Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 2 de novembro de 2021 Páx. 53349

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 21 de outubro de 2021 pola que se suprimen as oficinas dos rexistros auxiliares dos servizos territoriais do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) en Ourense e Pontevedra.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 26.5 que o Sistema único de rexistro dependerá da consellería competente en materia de administracións e no artigo 33.3, que as oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro se crearán, modificarán e suprimirán mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de administracións públicas.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 196, do 13 de outubro), dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares se fará mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas, por proposta da consellería ou entidade correspondente, logo de informe da Oficina de Rexistro Xeral.

No anexo I do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, figura a listaxe inicial de oficinas de rexistro. A relación actualizada destas está á disposición da cidadanía no portal institucional www.xunta.gal, segundo o previsto na disposición adicional segunda dese decreto.

A oficina de rexistro do Servizo Territorial do Fogga en Ourense está situada na rúa do Paseo, 23, 1º, desa cidade. A oficina de rexistro do Servizo Territorial do Fogga en Pontevedra está situada na rúa Paseo Cervantes, 7, 1º, desa cidade.

As liñas de traballo que xestionan estes servizos levan anos desenvolvéndose a través dos medios electrónicos, e existen aplicacións informáticas propias para tramitar as axudas que se solicitan. Co desenvolvemento da Administración electrónica estas oficinas de rexistro viron diminuída a súa carga de traballo, que baixou de forma moi acentuada nos últimos anos.

Por outra banda, as dúas oficinas de rexistro están preto das oficinas de rexistro dos edificios administrativos da Xunta de Galicia.

Tendo en conta o antedito, é conveniente a supresión das oficinas dos rexistros auxiliares dos Servizos Territoriais do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) de Ourense e Pontevedra.

Esta supresión faise tendo sempre en conta os principios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativas.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Suprímense as oficinas dos rexistros auxiliares dos servizos territoriais do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) de Ourense e Pontevedra.

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Nesa mesma data actualizarase para a cidadanía a relación de oficinas de rexistro auxiliar, existente na páxina web institucional.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo