Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Venres, 17 de decembro de 2021 Páx. 61867

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 30 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos ocasionados polo oso pardo e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MT815A).

BDNS (Identif.): 599919.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/inditex):

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as persoas titulares de explotacións gandeiras que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA) de Galicia.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas destinadas a compensar as persoas titulares de explotacións gandeiras polos danos ocasionados polo oso pardo, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento MT815A).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 30 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos ocasionados polo oso pardo e se convocan axudas para o ano 2022 (código de procedemento MT815A).

Cuarto. Contía

O importe asignado é de sesenta mil euros (60.000,00 €), sen prexuízo do incremento orzamentario que se poida realizar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Os prazos de presentación da solicitude de axuda serán os seguintes:

a) Para os danos que fosen comunicados aos servizos de Patrimonio Natural das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda entre o 1 de outubro de 2021 e a data de publicación desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado a partir da entrada en vigor desta orde.

b) Para os danos ocasionados desde a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano realizado de acordo co establecido no artigo 5 desta orde.

Sexto. Outros datos

As axudas a que se refire esta orde comprenden os danos ocasionados polo oso pardo que se produzan desde o 1 de outubro de 2021 ata o 30 de setembro de 2022.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda