Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 29 de xuño de 2021 Páx. 32880

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2021 pola que se convocan para o ano 2021, con carácter plurianual, as subvencións do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento do Plan estatal de vivenda 2018-2021 (código de procedemento VI432C).

O Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (Boletín Oficial del Estado núm. 61, do 10 de marzo), prevé un programa de fomento do parque de vivenda en alugamento ou cesión en uso, dirixido a incentivar economicamente a súa promoción, pública ou privada, co compromiso de permanencia mínima nese réxime durante vinte e cinco anos.

En desenvolvemento do citado real decreto, a Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, estableceu as bases reguladoras das subvencións deste programa mediante a Resolución do 6 de xuño de 2019 (Diario Oficial de Galicia núm. 115, do 19 de xuño).

Esta resolución ten por obxecto convocar as subvencións do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento do Plan estatal de vivenda 2018-2021 para a anualidade 2021.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2021, con carácter plurianual, as subvencións do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento previstas no capítulo V do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021), que se tramitará co código de procedemento VI432C.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria establécense na Resolución do 6 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 115, do 19 de xuño (código de procedemento VI432C).

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo ás aplicacións orzamentarias 08.81.451B.760.0, 08.81.451B.770.0 e 08.81.451B.781.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, polos seguintes importes e anualidades:

Aplicación

Importe 2021

Importe 2022

08.81.451B.760.0

Proxecto 2019 00004-FFE

156.000 €

300.000 €

08.81.451B.770.0

Proxecto 2019 00003-FCA

Proxecto 2019 00004-FFE

515.200 €

604.229 €

1.500.000 €

08.81.451B. 781.0

Proxecto 2019 00004-FFE

400.000 €

198.400 €

TOTAL

1.675.429 €

1.998.400 €

2. As contías establecidas nesta convocatoria poderán ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), e terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Cuarto. Persoas e entidades beneficiarias. Requisitos

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As persoas físicas maiores de idade que posúan a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, que teñan a residencia legal en España.

b) As administracións públicas, os organismos públicos e demais entidades de dereito público e privado, así como as empresas públicas, privadas, público-privadas e sociedades mercantís participadas maioritariamente polas administracións públicas en cuxo obxecto social figure a promoción de vivendas.

c) As fundacións, as empresas de economía social e as súas asociacións, as cooperativas de autoconstrución, as organizacións non gobernamentais e as asociacións declaradas de utilidade pública, e aquelas a que se refire a disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

2. As persoas ou as entidades beneficiarias deberán atoparse ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas ou entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou que se lles teña revogado ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dalgunha axuda prevista neste ou no anterior plan estatal de vivenda por incumprimento ou causa imputable a aquelas.

4. No suposto de fundacións de interese galego, para ter a condición de beneficiaria será requisito necesario que teña presentadas as contas ao protectorado do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. No suposto de concellos, para ter a condición de beneficiario será requisito necesario que o concello teña presentadas no Consello de Contas as contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria, conforme o artigo 208 e seguintes do texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.

Quinto. Requisitos e prazo para a execución das actuacións

1. Poderán obter financiamento con cargo ás axudas deste programa as promocións que reúnan os requisitos exixidos polo ordinal décimo primeiro da Resolución do 6 de xuño de 2019.

2. O número mínimo de vivendas que deberán ter as promocións financiadas con cargo a este programa será de cinco.

3. As actuacións obxecto de financiamento non poderán estar iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2021 nin estar finalizadas con carácter previo á publicación desta resolución no DOG.

4. O prazo para executar as obras correspondentes ás actuacións financiadas con cargo a esta convocatoria non poderá exceder os 18 meses, contados desde a data de notificación da citada resolución de concesión e, en todo caso, non poderá exceder o 30 de novembro de 2022.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Sétimo. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I a esta resolución e deberá dirixirse ao IGVS. As persoas e as entidades interesadas deberán presentar unha solicitude para cada unha das promocións que queiran financiar con cargo a este programa.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

3. A presentación electrónica será obrigatoria para as entidades relacionadas no ordinal cuarto, punto 1.b) e c) e para as súas persoas representantes. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Neste suposto, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas físicas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

6. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de solicitar ou obter algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para esa mesma finalidade, así como a súa contía.

c) Compromiso de destinar todas as vivendas ao alugamento ou a cesión en uso durante un prazo mínimo de 25 anos.

d) Declaración de que non se lle revogou ningunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa ou á entidade solicitante.

e) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

f) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

g) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son certos.

Oitavo. Documentación complementaria

1. As persoas ou entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa ou entidade solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Documento administrativo acreditativo da cesión ou a concesión administrativa do solo; escritura pública de constitución do dereito de superficie, de titularidade do solo ou do inmoble que se rehabilitará, segundo sexa o caso.

c) Reportaxe fotográfica do estado actual da actuación, de ser o caso.

d) Infografía da actuación que se vai executar.

e) Memoria-programa da actuación, co seguinte contido mínimo:

– Certificación urbanística do solo que habilite a execución da promoción.

– Número de vivendas da promoción, cadro de superficies útiles de cada unha delas e dos seus anexos e prezo de alugamento ou cesión en uso, así como descrición dos espazos destinados a outros usos.

– Orzamento detallado da actuación para a cal se solicita a subvención.

– Programación temporal e pormenorizada da actuación coherente cos prazos establecidos nesta convocatoria.

– Análise da viabilidade económica da actuación.

f) No caso de obras iniciadas con anterioridade á data da publicación no DOG desta resolución, certificado emitido polo/a técnico/a director/a das obras que acredite a data de inicio das obras, así como as obras pendentes de finalización.

g) Declaración responsable da persoa ou entidade beneficiaria, de que a promoción se atopa totalmente baleira de inquilinos ou outros ocupantes por calquera título.

h) Certificado de eficiencia enerxética de proxecto que acredite a cualificación de consumo enerxético como mínimo da letra B.

i) Licenza municipal de obras ou, solicitude de licenza, no caso de non dispoñer dela.

j) No caso de prosecución de obras en curso en vivendas ou promocións paralizadas:

– Licenza municipal de obra.

– Certificado municipal que acredite que a licenza non foi obxecto de declaración de caducidade.

– Orde/acta de paralización ou suspensión das obras, emitida pola dirección facultativa da obra.

– Certificado emitido polo/a técnico/a director/a das obras en que consten as obras executadas e o orzamento desagregado e detallado executado ata ese momento e as obras pendentes de finalización, con indicación do orzamento necesario para a súa finalización.

k) No caso de edificios situados en conxuntos históricos, documentación xustificativa desta circunstancia.

l) No caso de solicitudes presentadas por fundacións de interese galego, certificado da persoa responsable en que se acredite que a fundación presentou as contas ao protectorado do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria.

m) No caso de solicitudes presentadas por concellos, certificado da secretaría municipal en que se acredite que o concello presentou no Consello de Contas as contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria.

n) No caso das entidades de dereito privado, as empresas públicas, privadas, público-privadas e sociedades mercantís participadas maioritariamente polas administracións públicas, certificado emitido polo seu órgano competente que acredite o seu obxecto social no momento da presentación da solicitude.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

Noveno. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación da solicitude por esta vía. Se algún destes suxeitos presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas físicas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial, dentro dos prazos previstos nesta convocatoria e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro (NIE) da persoa solicitante.

b) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificacións da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante.

f) Certificación de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado, da persoa ou entidade solicitante.

g) Certificación de concesións de subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado, da persoa ou entidade solicitante.

2. Consultarase o permiso de residencia legal da persoa solicitante cando sexa estranxeira, no suposto de que faga constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado para tal efecto no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderaslles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo primeiro. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. As persoas interesadas que non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo segundo. Criterios de valoración

1. A valoración das solicitudes realizarase de acordo cos seguintes criterios e puntuacións:

a) Número de vivendas destinadas a alugamento ou cesión en uso:

– De 5 a 25 vivendas: 5 puntos.

– Máis de 25 vivendas: 10 puntos.

b) Zona territorial en que se sitúen as vivendas ou a promoción:

– Municipios incluídos na zona territorial II: 5 puntos.

– Municipios da zona territorial I: 10 puntos.

– Municipios das áreas territoriais de prezo máximo superior: 15 puntos.

c) Suxeición ao réxime das vivendas protexidas:

– Se se trata de vivendas de protección autonómica de réxime concertado: 5 puntos.

– Se se trata de vivendas de protección autonómica de réxime xeral: 10 puntos.

– Se se trata de vivendas de protección autonómica de réxime especial: 15 puntos.

d) No suposto de que a actuación conte con licenza municipal de obras: 10 puntos.

e) No suposto de edificios situados en conxuntos históricos: 10 puntos.

2. No caso de igualdade de puntuación, resolverase atendendo á orde cronolóxica da data de presentación da solicitude en calquera dos rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta convocatoria.

Décimo terceiro. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Décimo cuarto. Procedemento de concesión

1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia competitiva, mediante a publicación no DOG da resolución de convocatoria ditada pola persoa titular da Presidencia do IGVS.

2. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa ou entidade solicitante para que, no prazo de dez días (10) hábiles, a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

4. O órgano instrutor, tras a comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos, procederá á preavaliación das solicitudes presentadas, de acordo co establecido no artigo 21.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Para estes efectos, o órgano instrutor poderá requirir ás persoas ou entidades solicitantes a información ou documentación adicional que se considere de relevancia para unha mellor avaliación das solicitudes.

5. Co obxecto de realizar a selección das persoas e das entidades beneficiarias, constituirase unha comisión de valoración, composta polas persoas titulares das seguintes unidades:

a) Presidente/a: Secretaría Xeral do IGVS.

b) Vogais:

– Dirección Técnica de Fomento do IGVS, que realizará as funcións de secretario/a.

– Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade.

– Un/unha arquitecto/a da Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade.

O funcionamento da comisión de valoración axustarase ao réxime establecido para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

6. A comisión de valoración elaborará un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada, que conterá a relación ordenada de todas as solicitudes que cumpran os requisitos e a subvención que lles corresponde, de conformidade co establecido no artigo 33.5 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. O órgano instrutor, á vista do informe sinalado no parágrafo anterior, redactará a proposta de resolución de concesión das subvencións, que remitirá á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, e que deberá conter unha memoria-programa onde se defina cada actuación en todos os seus aspectos e se xustifique a súa viabilidade económica, para os efectos de que a remita ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Logo da subscrición do acordo previsto no ordinal oitavo das bases reguladoras, a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolverá o que en dereito proceda sobre cada unha das solicitudes presentadas.

Décimo quinto. Resolución e recursos

1. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da axuda solicitada.

2. A resolución estimatoria indicará as persoas ou entidades beneficiarias, as actuacións subvencionables, o seu custo, a contía da subvención concedida, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra e o prazo para a execución das actuacións, así como o prezo máximo do alugamento ou da cesión en uso das vivendas.

A resolución de concesión fixará os importes da subvención correspondentes a cada unha das anualidades, que deberán ser xustificados na forma sinalada nas bases reguladoras e nesta resolución.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do procedemento será de tres (3) meses, contado desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique a resolución expresa, a persoa ou entidade interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo sexto. Prazo e presentación da documentación xustificativa.

1. A comunicación do remate final ou parcial das obras deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días, contado ben desde o día seguinte ao da finalización das obras, ben desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación de cada anualidade das obras. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, final ou parcial, da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión. A documentación xustificativa presentarase de conformidade co anexo II que se xunta a esta resolución.

2. A comunicación de execución parcial de obras deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Licenza municipal de obras, no suposto de que non se achegase con anterioridade.

b) Certificado de inicio das obras, no caso de que non se presentase con anterioridade.

c) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, en que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que corresponda xustificar. Conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación do acredor, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá xustificarse mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo/a solicitante.

d) Memoria explicativa das obras realizadas asinada, se for o caso, por unha persoa técnica competente.

e) Fotografías que mostren as obras realizadas.

f) Copia de tres orzamentos, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 40.000 euros. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

g) De ser o caso, documento acreditativo da constitución das garantías previstas no ordinal vixésimo sétimo, punto 3, da Resolución do 6 de xuño de 2019.

h) De ser o caso, indicación do expediente de cualificación provisional da actuación.

3. A comunicación final das obras, ademais da documentación sinalada no punto 2, no suposto de non tela presentado con anterioridade, deberá vir acompañada da seguinte documentación:

a) Certificado de fin de obra, en que se faga constar que as actuacións se realizaron conforme os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

b) Licenza de primeira ocupación, de ser o caso.

c) Certificado de eficiencia enerxética de edificio rematado en que conste a cualificación de consumo enerxético mínima da letra B, debidamente rexistrado ante o organismo correspondente.

d) Copia da escritura de división horizontal da edificación.

e) Nota marxinal da inscrición no Rexistro da Propiedade do destino das vivendas a arrendamento ou cesión en uso durante un prazo mínimo de 25 anos.

f) Contratos de arrendamento ou cesión en uso formalizados, na porcentaxe mínima establecida no ordinal vixésimo sétimo, punto 4º, da Resolución do 6 de xuño de 2019.

Décimo sétimo. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias

As persoas e as entidades beneficiarias, ademais das recollidas na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, terán as seguintes obrigas:

1. Executar a totalidade das actuacións subvencionadas dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, cumprindo as condicións e prescricións que nela se establezan.

2. Xustificar a execución coas facturas e documentos bancarios de pagamento en que se identifiquen as persoas ou as entidades beneficiarias.

3. Destinar as vivendas a arrendamento ou cesión en uso durante un prazo mínimo de 25 anos, contado desde a data da licenza municipal de primeira ocupación.

4. Alugar ou ceder en uso as vivendas a persoas cuxos ingresos, incluídos os das persoas que integran as súas unidades de convivencia, non superen os límites establecidos nas bases reguladoras da subvención.

5. Alugar ou ceder en uso as vivendas sen exceder a súa renda do prezo máximo fixado na resolución de concesión da subvención.

6. Presentar no IGVS, para o seu visado, os contratos de arrendamento ou de cesión en uso das vivendas, nos termos establecidos nas bases reguladoras da subvencións.

7. Dar a axeitada publicidade de que as actuacións están subvencionadas no marco do Plan 2018-2021, polo Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia, a través do IGVS.

8. Non concertar, en ningún caso, a execución total ou parcial das actuacións con persoas ou entidades que se atopen nalgún dos supostos previstos no número sétimo do artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

9. Permitir ao IGVS a realización das inspeccións e/ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e/ou o destino da subvención concedida.

10. Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboe a subvención.

11. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

12. As demais obrigas que derivan das bases reguladoras e da resolución de convocatoria.

Décimo oitavo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar no formulario, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días (10) naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo noveno. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésimo. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésimo primeiro. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file