Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Martes, 14 de decembro de 2021 Páx. 61025

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 13 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a pemes, autónomos, asociacións e fundacións de Galicia para o financiamento de actuacións destinadas á preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos téxtiles recollidos separadamente, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva por anticipado de gasto para o ano 2022 (código de procedemento MT975L).

Segundo o artigo 1 do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, esta consellería é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a que lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, conservación do patrimonio natural, paisaxe e vivenda, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española, co nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos integrantes deste departamento.

En particular, segundo o artigo 10 do referido decreto, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático exerce as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, a xestión dos sistemas de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia e o impulso da investigación ambiental e o desenvolvemento tecnolóxico para o logro da adecuada protección ambiental.

Inclúense aquí:

a) A elaboración e o seguimento dos programas autonómicos de prevención de residuos e dos plans autonómicos de xestión de residuos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, e das accións de desenvolvemento destes.

b) O fomento das accións de minimización da produción de residuos, da súa reutilización e reciclaxe.

c) A planificación e o fomento de accións relacionadas coa economía circular.

A Directiva 2008/98/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 19 de novembro de 2008, sobre os residuos, modificada pola Directiva (UE) 2018/851, establece medidas destinadas a protexer o ambiente e a saúde humana mediante a prevención ou a redución dos impactos adversos da xeración e xestión dos residuos, a redución dos impactos globais do uso dos recursos e a mellora da eficacia do dito uso.

Ademais, os Estados membros deben aumentar progresivamente as cantidades de residuos destinadas á preparación para a reutilización e reciclaxe de acordo cos seguintes obxectivos:

• Para 2025 aumentar a preparación para a reutilización e a reciclaxe de residuos municipais ata un mínimo de 55 % en peso.

• Para 2030 aumentar a preparación para a reutilización e a reciclaxe de residuos municipais ata un mínimo de 60 % en peso.

• Para 2035 aumentar a preparación para a reutilización e a reciclaxe de residuos municipais ata un mínimo de 65 % en peso.

A estes obxectivos hai que engadir a restrición máxima de vertedura do 10 % do total dos residuos municipais xerados no 2035.

A directiva establece que o máis tardar o 1 de xaneiro de 2025 os concellos deberán establecer a recollida separada de residuos téxtiles e residuos perigosos de orixe doméstica. Con esta obrigación o que se pretende é evitar un tratamento dos residuos que bloquee recursos nos niveis máis baixos da xerarquía de residuos, aumentar os índices de preparación para a reutilización e a reciclaxe, permitir unha reciclaxe de alta calidade e estimular a utilización de materias primas secundarias de calidade.

Pero, ademais, a directiva indica que é necesario adoptar medidas para previr a xeración de residuos téxtiles. Como mínimo, esas medidas deberán fomentar a reutilización dos produtos e a implantación de sistemas que promovan actividades de reparación e reutilización.

No marco da Estratexia 2020, a folla de ruta cara a unha Europa eficiente no uso dos recursos (COM(2011) 571 final) proponse unha transformación radical en diferentes ámbitos da produción e do consumo para facer fronte ao desafío de estimular o crecemento económico necesario para proporcionar emprego e benestar aos cidadáns e garantir que a calidade dese crecemento redunde nun futuro sustentable. Para lograr esta transformación a folla deseña un marco estratéxico que establece as condicións para promover, entre outras cuestións, o incremento da reutilización, a reciclaxe e a substitución de materiais, así como para o aforro de recursos.

Unha das actuacións que se considera necesaria para a consecución de tales fins é a de estimular o mercado de materiais secundarios e a demanda de materiais reciclados ofrecendo incentivos económicos e desenvolvendo criterios para determinar cando un residuo deixa de selo. Para isto resulta necesario dispor de instalacións suficientes dedicadas tanto á preparación para a reutilización de residuos como á reciclaxe.

Así, para garantir a plena aplicación do acervo da Unión en materia de residuos, o Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2022 establece as bases para impulsar a xestión de residuos urbanos en Galicia cara a un novo escenario máis sustentable e acorde coa xerarquía de residuos marcada pola normativa, facendo especial fincapé na prevención e valorización dos residuos.

O Plan recolle os obxectivos marcados pola normativa vixente e establece novas metas especialmente en materia de prevención, onde por primeira vez se establece un obxectivo cuantitativo, así como no tocante á implantación e mellora da recollida separada de residuos.

A partir da diagnose realizada con ocasión da elaboración do plan, as conclusións ou prioridades detectadas incluíron, en materia de xestión de residuos domésticos e polo que atinxe ao obxecto e finalidade da presente orde, as seguintes:

a) Minimizar a vertedura final en depósitos controlados, especialmente de fracción biodegradable e materiais recuperables.

b) Potenciar o mercado da reciclaxe.

c) Desenvolver as infraestruturas precisas para tratar os residuos xerados e para acadar os obxectivos e potenciar desta maneira a organización territorial e a capacitación de técnicos, baixo criterios de suficiencia e proximidade, viabilidade económica e ambiental.

Para tal efecto, o Plan organízase arredor de dez grandes liñas estratéxicas que aglutinan as actuacións para desenvolver no actual horizonte temporal da planificación autonómica, que abrangue, tras a actualización operada en decembro de 2016, ata o ano 2022.

Entre os instrumentos dispoñibles para a consecución dos obxectivos propostos, o PXRUG prevé especificamente o establecemento de liñas de subvencións dirixidas a fomentar as actividades de preparación para a reutilización, destinadas a impulsar medidas que contribúan á consecución dos obxectivos vixentes nesta materia tras as novidades introducidas no contexto comunitario de conformidade coa folla de ruta cara a unha Europa eficiente no uso dos recursos, no marco da Estratexia 2020, así como tendo en conta as medidas recollidas no paquete de economía circular, aprobado pola Comisión Europea en decembro de 2015, piares básicos para unha xestión eficiente dos recursos e dos residuos que se sustenta, fundamentalmente, na prevención e a reciclaxe e en reforzar o principio de xerarquía nas opcións de xestión de residuos.

Facendo unha análise sobre a cantidade total de residuos téxtiles producidos en Galicia no ano 2019, conclúese que das aproximadamente 52.000 toneladas de residuos téxtiles producidas, unicamente o 13 % procedían da recollida separada. Ademais, centrando a análise no tipo de tratamento recibido por estes residuos, constátase que o 72 % se destinou á valorización enerxética, o 17 % ao depósito en vertedoiro e unicamente o 11 % foi tratado por xestores de valorización.

Tendo en conta as competencias asumidas por este departamento, a presente convocatoria vai destinada a apoiar as empresas na procura de respostas aos retos e oportunidades asociadas á innovación ambiental, a fomentar a realización por parte das empresas de actuacións e investimentos encamiñados, con carácter prioritario, á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental, prestando a súa colaboración económica aos proxectos realizados polo sector empresarial galego en materia de xestión dos recursos e dos residuos.

Por todo isto, e tendo en conta as futuras obrigas de recollida separada de residuos téxtiles que virán impostas, será necesario que a Administración impulse a implantación deste servizo e ao mesmo tempo, incentive a creación de plantas de valorización final no noso territorio. Ademais, co desenvolvemento desta convocatoria, espérase pechar o ciclo dos tecidos empregados na industria téxtil e, por tanto, contribuír á transformación deste sector cara a un modelo circular, así como garantir o estrito cumprimento da xerarquía de residuos a través do incremento das porcentaxes de valorización material e a diminución das de valorización enerxética conforme o principio de xerarquía aplicable en materia de xestión de residuos.

O obxectivo, por tanto, é lograr que se cree unha nova cultura empresarial que aposte por unha tecnoloxía eficiente, que utilice procesos eco-eficientes baseados na excelencia operacional e no uso de tecnoloxías limpas. Ademais, deberán aproveitar os avances en innovación que se están a xerar coa industria 4.0 (fabricación aditiva, monitorización de procesos, incorporación de tecnoloxías facilitadoras esenciais [TFE], materiais avanzados, etc.) para establecer procesos de recollida e xestión de residuos que garantan a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e a redución da contaminación do ambiente (auga, solo e aire).

As actuacións recollidas nesta orde encádranse no marco do Acordo da Comisión de Coordinación en materia de residuos dentro do Mecanismo de recuperación e resiliencia, eixo/compoñente 12: Política industrial de España 2030; medida/investimento I3: apoio á implementación da normativa de residuos e ao fomento da economía circular (residuos e economía circular); submedida 001: residuos e economía circular, modalidade de financiamento 4620-MRR, do Plan estatal de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), e no cumprimento da normativa autonómica, estatal e da Unión Europea que regula este tipo de investimentos, e quedan suxeitas, en todo caso, ao cumprimento, execución e realización dos obxectivos fixados no devandito plan.

O investimento é coherente co obxectivo de finalización de proxectos de apoio á aplicación da lexislación sobre residuos e fomento da economía circular na empresa, tal e como se define no anexo da Proposta de decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do plan de recuperación e resiliencia de España [SWD(2021) 147 final], e resulta apto para acadar ao menos 30 proxectos aprobados polo MITERD de apoio á aplicación da lexislación sobre residuos e fomento da economía circular na empresa, que se axusten ao disposto na Guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo» (DO C 58, do 18.2.2021, p.1), que constitúe o indicador correspondente a este obxectivo.

Neste marco resultan de aplicación o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como o Regulamento (UE) 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un Instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19, e regulado segundo o Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. Resulta tamén de aplicación a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, así como a Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e a Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e o formato da información proporcionarán as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento dos fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Estarán sometidas á plena aplicación dos mecanismos de xestión e control que se establezan para o Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE e á normativa da Unión Europea aplicable á xestión, seguimento e control que se estableza para o Plan de reconstrución, transformación e resiliencia, así como as específicas relativas á información e publicidade, verificación e demais impostas pola normativa da Unión Europea, cuxa aplicación será de obrigado cumprimento.

Así mesmo, todas as actuacións que se executen dentro do marco do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) deben cumprir o principio de «non causar prexuízo significativo» aos seguintes obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento 2020/852 do Parlamento e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar investimentos sustentables (principio DNSH):

a) A mitigación do cambio climático.

b) A adaptación ao cambio climático.

c) O uso sustentable e a protección dos recursos hídricos e mariños.

d) A economía circular.

e) A prevención e control da contaminación.

f) A protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.

Por outra banda, as actuacións obxecto desta orde están suxeitas á distribución territorial de créditos relativos ao Plan de apoio á implantación da normativa de residuos, Programa de economía circular e PIMA residuos, aprobada en Conferencia Sectorial na data do 14 de abril de 2021.

A distribución dos créditos está condicionada ao seu destino a investimentos nos proxectos incluídos en cada unha das tipoloxías de actuación descritas no punto anterior, que contribuirán ao cumprimento dos obxectivos comunitarios na materia.

O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta orde non excederá o 60 % do custo total do proxecto para a liña 1 e do 45 % do custo total do proxecto para a liña 2 e será compatible co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre que non supere o custo total do proxecto que se vai financiar. O financiamento achegado non é compatible cos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2), así como con axudas, subvencións, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outro fondo europeo, tales como o Feder, REACT-UE, FSE, Feader e Horizonte Euro.

Así mesmo, de conformidade co acordo polo que se autoriza a aprobación das bases reguladoras dos criterios obxectivos para a distribución territorial de créditos relativos ao Plan de apoio á implementación da normativa de residuos, Programa de economía circular e Plan de Impulso ao ambiente-PIMA residuos, serán susceptibles de englobarse aquí actuacións destinadas:

a) Á construción de novas instalacións de preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos recollidos separadamente (3.1).

b) Á construción de instalacións de reciclaxe de residuos téxtiles recollidos separadamente (3.2).

En virtude do anterior, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva a pequenas e medianas empresas, autónomos, asociacións e fundacións de Galicia para o financiamento de actuacións de preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos téxtiles recollidos separadamente (código de procedemento MT975L), ao tempo que se fai pública a súa convocatoria para os anos 2022 e 2023.

2. Son liñas subvencionables as seguintes:

a) Liña 1: Proxectos de construción de novas instalacións de preparación para a reutilización de residuos téxtiles, así como de ampliación das existentes para incluír liñas de preparación para reutilización de residuos téxtiles recollidos separadamente.

b) Liña 2: Proxectos de construción de instalacións de reciclaxe de residuos téxtiles recollidos separadamente.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Con carácter xeral, poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da UE (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que for súa forma xurídica, que, cumprindo o establecido neste artigo, desenvolvan ou materialicen o proxecto ou actuación obxecto da subvención no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Considerarase empresa, para os efectos das presentes bases reguladoras e segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica, incluídas as asociacións e fundacións sen ánimo de lucro. Inclúense nesta definición, en particular, os autónomos, comunidades de bens e calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial.

2. Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica e sempre que se axuste ao sinalado no número 1 deste artigo, poidan desenvolver o proxecto, actividade ou comportamento para o cal se solicita a axuda, deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas propias dos beneficiarios dunha subvención. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Unha empresa non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea e para a mesma actuación de maneira individual e a través dunha agrupación na cal se integre. De darse o caso, inadmitirase a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo. En cambio, si será posible que unha mesma empresa concorra a esta convocatoria de maneira simultánea para as dúas liñas subvencionables a que se refire o artigo 3, para o que deberá presentar unha solicitude para cada unha das liñas subvencionables, de ser o caso.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarios:

a) As entidades ou empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As entidades ou empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento UE nº 651/2014), sempre que a situación de empresa en crise sexa anterior ao 31 de decembro de 2019, para a liña 2.

c) As entidades ou empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común, para a liña 2.

Artigo 3. Actuacións subvencionables e requisitos

1. Ao abeiro desta orde de axudas serán subvencionables as actuacións que se citan de seguido para cada liña de axuda.

a) Liña 1: Proxectos de construción de novas instalacións de preparación para a reutilización de residuos téxtiles, así como de ampliación das existentes para incluír liñas de preparación para reutilización de residuos téxtiles recollidos separadamente.

Estas axudas teñen como fin mellorar a cantidade de residuos preparados para a súa reutilización procedentes de residuos téxtiles (roupa, calzado, accesorios de vestimenta, roupa da casa e similares) recollidos separadamente. Con este obxecto, financiaranse tanto a construción de novas instalacións dentro do territorio da Comunidade Autónoma como a ampliación das xa existentes para incluír preparación para a reutilización.

Deberá presentarse un proxecto en que se inclúan os tipos de residuos que prepararán para a reutilización e os tratamentos de cada un deses residuos, así como as condicións de venda, que incluirán a correspondente garantía posvenda e a súa declaración como produto novo naqueles casos en que sexa necesario.

Serán subvencionables ao abeiro desta liña os proxectos bianuais que se executen durante as anualidades 2022 e 2023, e que teñan por obxecto:

1º. A construción da instalación dedicada á preparación para a reutilización, incluíndo zona de almacenaxe e superficie destinada á venda dos produtos recuperados. O financiamento limitarase aos conceptos mínimos para un adecuado funcionamento da instalación e o proxecto cumprirá con todos os requisitos que a normativa sectorial poida impoñer a estas instalacións. Non se inclúen instalacións auxiliares, como oficinas.

2º. Os elementos de almacenamento adecuado tanto para os residuos recibidos como para os produtos recuperados, como gaiolas, andeis ou armarios.

3º. A maquinaria e ferramentas necesarias para desenvolver os traballos de preparación para a reutilización. Non se inclúe neste concepto material funxible ou outro tipo de maquinaria e ferramentas que non sexan necesarias para o desenvolvemento da actividade.

4º. Formación para os traballadores da instalación.

5º. Campaña de comunicación, unha vez terminada a instalación e dirixida a concienciar a poboación próxima da entrega de residuos para a súa preparación para a reutilización.

6º. A adquisición de software e hardware para o control e a rastrexabilidade tanto dos residuos recibidos e xerados como dos produtos recuperados.

b) Liña 2: Proxectos de construción de instalacións de reciclaxe de residuos téxtiles recollidos separadamente.

Estas axudas estarán destinadas á construción dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia de instalacións que permitan un tratamento diferenciado dos residuos téxtiles (roupa, calzado, accesorios de vestimenta, roupa da casa e similares) recollidos separadamente, de maneira que este fluxo de residuos poida contribuír á consecución dos obxectivos comunitarios de reciclaxe.

Non se financiará a construción de instalacións que teñan por obxecto outros tratamentos distintos da reciclaxe dos residuos téxtiles.

Xunto coa documentación para presentarse a esta convocatoria deberá achegarse o xustificante de ter presentado a correspondente solicitude de autorización ou, se for o caso, modificación da autorización, como xestor de residuos non perigosos ante o órgano competente da Comunidade Autónoma de Galicia. A solicitude como xestor de valorización de residuos non perigosos, deberá incluír, nos casos en que así o requira a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, o documento correspondente para iniciar o trámite.

Serán subvencionables ao abeiro desta liña os proxectos bianuais que se executen durante as anualidades 2022 e 2023 e que teñan por obxecto:

1º. A construción da instalación (incluída adecuación do terreo) dedicada á reciclaxe dos residuos téxtiles, incluíndo as zonas de almacenamento. Non se inclúen as instalacións auxiliares (como oficinas, almacéns para maquinaria, etc).

2º. A maquinaria e ferramentas estritamente necesarias para o proceso de reciclaxe, incluíndo aquela necesaria para a clasificación dos residuos téxtiles, o seu tratamento mecánico (bobinaxe, corte, etc.) ou tratamento fisicoquímico (incluídos procesos térmicos). Non se inclúe neste concepto o material funxible ou outro tipo de maquinaria e ferramentas que non sexan estritamente necesarias para a reciclaxe dos residuos téxtiles.

3º. Instalacións ou elementos para o almacenamento tanto dos residuos téxtiles obxecto de tratamento como dos materiais obtidos tras o proceso de reciclaxe.

2. As axudas establecidas na liña 1 desta orde e descritas neste artigo están sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no artigo 3 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, en virtude do cal o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000,00 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

En virtude do anterior, as empresas deberán declarar, no momento de presentaren a solicitude, o conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

3. As axudas establecidas na liña 2 desta orde e descritas neste artigo estarían sometidas ao disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, concretamente no seu artigo 36, onde se indica que as axudas ao investimento que permitan ás empresas ir alén das normas da Unión en materia de protección ambiental ou incrementar o nivel de protección ambiental en ausencia de normas da Unión serán compatibles co mercado interior segundo o teor do artigo 107, número 3, do Tratado.

Esta liña acóllese a este regulamento, atendendo ao recollido nas Directrices sobre axudas estatais en materia de protección do ambiente ambiente e enerxía 2014/2020 xa que:

a) Contribúen a un obxectivo de interese xeral. A Directiva 2008/98/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 19 de novembro de 2008, sobre os residuos, modificada pola Directiva (UE) 2018/851, establece obxectivos específicos para os estados membros na preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos municipais e impón a restrición máxima de vertedura do 10 % do total dos residuos municipais xerados en 2035. Así mesmo, obriga á recollida separada dos residuos téxtiles o máis tardar o 1 de xaneiro de 2025.

Xa no marco da Estratexia 2020, a folla de ruta cara a unha Europa eficiente no uso dos recursos (COM(2011) 571 final) deseña un marco estratéxico que establece as condicións para promover, entre outras cuestións, o incremento da reutilización, a reciclaxe e a substitución de materiais, así como para o aforro de recursos, e con este fin fixa como obxectivo que en 2020, os residuos se xestionarán como recursos. Para iso, a Comisión Europea estableceu, entre outras, as seguintes actuacións: estimular o mercado de materiais secundarios e a demanda de materiais reciclados ofrecendo incentivos económicos e desenvolvendo criterios para determinar cando un residuo deixa de selo.

b) Tendo en conta as futuras obrigacións de recollida separada de residuos téxtiles que virán impostas, e que na actualidade Galicia non ten autorizada ningunha planta de reciclaxe de residuos téxtiles, resulta fundamental para a Administración promover o establecemento destas plantas de tratamento. Con esta liña de axudas tratarase de impulsar a implantación deste servizo e, ao mesmo tempo, incentivar a creación de plantas de valorización final no noso territorio coa finalidade de pechar o ciclo dos tecidos empregados na industria téxtil e, por tanto, contribuír á transformación deste sector cara a un modelo circular a través do incremento das porcentaxes de valorización material e a diminución da valorización enerxética conforme o esquema de prioridades e o principio de xerarquía aplicable en materia de residuos. Con esta convocatoria, por tanto, búscase lograr que se cree unha nova cultura empresarial que aposte por unha tecnoloxía eco-eficiente baseada na excelencia operacional, a mellor técnica dispoñible, o uso de tecnoloxías limpas, así como aproveitar os avances en innovación que se están a xerar coa industria 4.0 para establecer procesos de recollida e xestión de residuos que garantan a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e a redución da contaminación do ambiente.

Artigo 4. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de forma indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable e cumpran o establecido no artigo 17 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia (en diante, Mecanismo).

2. En particular, non serán gastos subvencionables os seguintes:

a) Os gastos non xustificados correctamente ou que non sexan obxecto de subvención, así como os gastos non imputables ao investimento.

b) O imposto sobre o valor engadido, así como calquera outro imposto de natureza similar que sexa recuperable. Tampouco se subvencionarán os impostos persoais ou sobre a renda.

c) Os gastos financeiros derivados do investimento.

d) Os investimentos realizados mediante contrato de arrendamento financeiro ou leasing.

e) Os gastos de persoal.

f) Os premios ou agasallos non relacionados coa actuación e/ou innecesarios.

g) Os custos asociados aos servizos de recollida e o tratamento dos residuos municipais.

h) Respecto dos bens de equipamento de segunda man, estes serán subvencionables cando se cumpran os requisitos seguintes:

1º. Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

2º. O prezo non poderá ser superior ao valor de mercado e deberá ser inferior ao custo dos bens novos similares, acreditando estes extremos mediante certificación de taxador independente.

i) Todos aqueles gastos que figuren no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.

3. As entidades solicitantes poderán subcontratar a totalidade da actuación subvencionable, de conformidade co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Se for o caso, as entidades subcontratadas deberán comprometerse a cumprir cos estándares máis exixentes en relación coas normas xurídicas, éticas e morais, adoptando as medidas necesarias para previr e detectar a fraude, a corrupción e os conflitos de interese, así como a respectar os principios de economía circular e evitar impactos negativos significativos no ambiente (do no significant harm, DNSH polas súas siglas en inglés) na execución das actuacións levadas a cabo no marco do dito plan, así como a non incorrer en dobre financiamento e que, se for o caso, non lle conste risco de incompatibilidade co réxime de axudas de Estado. Para estes efectos, o cumprimento nestes termos acreditarase mediante declaración da subcontrata correspondente, no momento da xustificación (artigo 23.3.f), segundo o modelo incluído como anexo VI nesta orde.

4. O beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Artigo 5. Crédito e contía das axudas

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2022 e 2023 procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, cun importe total de 2.886.304,00 €.

Este importe distribúese con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.770.0, código de proxecto 2022 00036, consonte o seguinte detalle:

Aplicación

Importe 2022

Importe 2023

Total

08.02.541D.770.0

432.946,00 €

432.945,00 €

865.891,00 €

Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.781.0, código de proxecto 2022 00036, consonte o seguinte detalle:

Aplicación

Importe 2022

Importe 2023

Total

08.02.541D.781.0

1.010.206,00 €

1.010.207,00 €

2.020.413,00 €

Na anualidade 2022, correspondente á aplicación 08.02.541D.770.0, código de proxecto 2022 00036, contense a seguinte distribución por liñas:

1º. Importe máximo para a liña 1: Proxectos de construción de novas instalacións de preparación para a reutilización de residuos téxtiles, así como de ampliación das existentes para incluír liñas de preparación para reutilización de residuos téxtiles recollidos separadamente: 129.884,00 € (30 %).

2º. Importe máximo para a liña 2: Proxectos de construción de instalacións de reciclaxe de residuos téxtiles recollidos separadamente: 303.062,00 € (70 %).

Na anualidade 2022, correspondente á aplicación 08.02.541D.781.0, código de proxecto 2022 00036, contén a seguinte distribución por liñas:

1º. Importe máximo para a liña 1: Proxectos de construción de novas instalacións de preparación para a reutilización de residuos téxtiles, así como de ampliación das existentes para incluír liñas de preparación para reutilización de residuos téxtiles recollidos separadamente: 303.062,00 € (30 %).

2º. Importe máximo para a liña 2: Proxectos de construción de instalacións de reciclaxe de residuos téxtiles recollidos separadamente: 707.144,00 € (70 %).

Na anualidade 2023, correspondente á aplicación 08.02.541D.770.0, código de proxecto 2022 00036, contén a seguinte distribución por liñas:

1º. Importe máximo para a liña 1: Proxectos de construción de novas instalacións de preparación para a reutilización de residuos téxtiles, así como de ampliación das existentes para incluír liñas de preparación para reutilización de residuos téxtiles recollidos separadamente: 129.883,00 € (30 %).

2º. Importe máximo para a liña 2: Proxectos de construción de instalacións de reciclaxe de residuos téxtiles recollidos separadamente: 303.062,00 € (70 %).

Na anualidade 2023, correspondente á aplicación 08.02.541D.781.0, código de proxecto 2022 00036, contén a seguinte distribución por liñas:

1º. Importe máximo para a liña 1: Proxectos de construción de novas instalacións de preparación para a reutilización de residuos téxtiles, así como de ampliación das existentes para incluír liñas de preparación para reutilización de residuos téxtiles recollidos separadamente: 303.062,00 € (30 %).

2º. Importe máximo para a liña 2: Proxectos de construción de instalacións de reciclaxe de residuos téxtiles recollidos separadamente: 707.145,00 € (70 %).

2. Estas dotacións iniciais poderase modificar e/ou incrementar con achegas adicionais sen nova convocatoria previa tras a oportuna tramitación orzamentaria en proporción ao número de solicitudes e ás dispoñibilidades orzamentarias, con cargo ás mesmas aplicacións e nas condicións previstas no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No tocante á contía das axudas para a liña 1, será do 60 % do custo total subvencionable do proxecto, cun importe máximo de 80.000,00 €.

4. No tocante á contía das axudas para a liña 2, será do 45 % do custo total subvencionable do proxecto.

5. En aplicación do disposto nos artigos 67.1 e 67.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, nos cales se recolle a tramitación anticipada de expedientes de gasto con cargo aos fondos do MRR, no caso de que os expedientes se tramiten con anterioridade á aprobación do Proxecto de lei de orzamentos da Comunidade Autónoma, o órgano xestor deberá emitir un informe en que se faga constar que existe crédito adecuado e suficiente para o gasto que se pretende efectuar. A concesión destas axudas queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

6. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo ou no suposto previsto no artigo 25.3 do regulamento. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975L).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo de presentación de solicitudes abrangue desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 31 de xaneiro de 2022, ambos incluídos.

5. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon á disposición dos interesados o seguinte enderezo de correo electrónico: axudas.cmaot@xunta.gal

No ámbito do sector público autonómico estarán obrigados a relacionarse a través de medios electrónicos para realizar calquera trámite dun procedemento administrativo os traballadores autónomos e traballadoras autónomas para os trámites e actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional, de acordo co establecido no artigo 10.1 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación legal da empresa ou entidade solicitante.

b) As empresas que non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente.

c) Copia do documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se indique a cualificación como empresa autónoma ou ben se indiquen as empresas asociadas ou vinculadas, incluíndo os datos de participación respectivos.

e) Declaración da entidade solicitante do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) no senso do artigo 8, número 2.e), da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación y resiliencia (anexo II), dentro da cal se contén a referencia expresa ao domicilio fiscal da persoa física ou xurídica.

f) Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se indique que as entidades ou empresas da liña 2:

– Non se atopaban en crise con anterioridade ao 31 de decembro de 2019.

– Non teñen unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

g) Declaración destinada a especificar calquera outra axuda solicitada ou concedida para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, así como das sometidas á norma comunitaria de minimis recibidas no exercicio corrente e nos dous exercicios fiscais anteriores.

h) Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica e sempre que se axuste ao sinalado no número 2 destas bases, deben presentar os estatutos de constitución da agrupación ou, se for o caso, os de asociación.

i) Documentación técnica relativa á actuación obxecto da solicitude.

1º. Xunto coa solicitude deberase presentar unha memoria do proxecto ou actuación para a cal solicita a subvención, que deberá conter unha descrición clara das actividades que vai desenvolver, tanto desde o punto de vista técnico como económico, así como os datos e a información requirida para o tipo de actuación ou actuacións para as cales solicita a axuda e segundo o que se sinala de seguido:

• Memoria técnica en formato dixital que incluirá, como mínimo, os seguintes puntos (50 páxinas máximo):

– Título do proxecto.

– Descrición breve do proxecto.

– Identificación do centro ou lugar onde se vai realizar a actuación.

– Identificación e datos de contacto.

– Introdución e diagnose da situación actual na materia do proxecto dentro do ámbito de actuación.

– Obxectivos do proxecto e das súas actuacións. Será preciso neste punto a referencia ás melloras ou beneficios ambientais que se procuran co proxecto. Neste punto deberase incluír a estimación das emisións de gases de efecto invernadoiro evitadas e das toneladas de residuos que contribuirían ao cumprimento dos obxectivos nesta materia.

– Descrición detallada do proxecto, ámbito de actuación, obxectivos cuantitativos e cualitativos, así como a programación temporal (cronograma) para o desenvolvemento do proxecto en correspondencia coas previsións de gastos incluídos no orzamento que se remita, e tendo en conta o establecido nestas bases reguladoras.

– O plan de actuación deseñado deberá incluír unha xustificación pormenorizada dos materiais, actuacións e recursos propostos de conformidade cos gastos subvencionables ao abeiro desta orde.

– Detallaranse as campañas de comunicación previstas, así como os seus custos estimados nas solicitudes correspondentes á liña 1.

– Indicadores e medidas de seguimento en fase de explotación.

– Resultados esperados e eficiencia do proceso.

– Orzamento detallado que deberá identificar con detalle os conceptos polos cales se concorre na convocatoria, chegando á desagregación a nivel de importes unitarios, se for o caso.

– Autorizacións ou permisos correspondentes para levar a cabo a intervención ou, polo menos, a súa solicitude.

2º. Así mesmo, ademais do sinalado con anterioridade, a entidade solicitante deberá remitir calquera outra documentación que considere oportuna para os efectos do establecido no artigo 14 desta orde, a fin de que a Comisión de Avaliación poida avaliar o cumprimento ou non dos criterios fixados para a valoración e prelación das solicitudes presentadas.

3º. Toda a documentación técnica debe ser presentada nun único documento, que se titule do seguinte xeito «Memoria_técnica_liña1» ou «Memoria_técnica_liña2» en función da liña de axudas solicitada.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediario de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar despois da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento de concesión

O procedemento que se empregará para a concesión das axudas será o de concorrencia competitiva establecido no artigo 19, punto 1 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Órganos competentes

A Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións, mentres que corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ditar a resolución da concesión.

Artigo 12. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que revisará toda as solicitudes recibidas e a documentación presentada.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos esixidos nestas bases reguladoras, requirirase o solicitante, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para que, no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que, se non o fixer, se poderá considerar desistido da súa petición e se arquivará sen máis trámites, segundo resolución que para o efecto se dite.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e á consellería competente en materia de economía e facenda, tendo que achegar nestes casos o solicitante as correspondentes certificacións ou documentos.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderase requirir á entidade solicitante que achegue a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

4. Tales requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizaranse a través de medios electrónicos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de maneira que cando, existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á Comisión encargada da valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

6. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Comisión de Avaliación

1. As solicitudes completas, xunto coa documentación requirida, serán postas á disposición dunha Comisión de Avaliación para a súa valoración e informe, o cal incluirá unha relación coa puntuación que corresponde a cada unha das solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 14 desta orde.

2. A Comisión de Avaliación estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Residuos, ou persoa en que delegue, e integrada por dous funcionarios da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, co nivel mínimo de xefe/a de servizo, actuando como secretario unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

3. A referida Comisión fará unha proposta de resolución (tendo en conta os criterios sinalados no artigo 14) en que identificarán, de xeito individualizado, os solicitantes que superaron a fase de avaliación mediante unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións, tanto administrativas como técnicas, establecidas nas bases reguladoras. Na proposta constarán tanto as entidades que acadaron a condición de beneficiario, ao obter a puntuación requirida, como aquelas outras que non resultasen estimadas por quedarren por debaixo da devandita puntuación ou por terse esgotado a contía máxima do crédito fixado na convocatoria.

4. Unha vez elaborada a correspondente proposta, mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ou persoa en quen delegue, para a súa resolución.

Consonte o establecido no artigo 6.4 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, as persoas que interveñan no proceso de selección dos beneficiarios ou nos procesos de verificación do cumprimento das condicións, manifestarán, de forma expresa, a ausencia ou non de conflito de intereses a través dunha declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI), de acordo co modelo establecido na devandita orde.

No caso de que concorra conflito de intereses, a persoa afectada concretará as solicitudes sobre as caales recae o dito conflito e debe absterse de intervir na súa selección a fin de mitigar os riscos de materialización deste conflito.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. A Comisión de Avaliación a que se refire o artigo 13 desta orde valorará as solicitudes presentadas aplicando os criterios e puntuacións que de seguido se sinalan para cada un dos grupos de actuacións subvencionables considerados:

a) A coherencia, calidade e claridade da memoria do proxecto (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo), ata 45 puntos distribuídos da seguinte maneira:

1º. A calidade do proxecto valorarase en función do grao de detalle técnico e descritivo da memoria, en cada un dos seus parágrafos (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo); ata 15 puntos.

2º. A coherencia do proxecto valorarase en función do resultado e conclusións da diagnose, da súa viabilidade económica e ambiental, do seu alcance e seguimento e da planificación de obxectivos en liña cos establecidos no PXRUG 2010-2022; ata 15 puntos.

3º. A claridade do proxecto valorarase en función do nivel de coñecemento, explicación e xustificación das actuacións proxectadas para acadar os beneficios ambientais esperados; ata 15 puntos.

b) Relevancia ambiental do proxecto, ata 30 puntos distribuídos da seguinte maneira:

1º. Ratio cantidade de residuos que se van tratar/investimento (toneladas/euro) aos cales se aplica o proxecto: ata 15 puntos.

2º. Cantidade de gases de efecto invernadoiro evitadas: ata 15 puntos.

c) Atendendo ao carácter innovador do proxecto ou actuación presentada como, por exemplo, emprego de tecnoloxía innovadora, solución proposta diferente ás instalacións existentes, etc. ata 25 puntos.

2. A puntuación resultante será a suma da aplicación dos baremos indicados. Co obxectivo de acadar un nivel mínimo de calidade dos proxectos de investimento subvencionados, establécese un nivel mínimo de puntuación de 40 puntos sobre os 100 que como máximo se poderían acadar, para poder optar á subvención. Aquelas solicitudes que non acaden esa puntuación mínima serán rexeitadas.

3. No caso de empate na baremación decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio establecido no primeiro lugar e así de xeito sucesivo co resto dos criterios tidos en conta, no caso de manterse o empate. De persistir o empate, atenderase á data de presentación da solicitude e, de ser idéntica, ao maior importe do orzamento total da actuación.

4. Á vista das solicitudes recibidas, a Comisión de Avaliación fixará unha relación ordenada de todas as solicitudes que, cumprindo coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de beneficiario e de conformidade coa puntuación outorgada a cada unha delas, permita determinar tanto as que resulten beneficiarias como aqueloutras que non resultasen estimadas por non teren acadado a puntuación mínima requirida ou por terse esgotado a contía máxima do crédito fixado na convocatoria.

Artigo 15. Notificación

1. As notificacións de actos administrativos, distintos da resolución de concesión, practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e enténdense cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Resolución e publicación da resolución de concesión

1. O órgano instrutor ditará proposta de resolución con base no documento elaborado pola Comisión de Avaliación e elevaraa para a resolución por parte da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

2. Na resolución figurarán os seguintes aspectos:

a) A relación de empresas beneficiarias.

b) A relación de empresas que non acadaron a condición de beneficiarias.

c) O importe dos gastos considerables subvencionables sobre os cales se fai o cálculo da contía ou porcentaxe de axuda resultante.

d) A contía da axuda, en réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

e) Que a axuda está cofinanciada con cargo aos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea, establecido polo Regulamento (UE) 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece o instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19, e regulado segundo o Regulamento 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, resultando de aplicación o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento. O dito financiamento queda legalmente vinculado á realización das actuacións subvencionadas.

f) Prazo para a execución do servizo.

g) As obrigas que corresponden ao beneficiario, os requisitos específicos relativos ao proxecto subvencionable, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa aplicable.

3. O prazo máximo para resolver será de seis meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o prazo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderá entender as súas pretensións desestimadas por silencio administrativo, conforme prevé o artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concesión.

Así mesmo, as resolucións de concesión serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web https://sirga.xunta.gal/

5. De conformidade co Real decreto 130/2019, as subvencións concedidas serán incorporadas á Base de datos nacional de subvencións, con posibilidade de acceso da administración e dos órganos mencionados no artigo 22 do MRR á información contida no Rexistro de Titularidades Reais creado pola Orde JUS/319/2018, ou o acceso a outras bases de datos da Administración que podan subministrar os ditos datos sobre titularidades reais, así como de cesión de información entre estes sistemas e o sistema de fondos europeos, segundo as previsións recollidas na normativa europea e nacional aplicable.

Artigo 17. Recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución for expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles desde a súa notificación sen que a entidade beneficiaria comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará ao interesado por medios electrónicos.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, das demais condicións e obrigas establecidas nesta orde e todas as que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, as seguintes:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

4. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

5. Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente a través da intervención ambiental, ou a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Intervención Xeral da Administración Xeral do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, así como ás medidas de control e auditoría recollidas no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e o Regulamento (UE, Euratrom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión. En particular, deberán autorizar a Comisión, a OLAF, o Tribunal de Contas Europeo, e cando proceda, a Fiscalía europea para exerceren os dereitos que recoñece o artigo 129, número 1, do referido regulamento financeiro.

6. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude («bandeiras vermellas»). Asegurar a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude, a corrupción e previr o conflito de interese e o dobre financiamento.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

8. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención e a obriga do mantemento da documentación soporte. A achega da información realizarase nos termos que estableza o Ministerio de Facenda de conformidade coa normativa nacional e da Unión Europea.

9. Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

10. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de oito anos contados desde a emisión da correspondente autorización, de acordo co artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. Custodiar e conservar a documentación da actividade financiada polo Mecanismo de recuperación e resiliencia de conformidade co artigo 132 do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, durante un período de cinco anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta deste pagamento, da operación. Este período será de tres anos se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000,00 euros.

12. Cumprir os requisitos establecidos no artigo 15, número 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que toda actividade, investimento ou material (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medios audiovisuais) que se realice contando con financiamento obtido a partir destas axudas deberá cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto, de conformidade co establecido no anexo III destas bases e, así mesmo, deben cumprir coas obrigas de información e publicidade que as autoridades competentes establezan relativas ao financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia. En particular, nas medidas de información e comunicación das actuacións que desenvolvan os investimentos (carteis informativos, placas, publicacións impresas e electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios, insercións en prensa, certificados, etc.), onde se fará mención da orixe deste e se velará por darlle visibilidade, cando proceda, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuada que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU» tal como se reflicte no artigo 34 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. Todos os carteis e placas deberán colocarse nun lugar ben visible de acceso ao público.

13. Facilitar a recollida de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do proxecto subvencionable, nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización. Facilitar a información que permita ao órgano concedente medir a contribución da actividade subvencionada ao indicador establecido sobre o rendemento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, consonte o artigo 30 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, e establecido co número 187, en relación coa medida C12.I3, no anexo da Proposta de decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España [SWD(2021) 147 final].

a) As entidades beneficiarias están obrigadas a subministrar toda a información necesaria para que este órgano xestor poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4 da devandita lei.

b) As demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

14. Subministrar toda a información necesaria para que a Consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

15. Dispoñer das licenzas, permisos e/ou autorizacións administrativas exixidas pola normativa para o exercicio da súa actividade, así como, de ser o caso, para o desenvolvemento do proxecto subvencionable. A sinatura da solicitude comporta a realización da declaración relativa a esta disposición.

16. Cumprir cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE.

17. Non superar, en ningún caso, o valor de mercado no custo de adquisición dos investimentos ou nos gastos subvencionables.

18. Someterse ás disposicións comunitarias sobre o Mecanismo de recuperación e resiliencia e ás actuacións da autoridade de control ou das entidades que actúen baixo a súa coordinación ou responsabilidade. En particular no relativo a:

• Obrigación de asegurarse da regularidade do gasto subxacente e da adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de interese e o dobre financiamento. Para tal efecto establecerase un sistema eficaz e eficiente e recuperaranse os importes aboados baixo erro ou empregados de maneira incorrecta, no senso do artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo e á Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

• Debe terse en conta o cumprimento da normativa sobre axudas de Estado, con especial referencia aos supostos en que vaian participar varias administracións públicas, nos cales se debe ter especial coidado coas regras de acumulación de axudas e as de incompatibilidade entre axudas comunitarias, así como coas intensidades máximas, procurando que as categorías de axudas, na medida do posible, non sexan concorrentes senón complementarias e que os gastos elixibles non sexan os mesmos. Para iso débese contribuír ao correcto funcionamento da Base de datos nacional de subvencións (BDNS) en cumprimento do disposto na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia como ferramenta de consulta no procedemento de concesión de axudas, e lémbrase a necesidade de cumprir adecuadamente coas obrigacións de subministración de información a ela (Real decreto 130/2019, do 8 de marzo).

• Contribución á fiabilidade do sistema, en xeral, e do sistema de seguimento de indicadores do cumprimento de fitos e obxectivos e de seguimento do custo estimado, en particular.

• Requisitos de pista de auditoría de conformidade co antedito artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo.

• Obrigacións de comunicación sobre o financiamento das medidas incluídas nestas bases, xa que se incluíron no Plan para a recuperación e resiliencia.

• Subministración de información dos datos sobre o perceptor final dos fondos, cando non sexa o mesmo, así como dos contratistas e subcontratistas no caso de que o perceptor final sexa un poder adxudicador.

19. Respectar o principio de «non causar un prexuízo significativo» no senso do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088.

20. Asumir calquera outra obriga comunitaria ou nacional que resulte de aplicación por razón do financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, así como da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Artigo 21. Período subvencionable e prazo de execución

1. O período subvencionable será, con carácter xeral, o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 30 de novembro de 2023, ambos incluídos, ben que condicionado ao exercicio orzamentario a que se queira imputar e tendo en conta as datas límite para a súa xustificación segundo o sinalado neste mesmo artigo.

2. Non serán subvencionables os proxectos concluídos materialmente na data de presentación da solicitude.

No caso das actuacións comprendidas na liña 2, a actividade non pode estar iniciada antes da data da solicitude da empresa.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con anterioridade ao remate da data límite para solicitar o aboamento da axuda e súa xustificación consonte o establecido no parágrafo seguinte.

4. A data límite para xustificar cada anualidade do proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será:

a) O 30 de novembro de 2022 para os proxectos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade de 2022.

b) O 30 de novembro de 2023 para os proxectos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2023.

Artigo 22. Xustificación da subvención

1. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar, no prazo máximo a que se refire o artigo anterior, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lle foi notificada. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, o beneficiario deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe concedido; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, por tanto, determinarase a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

2. A solicitude do pagamento será efectuada polo beneficiario a través de medios electrónicos e con anterioridade a que remate a data límite a que se refire o artigo 21, número 1, mediante a presentación do anexo IV, que estará accesible na Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A dita solicitude acompañarase da documentación xustificativa do investimento requirida. A Administración poderá solicitar a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados segundo o establecido nas presentes bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará no suposto do resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física) e do representante da persoa xurídica e o NIF do solicitante (persoa xurídica), ou cando como resultado da comprobación se obteña un resultado negativo na comprobación de causas de inhabilitación para recibir subvencións ou axudas, tendo neste caso o solicitante que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 23. Documentación xustificativa do investimento

As entidades beneficiarias terán de prazo para presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados ata:

a) O 30 de novembro de 2022 para os proxectos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2022.

b) O 30 de novembro de 2023 para os proxectos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2023.

A conta xustificativa con entrega de xustificantes de gastos, de conformidade co establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, conterá a seguinte documentación:

1. Solicitude de aboamento efectuada pola entidade beneficiaria conforme o modelo que se facilita no anexo IV que se xunta e cuxa sinatura comporta a realización das seguintes declaracións:

a) Que a entidade beneficiaria dispón das licenzas, permisos e/ou autorizacións administrativas exixidas pola normativa para o exercicio da súa actividade, así como, se for o caso, para o desenvolvemento do proxecto subvencionable.

b) Que as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, así como ás sometidas á norma comunitaria de minimis, recibidas no exercicio corrente e nos dous exercicios fiscais anteriores, son as que se reflicten neste anexo.

2. Memoria de actuacións xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención que, de conformidade co contido requirido en fase de solicitude, identifique, entre outras cuestións, as actividades realizadas e dos resultados obtidos en relación, de ser o caso, cos indicadores de seguimento e avaliación propostos, incluíndo unha estimación das emisións de gases de efecto invernadoiro evitadas e das toneladas de residuos que contribuirían ao cumprimento dos obxectivos nesta materia.

Esta memoria, xunto coa solicitude de pagamento, acompañarase de calquera outro material informativo sobre o estado final e o inicial (fotografías, informes, etc.) que se considere de interese.

3. Memoria económica xustificativa das actividades realizadas, que conterá:

a) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe e a data de emisión. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

Tanto os xustificantes de gasto como os dos pagamentos deberán ter data comprendida dentro do período de subvencionabilidade previsto no artigo 21 destas bases.

b) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

c) Xustificantes bancarios dos aboamentos efectuados (transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario do ingreso efectivo polo portelo) en que deberán constar ademais do emisor e receptor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento, así como a data en que se tivesen efectuado a cal deberá estar comprendida entre a data de inicio e a data límite da xustificación.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo, así como os xustificantes obtidos a través da internet, se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

d) No caso de adquisición de bens de equipamento de segunda man, certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial e declaración do vendedor en que conste a orixe dos bens e que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

e) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e da súa procedencia.

No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario debe presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

f) Xustificación por parte do beneficiario de ter solicitado como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. O provedor que resulte subcontratado deberá acreditar o cumprimento cos estándares máis exixentes en relación co cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais, adoptando as medidas necesarias para previr e detectar a fraude, a corrupción e os conflitos de interese, así como a respectar os principios de economía circular e evitar impactos negativos significativos no ambiente (do no significant harm, DNSH polas súas siglas en inglés) na execución das actuacións levadas a cabo no marco do dito plan, así como a non incorrer en dobre financiamento e que, se for o caso, non lle conste risco de incompatibilidade co réxime de axudas de Estado. Para estes efectos, o cumprimento nestes termos acreditarase segundo o modelo do anexo VI das presentes bases reguladoras.

g) Documento asinado por todos os participantes que conformen a agrupación beneficiaria da axuda no cal se recollan expresamente todos os termos dos datos requiridos nas presentes bases para as solicitudes presentadas de forma conxunta.

4. No momento da presentación da solicitude de pagamento final, a persoa beneficiaria deberá presentar, no caso de non telas presentado con anterioridade, as diferentes licenzas e/ou autorizacións para a realización das actuacións subvencionadas exixibles polas diferentes administracións públicas competentes e entidades vencelladas ou dependentes delas ao abeiro da normativa sectorial que puidese resultar de aplicación.

5. Documentación acreditativa de ter realizado a publicidade axeitada (fotografías dos carteis informativos, publicidade a través de páxina web, exemplares da documentación escrita, etc.) que xustifique ter dado cumprimento ás obrigas establecidas en materia de información e comunicación, sobre o apoio procedente dos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia tal como reflicte o artigo 34 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e segundo o que se establece no anexo III que acompaña as presentes bases reguladoras.

Artigo 24. Pagamento da axuda

1. O pagamento das axudas efectuarase con cargo ao exercicio orzamentario, unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade subvencionable e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria da solicitude de aboamento e da xustificación requirida nestas bases reguladoras.

2. Poderá anticiparse ata o 50 % do importe concedido, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 63, do Decreto 11/2009 e nesta convocatoria.

As entidades beneficiarias que queiran acollerse á modalidade de pagamento anticipado deberán manifestalo expresamente no prazo máximo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión, mediante a presentación da correspondente solicitude de pagamento anticipado, empregando o modelo que se incorpora como anexo V.

As persoas beneficiarias para a concesión do anticipo deberán presentar o resgardo orixinal do depósito da garantía na Caixa Xeral de Depósitos ou a copia da garantía ou aval bancario. A constitución, con carácter previo ao pagamento, dunha garantía nos termos previstos no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberá estar á disposición da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia e cubrir o 110 % da cantidade que se vai aboar.

3. De non presentar a solicitude de pagamento anticipado, enténdese que a entidade solicitante renuncia ao anticipo. Neste caso o pagamento das axudas efectuarase unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou actividade e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria, no prazo establecido, da documentación xustificativa a que se refire o artigo anterior.

4. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería concedente, antes de procederen ao seu pagamento final, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, así como o cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» ao ambiente na execución das actuacións subvencionadas no senso do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088.

Os órganos competentes da consellería concedente poderán solicitar ao beneficiario as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes, advertíndolle de que a falta de presentación da xustificación no prazo concedido para o efecto poderá comportar a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Cando o custo xustificado da actividade ou investimento for inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe, sempre que coa parte realmente executada se poida entender cumprida a finalidade da subvención.

6. O pagamento realizarase logo de verificación do órgano concedente do cumprimento da obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da subvención e procedemento de reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total: se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, por tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

Así mesmo, a falta de cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» ao ambiente na execución das actuacións subvencionadas no senso do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852, dará lugar á devolución total da subvención percibida, así como aos xuros de demora correspondentes.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas e a xustificación sexa igual ou superior ao 50 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial e débese resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tería a condición incumprida na resolución de concesión.

Sen prexuízo doutros supostos que poidan concorrer, no caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de realizar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable; deberanse, se é o caso, reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.

4. Incorrerase en causa de non pagamento ou reintegro das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases de conformidade coa graduación seguinte:

a) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea.

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido nestas bases.

c) Suporá a perda dun 5 % non comunicar ao órgano concedente desta axudas a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

5. No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria deba acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a graduación fixada no punto anterior só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por esta das obrigas previstas na citada lei.

Artigo 27. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 20, e ás de control e auditoría recollidas no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e o Regulamento (UE, Euratrom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión. En particular deberán autorizar a Comisión, a OLAF, o Tribunal de Contas Europeo, e cando proceda, a Fiscalía europea para exerceren os dereitos que recoñece o artigo 129, número 1, do referido regulamento financeiro e asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionais. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto.

Artigo 28. Comprobación de subvencións

1. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000,00 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 29. Compatibilidade das axudas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas destinadas á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismo internacional, sempre que o importe total das axudas percibidas non supere a intensidade máxima da axuda permitida, para a liña 2.

2. As axudas da liña 1 que se concedan ao abeiro desta orde terán a consideración de axudas de minimis e réxense polo establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. A axuda total concedida baixo este concepto de minimis por calquera Administración pública a un mesmo beneficiario non poderá exceder 200.000,00 euros nun período de tres exercicios fiscais. No sector do transporte por estrada este importe non será superior a 100.000,00 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que o importe total das axudas percibidas para os mesmos gastos non supere, illadamente ou en conxunto con outras, o custo elixible do proxecto.

3. Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 9 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, a axuda concedida no marco deste Mecanismo sumarase á proporcionada con relación a outros programas e instrumentos da Unión. As reformas e os proxectos de investimento poderán recibir axuda doutros programas e instrumentos da Unión sempre que a dita axuda non cubra o mesmo custo.

4. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa da execución do servizo. Así mesmo, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto, así como, se for o caso, das axudas recibidas en réxime de minimis nos últimos tres exercicios. O incumprimento do disposto neste artigo poderá dar lugar, se for o caso, ao inicio dun procedemento de reintegro.

5. En todo caso, antes de conceder a axuda e no momento da xustificación, solicitarase á entidade solicitante ou beneficiaria unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto.

6. O incumprimento do disposto neste artigo poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos nestas bases reguladoras ou, de ser o caso, á iniciación do procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención ou para o seu reintegro.

Artigo 30. Infraccións e sancións

O réxime de infraccións e sancións aplicable ao establecido nesta orde é o previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 31. Medidas antifraude

A detección de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria serán comunicados ao Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para ao efecto, http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, nos os termos establecidos na Comunicación 1/2017 do SNCA, do 6 de abril, sobre a forma en que poden proceder as persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea. A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente, tal como se establece no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo, e na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Artigo 32. Réxime xurídico

Respecto de todo o non previsto nesta orde, observarase o disposto nas seguintes normas, entre outras de procedente aplicación:

a) Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

h) Real decreto 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban as medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

i) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

j) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

k) Regulamento (UE) 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19.

l) Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

m) Normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos, así como o resto das normas da Unión Europea sobre a materia e estatais de desenvolvemento ou transposición delas.

n) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

ñ) Directrices sobre axudas estatais en materia de protección do ambiente e enerxía 2014/2020.

o) Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

p) Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que proporcionarán as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento dos fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Disposición derradeira primeira

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file