Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Martes, 14 de decembro de 2021 Páx. 61082

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 13 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a pemes, autónomos, asociacións e fundacións de Galicia para o financiamento de actuacións destinadas á preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos téxtiles recollidos separadamente, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva por anticipado de gasto para o ano 2022 (código de procedemento MT975L).

BDNS (Identif.): 599316.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Con carácter xeral poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da UE (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que for súa forma xurídica, que, cumprindo o establecido neste artigo, desenvolvan ou materialicen o proxecto ou actuación obxecto da subvención no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Considerarase empresa, para os efectos das presentes bases reguladoras e segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica, incluídas as asociacións e fundacións sen ánimo de lucro. Inclúense nesta definición, en particular, os autónomos, comunidades de bens e calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial.

Non poderán ter a condición de beneficiarios:

a) As entidades ou empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As entidades ou empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento UE nº 651/2014), sempre que a situación de empresa en crise sexa anterior ao 31 de decembro de 2019, para a liña 2.

c) As entidades ou empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común, para a liña 2.

Segundo. Obxecto

1. Ao abeiro desta orde de axudas serán subvencionables as actuacións que se citan de seguido para cada liña de axuda.

a) Liña 1: Proxectos de construción de novas instalacións de preparación para a reutilización de residuos téxtiles así como de ampliación das existentes para incluír liñas de preparación para reutilización de residuos téxtiles recollidos separadamente.

Estas axudas teñen como fin mellorar a cantidade de residuos preparados para a súa reutilización procedentes de residuos téxtiles (roupa, calzado, accesorios de vestimenta, roupa da casa e similares) recollidos separadamente. Con este obxecto financiaranse tanto construción de novas instalacións dentro do territorio da Comunidade Autónoma como a ampliación das xa existentes para incluír preparación para a reutilización.

b) Liña 2: Proxectos de construción de instalacións de reciclaxe de residuos téxtiles recollidos separadamente.

Estas axudas estarán destinadas á construción dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia de instalacións que permitan un tratamento diferenciado dos residuos téxtiles (roupa, calzado, accesorios de vestimenta, roupa da casa e similares) recollidos separadamente, de maneira que este fluxo de residuos poida contribuír á consecución dos obxectivos comunitarios de reciclaxe.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 13 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a pemes, autónomos, asociacións e fundacións de Galicia para o financiamento de actuacións destinadas á preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos téxtiles recollidos separadamente, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva por anticipado de gasto para o ano 2022 (código de procedemento MT975L).

Cuarto. Contía

As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2022 e 2023 procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, cun importe total de 2.886.304,00 €.

Este importe distribúese con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.770.0, código de proxecto 2022 00036, consonte o seguinte detalle:

Aplicación

Importe 2022

Importe 2023

Total

08.02.541D.770.0

432.946,00 €

432.945,00 €

865.891,00 €

Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.781.0, código de proxecto 2022 00036, consonte o seguinte detalle:

Aplicación

Importe 2022

Importe 2023

Total

08.02.541D.781.0

1.010.206,00 €

1.010.207,00 €

2.020.413,00 €

No tocante á contía das axudas:

• Para a liña 1 será do 60 % do custo total subvencionable do proxecto, cun importe máximo de 80.000,00 €.

• Para a liña 2 será do 45 % do custo total subvencionable do proxecto.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes abrangue desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 31 de xaneiro de 2022, ambos incluídos.

Sexto. Outros datos

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda