Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Xoves, 19 de agosto de 2021 Páx. 41723

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2021 pola que se acorda a publicación do convenio de colaboración entre as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña polo que se crea o Consorcio Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga).

As universidades públicas galegas de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña asinaron, o 19 de xullo de 2021, un convenio de colaboración en que se establece a creación do Consorcio Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga).

Procede, en consecuencia, publicar no Diario Oficial de Galicia o citado convenio de colaboración polo que se establece a creación do CITMAga, así como os seus estatutos.

Por todo o anterior, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, en representación das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña,

RESOLVE:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio de colaboración entre as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña para a constitución do Consorcio Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), así como os seus estatutos.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2021

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO

Convenio de colaboración entre a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo polo que se crea o
Consorcio Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga)

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2021

Reunidos:

Dunha parte, Julio E. Abalde Alonso, reitor da Universidade da Coruña, en nome e representación desta institución, ao abeiro do artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

Doutra parte, Antonio López Díaz, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, en nome e representación desta institución, ao abeiro do artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

Doutra parte, Manuel Joaquín Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo, en nome e representación desta institución, ao abeiro do artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

Recoñecéndose mutua e reciprocamente a súa capacidade legal necesaria para a formalización deste convenio de colaboración,

Expoñen:

1. Que as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, en exercicio da súa autonomía e con base no establecido no artigo 39.3 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, asumen como un dos seus obxectivos esenciais o desenvolvemento da investigación científica, técnica e artística, atendendo tanto á investigación básica como aplicada, e asumen como obxectivo estratéxico potenciar a transferencia ao sector produtivo dos resultados da investigación que se xeran nas universidades.

2. Que, para consolidar a posición relevante no eido nacional e internacional da matemática industrial galega, a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo constituíron, con data 7 de febreiro de 2013, o Consorcio ITMATI, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica de seu, ao abeiro do artigo 6.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Que o Consorcio ITMATI supuxo un fito importante de agregación de recursos entre as tres universidades para promover a transferencia da tecnoloxía matemática e dar respostas eficaces e áxiles ás demandas das empresas, das industrias e das administracións públicas. A súa principal misión consiste en contribuír ao fortalecemento e potenciación da competitividade no contorno industrial e empresarial, apoiar a innovación no sector produtivo e o desenvolvemento de tecnoloxía matemática avanzada orientada á transferencia á industria.

4. Que esta posición consolidada pode e debe ser rendibilizada e potenciada dotando o Sistema universitario de Galicia (SUG) dun marco científico organizado para as matemáticas galegas que optimice a cooperación e masa crítica actualmente activa. Con este obxectivo, as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo propoñen a creación e o establecemento dun Consorcio denominado Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), ao abeiro do capítulo VI do título II da Lei 40/2015, do 1 de outubro, sobre as seguintes bases e motivos:

– Compartir visión e estratexia para aproveitar a capacidade e reputación actuais das matemáticas galegas, creando unha entidade de I+D sustentable, con relevante impacto académico, social e económico.

– Integrar as capacidades científicas e tecnolóxicas máis competitivas das tres universidades nunha axenda científica común, aliñada cos retos globais definidos a nivel europeo, español e galego.

– Rendibilizar a experiencia organizativa e colaborativa de ITMATI e o seu impacto e equilibrio interinstitucional actual, asegurando a eficiencia nos procesos de transferencia e o obxectivo de converter os progresos na axenda científica en impacto social e económico.

5. Que é interese das institucións asinantes deste convenio aproveitar a capacidade e reputación actuais das matemáticas galegas para a creación do Consorcio Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) con impacto académico, social e económico relevante, no cal se integrará, unha vez constituído, o Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), de conformidade co artigo 127.5 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

Considerando, polo tanto, o interese compartido, as partes subscriben o presente convenio de colaboración con suxeición as seguintes

Cláusulas

Primeira. Obxecto

O presente convenio ten por obxecto crear o Consorcio Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) conforme os estatutos que se engaden como anexo e que forman parte inseparable del.

A creación deste consorcio suporá tamén a transformación do Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) e a súa integración no Consorcio CITMAga, conforme o establecido neste acordo.

Segunda. Compromisos

As partes asinantes comprométense a:

a) Participar activamente nas actividades desenvolvidas por CITMAga e divulgar a súa actividade.

b) Colaborar no desenvolvemento da constitución e funcionamento normalizado do CITMAga.

c) Realizar actuacións de forma coordinada en materias de interese común vinculadas cos intereses do Consorcio.

d) Colaborar co Consorcio cos medios persoais, materiais, equipamentos, aplicacións informáticas, consulta de material científico e bibliográfico, de uso de inmobles ou de cesión de instalacións que garantan unha mellor consecución dos seus fins.

e) Dar consentimento ao CITMAga para o uso e a difusión do logotipo das entidades fundadoras en actividades e actos de divulgación relacionados cos fins do Consorcio.

Terceira. Ámbito de colaboración

As partes comprométense a colaborar como piar de excelencia dentro do ecosistema de innovación e investigación e tecnoloxía de Galicia, atraendo e retendo talento, cun forte compromiso coa transferencia de coñecemento e dotar a sociedade e industria galega e española de vantaxe competitiva e sustentable a través do acceso a tecnoloxías innovadoras de primeiro nivel.

Cuarta. Condicións económicas

O consorcio CITMAga debe tender a autofinanciarse.

Quinta. Consorcio

Co obxecto de xestionar este convenio e a colaboración que deriva del, a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo constitúen, ao abeiro do capítulo VI do título II da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, un consorcio sen ánimo de lucro e que terá plena personalidade xurídica.

O presente convenio queda aberto á adhesión doutras institucións públicas ou privadas. A adhesión realizarase nas condicións que acorden as entidades membros do Consorcio, e sempre implicará a asunción dos compromisos establecidos nos seus estatutos e nos acordos dos seus órganos de goberno.

Serán órganos colexiados de goberno e dirección do Consorcio:

a) O Consello Reitor.

b) O Comité de Dirección.

Serán órganos unipersoais de dirección do CITMAga:

a) A Dirección Científica.

b) A Dirección Adxunta de Transferencia.

A súa regulación será a que se reflicte nos seus estatutos, que se recollen no anexo deste convenio.

Sexta. Comisión de seguimento

Para a xestión do presente convenio nomearase unha comisión de seguimento. Esta comisión estará constituída polos tres reitores das universidades ou polas persoas en que deleguen.

Son competencias desta comisión:

– O seu seguimento.

– A vixilancia do seu cumprimento.

– Realizar as propostas de modificación que se consideren oportunas aos órganos de goberno das entidades consorciadas.

– Calquera outra fixada nos estatutos do Consorcio.

Sétima. Modificacións

De producirse unha modificación substancial nos estatutos do CITMAga ou nas cláusulas deste convenio, incorporarase a correspondente addenda, que deberá contar co visto e prace dos órganos de goberno das entidades consorciadas.

Oitava. Resolución

O presente convenio extinguirase pola disolución do CITMAga nos termos previstos nos seus estatutos, recollidos no anexo, ou por incorrer en causa de resolución.

Son causas de resolución:

a) O incumprimento total ou parcial dalgunha das estipulacións que o regulan.

b) O acordo unánime de todas as partes asinantes.

c) Decisión xudicial declaratoria da nulidade do convenio.

d) Calquera outra causa prevista nas leis.

Novena. Integración do ITMATI

Unha vez creado o Consorcio CITMAga procederase á integración de todos os activos e pasivos do Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial ITMATI a través do procedemento establecido no artigo 127.5 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

O réxime transitorio será o establecido nos estatutos que se engaden como anexo deste convenio.

Décima. Protección de datos e publicidade

As partes asinantes manifestan o seu consentimento para que os datos persoais que constan neste convenio, así como o resto das especificacións contidas nel, poidan ser publicados nos portais da internet e demais páxinas web daquelas.

As partes comprométense ao cumprimento da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e do Regulamento UE 2016/679.

O réxime de tratamento e cesión de datos entre as entidades consorciadas e o Consorcio formalizarase a través dos instrumentos xurídicos que correspondan, incluídos os contratos de encargado de tratamento que procedan.

Décimo primeira. Xurisdición

As partes asinantes comprométense a resolver amigablemente calquera desacordo que poida xurdir no desenvolvemento do presente convenio. De ser o caso, as partes someterán as diverxencias que se poidan presentar no relativo á interpretación ou cumprimento do presente convenio á xurisdición contencioso-administrativa, dada a natureza pública das institucións asinantes.

Décimo segunda. Perda de efectos dos convenios do ITMATI

No momento de integración do ITMATI no CITMAga conforme o establecido na cláusula novena, quedará sen efecto o convenio de colaboración entre a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo do 7 de febreiro de 2013, así como o Convenio de colaboración entre o Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial e a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo para fixar o marco de participación destas universidades membros do Consorcio nel, asinado o 24 de marzo de 2014.

Décimo terceira. Vixencia

O presente convenio entrará en vigor o día da súa sinatura e estará vixente con carácter voluntario e indefinido.

E para que conste, en proba de conformidade, asínase o presente convenio de colaboración polo que se crea o Consorcio Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) e se extingue o Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) por integración do activo e pasivo deste no novo Consocio CITMAga) mediante sinatura electrónica.

Pola Universidade da Coruña, asinado Julio E. Abalde Alonso.

Pola Universidade de Santiago de Compostela, asinado Antonio López Díaz.

Pola Universidade de Vigo, asinado Manuel Joaquín Reigosa Roger.

Estatutos do Consorcio Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemáticas
de Galicia (CITMAga)

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Denominación e natureza

1. Créase o Consorcio Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemáticas de Galicia (CITMAga) por convenio entre a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, ao abeiro do capítulo VI do título II da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

2. O CITMAga é unha entidade pública sen ánimo de lucro, conta con personalidade xurídica propia e diferenciada das universidades que o crean e constitúese por tempo indefinido.

Artigo 2. Sede e ámbito de actuación

1. A sede do CITMAga establécese no Colexio de San Xerome, praza do Obradoiro s/n, 15782 Santiago de Compostela.

O Consello Reitor do CITMAga decidirá onde se localizan as unidades operativas do consorcio e poderá acordar a creación de delegacións ou outras dependencias deste.

2. O CITMAga disporá da súa propia sede electrónica e portal da internet.

3. As actividades do CITMAga poderán desenvolverse tanto no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia como no ámbito nacional e internacional.

Artigo 3. Obxecto e fins

1. O obxecto do CITMAga é a investigación de excelencia e a transferencia de coñecemento en todas as áreas das matemáticas, a través do establecemento dunha axenda científica orientada e especializada, organizada en áreas de investigación e programas dirixidos á consecución dos retos globais establecidos nas estratexias marco de I+D+i.

2. O CITMAga ten como fin converterse nun piar de excelencia científica dentro do ecosistema de innovación e investigación de Galicia, formando, atraendo e retendo talento, para dotar a sociedade e a industria galega e española de coñecemento innovador e vantaxes competitivas e sustentables a través do acceso a capacidades científicas e tecnoloxías de primeiro nivel.

Así mesmo, o CITMAga considera como eixe fundamental da súa actividade o pulo á transferencia de tecnoloxía e coñecemento a través da súa oficina de xestión dos resultados da investigación (ITMATI) e do programa transversal de transferencia do consorcio.

3. Son fins específicos do CITMAga:

a) A xeración de coñecemento científico e tecnolóxico, así como a contribución da súa aplicación para o desenvolvemento e fortalecemento da capacidade competitiva do tecido produtivo no ámbito da tecnoloxía e a innovación.

b) O fomento de colaboracións académicas, científicas e de transferencia de coñecemento con universidades e centros de prestixio autonómicos, nacionais e internacionais, tanto no campo das matemáticas como promovendo a súa interdisciplinariedade

c) A contribución á formación matemática e á vocación de transferencia do coñecemento das novas xeracións, á promoción de novos talentos e á divulgación das matemáticas.

d) A contribución ao fortalecemento da relación entre os organismos xeradores de coñecemento e o tecido produtivo, facilitando a introdución de técnicas e métodos matemáticos e proporcionando servizos de apoio á innovación empresarial.

4. O desenvolvemento do obxecto e dos fins específicos do CITMAga poderá realizalo directamente o consorcio ou mediante colaboración con outras entidades, organismos, institucións ou persoas que contribúan á súa consecución.

Artigo 4. Funcións

Para o cumprimento do obxecto e dos fins definidos nestes estatutos, o CITMAga desenvolverá as seguintes funcións:

a) A realización de proxectos de investigación no ámbito das matemáticas, así como de carácter interdisciplinar, tanto de xeración de coñecemento como orientados á solución de retos globais, no marco da axenda científica do CITMAga.

b) A realización de proxectos e servizos de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica a demanda ou en colaboración con empresas, universidades e centros públicos de investigación ou outras entidades, co obxectivo de xerar e transferir coñecemento en ciencias e tecnoloxía matemáticas.

c) A definición e o desenvolvemento de estratexias e proxectos de valorización para unha eficiente posta en valor do coñecemento e dos resultados de investigación xerados no CITMAga.

d) A realización de actividades orientadas a favorecer a internacionalización das investigacións desenvolvidas no CITMAga e nos grupos de investigación asociados a este.

e) A realización de actividades de formación do persoal investigador e técnico en tecnoloxías e métodos relacionados co ámbito de actuación do CITMAga.

f) O impulso e a creación de empresas de base tecnolóxica e a súa consolidación no mercado, así como o fomento da integración das empresas pequenas e medianas en redes e foros de interacción tanto nacionais coma internacionais, que posibiliten a mellora dos procesos das organizacións e a participación en plataformas tecnolóxicas.

g) A captación, aceptación e ordenación de cantos recursos económicos sexan precisos para o financiamento dos obxectos e fins propios do CITMAga e dos seus membros.

h) Calquera outra actividade, con suxeición á lexislación vixente, cuxos resultados axuden a mellorar o coñecemento científico e tecnolóxico e, a través da súa aplicación, o nivel tecnolóxico e competitivo das empresas e poidan contribuír deste xeito á creación de emprego, á mellora da calidade de vida, ao desenvolvemento sustentable e ao crecemento económico e social, e que poidan garantir o completo cumprimento dos fins do CITMAga.

Artigo 5. Principios

A actividade do CITMAga desenvolverase no marco dos principios e valores da súa visión fundacional, aliñados cos mandatos da Carta Europea do Persoal Investigador:

a) Liberdade académica para a investigación e a innovación, permitindo a xeración de ideas innovadoras e pouco convencionais e, por tanto, contribuíndo á expansión das fronteiras do coñecemento científico.

b) Excelencia, apoiando a iniciativa e a experiencia, así como a orientación á investigación e a innovación, a formación e a titorización excepcional, a xestión eficiente e efectiva e o goberno transparente.

c) Igualdade de oportunidades e trato, independentemente do sexo, a idade e a condición social ou relixiosa. Recoñecerase a diversidade e promoveranse a equidade e as vocacións femininas, apoiando o desenvolvemento das diferentes capacidades, talentos e opinións dos membros do CITMAga.

d) Sensibilidade cara aos retos globais, dirixindo os esforzos do CITMAga para tratar con estes problemas que afectan a sociedade e o seu benestar nun sentido global.

e) Colaboración, tanto internamente entre membros do CITMAga, contribuíndo aos distintos programas e áreas de investigación, como externamente con socios do ámbito académico, industrial e social, autonómicos, nacionais e internacionais.

f) Ética e rendemento de contas en todos os aspectos de cada actividade do CITMAga, cunha actitude profesional e responsable, establecendo un código de boas prácticas e prestando especial atención á adopción de medidas que permitan evitar o uso dual ou mal uso dos resultados da investigación dos proxectos promovidos e desenvolvidos no CITMAga. En particular, non se levarán a cabo proxectos cunha orientación bélica.

g) Responsabilidade social, contribuíndo ao crecemento económico, á mellora da calidade de vida e á axuda ao desenvolvemento.

h) Compromiso coa ciencia en aberto en todas as actividades CITMAga, apoiando a Declaración da nube europea de ciencia aberta (EOSC) e adheríndose aos seus principios.

Artigo 6. Membros

1. Son membros fundadores do CITMAga a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo.

2. Poderán formar parte do CITMAga outras entidades públicas ou privadas, sempre que a súa incorporación contribúa ao mellor cumprimento do obxecto e dos fins definidos nestes estatutos. A incorporación de entidades privadas non alterará o carácter de entidade pública sen ánimo de lucro do consorcio.

3. A incorporación de novos membros requirirá o acordo do Consello Reitor por unanimidade de todos os seus integrantes con dereito a voto. No devandito acordo determinarase a cota de participación do novo membro. A solicitude de participación no CITMAga como membro implica a aceptación sen reservas destes estatutos.

4. A separación do CITMAga dos seus membros poderá producirse polas seguintes causas:

a) Polo exercicio do dereito de separación recoñecido no artigo 125.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro. O dereito de separación deberase exercer mediante escrito notificado ao Consello Reitor, polo menos con seis meses de antelación con respecto á data de efectividade da separación, e este deberá pronunciarse expresamente sobre a continuidade do consorcio, para o cal será requisito que se manifesten a favor as persoas representantes de polo menos dúas universidades ou entidades públicas vinculadas ou dependentes de máis dunha Administración.

b) Polo incumprimento grave e reiterado destes estatutos, das súas normas de desenvolvemento ou dos acordos dos órganos de goberno do CITMAga. O acordo de separación será adoptado polo Consello Reitor por maioría absoluta dos seus membros con dereito a voto, excluídas as persoas representantes da entidade afectada, logo de dar audiencia a esta.

5. Cando se produza a separación dun membro do CITMAga, calcularase a correspondente cota de separación. Para isto terase en conta tanto a porcentaxe das achegas ao fondo patrimonial do consorcio que efectuase o membro que se separa, como o financiamento concedido cada ano. Se o membro que se separa non realizase achegas por non estar obrigado, o criterio de repartición será a participación nos ingresos que, de ser o caso, recibise durante o tempo que pertenceu ao consorcio.

O Consello Reitor acordará a forma e as condicións en que terá lugar o pagamento da cota de separación, no suposto de que esta resulte positiva, así como a forma e as condicións do pagamento da débeda que corresponda a quen se separa se a cota é negativa.

A efectiva separación do consorcio producirase unha vez determinada a cota de separación, no suposto de que esta resulte positiva, ou unha vez que se pague a débeda, se a cota é negativa. Non obstante, cando a separación se produza por incumprimento, o membro do consorcio quedará privado de todos os seus dereitos derivados da participación neste desde que o acordo de separación adoptado polo Consello Reitor sexa firme en vía administrativa.

Artigo 7. Adscrición

1. O CITMAga queda adscrito inicialmente á Universidade de Santiago de Compostela. Se calquera das demais universidades participantes no consorcio chega a cumprir algún dos criterios para a adscrición sinalados no artigo 120.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, esta adscrición inicial modificarase con efectos do primeiro día do exercicio orzamentario seguinte e, polo menos, por todo ese exercicio orzamentario.

2. Así mesmo, procederá o cambio de adscrición no caso de que a universidade a que estivese adscrito o consorcio se separase del nos termos previstos polo artigo anterior.

3. Calquera cambio de adscrición do CITMAga obrigará á modificación destes estatutos nun prazo non superior a seis meses, contados desde o inicio do exercicio orzamentario seguinte a aquel en que se produciu o cambio de adscrición.

4. O CITMAga estará sometido ao control económico-financeiro, de contratación, de persoal e patrimonial da universidade a que estea adscrito.

Artigo 8. Réxime xurídico

1. A organización e o funcionamento do CITMAga réxense polo seu convenio de creación, por estes estatutos e polo regulamento de réxime interno que aprobe o Consello Reitor, no marco da seguinte lexislación:

a) Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades e as súas disposicións regulamentarias.

b) Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

e) Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia.

f) Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

g) As demais normas que resulten de aplicación con carácter xeral ás entidades de dereito público.

2. No non previsto na Lei 40/2015, do 1 de outubro, nin nestes estatutos, sobre o réxime do dereito de separación, disolución, liquidación e extinción, aplicarase o previsto no Código civil sobre a sociedade civil, agás o réxime de liquidación, que se someterá ao disposto no artigo 97 da Lei 40/1015, do 1 de outubro, e, na súa falta, ao texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo.

3. O CITMAga está sometido ao réxime de orzamentación, contabilidade e control da universidade a que estea adscrito, sen prexuízo da súa suxeición á Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

4. O CITMAga réxese polas normas patrimoniais da universidade a que estea adscrito.

TÍTULO II

Organización

CAPÍTULO I

Órganos de goberno, dirección e administración

Artigo 9. Órganos de goberno, dirección e administración

1. Son órganos colexiados de goberno e dirección do CITMAga:

a) O Consello Reitor.

b) O Comité de Dirección.

2. Son órganos unipersoais de dirección do CITMAga:

a) A Dirección Científica.

b) A Dirección Adxunta de Transferencia.

3. O CITMAga contará, ademais, cunha Xerencia como órgano unipersoal de administración.

Artigo 10. O Consello Reitor

1. O Consello Reitor é o órgano superior de goberno do CITMAga.

2. A presidencia do Consello Reitor corresponde de xeito rotatorio por períodos de catro anos a cada unha das persoas titulares das reitorías das universidades participantes no CITMAga.

A persoa titular da presidencia representa institucionalmente o CITMAga, asume as atribucións inherentes á presidencia do Consello Reitor como órgano colexiado e exerce cantas outras atribucións este lle encomende expresamente.

3. O Consello Reitor está composto:

a) Polas persoas titulares das reitorías das universidades participantes no CITMAga, ou persoas en quen deleguen.

b) Polas persoas titulares das vicerreitorías competentes en materia de investigación das devanditas universidades, ou persoas en quen deleguen.

c) Polas persoas titulares das xerencias das devanditas universidades, ou persoas en quen deleguen.

d) Por unha persoa en representación de cada unha das demais entidades participantes no CITMAga, de ser o caso.

e) Pola persoa titular da Dirección Científica do CITMAga, con voz pero sen voto.

f) Pola persoa titular da Dirección Adxunta de Transferencia do CITMAga, con voz pero sen voto, que actuará como secretaria do Consello Reitor.

4. Corresponden ao Consello Reitor as seguintes atribucións:

a) A aprobación do plan estratéxico e das súas modificacións, así como da programación plurianual ou dos plans de acción, incluíndo aquelas medidas propostas polo Consello Asesor Científico Externo como consecuencia da avaliación dos resultados dos anteriores.

b) A aprobación do orzamento de ingresos e gastos, así como a liquidación deste e os balances.

c) A aprobación do inventario patrimonial e das súas actualizacións anuais.

d) A modificación destes estatutos, por unanimidade dos membros do Consello Reitor con dereito a voto, e a aprobación do regulamento de réxime interno e das súas modificacións, por maioría absoluta dos membros do Consello Reitor con dereito a voto.

e) A modificación da sede do CITMAga, que comportará a modificación destes estatutos, a decisión sobre a localización das unidades operativas do consorcio e a creación de delegacións ou outras dependencias deste.

f) A aprobación das normas de traballo e de utilización dos espazos e infraestruturas do CITMAga.

g) A aprobación dos criterios para a xestión e distribución de actividades que teñan asociados gastos xerais, dereitos de propiedade intelectual e royalties, ingresos en contratos de investigación, así como outras contías que poidan derivar da actividade de investigación e transferencia do CITMAga.

h) A aprobación dos programas que reciban achegas externas de calquera procedencia.

i) O nomeamento e cesamento das persoas titulares da Dirección Científica, da Dirección Adxunta de Transferencia e da Xerencia, así como dos membros do Comité Asesor Científico Externo e do Comité Asesor Industrial.

j) As bases das convocatorias dos procesos selectivos para a vinculación de persoal investigador e a aprobación da vinculación deste, por proposta da persoa titular da Dirección Científica, logo da avaliación do Comité Asesor Científico Externo, así como a súa desvinculación.

k) A promoción e o establecemento de vínculos do CITMAga con outros axentes do Sistema de ciencia, tecnoloxía e innovación de Galicia e con outras entidades.

l) A aprobación da incorporación de novos membros ao CITMAga, por unanimidade dos membros do Consello Reitor con dereito a voto, e a separación destes, por maioría absoluta dos membros do Consello Reitor con dereito a voto, excluídas as persoas representantes da entidade afectada.

m) A condición de órgano de contratación e a celebración dos convenios que sexan precisos para o cumprimento do obxecto e os fins do CITMAga. O Consello Reitor poderá delegar as súas atribucións como órgano de contratación na Dirección Científica.

n) A aprobación do exercicio de accións administrativas e xudiciais.

ñ) A resolución dos recursos de alzada e extraordinarios de revisión que se presenten contra os acordos e resolucións dos demais órganos de goberno, dirección e administración, así como dos procedementos de revisión de oficio destes.

o) A disolución do consorcio.

p) Establecer as directrices en materia de persoal e velar polo cumprimento da normativa do sector público nesta materia.

q) Todas as demais competencias de goberno, dirección e administración que non estean atribuídas expresamente a outros órganos.

5. O Consello Reitor reunirase, polo menos, unha vez ao ano en sesión ordinaria e sempre que a persoa titular da presidencia o considere oportuno ou o soliciten, polo menos, un terzo dos seus membros con dereito a voto.

6. O Consello Reitor queda validamente constituído para adoptar acordos cando, en primeira convocatoria, concorran á sesión as persoas titulares da presidencia e a secretaría, ou quen legalmente as substitúa, e a metade dos demais membros con dereito a voto. En segunda convocatoria, a constitución do Consello Reitor será válida cando concorra un terzo dos seus membros con dereito a voto, incluída a persoa titular da presidencia ou quen legalmente a substitúa, e mais a persoa titular da secretaría ou quen legalmente a substitúa. O Consello Reitor poderá suspender temporalmente o dereito a voto ou de participación na formación de acordos a aquelas entidades consorciadas que incumpran as súas obrigas, entre elas, o impagamento das achegas establecidas nos correspondentes contratos programa.

7. Os acordos do Consello Reitor adóptanse por maioría simple de votos dos membros presentes no momento da votación, salvo as excepcións expresamente previstas nestes estatutos. No caso de empate, o voto do presidente terá carácter dirimente.

No caso de que o número das entidades participantes no consorcio distintas das universidades fundadoras sexa igual ou superior ao dos membros do Consello Reitor representantes destas últimas, aplicarase un sistema de voto ponderado en que a maioría de votos no Consello Reitor corresponderá aos membros representantes das universidades fundadoras, en idéntica proporción para cada unha delas, e os votos restantes aos membros que representen as demais entidades, en proporción á cota de participación de cada unha delas no consorcio.

8. Os acordos do Consello Reitor poñen fin á vía administrativa.

Artigo 11. O Comité de Dirección

1. O Comité de Dirección é o órgano colexiado de dirección do CITMAga.

2. O Comité de Dirección está formado polos seguintes membros:

a) A persoa titular da Dirección Científica, que o presidirá.

b) A persoa titular da Dirección Adxunta de Transferencia.

c) A persoa titular da Xerencia.

d) Dous membros do persoal investigador vinculado ao CITMAga, en representación das áreas de investigación e transferencia deste, por proposta da persoa titular da Dirección Científica.

e) Un membro do persoal investigador non permanente do CITMAga en representación deste, por proposta da persoa titular da Dirección Científica.

3. O membro máis novo do Comité de Dirección actuará como secretario.

4. O Comité de Dirección ten como función apoiar a dirección na implementación, seguimento e mellora da programación plurianual ou dos plans de acción do CITMAga.

5. O Comité de Dirección reunirase, polo menos, unha vez ao mes en sesión ordinaria e sempre que a persoa titular da presidencia o considere oportuno ou o soliciten, polo menos, un terzo dos seus membros.

6. O Comité de Dirección queda validamente constituído para adoptar acordos cando, en primeira convocatoria, concorran á sesión as persoas titulares da presidencia e a secretaría, ou quen legalmente as substitúa, e a metade dos demais membros. En segunda convocatoria, a constitución do Consello Reitor será válida cando concorra un terzo dos seus membros con dereito a voto, incluídas as persoas titulares da presidencia e a secretaría ou quen legalmente as substitúan.

7. Os acordos do Comité de Dirección adóptanse por maioría simple de votos dos membros presentes no momento da votación, tendo, en caso de empate, voto da calidade a persoa titular da presidencia do órgano. Contra estes acordos, que non poñen fin á vía administrativa, cabe recurso de alzada ante o Consello Reitor.

Artigo 12. A Dirección Científica

1. A Dirección Científica é o órgano unipersoal de dirección do CITMAga.

2. A persoa titular da Dirección Científica é nomeada polo Consello Reitor, de entre o persoal investigador vinculado ao CITMAga, co informe favorable do Comité Asesor Científico Externo, por un período de catro anos, renovable por outro período consecutivo de igual duración.

3. O CITMAga poderá solicitar á universidade a que pertenza a persoa titular da Dirección Científica a redución de horas lectivas por actividades de xestión, que será resolta consonte a normativa da devandita universidade.

4. O cesamento da persoa titular da Dirección Científica corresponde igualmente ao Consello Reitor e producirase polas seguintes causas:

a) Finalización do seu mandato.

b) Dimisión.

c) Perda da condición de persoal investigador vinculado ao CITMAga.

d) Avaliación negativa do desempeño do cargo polo Comité Asesor Científico Externo.

5. Corresponden á persoa titular da Dirección Científica as seguintes atribucións:

a) Exercer a dirección da actividade do CITMAga, promovendo a súa proxección exterior.

b) Asistir ás reunións do Consello Reitor con voz pero sen voto.

c) Organizar e coordinar os medios materiais e persoais de que se dispoña para desenvolver o plan estratéxico, dando cumprimento á programación plurianual ou aos plans de acción.

d) Propoñer a contratación de persoal investigador e técnico, observando o disposto no artigo 121 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

e) Propoñer a adquisición de infraestruturas e material.

f) Elaborar a memoria anual de actividades e a planificación estratéxica, así como a programación plurianual ou os plans de acción.

g) Deseñar e implantar mecanismos e procedementos que promovan a captación de recursos, o mantemento dun alto nivel científico, así como o establecemento de sinerxías e colaboracións entre o persoal investigador do CITMAga ou entre estes e grupos externos.

h) Comunicar ao persoal investigador as directrices oportunas que permitan adecuar a actividade investigadora desenvolvida no CITMAga ao plan estratéxico, facilitando a consecución dos seus obxectivos científicos, co acordo do Consello Reitor e co informe do Comité Asesor Científico Externo.

i) Establecer mecanismos efectivos que faciliten a transparencia e o rendemento de contas aos grupos de interese do CITMAga.

j) Calquera outra atribución que lle fose expresamente encomendada ou delegada polo Consello Reitor.

6. Contra as resolucións da persoa titular da Dirección Científica, que non poñen fin á vía administrativa, cabe recurso de alzada ante o Consello Reitor.

Artigo 13. A Dirección Adxunta de Transferencia

1. A Dirección Adxunta de Transferencia é o órgano unipersoal de asistencia á Dirección Científica do CITMAga, en particular no relativo á actividade de transferencia deste.

2. A persoa titular da Dirección Adxunta de Transferencia é nomeada polo Consello Reitor, de entre o persoal investigador vinculado ao CITMAga, por proposta da persoa titular da Dirección Científica. O seu cesamento corresponde igualmente ao Consello Reitor, por proposta da persoa titular da Dirección Científica, dimisión ou perda da condición de persoal investigador vinculado ao CITMAga.

3. O CITMAga poderá solicitar á universidade a que pertenza a persoa titular da Dirección Adxunta de Transferencia a redución de horas lectivas por actividades de xestión, que será resolta consonte a normativa da devandita universidade.

4. Corresponden á persoa titular da Dirección Adxunta de Transferencia as seguintes atribucións:

a) Coordinar a actividade da oficina de transferencia dos resultados da investigación do CITMAga (ITMATI).

b) Asistir a Dirección Científica na elaboración da memoria anual de actividades e da planificación estratéxica do CITMAga.

c) Promover a procura de financiamento do CITMAga e xestionar a execución das axudas que o consorcio como tal poida percibir.

d) Asistir a Dirección Científica no exercicio das súas atribucións.

e) Calquera outra atribución que lle fose expresamente encomendada ou delegada polo Consello Reitor ou pola Dirección Científica.

Artigo 14. A Xerencia

1. A Xerencia é o órgano unipersoal de administración, responsable da xestión ordinaria do CITMAga.

2. A persoa titular da Xerencia é nomeada e cesada polo Consello Reitor.

O posto poderá cubrirse mediante o procedemento de libre designación con convocatoria pública entre o persoal funcionario de carreira do subgrupo A1 e o persoal laboral fixo do grupo I de calquera Administración pública ou por convocatoria pública entre persoas que non teñan esa condición e reúnan requisitos equivalentes de capacidade e idoneidade. Se a persoa seleccionada non tiver a condición de persoal funcionario de carreira, a súa vinculación co CITMAga establecerase a través da subscrición dun contrato laboral de alta dirección, e a súa contratación deberase autorizar ao abeiro do establecido no artigo 121 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

3. Corresponden á persoa titular da Xerencia as seguintes atribucións:

a) A coordinación da xestión económica e administrativa.

b) A elaboración da proposta de estrutura organizativa da administración do CITMAga, de conformidade coas necesidades que deriven dos obxectivos establecidos polo Consello Reitor.

c) A elaboración da proposta e da liquidación anual do orzamento baixo as directrices da Dirección Científica.

d) A supervisión e organización das tarefas das unidades operativas do CITMAga.

e) A elaboración dunhas normas de traballo e de utilización dos espazos e infraestruturas do CITMAga, que serán aprobadas polo Consello Reitor, e o control do seu cumprimento.

f) O aseguramento do cumprimento das normas de prevención de riscos e de seguridade no traballo.

CAPÍTULO II

Órganos consultivos

Artigo 15. Órganos consultivos

Son órganos colexiados de carácter consultivo do CITMAga:

a) O Comité Asesor Científico Externo.

b) O Comité Asesor Industrial.

Artigo 16. O Comité Asesor Científico Externo

1. O Comité Asesor Científico Externo é o órgano colexiado consultivo externo de carácter científico do CITMAga. Realizará o seguimento e avaliará de forma continuada a actividade do Centro e do seu persoal investigador conforme a planificación acordada.

2. O Comité Asesor Científico Externo está integrado por un mínimo de tres e un máximo de cinco membros, dos cales un actuará como presidente e outro como secretario.

3. Os membros do Comité Asesor Científico Externo son nomeados polo Consello Reitor de entre persoas de recoñecido prestixio científico e de transferencia no ámbito das matemáticas que non formen parte do persoal investigador do CITMAga.

4. Os membros do Comité Asesor Científico Externo serán designados por un período de catro anos, renovable por outros períodos de igual duración.

5. Corresponden ao Comité Asesor Científico Externo as seguintes atribucións:

a) Asesorar o Consello Reitor e a Dirección Científica sobre a definición temática e orientación da investigación que se vaia desenvolver no CITMAga, así como sobre calquera outro aspecto que se considere oportuno.

b) Asistir o Consello Reitor e a Dirección Científica sobre o seguimento da evolución da investigación e da transferencia dos resultados.

c) Avaliar as solicitudes de vinculación de novo persoal investigador.

d) Avaliar a memoria anual de actividades do CITMAga.

e) Avaliar, cada dous anos, o progreso das accións vinculadas ao plan estratéxico e a implantación da axenda científica, xunto co desempeño da persoa titular da Dirección Científica e o progreso do persoal investigador do CITMAga.

f) Avaliar, cada catro anos, a actividade científica do persoal investigador do CITMAga e dos grupos que o integran, considerando a súa contribución ao desenvolvemento da axenda científica e á consecución dos seus obxectivos.

g) Avaliar globalmente cada catro anos a actividade do CITMAga.

Artigo 17. O Comité Asesor Industrial

1. O Comité Asesor Industrial é o órgano colexiado consultivo para as relacións do CITMAga co sector empresarial e industrial.

2. O Comité Asesor Industrial está integrado por un mínimo de tres e un máximo de cinco membros, dos cales un actuará como presidente e outro como secretario.

3. Os membros do Comité Asesor Industrial son nomeados polo Consello Reitor de entre persoas que representen os axentes económicos e produtivos relacionados coa actividade do CITMAga.

4. Os membros do Comité Asesor Industrial serán designados por un período de catro anos, renovable por outros períodos de igual duración.

5. Corresponden ao Comité Asesor Industrial as seguintes atribucións:

a) Asesorar os órganos de dirección sobre os retos tecnolóxicos do CITMAga e o posicionamento ante o sector empresarial e industrial.

b) Informar sobre os obxectivos de transferencia establecidos no plan estratéxico.

c) Asesorar no deseño do plan de acción en materia de transferencia.

TÍTULO III

Persoal

CAPÍTULO I

Persoal investigador

Artigo 18. Categorías

O CITMAga contará coas seguintes categorías de persoal investigador:

a) Persoal investigador vinculado.

b) Persoal investigador propio non permanente.

c) Persoal investigador en formación.

d) Persoal investigador colaborador.

Artigo 19. Persoal investigador vinculado

1. Poderá ter a condición de persoal investigador vinculado ao CITMAga o persoal docente e investigador das universidades participantes nel, así como o persoal investigador doutras entidades que formen parte do consorcio ou estean vinculadas a el mediante acordos institucionais estables.

2. A vinculación de persoal investigador ao CITMAga realizarase a través dun proceso selectivo aberto, que convocará con carácter bianual o Consello Reitor, por proposta da Dirección Científica.

3. A avaliación das persoas candidatas será levada a cabo polo Comité Asesor Científico Externo con criterios OTMR (Open, Transparent and Merit-based Recruitment). Para este efecto, valoraranse a competencia e a capacidade das persoas candidatas con criterios de excelencia, tendo en conta a etapa da carreira investigadora e o desempeño relativo con base en indicadores cuantitativos e cualitativos competitivos que avalíen a investigación e a transferencia relevantes, así como o seu aliñamento coa axenda científica do CITMAga.

4. A vinculación do persoal investigador ao CITMAga non suporá a perda da súa relación coa universidade de orixe. A súa dedicación estenderase, como regra xeral, á totalidade da súa dedicación investigadora e transferencia. Excepcionalmente, nos termos que se establezan na correspondente convocatoria de vinculación, poderá admitirse a dedicación parcial, que implicará un mínimo de dedicación ao CITMAga do 25 %. O persoal vinculado terá unha dobre vinculación e considerarase parte do Centro e da súa entidade de orixe.

5. A vinculación do persoal investigador ao CITMAga durará catro anos, prorrogables por períodos de igual duración, logo de avaliación favorable polo Comité Asesor Científico Externo da actividade de investigación e transferencia desenvolvida naquel.

6. Ademais de pola finalización do período de vinculación previsto no número anterior, a vinculación do persoal investigador ao CITMAga poderá terminar:

a) Por acordo do Consello Reitor, con base nas recomendacións do Comité Asesor Científico Externo ou da Dirección Científica. O acordo de desvinculación será comunicado á entidade a que pertenza o membro do persoal investigador.

b) Por decisión da entidade a que pertenza o membro do persoal investigador, adoptada consonte o previsto na súa normativa. A decisión de desvinculación será comunicada á Dirección Científica do CITMAga cunha antelación mínima de 9 meses á súa efectividade, salvo que se acorde outra cousa entre o consorcio e a entidade interesada.

c) Por solicitude da persoa interesada, cun aviso previo de 9 meses.

d) Por perda da vinculación do membro do persoal investigador coa entidade a que pertenza.

7. O persoal investigador que se desvincule do CITMAga trasladará, con cargo á entidade a que pertenza, os equipamentos e materiais inventariables que, de ser o caso, achegase no momento da súa vinculación.

O uso dos equipamentos e materiais inventariables que se adquirisen con cargo a proxectos levados a cabo no CITMAga dos cales fose investigador principal o persoal investigador que se desvincule poderá regularse mediante convenio entre o consorcio e a entidade a que este pertenza.

Artigo 20. Persoal investigador propio non permanente

Terá a condición de persoal investigador propio non permanente do CITMAga o persoal investigador contratado especificamente por conta de programas de recursos humanos competitivos ou por conta de actividades de investigación ou transferencia do consorcio, de acordo co marco normativo vixente.

Artigo 21. Persoal investigador en formación

Terá a condición de persoal investigador en formación do CITMAga o estudantado matriculado nun programa de doutoramento das universidades participantes no consorcio que conte coa dirección ou codirección dun membro do persoal investigador vinculado ao consorcio.

Artigo 22. Persoal investigador colaborador

1. Terá a condición de persoal colaborador do CITMAga o persoal docente e investigador das universidades participantes no consorcio, así como o persoal investigador doutras entidades que formen parte deste ou estean vinculadas a el mediante acordos institucionais estables, que colabore de xeito activo nalgunha actividade de investigación ou transferencia do CITMAga.

2. A vinculación do persoal investigador colaborador co CITMAga serao para o desenvolvemento dunha actividade determinada e finalizará ao rematar esta.

3. O persoal investigador colaborador utilizará as instalacións, servizos e equipamentos do CITMAga e de calquera entidade con que este teña un acordo ou convenio específico nas mesmas condicións que o resto do persoal investigador do consorcio.

Artigo 23. Réxime xurídico do persoal investigador

1. O persoal investigador vinculado, o persoal investigador colaborador e o persoal investigador en formación deberá contar coa autorización da entidade a que pertenza para desenvolver no CITMAga toda ou parte da súa xornada investigadora.

O persoal investigador vinculado que teña a condición de persoal docente e investigador das universidades deberá contar, ademais, co informe preceptivo, pero non vinculante, do seu departamento.

No caso do persoal investigador colaborador, a autorización especificará a concreta actividade para a cal se concede.

2. A condición do persoal investigador do CITMAga implicará o compromiso cos valores deste e a aceptación das normas específicas de funcionamento e organización, de traballo e de xestión de espazos e instalacións que en cada caso se establezan, o que quedará debidamente documentado a través dun compromiso de vinculación.

3. O persoal investigador vinculado, o persoal investigador colaborador e o persoal investigador en formación manterá os seus dereitos e deberes na entidade a que pertenza, establecidos na normativa que sexa de aplicación, e a mesma situación administrativa ou laboral na entidade de orixe. As súas condicións de traballo serán as determinadas pola entidade a que pertenza, agás no relativo a actividade de investigación e transferencia que desenvolva no CITMAga.

No caso do persoal docente e investigador das universidades, a vinculación ou colaboración afectará unicamente o desenvolvemento da súa actividade investigadora e de transferencia, sen que supoña a perda da vinculación orgánica e funcional ao departamento a que pertenza e sen menoscabo das súas obrigas docentes.

4. As universidades a que pertenza o persoal investigador vinculado e o persoal investigador colaborador recoñeceranlle a este as horas docentes equivalentes derivadas da investigación e a transferencia que desenvolva no CITMAga, de acordo coa súa normativa e en igualdade de condicións co resto do seu persoal docente e investigador. Para este efecto, o CITMAga informará as universidades sobre todas as actividades, proxectos ou contratos de investigación en que participe o persoal investigador vinculado e o persoal investigador colaborador.

5. As entidades a que pertenzan o persoal investigador vinculado, o persoal investigador colaborador e o persoal investigador en formación informarán a Dirección Científica do CITMAga sobre calquera circunstancia funcionarial, laboral ou académica, segundo o caso, que afecte a actividade desenvolvida por esas persoas no consorcio. Reciprocamente, a Dirección Científica do CITMAga informará os órganos competentes das devanditas entidades sobre as circunstancias relacionadas coa actividade desenvolvida por esas persoas no consorcio que poidan afectar a súa situación funcionarial, laboral ou académica, segundo o caso.

6. O persoal investigador das universidades vinculado ao CITMAga terá dereito a acceder aos servizos de biblioteca das universidades que forman parte do consorcio, de acordo coas normas xerais de utilización destas instalacións en cada universidade e nas mesmas condicións que o persoal destas.

7. O persoal investigador propio do CITMAga poderá ter acceso aos servizos de extensión universitaria das universidades, nas condicións que estas determinen.

8. As actividades desenvolvidas polo persoal investigador do CITMAga que inclúan investigación ou transferencia efectiva de coñecemento terán a consideración de actividade propia do consorcio e da entidade a que o devandito persoal pertenza, independentemente do organismo a través do cal se desenvolva.

CAPÍTULO II

Persoal técnico

Artigo 24. Persoal técnico

1. O CITMAga poderá contar con persoal técnico de apoio á investigación, á transferencia e á administración e xestión deste, que levará a cabo tarefas de apoio técnico ou administrativo.

2. O persoal técnico poderá ser:

a) Persoal propio do CITMAga, contratado por proposta da Dirección Científica conforme a lexislación vixente, nos casos e logo da autorización previstos no artigo 121 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

b) Persoal das entidades públicas que participan no CITMAga, vinculado a este de acordo coas normas que regulan a provisión de postos de traballo nas entidades públicas. O seu réxime xurídico será o da entidade da cal proceda e a súas retribucións en ningún caso poderán superar as establecidas para postos de traballo equivalentes naquela.

c) Persoal contratado temporalmente para obra ou servizo determinado, que levará a cabo tarefas de apoio técnico ou vinculadas a actividades de investigación ou transferencia.

3. A Dirección Científica, coa asistencia da Xerencia, terá a responsabilidade de identificar as necesidades de persoal técnico conforme as políticas de persoal establecidas polo Consello Reitor, na procura do mellor funcionamento do CITMAga e da incentivación e apoio específico a áreas e liñas de investigación.

TÍTULO IV

Actividade

CAPÍTULO I

Réxime xeral

Artigo 25. Principios xerais

1. O CITMAga poderá organizar, con cargo ao seu orzamento, calquera actividade científica de investigación, de transferencia, de formación ou de divulgación para dar cumprimento ao seu obxecto e fins.

2. O CITMAga, dentro do ámbito do seu obxecto e fins, promoverá accións destinadas ao desenvolvemento de iniciativas comúns ou particulares de cada unha das entidades que forman parte del. Neste último caso, o Consello Reitor determinará a distribución de bens, servizos e fórmulas de xestión dos créditos destinados a este obxectivo.

3. As actividades do CITMAga poderán ser executadas directamente por este ou ben en colaboración coas entidades participantes nel, logo da sinatura do correspondente convenio.

Artigo 26. Planificación, seguimento e avaliación

1. A actividade do CITMAga desenvolverase no marco dunha planificación estratéxica cuadrienal, que contará cun plan estratéxico e unha programación plurianual ou plans de acción, aprobada polo Consello Reitor.

2. O Consello Reitor solicitará anualmente un informe á Dirección Científica en que se detalle o progreso realizado en relación cos obxectivos do plan estratéxico e da programación plurianual ou os plans de acción, así como coa execución do orzamento.

3. A actividade do CITMAga someterase á avaliación continuada do Comité Asesor Científico Externo, a través dos seguintes instrumentos:

a) Unha avaliación bianual do progreso do plan estratéxico e da programación plurianual ou os plans de acción, así como do grao de implantación da axenda científica e do desempeño da persoa titular da Dirección Científica.

b) Unha avaliación cuadrienal da actividade e o progreso do persoal investigador vinculado, tomando en consideración a súa contribución ao desenvolvemento da axenda científica e ao cumprimento do obxecto e dos fins do CITMAga.

Artigo 27. Actividades de investigación ou transferencia do persoal investigador

1. A vinculación da investigación ao CITMAga outorga a este plena responsabilidade na solicitude de financiamento e na xestión da actividades de investigación ou transferencia do seu persoal investigador.

2. As actividades de investigación ou transferencia en que participe o persoal investigador vinculado e o persoal investigador colaborador xestionaranse ordinariamente a través do CITMAga. Os datos destas actividades serán comunicados ás universidades a que pertenza o persoal investigador para que sexan incorporados aos indicadores dos respectivos departamentos e centros.

Por excepción, cando razóns de interese das universidades e do CITMAga o aconsellen ou a correspondente convocatoria non permita solicitar a axuda desde o CITMAga, e logo da autorización da Dirección Científica deste, o persoal investigador vinculado poderá solicitar axudas vinculadas ao cumprimento do obxecto e dos fins do CITMAga desde a universidade a que pertenza, a través dos procedementos ordinarios desta.

3. O CITMAga e as entidades que forman parte del potenciarán mutuamente a súa actividade investigadora e de transferencia coa participación conxunta en actividades de investigación ou transferencia. Para isto acordarán procedementos específicos que permitan articular esta participación, cando as condicións dos proxectos ou axudas o requiran.

4. A xestión das actividades de investigación ou transferencia do persoal investigador que se desvincule do CITMAga continuará realizándoa este ata a súa total finalización e xustificación, mesmo nos supostos en que se trate dun convenio ou contrato celebrado intuitu personae coa persoa que se desvincule, salvo que acorde outra cousa a Dirección Científica do CITMAga e así o autorice a entidade convocante do proxecto ou aquela coa cal se celebrase o convenio ou contrato.

Artigo 28. Proxección e visibilidade

1. En calquera publicación ou difusión dos resultados científicos e, en xeral, en todos os documentos que se xeren con motivo da súa actividade, o persoal investigador vinculado fará constar sempre a súa vincanulación ao CITMAga, xunto coa referencia á entidade a que pertenza. En ningún caso poderá utilizarse a imaxe corporativa do CITMAga para fins diferentes da publicación ou difusión dos resultados científicos, agás autorización expresa por parte da Dirección Científica.

2. A produción científica do persoal investigador vinculado ao CITMAga deberá levar asociada a sinatura CITMAga/entidade a que pertenza.

No caso do persoal investigador con vinculación parcial, a sinatura deberá incluír
Centro/CITMAga/entidade a que pertenza.

3. A produción científica do persoal investigador, con independencia da porcentaxe de vinculación, será recoñecida como propia tanto no CITMAga como na entidade a que pertenza. Cando os indicadores asociados á produción sexan utilizados en programas baremados, deberá terse en conta a porcentaxe de vinculación, ponderando as contribucións.

4. O CITMAga dará á imaxe corporativa das entidades que forman parte do consorcio o mesmo tratamento, de acordo coas directrices que estableza a Dirección Científica e de acordo cos protocolos das devanditas entidades.

5. O CITMAga porá á disposición do seu persoal investigador os medios necesarios para que os datos referentes a publicacións, actividades de investigación e transferencia realizadas e a calquera outro resultado científico estean en todo momento á disposición das entidades a que pertenza, salvagardando sempre a confidencialidade nos termos previstos polo artigo 35.

A Dirección Científica velará pola transparencia e axilidade do proceso de comunicación e establecerá os estándares e criterios que sexan de interese para as entidades participantes no consorcio, que poderán facer uso desta información para efectos estatísticos e nos indicadores de calidade e impacto da súa investigación.

CAPÍTULO II

Dereitos de propiedade intelectual e industrial

Artigo 29. Coñecementos previos

1. Os coñecementos previos orixinados polo persoal investigador vinculado ou colaborador do CITMAga continuarán a ser propiedade das entidades en que se orixinaron e unicamente poderán ser utilizados polas restantes entidades participantes no consorcio nos termos previstos neste artigo.

2. As entidades participantes no CITMAga concederanse dereitos de acceso aos coñecementos previos cando sexan necesarios para a realización de actividades de investigación vinculadas co obxecto e cos fins do consorcio, salvo nos casos recollidos no artigo 36.2. Os dereitos deben ser solicitados por escrito á entidade propietaria do coñecemento previo e serán concedidos pola devandita entidade igualmente por escrito, que se comunicará ao Comité de Dirección especificando o obxectivo e o fin para o que se facilitan.

Os dereitos de acceso consideraranse necesarios sempre e cando a negativa a concedelos supoña que o cumprimento do obxectivo asignado á parte destinataria será imposible, comportará un considerable atraso ou requirirá un financiamento ou recursos humanos adicionais.

3. Todos os dereitos de acceso serán concedidos de xeito gratuíto e non exclusivo, e exclúen calquera dereito á sublicenza, salvo que se conveña outra cousa expresamente por escrito.

4. Os coñecementos previos serán usados só para os obxectivos para os que se concedesen os dereitos de acceso e durante o tempo que sexa necesario para o desenvolvemento da actividade de investigación ou transferencia que os precise.

5. En todo caso, os dereitos de acceso aos coñecementos previos achegados polas entidades a que pertence o persoal investigador vinculado ou colaborador do CITMAga só estarán vixentes durante o período de vinculación ou colaboración deste.

Artigo 30. Titularidade

1. A titularidade dos resultados de investigación e dos dereitos de propiedade intelectual e industrial obtidos como consecuencia do desenvolvemento ou execución de actividades de investigación en que a condición de inventor ou autor corresponda ao persoal investigador do CITMAga atribuirase á entidade ou entidades a que pertenza o devandito persoal.

2. No caso de que os resultados de investigación sexan obtidos por máis dunha persoa autora ou inventora conxuntamente, sen que sexa posible establecer a parte de cada unha separadamente, a titularidade daqueles corresponderá ás entidades a que pertenzan as devanditas persoas en proporción ás achegas de cada unha.

A porcentaxe de participación establecerase nun acordo de cotitularidade, que recollerá as achegas das persoas inventoras ou autoras no desenvolvemento do novo coñecemento ou resultado.

3. Se unha entidade decide transferir ou ceder total ou parcialmente a terceiros algún dos seus dereitos de copropiedade ou explotación sobre resultados conxuntos, deberá comunicarllo por escrito ás outras entidades implicadas cunha antelación de dous meses e asegurarse de que os dereitos das outras entidades non se vexan prexudicados nin menoscabados. As outras entidades, ademais, terán dereito de adquisición preferente sobre a transferencia ou cesión, que deberán exercer nun prazo de trinta días naturais contado dende a notificación por parte da entidade.

Artigo 31. Explotación

1. Cada entidade propietaria dos coñecementos ou resultados xerados por si mesma ao abeiro da súa participación nas actividades de investigación do CITMAga, ten o dereito de explotación destes. Polo tanto, todos os dereitos de explotación comercial derivados corresponderán á entidade que os xerase individualmente.

2. Cando dúas ou más entidades teñan a propiedade conxunta de coñecementos ou resultados xerados por elas ao abeiro da súa participación nas actividades de investigación do CITMAga terán o dereito de explotación comercial conxunta, na forma e nas condicións que pacten no correspondente acordo.

Non obstante o anterior, unha entidade copropietaria poderá explotar por si mesma o coñecemento conxunto a cambio dunha contraprestación económica xusta a favor das demais entidades copropietarias, que se pactará en documento escrito adicional, antes do inicio da explotación.

3. No caso de que algún coñecemento previo ou algún coñecemento ou resultado xerado individualmente sexa necesario para a explotación dos resultados, as entidades participantes acordarán unha licenza non exclusiva e intransferible, limitada á explotación dos resultados, a cambio dunha contraprestación económica xusta, que se pactará nun documento escrito adicional, antes do inicio da explotación.

4. Nos contratos ou acordos de explotación estipularase que, se a explotación dos resultados non se inicia nun período máximo de dous anos dende a data de outorgamento da licenza correspondente, os dereitos reverterán sobre as entidades propietarias.

5. En calquera caso posible de explotación, as entidades propietarias reterán unha licenza non exclusiva, non transmisible e gratuíta para o uso destes resultados para fins de investigación e docencia.

Artigo 32. Xestión

1. Nos casos en que os coñecementos ou resultados que se deban protexer sexan atribuíbles a persoal investigador vinculado ou colaborador do CITMAga, este persoal deberá notificalo á entidade a que pertenza.

2. A xestión da protección e explotación de coñecementos ou resultados xerados nas actividades de investigación establecerase para cada caso nun acordo de cotitularidade entre as entidades implicadas.

3. As entidades titulares dos dereitos poderán acordar que a explotación sexa levada a cabo por unha soa entidade, que actuará como entidade xestora. A entidade xestora obrigarase a manter informadas o resto das entidades cotitulares das actuacións relevantes desenvolvidas neste eido.

4. De ser o CITMAga quen xestione, en nome dos titulares dos dereitos correspondentes, a solicitude e mantemento dos eventuais títulos de protección da propiedade intelectual ou industrial xerada, estará obrigado:

a) A remitir ás outras entidades implicadas calquera documento, comunicación ou notificación relativa ao procedemento de protección e explotación.

b) A ocuparse de todas as xestións de protección e explotación da propiedade intelectual ou industrial, que inclúen, entre outras, o estudo, a redacción e a tramitación das solicitudes, así como o mantemento dos títulos de propiedade intelectual ou industrial e dos espazos asociados á protección, á comercialización, á explotación, á defensa e ao seguimento.

En calquera caso, as entidades implicadas poderán pactar unha asignación de responsabilidades diferentes.

Artigo 33. Retornos económicos

1. Os ingresos económicos que se obteñan pola explotación dos dereitos da propiedade intelectual ou industrial destinaranse, en primeiro lugar, a cubrir os gastos directos en que cada entidade titular incorra por razón da protección.

2. Corresponderá ás entidades cotitulares dos dereitos de propiedade intelectual ou industrial unha porcentaxe dos retornos determinado polo grao de titularidade establecido nun acordo de cotitularidade.

No caso de que o CITMAga non sexa cotitular dos dereitos de explotación de propiedade intelectual ou industrial, corresponderalle unha porcentaxe entre o 10 % e o 20 % dos retornos obtidos pola explotación ou comercialización dos coñecementos ou dereitos de propiedade intelectual ou industrial, sempre que o CITMAga liderase o proceso de transferencia que desembocou na devandita explotación ou comercialización mediante a promoción e negociación orientada á transferencia. Esta porcentaxe establecerase no acordo específico de delegación da xestión.

3. As autoras e autores terán dereito a participar na explotación de resultados conforme se acorde en cada caso concreto.

Artigo 34. Difusión de resultados

1. A publicación ou difusión de resultados de investigación do CITMAga por parte dalgunha das entidades participantes no consorcio requirirá a autorización do Comité de Dirección, logo do informe favorable da persoa investigadora principal da actividade en que se xerase o coñecemento e sen prexuízo do establecido no artigo 32.1. As solicitudes da autorización resolveranse nun prazo máximo de trinta días, agás no caso de difusión en congresos, foros ou xornadas científicas ou de divulgación, en que o prazo será de sete días hábiles. Transcorridos estes prazos sen contestar a petición, entenderase concedida por silencio administrativo.

2. Non procederá a difusión de resultados de propiedade industrial sen a súa protección previa.

3. Na difusión ou na inscrición de resultados de propiedade intelectual ou industrial respectarase sempre a mención ás persoas autoras/inventoras do traballo ou resultado correspondente.

Artigo 35. Confidencialidade

1. As entidades que forman parte do CITMAga non difundirán as informacións científicas ou técnicas pertencentes a outras entidades participantes a que poidan ter acceso con ocasión da súa participación no consorcio, salvo que esas informacións sexan de dominio público, que a súa revelación sexa requirida xudicialmente ou que se obteña autorización previa e por escrito.

2. As entidades que forman parte do CITMAga adoptarán, con respecto á información confidencial, os controis de seguridade razoablemente esixibles para asegurar o seu tratamento reservado.

3. Os datos e informes obtidos durante a realización das actividades de investigación do CITMAga, así como os resultados finais, terán carácter confidencial e manterán este carácter de conformidade co que se recolla nos acordos específicos correspondentes.

As entidades que formen parte do CITMAga só comunicarán esta información confidencial ao persoal investigador vinculado ou colaborador que estea relacionado con cada actividade específica. Este persoal subscribirá o oportuno acordo de confidencialidade.

Artigo 36. Actividades con terceiros

1. O CITMAga deberá incluír nas actividades de investigación que realice con entidades terceiras os termos e condicións necesarios para respectar en todo caso o previsto neste capítulo, cando resulte de aplicación.

2. En especial, e de ser necesario, recolleranse nun anexo documental ao convenio ou contrato subscrito os coñecementos previos a que teñen acceso. Ordinariamente non terán dereito de acceso, agás que así se acorde expresamente:

a) Aos centos propios das entidades participantes no CITMAga non relacionados coas actividades deste.

b) Aos coñecementos propios das entidades participantes no CITMAga xerados por persoal investigador non vinculado nin colaborador deste.

c) Aos coñecementos propios das entidades participantes no CITMAga respecto dos cales este non ten permiso para conceder acceso ou que non pode poñer á disposición de terceiros debido a compromisos contractuais.

d) Aos coñecementos derivados de actividades de investigación realizadas con terceiras entidades sen relación co obxecto e os fins do CITMAga.

TÍTULO V

Patrimonio e réxime económico

Artigo 37. Patrimonio

1. O patrimonio do CITMAga pode estar constituído por toda clase de bens, mobles e inmobles, e dereitos de calquera natureza, sen outras limitacións que as establecidas polas leis.

2. O patrimonio do CITMAga quedará reflectido no inventario correspondente, que revisará e aprobará anualmente o Consello Reitor.

3. Os bens inmobles, as instalacións, os bens de natureza moble e os dereitos que constitúen a dotación do CITMAga destinaranse con carácter permanente ao cumprimento directo do obxecto e os fins deste, e só poderán allearse con carácter oneroso e nas condicións establecidas para as entidades públicas.

Artigo 38. Recursos

Os recursos do CITMAga, que tenderá a autofinanciarse, están constituídos:

a) Polas achegas das entidades participantes no consorcio.

b) Polas axudas obtidas a través de convocatorias públicas a que poida concorrer.

c) Polas axudas, subvencións e doazóns outorgadas por entidades públicas e por persoas privadas.

d) Polas cantidades procedentes das actividades de investigación e transferencia dirixidas polo seu persoal investigador.

e) Polas cantidades obtidas en actividades de formación técnica ou asesoramento tecnolóxico.

f) Polos produtos do seu patrimonio.

g) Por calquera outro ingreso que lle corresponda recibir.

Artigo 39. Orzamento

1. O Consello Reitor aprobará anualmente o orzamento de ingresos e gastos do CITMAga, así como a liquidación de contas e balances do exercicio pechado.

2. A elaboración da proposta e da liquidación anual do orzamento será competencia da Xerencia baixo as directrices da Dirección Científica.

3. O orzamento, a liquidación de contas e os balances serán comunicados á universidade a que estea adscrito o CITMAga coa antelación necesaria para a súa consolidación co seu orzamento e a inclusión na súa conta xeral.

Artigo 40. Gastos xerais das actividades de investigación e transferencia

1. O Consello Reitor do CITMAga establecerá os criterios para a xestión e distribución de actividades que teñan asociados gastos xerais, dereitos de propiedade intelectual e royalties, ingresos en contratos de investigación, así como outras contías que poidan derivar da actividade de investigación e transferencia do consorcio.

2. As cantidades percibidas para compensar os gastos xerais correspondentes a actividades de investigación e transferencia xestionaraas o CITMAga e distribuiranse do seguinte modo: un 50 % para o CITMAga e un 50 % para as entidades a que pertenza o persoal investigador. Cando participe persoal de máis dunha entidade, terase en conta a composición do equipo de investigación e a participación de cada membro segundo a dedicación na actividade, mediante unha repartición proporcional entre as entidades a que pertenza o persoal implicado.

3. De establecerse criterios de contabilidade analítica, deberanse ter en conta os custos derivados de salarios, espazos e similares, para efectos de xustificación e para o seguimento e avaliación dos custos e a viabilidade do consorcio.

Artigo 41. Optimización de medios materiais

1. Para a optimización dos medios materiais, o CITMAga e as entidades que forman parte del procurarán coordinar a compra de instrumentación científica singular, buscando que esta sexa complementaria e mutuamente proveitosa.

2. Así mesmo, valorarase a posibilidade de establecer o uso ou traslado de equipamentos ou material inventariable entre as entidades que participan no CITMAga e este, a través do correspondente convenio.

TÍTULO VI

Modificación e disolución

Artigo 42. Modificación dos estatutos

1. A Dirección Científica, logo de deliberación do Comité de Dirección, poderá propoñer a modificación destes estatutos, sempre que resulte adecuada en interese do CITMAga, así como cando sexa necesaria para o mellorar cumprimento do obxecto e dos fins deste.

2. O acordo de modificación deberá ser adoptado polo Consello Reitor por unanimidade dos seus membros con dereito a voto e ratificado polos órganos de goberno das entidades participantes no consorcio.

Artigo 43. Disolución

1. A disolución do CITMAga producirase polas seguintes causas:

a) Acordo do Consello Reitor adoptado por unanimidade dos seus membros con dereito a voto.

b) Separación de membros que provoque que non permanezan no consorcio polo menos dúas universidades ou entidades públicas vinculadas ou dependentes de máis dunha Administración.

2. A disolución do CITMAga comportará a súa liquidación e extinción.

Non obstante o anterior, cando as entidades que forman parte do CITMAga acorden por unanimidade a cesión global de activos e pasivos a outra entidade do sector público xuridicamente adecuada para a finalidade de manter a continuidade da actividade e alcanzar os obxectivos do consorcio, este extinguirase sen liquidación.

3. Nos supostos de extinción con liquidación, o Consello Reitor nomeará un liquidador, que será un órgano ou entidade vinculada ou dependente da universidade a que estea vinculado o CITMAga.

O órgano ou entidade liquidadora calculará a cota de liquidación que corresponda a cada membro do CITMAga tendo en conta tanto a porcentaxe das achegas que efectuase cada membro do consorcio ao fondo patrimonial deste coma o financiamento concedido cada ano. Se algún dos membros non realizase achegas por non estar obrigado, o criterio de repartición será a participación nos ingresos que, de ser o caso, recibise durante o tempo que pertenceu ao consorcio.

O Consello Reitor ratificará a liquidación e determinará a forma e as condicións en que terá lugar o pagamento da cota de liquidación, no suposto en que esta resulte positiva.

Disposición adicional primeira. Integración do ITMATI

Unha vez creado o Consorcio CITMAga, procederase á integración de todos os activos e pasivos do Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial ITMATI a través do procedemento establecido no artigo 127.5 da Lei 40/2015, do 1 de outubro. O Consorcio Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) subrogarase para todos os efectos legais na totalidade do activo e do pasivo patrimonial do Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial ITMATI, así como en cantas relacións xurídicas mantivese, incluídas as de carácter laboral.

2. O acrónimo ITMATI seguirá a ser utilizado polo CITMAga como termo para denominar a súa oficina de transferencia dos resultados da investigación.

Disposición adicional segunda. Sesión constitutiva do Consello Reitor

1. No prazo dun mes desde a entrada en vigor destes estatutos, o Consello Reitor do CITMAga celebrará a súa sesión constitutiva, que será convocada e presidida pola persoa titular da reitoría da universidade a que o consorcio está adscrito.

2. O Consello Reitor constituirase unicamente coas persoas representantes das universidades fundadoras do CITMAga, das cales unha actuará como secretaria accidental.

3. Na sesión constitutiva, o Consello Reitor:

a) Establecerá a orde rotatoria de exercicio da presidencia do órgano.

b) Nomeará os membros do Comité Asesor Científico Externo e do Comité Asesor Industrial.

c) Nomeará as persoas titulares en funcións da Dirección Científica e da Dirección Adxunta de Transferencia, que deberán ser ratificadas ou substituídas en canto se poidan cumprir os requisitos que estes estatutos establecen para o seu nomeamento.

d) Decidirá se ratifica a persoa titular da Xerencia do ITMATI na titularidade da Xerencia do CITMAga, o que implicará o mantemento do réxime de vinculación que tivese co consorcio, ou inicia o procedemento previsto nestes estatutos para a cobertura do posto, coa conseguinte resolución da relación daquela co consorcio nos termos que resulten de aplicación.

e) Establecerá as bases da convocatoria do primeiro proceso selectivo de persoal investigador vinculado ao CITMAga.

Disposición transitoria primeira. Continuidade da administración ordinaria do consorcio

Entrementres non se produza o nomeamento dos órganos de goberno, dirección e administración do CITMAga nos termos previstos pola disposición adicional segunda, exercerá as funcións atribuídas á Presidencia do Consello Reitor o presidente do Consello de Goberno do ITMATI. As de Dirección Científica corresponderán á Dirección do ITMATI e as da Xerencia ao xerente do ITMATI.

Disposición transitoria segunda. Réxime transitorio do persoal investigador vinculado ao ITMATI

1. O persoal investigador que estivese vinculado ao ITMATI no momento da entrada en vigor destes estatutos quedará vinculado ao CITMAga con carácter provisional polo período de duración dos proxectos ou actividades en que estea a participar, salvo renuncia comunicada por escrito dentro do prazo dun mes contado desde a entrada en vigor destes estatutos. Para manter a súa vinculación ao CITMAga, deberá participar no primeiro proceso selectivo de persoal investigador vinculado que se convoque nos termos previstos na disposición adicional segunda.

2. Ao persoal investigador que quede vinculado provisionalmente ao CITMAga nos termos previstos no número anterior aplicaráselle o establecido nestes estatutos para esa categoría de persoal.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

1. Estes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio de colaboración entre a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo polo que se crea o Consorcio Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga).

2. As normas destes estatutos aplicables ás materias reguladas no convenio de colaboración entre o Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial e a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo para fixar o marco de participación destas universidades membros do consorcio nel, do 24 de marzo de 2014, serán de aplicación aos supostos e situacións producidos no seo do ITMATI desde a perda de vixencia do devandito convenio, en virtude da súa integración no CITMAga.

3. En virtude da transformación operada, estes estatutos serán de aplicación a aquelas situacións que poidan derivar do anterior funcionamento do Consorcio ITMATI.