Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Venres, 16 de xullo de 2021 Páx. 36523

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 8 de xullo de 2021 pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de grao, máster universitario e programas de doutoramento nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para o curso 2021/22.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e a supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola Comunidade Autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, regula a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais e dispón, no seu capítulo VI, o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola Comunidade Autónoma. Mediante acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e realizarase a súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT). O Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, deu unha nova regulación ás ensinanzas de doutoramento, que iniciou unha nova etapa de reorganización xeral dos estudos de posgrao, diferenciando o máster universitario dos programas de doutoramento.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia; pola Orde do 20 de marzo de 2012, que desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e polo Decreto 161/2015, do 5 de novembro, que modifica o Decreto 222/2011.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización da implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da Comunidade Autónoma se farase mediante orde da consellería competente en materia de universidades, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Previamente terá que ser sometido a informe do Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

As universidades, logo de ser autorizadas a implantar os estudos, quedan obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis alá dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico.

O Pleno do Consello Galego de Universidades, na sesión ordinaria do 14 de xuño de 2021, no exercicio das súas competencias, acordou emitir informe favorable sobre a solicitude das universidades do Sistema universitario de Galicia de implantación dos seguintes títulos unha vez obtidas as resolucións de verificación do Ministerio.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Que se autorice a Universidade da Coruña para implantar, no curso 2021/22, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Máquinas Navais. A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do grao en Tecnoloxías Mariñas autorizado polo Decreto 187/2010, do 11 de novembro (DOG do 17 de novembro), con número RUCT 2502211.

2. Máster universitario Erasmus Mundus en Sostibilidade e Industria 4.0 Aplicada ao Sector Marítimo pola Universidade da Coruña; Universitá degli Studi di Napoli Federico II e University of Zagreb. Autorizado por medio desta orde.

3. Máster universitario en Xerontoloxía pola Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela. A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do máster universitario coa mesma denominación, autorizado polo Decreto 51/2006, do 23 de marzo (DOG do 28 de marzo), con número RUCT 4310400.

4. Programa de doutoramento en Matemáticas e Aplicacións pola Universidade da Coruña; a Universidade de Santiago de Compostela; a Universidade de Vigo; a Universidade de Porto; a Universidade de Trás-Os-Montes e Alto Douro e Universidade do Minho. Autorizado por medio desta orde.

Artigo 2

Que se autorice a Universidade de Santiago de Compostela para implantar, no curso 2021/22, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Xestión Cultural. A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, autorizado polo Decreto 150/2010, do 16 de setembro (DOG do 23 de setembro), con número RUCT 2502440.

2. Máster universitario en Sistemas Aéreos non Tripulados pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do máster universitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, autorizado pola Orde do 13 de xuño de 2018 (DOG do 29 de xuño), con número RUCT 4316696.

3. Máster universitario en Tecnoloxías en Márketing e Comunicación Política. A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do máster universitario en Marketing, Consultoría e Comunicación Política, autorizado pola Orde do 1 de febreiro de 2013 (DOG de 12 de febreiro), con número RUCT 4313707.

4. Máster universitario en Xerontoloxía pola Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela. A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do máster universitario coa mesma denominación, autorizado polo Decreto 51/2006, do 23 de marzo (DOG do 28 de marzo), con número RUCT 4310400.

5. Máster universitario en Xornalismo e Comunicación Multimedia: Novas Tendencias en Produción, Xestión e Difusión do Coñecemento. A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do máster universitario en Xornalismo e Comunicación: Novas Tendencias en Produción, Xestión e Difusión do Coñecemento, autorizado pola Orde do 28 de xuño de 2016 (DOG do 13 de xullo), con número RUCT 4315656.

6. Programa de doutoramento en Matemáticas e Aplicacións pola Universidade da Coruña; a Universidade de Santiago de Compostela; a Universidade de Vigo; Universidade de Porto; a Universidade de Trás-Os-Montes e Alto Douro e Universidade do Minho, autorizado por medio desta orde.

7. Programa de doutoramento en Agricultura e Medio Ambiente para o Desenvolvemento pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de San Carlos de Guatemala. A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do programa de doutoramento en Ciencias Agrícolas e Medioambientais, autorizado pola Orde do 6 de xuño de 2013 (DOG do 18 de xuño), con número RUCT 5600120.

Artigo 3

Que se autorice a Universidade de Vigo para implantar, no curso 2021/22, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española. A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, autorizado pola Orde do 24 de outubro de 2014 (DOG do 6 de novembro), con número RUCT 2503097.

2. Máster universitario en Sistemas Aéreos non Tripulados pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do máster universitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, autorizado pola Orde do 13 de xuño de 2018 (DOG do 29 de xuño), con número RUCT 4316696.

3. Programa de doutoramento en Matemáticas e Aplicacións pola Universidade da Coruña; a Universidade de Santiago de Compostela; a Universidade de Vigo; Universidade de Porto; Universidade de Trás-Os-Montes e Alto Douro e Universidade do Minho. Autorizado por medio desta orde.

Artigo 4

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de extinción, de acordo co establecido no artigo 16.2 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade