Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Xoves, 11 de novembro de 2021 Páx. 55665

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 21 de decembro de 2020 pola que se convoca, para o ano 2021, a prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo (código de procedemento SI434A).

No Diario Oficial de Galicia do 7 de xaneiro de 2021 publicouse a Resolución do 21 de decembro de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convoca para o ano 2021 a prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

No artigo 2 da antedita resolución establécese que o crédito asignado para atender as solicitudes que se aproben, que se imputan á aplicación orzamentaria 11.02.313D.480.0 (código de proxecto 2014 00180), ascende a 2.250.000,00 euros para o ano 2021 e que se reservan 2.800.000,00 euros do ano 2022 para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das beneficiarias durante o exercicio seguinte. Este crédito, segundo o establecido no dito artigo, poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por outra banda, o artigo 7.1.h), da Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, dispón que con independencia dos supostos previstos no punto 1 do artigo 64 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, terán excepcionalmente a condición de ampliables os créditos incluídos na aplicación 11.02.313D.480.0, destinados ao pagamento de axudas directas a mulleres vítimas de violencia de xénero.

Na data actual, dado o volume de solicitudes presentadas desta axuda, que non poden ser atendidas polo esgotamento do crédito asignado, así como as necesidades das posibles beneficiarias, resulta necesario incrementar a dotación orzamentaria destinada a estas axudas. Posto que existen remanentes doutra convocatoria, procede a ampliación do crédito destinado á prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero.

Por todo o exposto e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único

Primeiro. Amplíase a dotación orzamentaria asignada para a concesión das axudas económicas de carácter periódico de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero na contía de 195.648,55 euros, para o exercicio corrente, con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.313D.480.0 (código de proxecto 2014 00180).

Segundo. Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida resolución para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2021

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade