Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Xoves, 19 de agosto de 2021 Páx. 41765

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2021, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publican as listaxes de persoas que se incorporan nas bolsas autonómicas galegas existentes para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas, en virtude do disposto na Orde TFP/297/2019, do 7 de marzo, do Ministerio de Política Territorial e Función Pública.

Para os efectos de facer efectiva a inclusión nas listas autonómicas dos aspirantes que aprobaron algún exercicio nas probas de acceso á subescala correspondente, o Ministerio de Política Territorial e Función Pública ditou a Orde 297/2019, do 7 de marzo, pola que se establece o procedemento de elaboración de relacións de candidatos das subescalas da escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional e remitiunas ás comunidades autónomas para a súa utilización de conformidade co disposto no artigo 53 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

En desenvolvemento do anterior marco normativo, a Comunidade Autónoma de Galicia aprobou a Orde do 30 de novembro de 2017 pola que se establece o procedemento para a selección e nomeamento de persoal interino para o desempeño de postos reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional (publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 229, do 1 de decembro).

O 1 de decembro de 2017 a Dirección Xeral de Administración Local dita resolución pola que se efectúa a primeira convocatoria para o acceso ás bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas (publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 237, do 15 de decembro). Na súa virtude, no ano 2018 elaboráronse as correspondentes bolsas para as subescalas de secretaría-intervención, secretaría de entrada e intervención-tesouraría de entrada.

O 26 de marzo de 2019 a Dirección Xeral de Administración Local dita resolución pola que se efectúa a segunda convocatoria para o acceso ás bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas (publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 71, do 11 de abril). Na súa virtude, no ano 2019 elaboráronse as correspondentes bolsas para as subescalas de secretaría-intervención, intervención-tesouraría, categoría de entrada e secretaría, categoría de entrada, que na actualidade seguen en vigor.

A disposición adicional segunda da citada Resolución do 26 de marzo de 2019, da Dirección Xeral de Administración Local, regula a inclusión nas bolsas vixentes da relación de candidatos remitida polo INAP elaborada de conformidade co procedemento establecido na Orde TFP/297/2019, do 7 de marzo, indicando que se outorgarán a cada aspirante 10 puntos por exercicio superado para a correspondente subescala.

O Ministerio de Política Territorial e Función Pública remitiu, a través do Instituto Nacional de Administración Pública, a relación de persoas candidatas que, non tendo superado a oposición, aprobaron algún exercicio das probas selectivas para o ingreso na escala de persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional e solicitaron a súa inclusión nas listas autonómicas de persoal interino para cubrir postos de traballo reservados a persoal funcionario de Administración local en entidades locais de Galicia.

Para que as persoas candidatas interesadas poidan integrarse nas citadas listas autonómicas galegas é necesario que indiquen a zona de preferencia pola que optan (A Coruña, Lugo, Ourense ou Pontevedra) e ademais deben reunir os seguintes requisitos, previstos na Orde do 30 de novembro de 2017:

1. Acreditación de estar en posesión da titulación exixida para o ingreso nos corpos ou escalas clasificados do subgrupo A1.

2. Acreditación de estar en posesión do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou o seu equivalente debidamente homologado e, na súa falta, a superación dunha proba de galego eliminatoria que se cualificará como apto ou non apto.

Co obxecto de acreditar o cumprimento dos citados requisitos, a Dirección Xeral de Administración Local remitiu ás persoas candidatas interesadas o oportuno requirimento para que achegasen a documentación acreditativa do seu cumprimento e convocou as que non acreditaron posuír o Celga 4 para a realización da proba de coñecemento de galego.

De producirse empate na puntuación, a orde de desempate sería a seguinte:

a) Pola puntuación obtida no proceso selectivo.

b) Pola letra vixente no resultado do sorteo para participar nos procesos selectivos na Administración autonómica de Galicia do ano natural anterior á convocatoria do proceso selectivo de que deriva a relación de persoas candidatas remitida polo Instituto Nacional de Administración Pública.

c) Pola persoa solicitante de maior idade.

En virtude do anteriormente exposto, esta Dirección Xeral de Administración Local, en exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro. Publicar as listaxes de persoas candidatas que se incluirán nas bolsas autonómicas galegas vixentes para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas, derivada da relación de candidatos remitida polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública e elaborada de conformidade co procedemento establecido na Orde TFP/297/2019, do 7 de marzo, que acreditaron o cumprimento dos requisitos previstos na Orde da entón Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administración Pública e Xustiza, do 30 de novembro de 2017.

Estas listaxes están á disposición das persoas interesadas na páxina web Eidolocal, na epígrafe máis información, no seguinte enderezo https://www.eidolocal.gal/bolsas-interinos

Segundo. Ter por desistidas as persoas candidatas que non atenderon o requirimento efectuado ou non acreditaron os requisitos previstos na Orde do 30 de novembro de 2017.

Estas listaxes están á disposición das persoas interesadas na páxina web Eidolocal, na epígrafe máis información, no seguinte enderezo https://www.eidolocal.gal/bolsas-interinos

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a directora xeral de Administración Local, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1 do mesmo texto legal.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2021

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local