Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Mércores, 10 de novembro de 2021 Páx. 55466

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 9 de novembro de 2021 pola que se modifican os prazos para a anualidade 2021 establecidos nos artigos 7 e 25 da Resolución do 28 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva das axudas ao deseño, para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas en Galicia, a través do impulso da xestión do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas e identidades corporativas, enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3 e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (programa DeseñaPeme) (código de procedemento IN848E).

O 2 de xullo de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 28 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva das axudas ao deseño, para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas en Galicia, a través do impulso da xestión do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas e identidades corporativas, enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3 e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (programa DeseñaPeme) (código de procedemento IN848E).

O artigo 7.2 desta resolución establecía os seguintes prazos de xustificación:

Para a anualidade de 2021, só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención (prazo máximo 2 de agosto de 2021) e o 31 de outubro de 2021. Para a anualidade 2022, admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre o 1 de novembro de 2021 e o 30 de setembro de 2022.

O artigo 25.2 de dita resolución establecía os seguintes prazos de xustificación:

O 10 de novembro de 2021 como data límite para a presentación da xustificación dos gastos correspondentes á anualidade 2021 (realizados entre a data de presentación da solicitude e o 31 de outubro de 2021).

Tendo en conta a demora na resolución das devanditas axudas, motivada pola complexidade do proceso de avaliación destas, e dado que non causa prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación para o ano 2021 establecido no artigo 25.2 da Resolución do 28 de xuño de 2021.

Ademais, atendendo ao prazo máximo de presentación de solicitudes, que foi o 2 de agosto de 2021 segundo o descrito no artigo 9.2 da convocatoria, e que a modificación de ampliación de prazo para a presentación da xustificación de gastos da anualidade 2021 vai desde o 10 de novembro ata o 24 de novembro de 2021, conclúese que dita modificación non excede a metade do prazo orixinal, segundo dispón o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En consecuencia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación, e coa habilitación outorgada pola disposición derradeira primeira da resolución da convocatoria

RESOLVO:

Artigo único. Modificación dos artigos 7.2 e 25.2 da Resolución do 28 de xuño de 2021, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva das axudas ao deseño, para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas en Galicia, a través do impulso da xestión do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas e identidades corporativas, enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3 e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (programa DeseñaPeme) (código de procedemento IN848E).

O artigo 7.2 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 7. Conceptos subvencionables

2. Para cada anualidade só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados e xustificados dentro dos prazos establecidos no artigo 25.2 desta resolución.

O artigo 25.2 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 25.2. Prazos de xustificación

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Primeira anualidade:

Para os custos de persoal especificados nos artigos 7.3.a.5) e 7.3.a.6) desde a data de presentación de solicitudes ata o 31 de outubro de 2021.

Para os restantes conceptos subvencionables do artigo 7: desde a data de presentación de solicitude ata o 15 de novembro de 2021.

Segunda anualidade:

Para os custos de persoal especificados nos artigos 7.3.a.5) e 7.3.a.6) desde o 1 de novembro de 2021 ata o 30 de setembro de 2022.

Para os restantes conceptos subvencionables do artigo 7: desde o 16 de novembro de 2021 ata o 30 de setembro de 2022.

Prazos de presentación da documentación:

Primeira anualidade: ata o 24 de novembro de 2021.

Segunda anualidade: ata o 31 de outubro de 2022.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2021

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación