Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Xoves, 16 de decembro de 2021 Páx. 61668

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 2021 pola que se convoca o Curso superior de técnico de urbanismo 2022/23.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2022, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar, ao abeiro do convenio de colaboración subscrito entre a EGAP e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), o Curso superior de técnico de urbanismo 2022/23, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

O curso ten como finalidade que o alumnado adquira os coñecementos teórico-prácticos e habilidades que lle capaciten para actuar no mundo da ordenación do territorio e do urbanismo e responsabilizarse dos procesos de xestión do solo. Para ese efecto partirase da análise e do estudo pormenorizado da normativa de ordenación do territorio e urbanística, con especial atención á autonómica galega, combinando o estudo dos fundamentos teóricos cunha completa formación práctica que se fai imprescindible neste ámbito.

Segunda. Estrutura e contidos

A estrutura e os contidos do curso son os seguintes:

Bloque I: Contidos troncais:

Comprende un primeiro bloque de materias troncais, obrigatorias e comúns para todo o alumnado, no cal se integran os seguintes contidos:

Módulo I. A escala territorial (104 horas).

Módulo II. A planificación e a xestión urbanística (88 horas).

Módulo III. Intervención administrativa na edificación e usos do solo (72 horas).

Cada alumno/a terá que realizar un traballo individual sobre unha materia relacionada coa actividade obxecto do curso. A proposta do/da titor/a e do título do traballo individual deberá ser aprobada previamente pola dirección do curso e será avaliado por un tribunal designado para este efecto.

En cada un dos talleres integrados nestes módulos troncais o alumnado terá tamén que desenvolver durante o período docente traballos en grupo, baixo a dirección dos/das monitores/as dos talleres.

Bloque II. Contidos optativos:

Comprende un segundo bloque de materias optativas e mais o desenvolvemento dun traballo individual sobre un tema que garde relación cos contidos do curso.

Nesta segunda fase, o alumnado deberá optar entre un dos tres módulos optativos, que estarán adscritos, cada un deles, ás seguintes ramas temáticas:

Módulo IV. Renovación urbana e rexeneración urbanística (32 horas).

Módulo V. Novo procedemento administrativo e contratación pública (32 horas).

Módulo VI. Intervención administrativa e disciplina urbanística (32 horas).

O contido pormenorizado destes módulos optativos publicarase durante o desenvolvemento do curso.

No caso de quedar prazas dispoñibles, permitirase a matriculación independente nestes módulos optativos ao alumnado que non estea matriculado nesta edición 2022/23 do curso.

En paralelo e de forma integrada coa programación dos módulos optativos desenvolveranse sesións de apoio á elaboración dos traballos individuais (8 horas), de titorización interna dos traballos, sesións explicativas complementarias, etc.

Terceira. Persoas destinatarias

O curso está dirixido a profesionais que se encadren nalgunha das situacións seguintes:

3.1. Persoal empregado público das administracións públicas galegas, pertencente aos seguintes grupos:

– Persoal funcionario: subgrupos A1 e A2.

– Persoal laboral: grupos I e II.

3.2. Arquitecto/a colexiado no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (en diante, COAG).

3.3. Persoal contratado polas administracións públicas cun contrato de servizos ou equivalente así como profesionais que estean en posesión da titulación de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñería, arquitectura técnica ou enxeñería técnica.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección, BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións públicas do 10 de agosto de 1994, e no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo, e corrección, DOG núm. 77, do 22 de abril) sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 1,5 puntos.

Cuarta. Desenvolvemento

Lugar: Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: a programación lectiva desenvolverase entre o luns 10 de xaneiro de 2022 e o xoves 15 de decembro de 2022. As sesións destinadas a correccións e exposicións dos traballos individuais desenvolveranse no primeiro trimestre de 2023 e serán fixadas conxuntamente co alumnado.

Horario: no programa do curso inclúese un calendario onde están identificadas as datas e horarios en que se desenvolverá cada unha das xornadas.

Duración: terá unha duración de 296 horas (264 horas troncais + 32 optativas), que se distribuirán a razón de oito horas por semana. A duración do traballo individual cífrase en 54 horas, polo que no certificado final se consignarán 350 horas lectivas.

A información do curso relativa ao desenvolvemento, programación e contidos estará dispoñible na páxina web do COAG: http://portal.coag.es e a través dos seguintes medios:

• Colexiados/as: a través do panel de servizos do COAG, sección de Formación.

• Non colexiados/as: correo electrónico dirixido a formacion@colexiodearquitectos.org

Quinta. Número de prazas

Corenta (40).

Sexta. Inscrición

1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos nas bases terceira e novena respectivamente.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (réxime xurídico e xestión das entidades locais) e despois seleccionar en nome do curso: Curso superior de técnico de urbanismo 2022/23.

5. O prazo para a inscrición nesta actividade estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 23 de decembro de 2021.

6. No caso de dispoñer de prazas vacantes abrirase un prazo adicional de solicitudes só para os módulos optativos.

7. Publicaranse na web do COAG (http://portal.coag.es) todas as indicacións ao respecto dos criterios de participación, inscrición, desenvolvemento e requisitos exixidos para a emisión do correspondente certificado de aproveitamento.

Para máis información sobre a inscrición neste curso estarán dispoñibles, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, os teléfonos da EGAP 981 54 62 39 e 981 54 62 41 ou o seguinte correo electrónico: novas.egap@xunta.gal

Sétima. Envío de documentación

1. Se as persoas solicitantes se encadran na situación descrita no número 3.1, deberán achegar certificación descritiva das funcións que desenvolven no posto de traballo, expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración en que presta os seus servizos.

2. Se as persoas solicitantes se encadran na situación descrita no número 3.3, deberán achegar orixinal ou copia debidamente cotexada da titulación de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñería, arquitectura técnica ou enxeñería técnica.

O prazo para achegar a documentación recollida nesta base coincide coa do prazo de inscrición.

Toda a información respecto do envío da documentación deberá consultarse na web do COAG: http://portal.coag.es

Oitava. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento, no caso do persoal empregado público, consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal coa indicación expresa a este respecto, no cal deberán achegar a documentación que acredite a Administración a que pertenzan, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes ou documentación complementaria.

4. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios do COAG e da EGAP.

Novena. Criterios de selección

A metade das prazas reservaranse ao persoal empregado público das administracións públicas de Galicia (punto 3.1. das bases). As prazas reservadas ao persoal empregado público que non sexan cubertas unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes poderán ser ocupadas polo persoal descrito nos puntos 3.2 e 3.3 destas bases.

O número de orde establecerase de acordo coa data e hora de presentación de solicitudes.

Unha vez feita a selección publicarase na web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) e na web do COAG (http://portal.coag.es) a listaxe de persoas pre-seleccionadas.

Décima. Matrícula

O alumnado preseleccionado deberá formalizar a matrícula no curso mediante o seu pagamento, cuxa percepción corresponde ao COAG.

O importe da matrícula aboarase segundo as indicacións dispoñibles na súa páxina web (http://portal.coag.es).

Ao persoal empregado público, así como aos/ás arquitectos/as colexiados/as no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia que estean subscritos/as ao seu servizo de formación no momento da formalización da matrícula aplicaráselles a correspondente bonificación no prezo da matrícula.

Para máis información ou consultas respecto do pagamento estarán dispoñibles os medios indicados na base cuarta desta resolución.

Décimo primeira. Publicación das listaxes do alumnado seleccionado

A EGAP e o COAG publicarán nos enderezos <https://egap.xunta.gal> e http://portal.coag.es unha relación das persoas seleccionadas así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou están excluídas de acordo co disposto no ordinal segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

O prazo para a presentación de alegacións será de tres días a partir da data de publicación, de acordo co establecido nas instrucións do curso que constan nas citadas páxinas web do COAG e da EGAP.

Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase nas devanditas páxinas web do COAG e da EGAP a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

Décimo segunda. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada enviando un correo electrónico ao enderezo de correo do COAG (formacion@colexiodearquitectos.org) cunha antelación mínima de tres días anteriores ao comezo desta actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Serán obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais (excluídas as 54 horas correspondentes ao traballo individual). En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de aproveitamento desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización destas actividades.

Décimo terceira. Certificado electrónico de aproveitamento

Para a superación deste curso e a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá cumprir os seguintes requisitos:

Bloque I. Contidos troncais.

Ter elaborados e superados os traballos en grupo desenvolvidos en cada un dos talleres integrados nos módulos troncais do curso.

Ter superado o exame correspondente aos contidos troncais do curso. Finalizados os tres módulos troncais, deberase superar un exame relativo aos contidos impartidos.

Para poder acceder ao bloque II do curso será requisito imprescindible ter superado o bloque I.

Bloque II. Contidos e módulos optativos.

Ter superado o exame correspondente aos contidos optativos do curso elixidos.

Traballo individual:

Ter superado o traballo individual. O traballo individual tratará sobre unha materia relacionada coa actividade obxecto do curso.

O prazo de entrega dos traballos fixarase durante a realización do curso e será comunicado ao alumnado coa suficiente antelación. Se tras a exposición pública do traballo individual o tribunal considera que non ten unha calidade mínima, o/a alumno/a poderá presentar de novo o traballo unha soa vez na data que a dirección do curso lle indique.

Os/as alumnos/as terán que aprobar a totalidade dos exames e traballos para obter o certificado de aproveitamento. A non superación dun exame permite presentarse unha segunda vez antes da lectura do traballo individual. En caso de non superar a totalidade dos exames poderán presentarse de novo na seguinte convocatoria do curso.

Cumpridos os anteriores requisitos, ao final do curso, expedirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, as datas e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo cuarta. Facultades da EGAP e do COAG

1. A EGAP e o COAG reservan para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso no que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A realización do curso queda condicionada tamén á formalización de matrículas, así como ao pagamento de polo menos o seu primeiro prazo, por un importe que o COAG considere suficiente para o financiamento do curso. No caso de que por insuficiencia de matrículas, non sexa posible a realización do curso, o COAG devolverá as cantidades aboadas.

3. A EGAP e o COAG garantirán na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública