O Regulamento (CE) nº 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal, establece, no punto 1 da letra A do capítulo II, que só se poderán recoller moluscos bivalvos vivos en zonas de produción con localización e límites fixos, clasificados pola autoridade competente, como pertencentes á clase A, B ou C consonte o Regulamento de execución (UE) 2019/627 da Comisión, do 15 de marzo de 2019, polo que se establecen disposicións prácticas uniformes para a realización de controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ao consumo humano, de conformidade co Regulamento (UE) 2017/625 do Parlamento Europeo e do Consello, e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 2074/2005 da Comisión, no que atinxe aos controis oficiais.
Polo tanto, é a autoridade competente quen debe determinar a localización e os límites das zonas tanto de produción como de reinstalación que se clasifiquen.
A Orde do 8 de setembro de 2006 pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia foi modificada pola Orde do 19 de xullo de 2010 como consecuencia dunha profunda revisión dos resultados das análises e controis efectuados nas diferentes zonas de produción e, posteriormente, polas ordes do 14 de marzo de 2011, do 6 de xullo de 2011, do 28 de xullo de 2011, do 23 de novembro de 2011, do 8 de marzo de 2012, do 5 de outubro de 2012, do 24 de abril de 2013, do 24 de xullo de 2015, do 28 de outubro de 2015, do 24 de novembro de 2016 e do 8 de abril de 2019. Os controis para garantir a idoneidade dos produtos extraídos delas son realizados pola Consellería do Mar a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).
O artigo 6 da Orde do 8 de setembro de 2006 establece que, cando as análises e controis efectuados nas zonas de produción clasificadas como B ou C demostren o cumprimento de todos os parámetros exixidos durante os períodos establecidos, a Consellería do Mar revisará a clasificación da devandita zona. Igualmente, poderá establecer novas zonas ou subzonas de produción, se comproba que as medidas de mellora establecidas provocan a redución da contaminación ou ben que novos impactos provocan un aumento desta, e as análises realizadas en distintas áreas desa zona de produción presentan niveis de Escherichia coli que permitan establecer novas clasificacións dentro da zona de produción.
Nos resultados dos controis realizados nas distintas zonas de produción detectouse que hai niveis de E. coli que ofrecen resultados diferentes dos que determinaron a clasificación e a delimitación das zonas establecidas no anexo I e representadas nos mapas do anexo II da Orde do 8 de setembro de 2006 e posteriores ordes de modificacións, no que respecta ás zonas GAL 09/08 e GAL 10/08-2.
En virtude do exposto anteriormente,
DISPOÑO:
Artigo único
Modificación da Orde do 8 de setembro de 2006 pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, tal como segue:
Un. O anexo I (moluscos bivalvos), no que se refire aos límites e clasificación das zonas de produción GAL 09/08 «Enseada do Grove» e GAL 10/08-2 «Zona sur do banco dos Praceres-Zona 4», queda redactado do seguinte xeito:
Clave Área de produción |
Límites da zona |
Coordenadas UTM (ED-50) |
Clase |
Comentario |
GAL 09/08-1 Sur da Illa de Arousa |
Zona delimitada pola liña imaxinaria que une pta. Carreirón (A Illa de Arousa) ata pta. Cantodorxo (O Grove), a liña que une pta. Xastelas (A Illa de Arousa), pta. Cabreirón (A Illa da Toxa) e pta. Correlo, agás a enseada de Dena. |
(509850, 4708855) (510665, 4705650) (511310, 4708445) (513130, 4705605) (514425, 4705035) (514156, 4703298) (512379, 4701854) (511945, 4701302) (512041, 4700790) (512044, 4700385) |
B |
Estable |
GAL 09/08-2 Enseada de Dena |
Zona delimitada pola liña imaxinaria que une pta. das Señas ou de Saíñas, N.O. do illote Marma, S.E. do illote Tourís e pta. Area da Cruz cara ao interior da enseada de Dena. |
(514156, 4703298) (512379, 4701854) (511945, 4701302) (512041, 4700790) (512044, 4700385) |
C |
Estable |
GAL 10/08-2 Zona sur do banco dos Praceres |
Zona delimitada no oeste pola liña imaxinaria que vai do peirao de Lourido con enfilación a pta. Praceres e no sur pola liña imaxinaria que vai de Pedra Froxán con enfilación á baliza verde (situada no extremo oeste do dique sur do río) e á liña de costa. |
(527010, 4696755) (526050, 4695290) (526675, 4695682) (526384, 4695801) |
B |
Estable |
GAL 10/08-3 Zona leste do banco dos Praceres |
Zona delimitada polo norte co dique sur do río, polo oeste coa liña imaxinaria que vai do peirao de Lourido a pta. Praceres, polo sur coa liña imaxinaria que vai de Pedra Froxán á baliza verde situada no extremo oeste do dique sur do río, e polo leste coa liña de costa. |
(527810, 4696842) (526898, 4696587) (527010, 4696755) (526050, 4695290) (526675, 4695682) (526384, 4695801) |
C |
Estable |
GAL 10/08-4 Enseada de Lourido |
Zona delimitada no sur polo dique sur do río e no oeste pola liña imaxinaria que vai do peirao de Lourido con enfilación a pta. Praceres ata o mesmo dique, cara ao interior do río Lérez. |
(527810, 4696842) (526898, 4696587) (527010, 4696755) (526050, 4695290) (527810, 4696842) |
B |
Estable |
Dous. O anexo II, no que se refire aos mapas para as zonas de produción GAL 09/08-1, GAL 09/08-2, GAL 10/08-2, GAL 10/08-3 e GAL 10/08-4, queda tal e como se indica no mapa que se xunta a esta orde.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2021
Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar