Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Luns, 29 de novembro de 2021 Páx. 58178

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda a apertura de novas listas para a incorporación de solicitudes para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de servizos xerais (PSX) e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de xerocultor/a (subgrupo C2).

O nomeamento de persoal funcionario interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral figuran regulados no Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

O artigo 6 do Decreto 37/2006 establece, no seu punto primeiro, que se poderán presentar novas solicitudes para incorporarse ás listas cando se publique a resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes por parte da dirección xeral competente en materia de función pública e no prazo establecido nela.

Mediante a Resolución do 7 de marzo de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública, acordouse a apertura de novas listas para a incorporación de solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo IV, categorías profesionais de xerocultor/a e persoal de servizos xerais (DOG do 18 de marzo), e estableceuse un prazo de presentación de instancias do 19 de marzo ao 30 de abril de 2019.

En virtude da Resolución do 28 de novembro de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública, fixéronse públicas as listas provisionais para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo IV, categorías profesionais de xerocultor/a e persoal de servizos xerais (DOG do 5 de decembro), e concedéuselle ás persoas interesadas un prazo de dez días para formular reclamación contra as listas provisionais.

A Sentenza firme do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela, do 3 de decembro de 2019 (PA número 274/2019), confirmada pola Sentenza da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 28 de outubro de 2020, estima o recurso contencioso-administrativo interposto pola Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), e anula e deixa sen efecto a citada Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 7 de marzo de 2019. Estas sentenzas poñen de manifesto que esta resolución debeu publicarse con posterioridade á entrada en vigor da modificación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, para que se aplicase o réxime desta disposición na contratación do persoal do Consorcio, en interpretación do Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CC.OO. e UGT, publicado no DOG do 30 de xuño de 2017.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, foi modificado polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, que no seu artigo 9, regulador do baremo, establece que se valorarán servizos prestados na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou en entidades públicas instrumentais do sector público autonómico incluídas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, entre as cales se inclúe o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, sempre que estas entidades tivesen publicadas as súas relacións de postos de traballo e figurasen no ámbito de aplicación do artigo un do dito decreto.

Polo exposto, en cumprimento e execución das mencionadas sentenzas, déixase sen efecto a Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 7 de marzo de 2019. Doutra banda, ábrese un novo prazo para a incorporación de solicitudes para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de servizos xerais (PSX) e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de xerocultor/a.

Neste sentido, as disposicións adicionais oitava e novena da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, crean a escala de persoal de servizos xerais (PSX) incluída no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e a escala de xerocultor/a, incluída no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. De conformidade co establecido no anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, no cal se establecen as equivalencias entre as categorías profesionais de persoal laboral e as escalas de persoal funcionario, a categoría profesional laboral 44 (persoal de servizos xerais) do grupo IV é equivalente á escala de persoal de servizos xerais de persoal funcionario e a categoría profesional laboral 43 (xerocultor/a) do grupo IV é equivalente á escala de xerocultor/a de persoal funcionario.

En coherencia co exposto, no Decreto 60/2021, do 8 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, ofértanse prazas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar nas novas escalas de xerocultor/a e persoal de servizos xerais (subgrupo C2).

Con base no exposto, é necesario que na actualidade as listas se abran ás novas escalas de persoal funcionario e non ás categorías profesionais laborais de persoal de servizos xerais (IV-44) e xerocultor (IV-43), xa que estas categorías se funcionarizaron.

Así mesmo, en prol dos principios de eficiencia e economía procedemental, e de seguridade xurídica das persoas solicitantes e integrantes das listas provisionais feitas públicas pola Resolución do 28 de novembro de 2019, tramitaranse, nos termos sinalados na presente convocatoria, as solicitudes de inclusión nas listas de contratación temporal de persoal laboral das categorías profesionais de persoal de servizos xerais e xerocultor/a, presentadas ao abeiro da Resolución do 7 de marzo de 2019 (DOG do 18 de marzo), sen prexuízo do dereito destas persoas a desistir da solicitude presentada no seu día.

En consecuencia, tendo en conta o exposto e de conformidade co establecido nos artigos 5 e 6.1 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, e na Orde do 22 de febreiro de 2021, a Dirección Xeral da Función Pública

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto

1. Abrir o prazo de presentación de solicitudes para elaborar as listas para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de servizos xerais (PSX) (subgrupo C2), e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de xerocultor/a (subgrupo C2).

2. Están exentas de presentar a solicitude na escala de persoal de servizos xerais as persoas que solicitaron a inclusión nas listas de contratación temporal da categoría profesional de persoal de servizos xerais (44) e na escala de xerocultor/a, as que solicitaron a inclusión nas listas de contratación temporal da categoría de xerocultor/a (43), ao abeiro da Resolución do 7 de marzo de 2019 (DOG do 18 de marzo), e que figuran incluídas nunha listaxe que se publicará no portal web corporativo da Xunta de Galicia,
http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe «Listas de contratación». Estas persoas estarán exentas, así mesmo, de aboar as taxas para a inclusión na lista correspondente.

Así mesmo, tramitaranse, nos termos que proceda, as solicitudes presentadas por persoas que non figuran na listaxe anterior e que instaron a inclusión nas listas das categorías profesionais de persoal de servizos xerais (44) e xerocultor/a (43) ao abeiro da Resolución do 7 de marzo de 2019.

Sen prexuízo do anteriormente disposto, as persoas que solicitaron a inclusión nas listas indicadas neste punto poderán desistir da solicitude presentada no seu día mediante escrito dirixido á Dirección Xeral da Función Pública con anterioridade á publicación das listas definitivas.

3. As persoas que solicitaron a inclusión nas listas ao abeiro da Resolución do 7 de marzo de 2019 deberán estar en posesión dos requisitos exixidos de admisión nas listas para o nomeamento de persoal funcionario interino das escalas de persoal de servizos xerais e xerocultor/a.

4. No suposto de que se presenten varias solicitudes para a inclusión nas listas para o nomeamento de persoal funcionario interino dunha mesma escala, no prazo e forma establecidos na presente convocatoria, só se terá en conta a última.

Segundo. Ámbito territorial

O ámbito territorial destas listas será a agrupación de municipios.

Terceiro. Requisitos que deberán posuír as persoas solicitantes

Para ser admitidas/os nas listas, os/as aspirantes deberán posuír, na data de presentación da solicitude, os seguintes requisitos:

1. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán ser admitidos, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

3. Titulación académica:

Escala de xerocultor/a: estar en posesión ou en condicións de obter o título de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría ou equivalente ou técnico/a de atención a persoas en situación de dependencia ou equivalente.

Escala de persoal de servizos xerais: graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente.

As persoas con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para desempeñar as correspondentes funcións ou tarefas.

5. Habilitación: non ter sido separado/a nin despedido/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

6. Coñecemento da lingua galega: estar en posesión do Celga 3 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de conformidade coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

Cuarto. Solicitudes

1. As persoas interesadas en formar parte das listas deberán presentar unha instancia, preferentemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado contido no anexo I da Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG do 26 de febreiro) (código de procedemento AP522T), accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As instancias dirixiranse á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública.

3. O prazo para presentar as instancias comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 20 de decembro de 2021, de acordo co establecido no artigo 6.1 do Decreto 37/2006.

Quinto. Taxas

1. De conformidade coa Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exencións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, o importe das taxas que se deberán aboar en concepto de dereitos de inscrición ascende a 18,04 euros.

2. Están exentos do pagamento, consonte o artigo 23.5 da Lei 6/2003:

Do importe total da taxa:

a) As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

b) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe da taxa:

a) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

b) As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

c) As vítimas do terrorismo, entendendo por tales as persoas que teñan sufrido danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acrediten mediante sentenza xudicial firme ou en virtude de resolución administrativa pola cal se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa con quen convivise con análoga relación de afectividade, o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

Os solicitantes exentos do pagamento da taxa marcarán esta opción na solicitude.

3. Os solicitantes que non estean exentos de pagamento poderán aboar as taxas:

a) Nas entidades financeiras autorizadas.

Para tal efecto, poderán descargar o impreso na páxina web da Axencia Tributaria de Galicia (Consellería de Facenda e Administración Pública), apígrafe «Tributos da Comunidade Autónoma», premendo na ligazón «Taxas e prezos», no menú da marxe esquerda, a seguir «confección en-liña de impresos», e por último «Modelo A1. Autoliquidación de taxas», optando ou ben por descargar o modelo en branco ou por cubrilo informaticamente (iniciar taxa).

As instrucións para cubrir o impreso de autoliquidación figuran dispoñibles, así mesmo, no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe «Listas de contratación», epígrafe «xeración e presentación de solicitudes», «solicitude de listas de contratación» e «Modelo A1. Autoliquidación de taxas».

A presentación do xustificante do ingreso das taxas no cal non figure o selo da entidade bancaria, con indicación da data, determinará a exclusión do solicitante.

b) A través da páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Neste caso, unha vez efectuado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de ter aboada a taxa e achegarase xunto coa instancia.

En ningún caso a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación en tempo e forma da solicitude.

Sexto. Documentación

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Xustificante de ter aboadas as taxas administrativas por dereitos de inscrición ou, se é o caso, documentación xustificativa para a exención, total ou parcial, do pagamento das taxas (código da taxa 05/13/07/300301), nos termos establecidos na letra d) e e) desta disposición e na disposición sétima da presente resolución, sen prexuízo do disposto no punto 1.2 da presente convocatoria.

b) Certificado ou documento equivalente ao Celga 3 non expedido polo órgano competente en materia de política lingüística.

c) No suposto de non ter nacionalidade española, pasaporte e/ou documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, reguladora do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

d) Certificado de discapacidade igual ou superior ao 33 % non expedido pola Administración autonómica de Galicia, para a acreditación da exención do importe total da taxa.

e) Vítimas do terrorismo, sentenza xudicial firme ou resolución administrativa pola cal se recoñeza tal condición, conforme o establecido no punto 5.2.c) da presente resolución, para a acreditación da exención do importe parcial da taxa.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sétimo. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE.

– Título/s oficial/is universitarios e non universitarios.

– Documento xustificativo de estar en posesión do Celga 3, expedido polo órgano competente en materia de política lingüística.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente, consonte o artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e disposición quinta da presente resolución:

a) Certificado de discapacidade igual ou superior ao 33 % expedido pola Administración autonómica de Galicia, para acreditar a exención do importe total da taxa.

b) Certificado de familia numerosa de carácter especial ou xeral ou carné familiar en que conste o dito carácter, para acreditar a exención do importe total da taxa ou do 50 %, respectivamente.

c) Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego, ininterrompidamente, desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG, para acreditar a exención do 50 % do importe da taxa, de cumprirse, así mesmo, o requisito establecido na letra d).

d) Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que na data de presentación da solicitude non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego, para acreditar a exención do 50 % do importe da taxa, de cumprirse, así mesmo, o requisito previsto na letra c).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro que corresponda habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos xustificativos da exención do pagamento mencionados anteriormente segundo o suposto en que se atopen.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Oitavo. Orde de prelación

1. A orde de prelación dos solicitantes virá dada pola puntuación obtida de acordo co baremo establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006.

2. Para dirimir os empates de puntuación aplicarase o previsto no artigo 10 do Decreto 37/2006.

3. A actualización de méritos será efectuada anualmente de oficio pola Administración, conforme o previsto no artigo 12 do Decreto 37/2006.

Noveno. Elaboración das listas

1. A comisión permanente prevista no artigo 4 do Decreto 37/2006 será a encargada de elevar ao titular da Dirección Xeral da Función Pública o anuncio da exposición das listaxes provisionais e definitivas de admitidos e excluídos para a súa publicación no DOG.

Nestas listas provisionais e definitivas figurarán todas as persoas que presentaron solicitude conforme o disposto na disposición primeira desta convocatoria.

2. As ditas listaxes poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe «Listas de contratación», no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012 e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galicia (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo).

Décimo. Devolución de taxas

Publicadas as listas definitivas, as persoas excluídas que así o desexen, así como as excluídas por desistir da súa solicitude, disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución pola que se fan públicas as listas definitivas no Diario Oficial de Galicia, para solicitar a devolución das taxas por dereitos de inscrición. Para iso deberán consignar o nome e apelidos, o NIF, o número da conta bancaria (vinte díxitos) e a localidade desta, segundo o modelo que figura no anexo III da Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), xunto coa documentación xustificativa de ter aboado as taxas administrativas.

As persoas que desistan formalmente da solicitude formulada no seu día para a inclusión nas listas para a contratación temporal de persoal laboral das categorías profesionais de persoal de servizos xerais e xerocultor/a, conforme a Resolución do 7 de marzo de 2019, con anterioridade á publicación das listas definitivas, poderán solicitar en calquera momento do procedemento a devolución das taxas administrativas da forma establecida no parágrafo anterior.

Décimo primeiro. Recursos

Contra esta resolución, de conformidade co previsto nos artigos 112 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, pódese interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública