliares, en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva ou nas vivendas situadas nestes edificios. As actuacións sinaladas no punto 4 do ordinal décimo sétimo deberán realizarse nos espazos públicos situados nos ámbitos das ARI.

2. Todas as actuacións deberán dispor de licenza municipal ou, de ser o caso, someterse ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, así como dispoñer de todas as autorizacións sectoriais preceptivas.

3. As actuacións deberán axustarse ao proxecto ou á memoria elaborada para a súa execución.

4. As actuacións non poderán estar iniciadas con anterioridade ás datas que se sinalen nas correspondentes convocatorias municipais. O prazo máximo de execución da actuación virá determinado na resolución de cualificación provisional das obras.

5. O custo de todas as actuacións subvencionables incluirá tamén os honorarios das persoas profesionais que interveñan, o custo de redacción dos proxectos, direccións técnicas ou facultativas, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e calquera outro gasto similar, derivado da actuación, sempre que estea debidamente xustificado. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

6. O custo subvencionable das obras, incluídos os gastos sinalados no número anterior, non poderá superar o custo medio do mercado que corresponda a tales actuacións, o cal se determinará de conformidade coa última edición publicada da Base de prezos da construción de Galicia ou normativa que a substitúa.

Décimo noveno. Persoas ou entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas ou entidades que asuman a responsabilidade da execución integral da ARI delimitada pola actuación.

2. As persoas e as entidades beneficiarias das axudas deberán reunir os requisitos establecidos no artigo 7.2 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

3. Para que as persoas físicas sexan beneficiarias deberán posuír a nacionalidade española ou ter a residencia legal en España, no caso das persoas estranxeiras.

4. No caso de que a persoa ou a entidade solicitante sexa unha comunidade, unha agrupación de comunidades de persoas propietarias ou unha agrupación de persoas propietarias, os requisitos sinalados nos puntos anteriores deberán cumprilos todos os seus membros.

5. Cando a execución da actuación corresponda a varias persoas beneficiarias, a axuda distribuirase en proporción ao custo asumido por cada unha delas. As persoas e/ou as entidades beneficiarias destinarán o importe íntegro da axuda a pagar as correspondentes actuacións. Cando se trate dunha comunidade, dunha agrupación de comunidades de persoas propietarias ou dunha agrupación de persoas propietarias, esta regra resultará igualmente de aplicación, con independencia de que tanto o importe da axuda coma o custo das obras deba repercutirse nas persoas propietarias de vivendas e, de ser o caso, dos locais comerciais ou predios doutros usos compatibles, de conformidade coas regras previstas na lexislación de propiedade horizontal.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, cando algún dos membros da comunidade ou da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias incorra nunha ou en varias das prohibicións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, ou do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se atribuirá á dita persoa propietaria a parte proporcional que lle correspondería da axuda recibida, que se ratearía entre os restantes membros da comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias.

6. Os concellos poderán ser beneficiarios das subvencións previstas para os gastos de mantemento dos equipamentos técnicos e das oficinas municipais de rehabilitación, así como das previstas para actuacións de urbanización e reurbanización.

Para poder ser beneficiarios das subvencións autonómicas previstas nesta resolución, os concellos deberán ter cumprido o deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas de Galicia .

7. Non poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou aquela a quen se lle revogase algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa ou entidade solicitante.

Vixésimo. Subvencións estatais

1. A contía máxima das axudas contidas no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, non poderá exceder, de forma individualizada, o 40% do custo subvencionable da actuación, salvo para o realoxamento das familias e para o financiamento do custo de xestión e dos equipamentos e oficinas de planeamento, información e acompañamento social, nos cales non operará este límite porcentual.

Esta porcentaxe máxima poderá ser do 75 %, cando resulten acreditados ingresos na unidade de convivencia da persoa propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente na vivenda, e estes resulten inferiores a tres veces o IPREM. Esta mesma porcentaxe aplicarase cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite na unidade de convivencia da persoa propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente na vivenda, que existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.

2. A contía máxima determinarase atendendo ao custo total da intervención e calcularase multiplicando o número de vivendas que conten coa súa correspondente referencia catastral polas axudas unitarias establecidas a seguir:

a) Ata 12.000 euros por cada vivenda que se rehabilite, sexa unifamiliar ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva, para actuacións de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas, con redución da demanda enerxética, nos termos establecidos no artigo 36 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

b) Ata 8.000 euros por cada vivenda que se rehabilite, sexa unifamiliar ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva, para actuacións de conservación, da mellora na seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas, nos termos establecidos no artigo 43 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, e para as actuacións de mantemento e intervención sinaladas no artigo 51.1.a) do dito real decreto e no ordinal décimo sétimo desta resolución.

c) No caso de edificios de tipoloxía residencial colectiva, as contías sinaladas nas letras a) e b) incrementaranse con 120 euros por cada metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos. Ademais, poderá incrementarse en 1.000 euros por vivenda e 10 euros por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos, nos edificios e vivendas declarados ben de interese cultural (en diante, BIC), catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente. Este incremento de 1.000 euros de axuda por vivenda aplicarase soamente unha vez, independentemente de que realicen conxuntamente ou non as actuacións sinaladas nas letras a) e b) deste punto 2.

Para poder computar a contía establecida por cada metro cadrado de uso comercial ou outros usos, será necesario que os predios correspondentes participen no custo de execución da actuación.

Estas axudas unitarias incrementaranse nun 25 % cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Nas actuacións de rehabilitación estas axudas solicitaranse, xestionaranse e resolveranse para a vivenda ou, de ser o caso, conxuntamente para todo o edificio, sen prexuízo da súa posterior repartición e repercusión proporcional, e destinaranse integramente ao pagamento das cotas correspondentes ás actuacións subvencionables, unha vez repercutidas proporcionalmente.

d) Ata 30.000 euros por cada vivenda construída, en substitución doutra previamente demolida ou construída, nos casos de infravivenda e chabolismo.

e) Ata 2.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e/ou por cada vivenda construída, para as actuacións de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano.

Neste caso, o cómputo do número de vivendas obxecto de rehabilitación e/ou construción, para os efectos da determinación deste compoñente da axuda, corresponderase co número de vivendas que en orixe vaian ser obxecto de rehabilitación ou nova construción dentro da ARI declarada. Se, finalmente, o número de vivendas rehabilitadas ou construídas fose inferior, este cómputo non se verá alterado, salvo que o número de vivendas rehabilitadas ou construídas fose inferior ao 50 % das inicialmente previstas no acordo específico, caso en que a axuda unitaria por vivenda se verá reducida ata non poder superar 1.500 euros por cada vivenda efectivamente rehabilitada ou construída.

f) Ata 4.000 euros/anuais, por unidade de convivencia, durante o tempo que duren as obras e ata un máximo 3 anos, para actuacións de realoxamento temporal.

g) Ata 1.000 euros por vivenda rehabilitada ou construída, para financiar o custo de xestión e dos equipamentos e oficinas de planeamento, de información, de xestión e de acompañamento social.

3. Nas actuacións para a mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade, a axuda estará condicionada a que se alcancen os obxectivos de redución de demanda enerxética establecidos no artigo 36 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

Vixésimo primeiro. Subvencións autonómicas

O IGVS, con cargo aos seus orzamentos, subvencionará as actuacións nas ARI declaradas coa contía máxima seguinte:

– Ata 4.000 euros por vivenda obxecto da actuación de rehabilitación ou renovación, sen que a subvención poida exceder o 10 % do orzamento protexido de rehabilitación da vivenda ou do edificio. Esta contía máxima aplicarase por vivenda, independentemente do número de actuacións realizadas en cada unha delas. No suposto de que a edificación que se pretende rehabilitar estea situada nun ámbito declarado área Rexurbe, as citadas cantidades incrementaranse en 2.000 euros por vivenda.

– Ata 1.500 euros por vivenda rehabilitada ou construída en substitución doutra demolida, para financiar o custo dos equipamentos e das oficinas de planeamento, de información, de xestión e de acompañamento social.

Vixésimo segundo. Solicitudes de subvención

1. As persoas e as entidades interesadas, dentro do prazo establecido en cada convocatoria municipal, deberán dirixir a solicitude de subvención ao concello onde estea situado o edificio ou a vivenda sobre a cal se vaia realizar a actuación.

2. Coa solicitude de subvención deberase xuntar, salvo nos casos en que se autorice a súa consulta, a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa ou entidade solicitante, de ser o caso.

b) Xustificación da titularidade do edificio ou vivenda.

c) Proxecto técnico ou, se non for preciso para a autorización das obras, memoria descritiva das obras que se van executar e a súa valoración, coa desagregación das partidas, segundo o disposto nos artigos 36, 43 e 51 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo. O proxecto ou memoria deberá indicar, así mesmo, os datos fundamentais do edificio: situación, número de vivendas e locais, superficie construída sobre rasante, superficie sobre rasante con uso residencial e unha reportaxe fotográfica das obras que se van realizar.

d) Licenza municipal de obras, no caso de que sexa necesaria pola actuación que se vai realizar.

e) Comunicación previa ao concello, cando a actuación non estea sometida a licenza e/ou autorizacións necesarias para a execución das obras.

f) No caso de que a persoa solicitante sexa unha entidade sen personalidade xurídica ou persoa xurídica, pública ou privada, documentación acreditativa da súa constitución, así como o acordo para a execución das obras que son obxecto da solicitude de subvención.

g) No caso de que as obras se realicen en edificios de tipoloxía residencial colectiva, unha relación de persoas propietarias do edificio, con indicación da súa identidade e a referencia catastral de cada vivenda e local, así como unha certificación de cada persoa propietaria acreditativa do cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, de obrigas coa Seguridade Social e/ou coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e de non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

h) No caso de edificios e vivendas BIC, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente, documentación xustificativa destas circunstancias.

i) Calquera outra documentación necesaria para a acreditación do cumprimento dos requisitos previstos no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

Vixésimo terceiro. Procedemento de cualificación provisional das actuacións

1. Os concellos, no marco dos seus procedementos de convocatorias de axudas, revisarán as solicitudes e a documentación presentada e remitirán, daqueles expedientes que cumpran os requisitos, unha proposta de cualificación provisional á área provincial do IGVS que corresponda en razón da situación xeográfica do concello, que conterá a identificación da persoa ou entidade solicitante, o tipo de actuación, o orzamento protexido e o prazo de execución das actuacións. A esta proposta deberá xuntarse unha certificación municipal do cumprimento dos requisitos exixidos polo Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, referida ás actuacións, aos edificios, ás vivendas, así como ás persoas ou entidades beneficiarias.

2. A persoa titular da correspondente xefatura territorial do IGVS ditará unha resolución sobre a cualificación provisional das actuacións, que conterá a identificación da persoa ou entidade solicitante e describirá o tipo de actuación, o número de vivendas e locais que comprenda a actuación, o seu orzamento protexido, o prazo de execución e de comunicación do remate das obras. A obtención da cualificación provisional non xera para a súa persoa ou entidade titular o dereito á concesión da subvención nin comporta a súa consideración de persoa ou entidade beneficiaria da axuda.

3. Serán causas de denegación da cualificación provisional, ademais das que poida sinalar o concello, as seguintes:

a) Que a actuación prevista non se atope entre as actuacións de rehabilitación recollidas neste programa.

b) Que a actuación non se axuste ás determinacións do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, ou ao acordo específico asinado co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

c) A falta de cobertura orzamentaria no momento da resolución de cualificación provisional.

4. O prazo para ditar e notificar a resolución sobre a cualificación provisional será de dous (2) meses, contados a partir do día seguinte ao da entrada da proposta municipal de cualificación provisional na correspondente área provincial do IGVS. Finalizado o citado prazo sen que se dite e notifique a resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

5. Contra a resolución que sobre a cualificación provisional diten as xefaturas territoriais do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Vixésimo cuarto. Cualificación definitiva das actuacións

1. As persoas e entidades promotoras das actuacións, dentro do prazo fixado na resolución de cualificación provisional, comunicarán o seu remate ao correspondente concello, que deberá realizar as seguintes comprobacións:

a) Que as actuacións foron executadas dentro dos prazos e coas exixencias establecidas na resolución de cualificación provisional.

b) Que para a súa execución se contou con todas as autorizacións necesarias.

c) Que os pagamentos efectivos das facturas e os documentos bancarios de pagamento das ditas actuacións foron realizados polas persoas ou polas entidades beneficiarias que figuraban na resolución de cualificación provisional.

2. Logo de realizar as comprobacións sinaladas no número anterior, os concellos elaborarán unha proposta de cualificación definitiva, que conterá a identificación da persoa ou da entidade beneficiaria, o tipo de actuación, o orzamento xustificado e a proposta de subvención final que se aboará. A esta proposta de cualificación definitiva, que remitirán á correspondente área provincial do IGVS, deberá xuntarse unha certificación do cumprimento dos requisitos establecidos no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, nesta resolución e na correspondente resolución de cualificación provisional, relativos tanto á actuación como á persoa ou entidade beneficiaria.

3. As xefaturas territoriais do IGVS, con base na documentación remitida polo correspondente concello e logo das comprobacións, de ser o caso, que consideren oportunas, resolverán sobre a cualificación definitiva. Na resolución pola que se concede a cualificación definitiva constará o tipo de actuación realizada, o número de vivendas e locais que comprenda a actuación e o importe do orzamento protexible. A obtención da cualificación definitiva non xera para a persoa ou entidade titular o dereito á concesión da subvención nin comporta a súa consideración como persoa ou entidade beneficiaria da axuda.

4. Serán causas de denegación da cualificación definitiva, ademais das que poida sinalar o concello, as seguintes:

a) Non executar as obras de conformidade co previsto na resolución de cualificación provisional, executalas parcialmente ou executar obras distintas das previstas na citada resolución de cualificación provisional.

b) Non executar as obras de conformidade coa licenza de obras ou non cumprir as condicións recollidas nela, ou coa comunicación previa no caso de que a actuación non estivese sometida a licenza.

c) Incumprir o prazo de execución previsto na resolución de cualificación provisional.

d) Incumprir calquera dos requisitos previstos no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, nesta resolución e no correspondente acordo específico, para obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria.

e) A falta de cobertura orzamentaria no momento da resolución de cualificación definitiva.

5. O prazo para ditar e notificar a resolución sobre a cualificación definitiva será de dous (2) meses, contados a partir do día seguinte ao da entrada da proposta municipal de cualificación definitiva na correspondente área provincial do IGVS. Finalizado o citado prazo sen que se dite e notifique a resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

6. Contra a resolución da cualificación definitiva que diten as xefaturas territoriais do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Vixésimo quinto. Xustificación das actuacións

1. A cualificación definitiva supón a xustificación da execución de todas as actuacións cualificadas.

2. A certificación municipal que acompañe á proposta de cualificación definitiva constituirá a memoria económica xustificativa do custo da actividade esixida no artigo 48.2 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Unha vez notificada aos concellos a resolución de cualificación definitiva, estes deberán aboar as subvencións estatais e autonómicas ás persoas e ás entidades beneficiarias. Así mesmo, deberán xustificar estes pagamentos mediante unha certificación municipal onde conste o número de expediente, o nome da persoa promotora da actuación, o seu NIF, o importe da subvención e a data de pagamento. Estas xustificacións deberán dirixirse á Dirección Xeral do IGVS no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte a aquel en que se realizasen os oportunos pagamentos.

4. Logo de examinar os datos remitidos por cada concello, a correspondente área provincial do IGVS emitirá unha certificación da aplicación dos fondos previstos en cada un dos acordos específicos, que remitirá, xunto coa resolución de cualificación definitiva, á Dirección Xeral do IGVS.

5. Os concellos remitiran á Dirección Xeral do IGVS as certificacións dos gastos de mantemento de equipamentos técnicos e das oficinas de información e de xestión, conforme o anexo III desta resolución. Estas certificacións deberán facer referencia aos gastos contabilizados, ás obrigas recoñecidas e aos pagamentos realizados no período correspondente, á finalidade para a cal foron aplicados e ás outras axudas que, de ser o caso, percibise o concello para este mesmo fin.

6. Os concellos procederán á minoración do importe da subvención concedida cando o orzamento xustificado teña unha contía inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión e sempre e cando se acredite que a actuación concreta está totalmente executada.

Vixésimo sexto. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

Ademais das recollidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas ou entidades beneficiarias terán as seguintes obrigas:

– Realizar a totalidade das actuacións de rehabilitación ou renovación para as cales se concedeu a axuda, de conformidade coa resolución de cualificación provisional.

– Comunicar ao concello correspondente calquera modificación das condicións que motivaron o recoñecemento da subvención que poida determinar a perda sobrevida do dereito á axuda.

– Someterse ás actuacións de comprobación e inspección durante a vixencia da subvención, así como permitirlle ao concello e/ou ao IGVS realizar as inspeccións e comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e/ou o destino da subvención concedida.

– Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións, ou polo concello ou o IGVS.

– Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboen as subvencións.

– Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

– Subministrar ao IGVS, logo de requirimento, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

– As demais que deriven desta resolución e do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

Vixésimo sétimo. Perda e reintegro da subvención

1. Será causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.

b) A falta de xustificación total das actuacións correspondentes dentro dos prazos establecidos.

c) O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención, que comportará, así mesmo, o incremento do reintegro da subvención percibida co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis un 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, salvo que a Lei de orzamentos do Estado estableza outro diferente.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, de ser o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 xuño.

Vixésimo oitavo. Compatibilidades e incompatibilidades

1. Sen prexuízo do establecido no punto seguinte, as subvencións deste programa son compatibles con calquera outra subvención ou axuda concedida para a mesma finalidade por calquera Administración ou ente público ou privado, sempre e cando a suma do importe de todas elas non supere o custo total da actuación concreta.

2. De conformidade co artigo 52 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, estas axudas serán incompatibles coas subvencións procedentes do Programa de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas, do Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas, do Programa de fomento do parque de vivenda en alugueiro e do Programa de fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade, do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

IV. Apertura do prazo de presentación de solicitudes de participación no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural para a anualidade 2021.

Vixésimo noveno. Obxecto

Poderán participar nesta convocatoria todos os concellos que teñan algunha ARI declarada no seu termo municipal. Non obstante, poderanse desestimar as solicitudes presentadas por concellos que, respecto das súas ARI declaradas, tendo obtido financiamento con cargo a convocatorias anteriores deste programa no ámbito do Plan 2018-2021, non efectuasen a pertinente convocatoria municipal ou, malia tela efectuado, tivesen un baixo grao de execución das actuacións ou do financiamento comprometido, que supoña a dispoñibilidade de fondos para atender as actuacións pendentes nos correspondentes acordos.

Trixésimo. Prazo de presentación de solicitudes

Os concellos interesados en participar neste programa no ano 2021 deberán presentar a súa solicitude no prazo dun (1) mes, que se contará a partir do día seguinte hábil ao da publicación desta resolución no DOG.

Trixésimo primeiro. Solicitudes de participación e documentación complementaria

1. Os concellos interesados en participar neste programa deberán presentar unha solicitude dirixida á Dirección Xeral do IGVS, segundo o modelo que figura como anexo I a esta resolución (código de procedemento VI408K).

2. As solicitudes e a documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento, así como a súa forma de presentación, axustaranse aos termos establecidos no punto II desta resolución: Participación no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural.

Trixésimo segundo. Financiamento das subvencións

As subvencións previstas para o Programa de rexeneración e renovación urbana e rural para a anualidade 2021 financiaranse con cargo á aplicación, proxectos e importes que a seguir se sinalan, no marco do Plan 2018-2021.

Aplicación orzamentaria

Proxecto

Orzamento

08.81.451A.780.6

2018 00007 FFE

4.304.284,00 €

2018 00003 FCA

1.112.100.00 €

Estes importes poderán ser ampliados no suposto de que exista un incremento do financiamento derivado do acordo subscrito no seo da Comisión Bilateral do Plan estatal de vivenda 2018-2021, de conformidade co disposto no artigo 6 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o dito plan.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file