Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 22 de xuño de 2021 Páx. 31396

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos declarados municipios turísticos e a xeodestinos de Galicia, para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de xullo, agosto e setembro, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento TU900A).

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, establece entre os fins que persegue a lei, aos cales a Administración autonómica adecuará as súas actuacións, a promoción e o estímulo dun sector turístico galego competitivo, de calidade e accesible, e a promoción de Galicia como destino turístico de calidade, con garantía do seu tratamento unitario na difusión interior e exterior dos recursos do país.

A Axencia Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da Comunidade.

Entre os obxectivos básicos da Axencia están o desenvolvemento do turismo na Comunidade Autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos; o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, regula no seu artigo 27 a declaración de municipios turísticos, e no artigo 29 os efectos da citada declaración, establecendo que os municipios turísticos e os suxeitos turísticos que prestan neles os seus servizos deben ser obxecto de atención preferente nos seguintes ámbitos:

a) Na elaboración dos plans e programas turísticos das Administracións supramunicipais e da Administración da Xunta de Galicia.

b) Nas liñas e medidas de fomento económico establecidas pola Administración da Xunta de Galicia e polas deputacións provinciais.

c) Nas actividades da Administración da Xunta de Galicia dirixidas á promoción interior e exterior do turismo e ao fomento da imaxe de Galicia como oferta ou marca turística global.

d) Nas políticas de implantación ou de mellora de infraestruturas e servizos que incidan notoriamente no turismo e sexan impulsadas polos distintos departamentos da Administración da Xunta de Galicia.

A afluencia turística dos meses de xullo, agosto e setembro nos municipios turísticos fai necesaria a contratación de persoal nas oficinas de turismo dos citados municipios para o mantemento da calidade no servizo de información turística que se presta, de xeito que se potencia a imaxe non só dos municipios de interese turístico senón da Comunidade Autónoma, no seu conxunto, no exterior.

A través desta resolución convócanse as ditas axudas, que se tramitarán baixo o réxime de concorrencia non competitiva de xeito que as solicitudes recibidas no prazo establecido serán atendidas respectando a súa orde de incoación, sen que se produza comparación entre elas, e ata o esgotamento do crédito dispoñible. A elección deste procedemento vén motivada pola propia natureza das axudas, xa que a súa concesión unicamente a determina o cumprimento por parte das entidades solicitantes dos requisitos establecidos na propia resolución.

Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade, e conforme o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Polo exposto, e en exercicio das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Axencia Turismo de Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas aos municipios declarados turísticos e aos xeodestinos para a contratación de persoal nas oficinas de turismo durante os meses de xullo, agosto e setembro, así coma efectuar a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU900A).

1.2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva por rigorosa orde de entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

2. Solicitudes.

2.1. Para poder ser beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

2.2. As solicitudes deberán presentarse da forma e no prazo establecidos no dito artigo 4 das bases reguladoras.

3. Financiamento.

A convocatoria realízase con cargo ás aplicacións orzamentarias previstas nos orzamentos de gastos da Axencia Turismo de Galicia para o ano 2021, segundo se establece no artigo 26 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e coa desagregación establecida no artigo 2 das bases reguladoras.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

4. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG).

5. Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, introducindo no buscador o código de procedemento TU900A.

c) O teléfono 981 54 02 60 e 981 54 63 64 da dita axencia.

d) Enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal

6. Réxime de recursos.

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021

María Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos declarados municipios turísticos e xeodestinos de Galicia para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de xullo, agosto e setembro, e a súa convocatoria para o ano 2021
(código de procedemento TU900A)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a contratación de persoal nas oficinas de turismo dos concellos declarados municipios turísticos galegos e dos xeodestinos durante os meses de xullo, agosto e setembro.

O dito persoal poderá contratarse no período comprendido entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, ambas as dúas datas incluídas.

No caso de solicitar a subvención un concello, será requisito indispensable que o concello conte coa declaración de municipio turístico galego, regulada no Decreto 32/2015, do 19 de febreiro, polo que se regula a declaración de municipio turístico (DOG núm. 41, do 2 de marzo).

No caso de solicitaren a subvención entidades que representen os xeodestinos ou subxeodestinos descritos no Mapa oficial de xeodestinos de Galicia, publicado pola Axencia Turismo de Galicia, deberá designarse o concello en que realizará o seu traballo o persoal contratado obxecto destas subvencións.

O persoal que se contrate deberá estar en posesión dalgún dos seguintes títulos ou habilitacións: técnico superior en Información e Comercialización Turística ou técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turística; técnico en Empresas e Actividades Turísticas, grao ou diplomado/a en Turismo ou equivalente homologado ou ben contar coa habilitación de guía de turismo, ou certificado de profesionalidade de Promoción Turística Local e Información ao Visitante (HOTI0108).

Como medida de fomento do emprego, o persoal que se contrate deberá figurar como desempregado, ou demandante dunha mellora de emprego, no Servizo Público de Emprego de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Financiamento, concorrencia e gastos subvencionables

1. As subvencións obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 05.A2.761A.460.0, proxecto 2015 00006, cun crédito de 225.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de incoación dos expedientes.

2. As actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de 3.500 € por entidade beneficiaria, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de que os citados gastos non acaden os 3.500 €, a contía da axuda será como máximo o importe dos gastos.

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados entre o 1 de xullo e o 30 de setembro de 2021.

Terán a consideración de gastos subvencionables a contratación de persoal para prestar servizos de información turística nas oficinas de turismo do concello ou entidade solicitante entre o 1 de xullo e o 30 de setembro de 2021. Nestes gastos inclúense os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada.

En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os pague efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

4. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que conten coa declaración de municipios turísticos galegos.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarios destas subvencións os 18 xeodestinos e subxeodestinos descritos no Mapa oficial de xeodestinos de Galicia, publicado pola Axencia Turismo de Galicia, que deberán estar representados por algunha das seguintes entidades:

• Mancomunidades e consorcios locais de Galicia constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Estas entidades supramunicipais deberán ter atribuídas competencias en materia de turismo.

• Agrupacións de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarias. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Esta agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.

O órgano de representación destas entidades ou agrupacións será o encargado de designar o concello do xeodestino ou subxeodestino en cuxa oficina de turismo será desenvolvida a actividade de información obxecto da subvención.

3. Só poderá presentarse unha solicitude por concello, mancomunidade, consorcio ou agrupación.

Non obstante, os concellos cuxas oficinas de información acollan o/a informador/a designado/a polos xeodestinos ou subxeodestinos poderán, pola súa vez, facer unha solicitude de maneira independente, e será compatible, deste xeito, a condición de beneficiaria dun concello de interese turístico con ser o concello cuxa oficina de turismo é designada polo xeodestino ou subxeodestino como a destinataria do/da informador/a obxecto de subvención.

4. Os requisitos para ser beneficiarias deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

5. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do concello.

Artigo 4. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do/da secretario/a da entidade local en que consten os seguintes aspectos:

– O cumprimento do deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, indicando a data de remisión das correspondentes ao último exercicio.

– Acordo de solicitar a subvención e de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

Este acordo deberá adoptarse antes do vencemento do prazo de presentación das solicitudes. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

– O número de traballadores que se van contratar e as súas retribucións salariais brutas, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, nas cales se inclúa a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

Así mesmo e de maneira imprescindible, deberá remitirse a referencia da publicación do convenio colectivo que se aplique, así como as táboas salariais vixentes no momento da solicitude.

b) No caso das agrupacións de concellos, achegarase unha certificación emitida pola secretaría do concello representante, na cal se faga constar con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados e/ou nas certificacións emitidas polos/as secretarios/as dos concellos integrantes da agrupación:

– Que todos os concellos integrantes da agrupación adoptaron o acordo polo cal se solicita a subvención e de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

– O nomeamento do/da alcalde/alcaldesa representante con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a e perceptor/a da subvención.

– Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do concello ao Consello de Contas de Galicia. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

Os acordos deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos ou a falta da referencia expresa ao contido determinado nos números anteriores, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas, determinará a inadmisión da solicitude.

c) No caso de presentarse a solicitude por unha agrupación de concellos de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o instrumento xurídico que regule a agrupación, o cal deberá incluír, en todo caso, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles e a designación do/da alcalde/sa que actuará como representante da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.

2. Ademais, no modelo de declaración que se incorpora no anexo II farase constar:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados.

b) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

e) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 16 das bases reguladoras.

f) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Facenda autonómica e coa Facenda estatal e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda con ningunha outra Administración pública.

3. Para os efectos das declaracións contidas na solicitude, no caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que as integran. Estas declaracións deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano instrutor.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

8. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social, así como de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que a persoa solicitante ou a beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase a solicitante ou beneficiaria para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indícalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar as certificacións de estar ao día nas citadas obrigas.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 9. Órganos competentes

A Xerencia da Axencia Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponderalle á persoa titular da Dirección da Axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 11. Audiencia

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará proposta de resolución provisional debidamente motivada, que será notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A proposta de concesión de subvencións efectuarase atendendo á orde de entrada das solicitudes, ata o límite do orzamento dispoñible para esta convocatoria.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 12. Resolución

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva, que elevará á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia para a súa resolución. A dita proposta conterá a relación de expedientes instruídos, establecida por rigorosa orde de incoación, e nela indicarase o número de expediente, denominación e NIF da entidade solicitante, data de presentación da solicitude, número de traballadores contratados, duración dos contratos e o seu custo, contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou inadmisión, segundo corresponda.

2. A persoa titular da Dirección, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o solicitante a quen se lle concede a subvención, o número de traballadores contratados, período polo que se contratan e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude.

Unha vez esgotado o crédito destinado a estas subvencións, publicarase no Diario Oficial de Galicia a dita circunstancia, que implicará a inadmisión dos expedientes instruídos con posterioridade ao esgotamento do orzamento previsto para esta convocatoria.

De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible poderá ampliarse este cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións previstas no dito artigo.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa.

Se o acto non fose expreso, poderá interporse o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en no que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade local beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a entidade deberá presentar: memoria xustificativa, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se dará audiencia ao interesado, nos termos previstos no artigo 11 destas bases.

6. Cando a persoa beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar a modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime a persoa beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Dirección da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co presentado ao concurso de subvencións ou, se é o caso, ao modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia.

b) Aboarlles ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación.

c) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) A persoa beneficiaria deberá dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control; así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

g) As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En concreto, deberá facerse constar na súa publicidade, incluída a realizada a través de páxinas web, ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus proxectos pola Xunta de Galicia dentro do programa do Xacobeo 2021-2022. Para estes efectos deberán incluír o logotipo da Xunta de Galicia e do Xacobeo 2021-2022 de conformidade co Manual de identidade corporativa da Xunta de Galicia e Manual de uso da marca Xacobeo 2021-2022.

As persoas beneficiarias deberán incluír, nas súas accións promocionais, o logotipo da Xunta de Galicia e da marca do Xacobeo 2021-2022. De ser o caso, na páxina web deberá inserirse un báner cunha ligazón á páxina da Axencia Turismo de Galicia relativa ao Xacobeo 2021-2022.

Nos folletos e outras publicacións tamén deberán incluír na contraportada o logotipo da Xunta de Galicia e da marca do Xacobeo 2021-2022, seguindo as indicacións do Manual de uso.

h) As persoas beneficiarias quedan obrigadas a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 18. Subcontratación

Poderán ser obxecto de subcontratación ata o 100 % as actuacións subvencionadas nos termos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, quedan fóra da subcontratación aqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

No caso en que se realice a subcontratación, só se considerará gasto subvencionable o custo dos traballadores contratados de conformidade co disposto no punto 2 do artigo 2, e en ningún caso se subvencionará o beneficio da empresa ou entidade que realice a contratación, nin ningún imposto indirecto derivado desta.

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, a persoa beneficiaria terá de prazo ata o 31 de outubro de 2021 para presentar, por medios electrónicos e de acordo co sinalado no artigo 4 destas bases, copias da documentación que a seguir se indica:

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo IV.

b) Conta xustificativa conforme os artigos 8 e 9 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, que incorporará:

– En todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

– Certificación expedida pola Secretaría da entidade local co visto e prace do/da alcalde/alcaldesa ou, de ser o caso, do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria, en que consten as retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

c) Copias dos contratos de traballo e dos partes de alta e de baixa na Seguridade Social dos traballadores contratados.

d) Copias das titulacións dos/das traballadores/as contratados/as.

e) Anexo V: modelo de declaracións actualizado.

No caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que as integran. Estas declaracións deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

f) Unha memoria asinada feita polo/a traballador/a contratado/a sobre as actividades levadas a cabo ou algún aspecto relacionado co sector turístico no municipio.

2. O gasto xustificado deberá coincidir co importe do gasto subvencionable da resolución de concesión das subvencións ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado for menor e sempre que se cumpra coa finalidade para a cal se concedeu a subvención, corresponderá igualmente o pagamento do importe concedido sempre que a contía xustificada sexa igual ou superior a este.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 20. Pagamento

O pagamento realizarase unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención e realizadas polos órganos competentes da Axencia as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Previamente ao pagamento deberá acreditarse que o/a beneficiario/a está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nin é debedor por resolución de procedencia de reintegro. Esta acreditación poderá substituírse pola presentación dunha declaración responsable do beneficiario, de acordo co disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no caso de entidades locais.

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 22. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 23. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Así mesmo, e de conformidade cos artigos 18.3 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

Os interesados poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 euros), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Así mesmo, a solicitude para ser beneficiaria da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorran algunhas das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Remisión normativa

Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file