A Orde do 28 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da Tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados, adoptados/as ou declaradas/os en situación de garda con fins adoptivos no ano 2021 e se procede á súa convocatoria (código do procedemento BS403B), establece no seu artigo 2 que ás axudas obxecto desta convocatoria se destina un orzamento total de 32.182.500 euros, que se imputará á aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.13, distribuído en cinco anualidades, correspondendo 6.543.650 euros ao ano 2021, 13.368.700 euros ao 2022, 8.063.450 euros ao 2023, 4.146.700 euros ao 2024 e 60.000 euros ao ano 2025.
A Orde do 28 de decembro de 2020 establece, ademais, que o crédito final resultante destinado a estas axudas se poderá incrementar no suposto de que sexa insuficiente para atender todas as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde. Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no dito artigo.
Dada a insuficiencia de crédito da dita Orde do 28 de decembro de 2020 para facer fronte ao importe que supón atender todas as solicitudes presentadas e dar cumprimento a un dos obxectivos do Programa de apoio á natalidade posto en marcha pola Xunta de Galicia, que é facilitar á cidadanía o acceso a axudas económicas que contribúan a paliar o custo que supón a crianza e coidado dos fillos e fillas, á vista da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo a créditos incluídos no mesmo programa, pola Orde de 4 de novembro de 2021, publicada no Diario Oficial de Galcia número 216, do 10 de novembro de 2021, faise público un primeiro incremento do crédito para a anualidade 2021 na cantidade de 1.200.000 euros.
Dada a necesidade de seguir atendendo todas as solicitudes presentadas e vista a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo a créditos incluídos no mesmo programa, parece oportuno incrementala novamente ao existir crédito dispoñible na aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.13 que cumpre os requisitos establecidos no referido artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Con este novo incremento preténdese dar continuidade ao cumprimento dos obxectivos do Programa de apoio á natalidade facilitando á cidadanía o acceso a axudas económicas que contribúan a paliar o custo que supón a crianza e coidado dos fillos e fillas.
Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,
RESOLVO:
Artigo único. Incremento dos créditos
Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 28 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da Tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados, adoptados/as ou declaradas en situación de garda con fins adoptivos no ano 2021 e se procede á súa convocatoria (código do procedemento BS403B).
O importe total do dito incremento, que se realizará na aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.13 e na anualidade 2021, é de 400.000 euros.
A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2021
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social