Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Martes, 26 de outubro de 2021 Páx. 52396

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2021 pola que se modifica a Resolución do 8 de agosto de 2019 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao programa estatal de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en peme e gran empresa do sector industrial (Programa actuacións de eficiencia enerxética en industria), anualidade 2019-2020 (Diario Oficial de Galicia número 158, do 22 de agosto), modificada previamente pola Resolución do 28 de decembro de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 261, do 30 de decembro).

O Programa de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en peme e gran empresa do sector industrial (en diante, Programa) está regulado polo Real decreto 263/2019, do 12 de abril, e foi convocado en Galicia pola Resolución do Inega do 8 de agosto de 2019 publicada no DOG do 22 de agosto.

O Real decreto 263/2019 foi modificado polo Real decreto 1186/2020 coa finalidade, entre outras, de ampliar a súa vixencia ata o 30 de xuño de 2021. E, máis recentemente polo Real decreto 440/2021, do 22 de xuño, para ampliar novamente a vixencia do Programa ata o 30 de xuño de 2023 e, consecuentemente, prever a posibilidade de que a porcentaxe de axuda prevista na epígrafe b) do anexo I se adapte a eventuais cambios no Mapa de Axudas que aprobe a Comisión Europea durante a vixencia do real decreto.

No tocante á ampliación da vixencia, a Resolución do Inega do 8 de agosto de 2019 pola que se convoca o Programa en Galicia foi modificada por Resolución do Inega do 28 de decembro de 2020 coa finalidade de ampliar o período de presentación de solicitudes, vinculando este a data de finalización da vixencia do programa establecida no artigo 12 do Real decreto 263/2019, do 12 de abril. Polo tanto, ao ampliarse a vixencia do Programa ata o 30 de xuño de 2023 mediante o Real decreto 440/2021, polo mesmo acto, debe entenderse prorrogado o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria de Galicia ata a citada data do 30 de xuño de 2023.

En canto á posibilidade que a porcentaxe de axudas prevista na epígrafe b) do anexo I do Real decreto 263/2019 se adapte a eventuais cambios no Mapa de Axudas que aprobe a Comisión Europea durante a vixencia do real decreto, no primeiro parágrafo do artigo 4.4 da Resolución do Inega do 8 de agosto de 2019 se establece: «4. A contía das axudas para cada unha das actuacións vén establecida no anexo I do Real decreto 263/2019, do 12 de abril, polo que se regula o Programa de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en peme e grande empresa do sector industrial». Polo tanto, coa actual redacción do anexo I do Real decreto 263/2019 e da Resolución do 8 de agosto de 2019 un eventual cambio no Mapa de Axudas aprobado pola Comisión Europea será de aplicación ao cálculo da axuda desde o momento en que este produce efectos.

Unha vez coñecida a ampliación da vixencia do Programa e visto que se achegaba o esgotamento do orzamento dispoñible, o Inega solicitou unha ampliación do orzamento asignado ao Programa. Conforme o recollido no punto primeiro da Resolución do 15 de xullo de 2021 do Consello de Administración da EPE Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, MP, pola que se amplía o orzamento do Programa de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en peme e gran empresa do sector industrial, apróbase a ampliación de 15.000.000 de euros para asignar á Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 4.2 da convocatoria prevé a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais o artigo 4.1 da convocatoria establece que o orzamento por anualidades poderá redistribuírse tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme ao establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O artigo 31 do Decreto 11/2009 establece que cando a contía total máxima das subvencións convocadas se distribúa entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da dita distribución non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

No último parágrafo do artigo 4.4 da Resolución do 8 de agosto de 2019 establécese unha axuda máxima por empresa no conxunto da convocatoria de 5 millóns de euros. Non obstante, se no último trimestre de vixencia da convocatoria (a partir do 1 de outubro de 2020), despois de atender a demanda do resto de empresas, queda dispoñibilidade orzamentaria poderá asignarse unha axuda total por empresa superior a 5 millóns, co único límite da dispoñibilidade orzamentaria. A finalidade desta estipulación era evitar que unha empresa puidese copar unha elevada porcentaxe do orzamento da convocatoria sen deixar un tempo razoable para que outras empresas preparasen as súas solicitudes. Tendo en conta que a convocatoria xa leva máis dun ano e medio co prazo de solicitudes aberto, que a vixencia foi prorrogada substancialmente, a ampliación de orzamento que se está a formalizar e que existe posibilidade de pedir novas ampliacións se existe demanda, o límite de axuda por empresa quedou desvirtuado desde o 1 de outubro de 2020.

No artigo 25.1 da Resolución do 8 de agosto de 2019 establécese que o beneficiario poderá solicitar un anticipo unha vez notificada a resolución de concesión e coa data límite do 30 de xullo de 2021. Ao ampliarse a vixencia do Programa compre eliminar este límite coa intención de beneficiar a consecución dos obxectivos do programa de axudas.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar e redistribuír por anualidades os fondos destinados ao Programa de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en peme e gran empresa do sector industrial de Galicia modificando o artigo 4.1 da Resolución do 8 de agosto de 2019 que quedará redactado do seguinte xeito:

«1. As subvencións previstas nesta convocatoria financiaranse con cargo á partida orzamentaria 09.A2.733A.773.1 recollida nos orzamentos do Inega, coa repartición plurianual recollida na seguinte táboa. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 30.731.120,34 euros.

Importe 2021 (€)

Importe 2022 (€)

Importe 2023 (€)

Importe 2024 (€)

Importe 2025 (€)

Importe total (€)

9.078.560,00

7.539.280,00

7.539.280,34

3.500.000,00

3.074.000,00

30.731.120,34

O orzamento por anualidade poderá redistribuírse tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme ao establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia».

Segundo. Eliminar o último parágrafo do artigo 4.4 da convocatoria polo que se limitaba a axuda máxima por empresa.

Terceiro. Modificar o punto primeiro do artigo 25 da Resolución do 8 de agosto de 2019 quedando redactada do seguinte xeito: «1. O beneficiario da axuda poderá solicitar un anticipo unha vez notificada a resolución de concesión da axuda».

Cuarto. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2021

Paula María Uría Traba
Directora do Instituto Enerxético de Galicia