Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 21 de febreiro de 2022 Páx. 12210

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 24 de xaneiro de 2022 pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convoca o proceso selectivo para o acceso aos corpos da Policía Local de Galicia, escala executiva, categoría de inspector principal, quenda de acceso por promoción interna e mobilidade (código de procedemento PR461G).

De conformidade co establecido no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de Policía local, vixilantes municipais e auxiliares de Policía local (Diario Oficial de Galicia núm. 222, do 22 de novembro), esta vicepresidencia, en virtude da delegación conferida para o efecto polos concellos interesados,

DISPÓN:

Aprobar as bases xerais reguladoras e convocar o proceso selectivo unitario para o acceso aos corpos de Policía Local, escala executiva, categoría de inspector principal, quenda de promoción interna e mobilidade, subgrupo A2.

1. Obxecto da convocatoria.

1.1. O obxecto do proceso selectivo é cubrir 1 praza dos corpos de Policía local, categoría de inspector principal, escala executiva.

1.2. O número, a denominación e as características das prazas que se convocan a este proceso selectivo especifícanse no anexo II desta orde.

Ata a data final en que se publique a lista definitiva de persoas admitidas neste proceso, mediante publicación no DOG a través de resolución da Dirección Xeral da Agasp, pode ser modificado o anexo II desta orde, relativo ao número, denominación e características das prazas que se convocan.

1.3. O presente proceso selectivo rexerase polo establecido nestas bases e para o non previsto observarase o disposto na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, no Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que a desenvolve, na Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, e no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de Policía local, vixilantes municipais e auxiliares de Policía local.

O código do procedemento regulado nesta orde é PR461G.

1.4. Será de aplicación á cobertura das prazas o artigo 39 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, de xeito que as prazas non cubertas pola quenda que se recolle no anexo II se acumularán ás seguintes alíneas do dito artigo 39, que establece que o acceso á categoría de inspector principal se realizará:

a) Pola quenda de promoción interna, mediante concurso-oposición, entre o persoal do corpo que teña en propiedade a categoría de inspector/a do corpo e conte cun mínimo de tres anos de antigüidade nesa categoría e posúa a titulación académica de acceso á categoría.

b) Pola quenda de mobilidade, mediante concurso, entre o persoal doutros corpos da Policía local da Comunidade Autónoma que teña en propiedade a categoría de inspector/a principal en calquera concello de Galicia e conte cun mínimo de tres anos de antigüidade nesa categoría.

c) Pola quenda de promoción interna, mediante concurso-oposición, entre o persoal do corpo que teña en propiedade a categoría de inspector/a ou oficial do corpo e conte cun mínimo de seis anos de antigüidade como persoal funcionario de policía e posúa a titulación académica de acceso á categoría.

d) Mediante concurso-oposición, por persoal funcionario doutros corpos de Policía local de Galicia coa categoría de inspector/a, en posesión da titulación académica de acceso e unha antigüidade de seis anos de servizo como persoal funcionario policía.

Polo tanto, as prazas convocadas pola quenda de promoción interna que non resulten cubertas por esa quenda acumularanse ás seguintes quendas da alínea anterior pola orde en que están redactadas (primeiro pola quenda da letra b), despois pola quenda da letra c) e, por último, pola quenda da letra d).

Do mesmo xeito, as prazas convocadas pola quenda de mobilidade que non resulten cubertas por esa quenda acumularanse ás seguintes quendas do parágrafo anterior pola orde na que están redactadas (primeiro pola quenda da letra c) e, por último, pola quenda da letra d).

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. As persoas interesadas en participar neste proceso polo sistema de promoción interna deberán posuír na data que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter os seguintes requisitos:

a) Ser funcionario/a de carreira do corpo nun dos concellos que aparecen no anexo II na enumeración das prazas ofertadas.

b) Ter en propiedade a categoría de inspector/a do corpo nun dos concellos que aparecen no anexo II na enumeración das prazas ofertadas e estar en servizo activo na dita categoría.

c) Contar cun mínimo de tres anos continuados de servizo activo na categoría de inspector/a; tamén se computarán neste caso o tempo de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación, así como os períodos durante os cales a persoa funcionaria tivese a consideración de persoal funcionario en prácticas.

d) Estar en posesión do título universitario de grao.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais.

e) Non ter sido sancionado/a por falta grave ou moi grave, ou telas canceladas.

2.2. As persoas interesadas en participar neste proceso, na quenda de mobilidade, deberán posuír na data que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión do título universitario de grao.

b) Ter en propiedade, a categoría de inspector/a principal noutros corpos da Policía local da Comunidade Autónoma de Galicia, e estar en servizo activo na dita categoría.

c) Contar cun mínimo de tres anos continuados de servizos na categoría de inspector/a principal; tamén se computarán neste caso o tempo de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación, así como os períodos durante os cales a persoa funcionaria tivese a consideración de persoal funcionario en prácticas.

2.3. As persoas interesadas en participar neste proceso na quenda de concurso-oposición recollido na letra c) da base 1.4 deberán posuír na data que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter os seguintes requisitos:

a) Ser funcionario/a de carreira do corpo nun dos concellos que aparecen no anexo II na enumeración das prazas ofertadas.

b) Ter en propiedade a categoría de inspector/a ou de oficial do corpo nun dos concellos que aparecen no anexo II na enumeración das prazas ofertadas e estar en servizo activo na dita categoría.

c) Contar cun mínimo de seis anos continuados de servizo activo na categoría de inspector/a ou de oficial; tamén se computarán neste caso o tempo de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación, así como os períodos durante os cales a persoa funcionaria tivese a consideración de persoal funcionario en prácticas.

d) Estar en posesión do título universitario de grao.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para os efectos profesionais.

e) Non ter sido sancionado/a por falta grave ou moi grave, ou telas canceladas.

2.4. As persoas interesadas en participar neste proceso na quenda de concurso-oposición recollido na letra d) da base 1.4 deberán posuír na data que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter os seguintes requisitos:

a) Ser funcionario/a de carreira do corpo de Policía local dun concello galego.

b) Ter en propiedade a categoría de inspector/a no dito corpo e estar en servizo activo na dita categoría.

c) Contar cun mínimo de seis anos continuados de servizo activo na categoría de inspector/a; tamén se computarán neste caso o tempo de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación, así como os períodos durante os cales a persoa funcionaria tivese a consideración de persoal funcionario en prácticas.

d) Estar en posesión do título universitario de grao.

e) Non ter sido sancionado/a por falta grave ou moi grave, ou telas canceladas.

3. Solicitudes.

3.1. Forma e prazo de presentación.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que figura como anexo I a esta convocatoria.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da presente convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

Non se terá en conta a documentación que non quede debidamente acreditada dentro do prazo de presentación de solicitudes.

3.2. Taxas.

3.2.1. Por imperativo legal, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar neste proceso selectivo, deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe de 33,13 euros e, de ser o caso, os gastos de transferencia correspondentes, en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A non presentación deste impreso de autoliquidación, no cal deberán figurar a data e o selo da entidade bancaria, co formulario de solicitude no proceso selectivo, determinará a exclusión da persoa aspirante no dito proceso, e non será posible a súa emenda fóra do prazo de solicitudes.

Poderase tamén realizar o pagamento pola internet nas entidades financeiras autorizadas. Para isto, deberán acceder á oficina tributaria, a través da web da Axencia Tributaria de Galicia (www.atriga.gal). Neste suposto, unha vez efectuado o pagamento, imprimirase o xustificante de ter aboado a taxa (modelo 730), que será o que se presente coa solicitude.

Tanto no caso do pagamento presencial como no do pagamento pola internet, os códigos que se deben encher son os seguintes:

Consellería: Presidencia, Xustiza e Turismo

Código 04

Delegación: Pontevedra

Código 40

Servizo: Academia Galega de Seguridade Pública

Código 19

Taxa: Denominación: Inscrición nos procesos selectivos para a selección de persoal dos corpos de Policía local de Galicia

Código 30.03.04

En ambos os supostos, a presentación do xustificante do aboamento das taxas non suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso selectivo.

3.2.2. Exención e bonificación no aboamento da taxa.

3.2.2.1. Estarán exentas do pagamento desta taxa por dereito de inscrición.

a) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

3.2.2.2. Aplicarase unha bonificación do 50 % do importe da taxa:

a) Ás persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando coa solicitude a seguinte documentación ou autorizando á Administración a comprobala:

Copia do título oficial de familia numerosa, de carácter xeral ou especial sempre que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

3.3. Documentación complementaria.

3.3.1. As persoas interesadas en participar neste proceso deberán achegar coa súa solicitude a seguinte documentación:

a) Xustificante do pagamento da taxa administrativa devindicada pola tramitación da solicitude (código 30.03.04).

b) Título de familia numerosa, no suposto de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

c) Relación dos méritos que se acrediten, por cada unha das epígrafes de que consta o concurso segundo o especificado no anexo III.

d) Copias da documentación acreditativa dos méritos alegados. A documentación acreditativa dos méritos deberá presentarse na orde que figura cada un dos méritos na relación de méritos.

e) Certificado acreditativo de posuír, en propiedade, a categoría correspondente requirida no punto 2 da convocatoria nos corpos da Policía local da Comunidade Autónoma de Galicia, de estar en servizo activo e contar cunha antigüidade mínima de tres ou seis anos, segundo o caso, nesa categoría.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3.3.3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3.3.4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3.4. Comprobación de datos.

3.4.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Título oficial universitario exixido (grao ou equivalente).

d) Títulos oficiais non universitarios.

e) Títulos oficiais universitarios.

f) Titulo de familia numerosa, no suposto de ser expedido pola Xunta de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

3.5. Notificacións.

3.5.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3.5.2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3.5.3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

3.5.4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

3.5.5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3.6. Publicación dos actos.

3.6.1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

– Relación provisional de persoas admitidas e non admitidas.

– Relación definitiva de persoas admitidas e non admitidas e data e lugar de realización da primeira proba.

3.6.2. Na páxina web da Agasp (www.agasp.xunta.gal/es) publicaranse, ademais, as resolucións coas datas e os lugares de realización das restantes probas selectivas, os seus resultados, a relación de persoas aprobadas e demais comunicacións deste proceso.

3.7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) publicará no DOG e na páxina web da Agasp a resolución pola que se declaren con carácter provisional as persoas admitidas e excluídas, co motivo da exclusión. No caso de non existiren persoas excluídas, ou que as persoas excluídas o estean por motivos non emendables, a lista será considerada definitiva.

4.2. As persoas excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no DOG, para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente a solicitude de participación no proceso, non consten nin como admitidas nin como excluídas na relación publicada.

4.3. Non se poderá emendar a presentación de solicitude fóra do prazo habilitado para este efecto, nin o non pagamento da taxa establecida. As estimacións ou desestimacións das solicitudes de emenda entenderanse implícitas na resolución da Dirección Xeral da Agasp pola que se aprobe a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Agasp.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas interesadas decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

5. Proceso selectivo na quenda de promoción interna.

O procedemento de selección para as persoas interesadas en participar neste proceso na quenda de concurso-oposición recollido nas letras a), b) ou d) da base 1.4 será o de concurso-oposición.

5.1. A fase de concurso non terá carácter eliminatorio e consistirá na comprobación, avaliación e cualificación dos méritos alegados e xustificados, se é o caso, polas persoas aspirantes, de acordo co baremo contido no anexo III desta orde.

Non se tomarán en consideración nin serán valorados aqueles méritos que non queden debidamente acreditados, en todos os seus aspectos, na data de finalización do prazo de presentación de instancias.

Non obstante, non será necesario presentar documentos que xa estean en poder desta Administración.

En aplicación do disposto no artigo 32.1.b) do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, no concurso-oposición, a valoración total dos méritos será obxecto de limitación, cun máximo de puntos preestablecido. Tendo en conta que á fase de concurso lle corresponderá unha porcentaxe máxima do 40 % da puntuación máxima total, incluída a da oposición, para ponderar equitativamente os méritos tomarase como referencia ese máximo de puntos que os aspirantes poderían acadar, ao cal se lle outorgarían os catro puntos. Proporcionalmente, asignaráselle a puntuación a cada aspirante, aplicando a regra de tres simple e cun máximo de tres decimais sen redondeo.

5.2. A fase de oposición será posterior á fase de concurso e constará de dúas probas de coñecementos referidos ao temario da presente convocatoria e que se recolle no seu anexo IV.

Primeira proba: consistirá en contestar por escrito, nun período máximo de 2 horas, 120 preguntas tipo test máis 10 de reserva, determinadas polo tribunal, relacionadas cos temas comprendidos no anexo IV da presente convocatoria. Esta proba cualificarase de 0 a 10 puntos e será necesario acadar 5 puntos, como mínimo, para non quedar eliminado.

O tribunal determinará o nivel de coñecementos exixido para alcanzar a puntuación mínima.

A cualificación farase atendendo á seguinte fórmula: N=(A-F/3)/12, onde N=nota final da proba; A=preguntas acertadas; F=preguntas falladas ou non respondidas.

As persoas aspirantes poderán levar a copia das súas respostas. O mesmo día do exercicio publicarase o cadro de respostas correctas na páxina web da Agasp.

Segunda proba: consistirá na resolución dun caso práctico, no tempo máximo dunha (1) hora, determinado polo tribunal e relacionado cos temas comprendidos no anexo IV da presente convocatoria.

Seguidamente, as persoas aspirantes procederán á lectura do caso práctico ante o tribunal. Esta proba cualificarase de 0 a 10 puntos e será necesario acadar 5 puntos, como mínimo, para non quedar eliminado.

O tribunal determinará o nivel de coñecementos exixidos para alcanzar a puntuación mínima. A puntuación final da fase de oposición de cada aspirante será a media aritmética das cualificacións de ambas as probas, e será necesario alcanzar en cada unha das probas un mínimo de 5 puntos para superar a oposición.

Para ponderar esta puntuación en relación co 60 % da nota final que corresponde á fase de oposición, aplicarase a regra de tres simple, tendo en conta que á nota máxima que se podería acadar na oposición, que sería un 10, outorgaríanselle 6 puntos para a nota ponderada coa fase de concurso, de modo que ambas as puntuacións ponderadas, a do concurso e a da oposición, sumarían como máximo 10 puntos, correspondendo nesa puntuación unha porcentaxe máxima do 40 % ao concurso e do 60 % á oposición.

Os criterios xerais de corrección desta proba serán os seguintes:

1. O tribunal apreciará a aproximación á descrición e contido da normativa aplicable no esencial; esta puntuación incrementarase ou diminuirá na correspondente proporción en función da súa aproximación ao devandito contido.

2. Terase en conta a concreción das respostas dadas, a motivación destas e completar todas as singularidades de cada resposta segundo o establecido na normativa reguladora que ampara as respostas de cada unha delas.

5.3. Desenvolvemento dos exercicios.

5.3.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase por aquelas persoas cuxo primeiro apelido comece pola letra «Y», de conformidade co establecido na Resolución do 29 de xaneiro de 2021, da Consellería de Facenda, pola que se fai público o resultado a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O tribunal, unha vez finalizado o primeiro exercicio, establecerá por orde decrecente de puntuación o número de aspirantes que deberán desenvolver o resto das probas, por quendas consecutivas de resultar necesario.

5.3.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de DNI ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

5.3.3. De conformidade co artigo 12 do Decreto 243/2008, as persoas aspirantes deberán acudir ás probas nas horas e datas dos respectivos chamamentos, sen posibilidade de aprazamento, calquera que sexa a causa que lles impida acudir, agás que a escusa sexa posible por ter amparo nun precepto legal, así como o suposto que se describe a continuación.

As mulleres embarazadas que prevexan, polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación e previsión de parto, ou eventualmente os primeiros días despois do parto, a súa coincidencia coas datas de realización de calquera dos exames ou probas previstos no proceso selectivo poderán poñelo en coñecemento do tribunal, achegando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse con tempo abondo e o tribunal determinará, con base na información de que dispoña, se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo ou ben un aprazamento da proba, ou ben ambas as dúas medidas conxuntamente.

5.3.4. Durante o tempo fixado para a realización das probas selectivas, non se poderán utilizar nin manipular de ningunha maneira aparellos de telefonía móbil, reloxos ou soportes con memoria; queda prohibido o acceso ao recinto con tales dispositivos, constituíndo causa de inadmisión ao chamamento a simple tenza deles.

5.3.5. O anuncio de realización dos exercicios publicarase na páxina web da Agasp, con dous días de antelación, polo menos, á data sinalada para o seu inicio.

5.3.6. Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que as persoas interesadas poden presentar, anula algunha ou algunhas preguntas incluídas na proba de coñecementos, anunciarao na páxina web da Agasp.

Neste suposto, e no caso que se realizasen, serán tidas en conta as cuestións de reserva, que terán unha puntuación igual ás do resto de exercicio.

5.3.7. As cualificacións obtidas polas persoas aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse na sede da Agasp e na súa páxina web.

Concederase un prazo de cinco días para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

5.3.8. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, logo de audiencia da persoa interesada, comunicarallo á Agasp para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, isto suporá a súa exclusión do proceso selectivo.

5.4. Desempate.

No caso de empate na puntuación final do proceso selectivo de promoción interna, establécese a seguinte orde de prioridade:

1º. Por ser un grupo con infrarrepresentación do sexo feminino, e en aplicación do disposto no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, preferencia da muller respecto ao home.

2º. A nota máis alta no primeiro exercicio da fase de oposición.

3º. A nota máis alta no segundo exercicio da fase de oposición.

6. Proceso selectivo na quenda de concurso para mobilidade.

O proceso selectivo efectuarase polo sistema de concurso para as persoas interesadas en participar neste proceso na quenda de concurso recollido na letra b) da base 1.4, de conformidade co baremo de méritos que se recolle no anexo III desta orde, que non terá carácter eliminatorio e consistirá na valoración, por parte do tribunal, dos méritos que concorran nas persoas aspirantes. Soamente se terán en conta os documentos acreditativos que aquelas presentasen ata o peche do prazo da convocatoria, sen se poderen presentar méritos en período de corrección. Non se tomarán en consideración nin serán valorados os méritos que non queden debidamente acreditados en todos os seus aspectos no momento da finalización do prazo de presentación de instancias. Con todo, non será necesario presentar documentos que xa se atopen en poder desta Administración, o cal deberá ser alegado expresamente na instancia.

Consistirá nun concurso de méritos de conformidade co disposto no anexo III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais, para a integración dos vixilantes e auxiliares de policía ou interinos, para o acceso como vixilantes municipais e a contratación de auxiliares de policía de tempada. Este baremo é o recollido no anexo IV desta orde.

7. Cualificación final.

Previamente á fase de oposición o tribunal procederá á baremación da fase de concurso e publicaraa na páxina web da Agasp, con indicación da puntuación obtida por cada aspirante. Contra a baremación, as persoas aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamacións ante o propio tribunal no prazo de 5 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da baremación.

En relación coa aplicación dos baremos, débense ter en conta as seguintes normas:

– Titulacións académicas: non se valorará a titulación requirida para o acceso á categoría a que se aspira, salvo que se posúa máis dunha. Tampouco se terán en conta, para os efectos de valoración, as titulacións necesarias ou as que se empregasen como vía de acceso para a obtención dunha titulación superior xa valorada.

– Para os efectos de equivalencia de titulación, só se admitirán as recoñecidas polo ministerio competente na materia como títulos académicos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, debendo achegarse a correspondente declaración oficial de equivalencia, ou disposición en que se estableza esta e, de ser o caso, o BOE en que se publicou. Só se valorarán os títulos antes citados, non os cursos realizados para a súa obtención.

– Formación e docencia: non se terán en conta, para os efectos de valoración:

• Os cursos obrigatorios que formen parte do proceso de selección para o acceso a calquera categoría ou emprego dos corpos e forzas de seguridade.

• Os cursos repetidos, salvo que transcorrese un período superior a 5 anos desde a finalización do primeiro curso.

• Os cursos necesarios para a obtención das titulacións da epígrafe A.1 e epígrafes do anexo II sobre titulacións e epígrafes sobre titulacións do anexo III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais, para a integración dos vixilantes e auxiliares de policía ou interinos, para o acceso como vixilantes municipais e a contratación de auxiliares de policía de tempada, nin a superación de materias destes.

– En relación coa docencia, tanto como docente da Agasp como fóra do devandito ámbito, só serán avaliadas aquelas participacións en accións formativas que sexan de manifesto interese policial dirixidas, en particular, aos corpos de Policía local, ou tamén ao colectivo das forzas e corpos de seguridade, desenvolvidas nas universidades, administracións públicas ou a través dos plans de formación continua. O mesmo curso impartido en máis dunha ocasión só computará unha vez, salvo que transcorrese un período superior a 5 anos desde a súa realización.

Á vista das reclamacións que se presenten e, no caso de seren estimadas, realizaranse as oportunas correccións na baremación e procederase á publicación definitiva na páxina web da Agasp.

A orde de prelación das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa suma das puntuacións obtidas nas fases de concurso-oposición para a promoción interna e de concurso para a mobilidade. Non poderá superar o proceso selectivo un número de aspirantes superior ao de prazas convocadas.

O tribunal poderá declarar desertas aquelas prazas obxecto da presente convocatoria que non resulten cubertas na súa finalización por non superar o proceso selectivo un número suficiente de aspirantes.

As cualificacións das persoas aspirantes aprobadas serán publicadas na páxina web da Agasp.

8. Tribunal.

8.1. O nomeamento do tribunal cualificador correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de seguridade e estará composto por cinco persoas titulares e cinco persoas suplentes, presidente/a, tres vogais e secretario/a, pertencentes a un corpo, escala ou categoría profesional para cuxo ingreso se requira a titulación de grao universitario ou superior; a súa composición será paritaria, segundo o establecido no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Sen prexuízo das competencias de ordenación material e temporal propias da Academia Galega de Seguridade Pública, corresponden ao tribunal as funcións relativas á determinación concreta do contido das probas, a cualificación das persoas aspirantes, a emisión de cantos informes lle sexan requiridos derivados da súa intervención no proceso selectivo, así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas na orde correcta das probas selectivas e resolución de incidencias.

8.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no acordo adoptado no Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

A persoa titular da presidencia deberá solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non se atoparen incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

8.3. A autoridade convocante publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos membros do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

8.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na devandita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia de, polo menos, tres dos seus membros, con presenza en todo caso das persoas titulares da presidencia e da secretaría.

Por acordo dos seus membros, o tribunal poderá decidir a autoconvocatoria para a seguinte ou seguintes sesións que teñan lugar sen necesidade de citación por escrito.

Das sesións celebradas polo tribunal redactarase a acta correspondente, que será asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da presidente/a.

8.5. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ao resto do ordenamento xurídico.

8.6. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, quen deberá limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz, pero non voto.

8.7. En ningún caso poderá o tribunal aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número de aspirantes superior ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

8.8. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

9. Relación de persoas aprobadas e lista de reserva, presentación de documentación e nomeamento como persoal funcionario en prácticas.

9.1. Relación de persoas aprobadas e lista de reserva.

Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal elaborará por orde decrecente de puntuación a lista de persoas aprobadas. O número destas persoas non poderá superar o de prazas convocadas.

Así mesmo, o órgano de selección elaborará, tamén por orde decrecente de puntuación, unha lista de reserva cun número de persoas aspirantes que será, como máximo, igual ao de persoas aprobadas. Na lista de reserva figurarán aquelas persoas aspirantes que, aínda que superaron as probas do proceso selectivo, non resultaron aprobadas por obteren unha puntuación inferior á da última persoa que obtivo praza.

Ambas as dúas listas serán publicadas na páxina web da Agasp.

As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos non poderán ser nomeadas persoal funcionario en prácticas e quedarán sen efecto as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

9.2. Nomeamento como persoal funcionario en prácticas.

Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario en prácticas na categoría de inspector principal, mediante resolución da correspondente Alcaldía, que se publicará no Boletín Oficial da provincia (BOP).

En caso de renuncia, falecemento, falta de xustificación dos requisitos para o nomeamento, incapacidade absoluta sobrevida ou concorrencia de calquera outra causa que impida o nomeamento dunha persoa aspirante como persoal funcionario en prácticas ou prive de eficacia o nomeamento xa realizado, o Concello comunicará esta circunstancia á Dirección Xeral da Agasp, que substituirá a persoa afectada pola primeira que figure na lista de reserva, sempre con anterioridade ao desenvolvemento do correspondente curso selectivo de formación.

9.3. Curso selectivo de formación.

As persoas aspirantes aprobadas na quenda de promoción interna deberán superar un curso selectivo de formación teórico-práctico na Agasp como requisito indispensable para acceder á condición de persoal funcionario de carreira na categoría de inspector principal, escala executiva, de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 4/2007 e no artigo 32 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro.

Só estarán dispensadas de realizar o devandito curso aquelas persoas que xa o superasen con anterioridade na Agasp. En tal caso, serán nomeadas directamente na condición de persoal funcionario de carreira na categoría de inspector principal.

No caso da non incorporación ao curso ou de abandono deste sen rematalo, salvo por causas excepcionais, considerarase que a persoa aspirante non superou o proceso selectivo.

O alumnado que non supere o curso teórico-práctico na Agasp, incluídas as probas de carácter extraordinario, perderá todos os dereitos alcanzados no proceso selectivo.

10. Nomeamento como persoal funcionario de carreira do concello correspondente na quenda de concurso para mobilidade.

10.1. O tribunal remitirá á Agasp a proposta de nomeamento como persoal funcionario de carreira dos correspondentes concellos segundo o resultado do concurso de méritos, en número non superior ao de prazas convocadas, xunto con igual número de reservas.

10.2. A Agasp notificaralles esta proposta aos concellos interesados no prazo de 5 días desde a súa publicación para que eleven a definitiva tal proposta e se proceda ao seu nomeamento.

Así mesmo, a Agasp comunicaralles, no suposto de quedaren prazas vacantes ou declaradas desertas, a súa incorporación ás seguintes alíneas das establecidas no punto 1.4 desta convocatoria.

11. Información ás persoas interesadas.

Sobre esta convocatoria, poderase obter información adicional na Agasp a través dos seguintes medios:

a) https://sede.xunta.gal/portada

b) Páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal).

c) No enderezo electrónico seleccion.agasp@xunta.gal

d) Nos teléfonos da Agasp 886 20 61 35 e 886 20 61 27.

e) No Servizo de Coordinación, Planificación e Selección da Agasp (avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).

Disposición adicional única

En virtude do establecido no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo acorda delegar a facultade de nomear o tribunal que deberá cualificar este proceso e, de ser o caso, a substitución dos membros que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base 8.2 desta convocatoria na persoa titular da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública.

Igualmente, acórdase delegar na persoa titular da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública a resolución dos recursos de alzada que se interpoñan contra os acordos do tribunal nomeado para cualificar este proceso selectivo.

Disposición derradeira única

1. Esta convocatoria e as súas bases vinculan a Administración, o tribunal encargado de xulgar o proceso selectivo e as persoas que nel participen.

2. Así mesmo, cantos actos administrativos produzan o tribunal, a autoridade convocante ou o órgano encargado da xestión poderán ser impugnados polos/as interesados/as de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de seguridade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, consonte a Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2022

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

missing image file
missing image file

ANEXO II

Relación de prazas convocadas

Quenda de promoción interna

Ferrol

1

ANEXO III

Táboa de méritos quenda de concurso

Epígrafes

Descrición dos méritos que se van valorar

Valoración parcial
(en puntos)

1. Titulacións

académicas oficiais

– Título universitario de posgrao, doutor ou equivalente

3,00

– Título universitario de grao, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente

2,00

– Técnico superior, diplomado universitario, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico, diplomado superior en criminoloxía, ciencias policiais ou equivalente

1,50

– Bacharelato técnico ou equivalente

0,50

2. Antigüidade como funcionario de carreira

– Cada ano de servizo, ou fracción superior a 6 meses, nos corpos de Policía local

0,20

– Cada ano de servizo, ou fracción superior a 6 meses, noutro corpo de seguridade

0,10

– Cada ano de servizo, ou fracción superior a 6 meses, noutro corpo de calquera Administración pública

0,05

3. Formación

profesional e docencia

Como alumno da Agasp ou en actividades conveniadas

– Cada hora en actividades de tipo presencial

– Cada hora en actividades de formación en liña

AS

0,015

0,010

AP

0,025

0,020

Como alumno noutras actividades alleas á Agasp

– Cursos ou actividades ata 20 horas

– Cursos ou actividades entre 21 e 40 horas

– Cursos ou actividades entre 41 e 70 horas

– Cursos ou actividades entre 71 e 100 horas

– Cursos ou actividades entre 101 e 200 horas

– Cursos ou actividades de máis de 200 horas

0,20

0,35

0,45

0,50

0,75

1,00

0,30

0,50

0,65

0,75

1,00

1,30

Como profesor da Agasp ou en actividades conveniadas

– Cada hora en actividades de tipo presencial

– Cada hora en actividades de formación en liña

0,020

0,015

Como profesor noutras actividades alleas á Agasp

– Cada hora en actividades de tipo presencial

– Cada hora en actividades de formación en liña

0,015

0,010

4. Distincións e

recompensas oficiais

– Placa individual ao mérito da Policía local

– Placa colectiva ao mérito da Policía local

– Medalla ao mérito da Policía local

– Medalla ou cruz ao mérito policial doutros corpos

– Distincións do órgano colexiado competente do Concello

2,00

1,50

1,00

0,75

0,25

5. Idiomas

Coñecemento de idiomas, distintos do español e do galego, acreditados por certificado de EOI

A) Ciclos.

– Certificado de superación do ciclo elemental

– Certificado de superación do ciclo superior

1,00

2,00

B) Niveis.

– Certificado superación nivel básico

– Certificado superación nivel intermedio

– Certificado superación nivel avanzado

Só se terá en conta o ciclo ou nivel de máis valor dos que se acrediten

0,65

1,30

2,00

6. Lingua galega

Coñecemento da lingua galega, segundo acreditación

– Celga 1

– Celga 2

– Celga 3

– Celga 4

– Curso de iniciación

– Curso de perfeccionamento

– Curso de linguaxe administrativa nivel medio

– Curso de linguaxe administrativa nivel superior

Só se terá en conta o título de máis nivel dos que se acrediten

0,25

0,50

0,75

1,00

0,75

1,00

1,50

2,00

ANEXO IV

Temario

1. O Estado. Concepto. Elementos. A división de poderes. Funcións. Organización do Estado español. Constitución. Concepto e clases. O poder constituínte. Antecedentes constitucionais en España. A Constitución española de 1978. Estrutura e contido. A reforma da Constitución española. O Estado español como Estado social e democrático de dereito. Dereitos e deberes constitucionais; clasificación e diferenciación.

2. Dereitos fundamentais e liberdades públicas I: dereito á vida e integridade. Liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto. Dereito á liberdade e seguranza. Dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe. A inviolabilidade do domicilio e o segredo das comunicacións. A liberdade de residencia e de circulación. O dereito á liberdade de expresión recoñecido no artigo 20 da Constitución.

3. Dereitos fundamentais e liberdades públicas II: dereito de reunión. Dereito de asociación. Dereito á participación nos asuntos públicos e ao acceso a funcións e cargos públicos. A tutela xudicial efectiva e a prohibición de indefensión. A imposición de condena ou sanción do artigo 25 da Constitución, sentido das penas e medidas de seguranza.

4. Prohibición de tribunais de honra. O dereito á educación e á liberdade de ensino. Dereito á sindicación e á folga, especial referencia aos membros das forzas e corpos de seguranza. Dereito de petición.

5. Dereitos e deberes dos cidadáns. Os principios reitores da política social e económica. As garantías dos dereitos e liberdades. Suspensión xeral e individual destes. O Valedor do Pobo.

6. A Coroa. As Cortes Xerais. Estrutura e competencias. Procedemento de elaboración das leis. Formas de goberno. O Goberno e a Administración. Relacións do Goberno coas Cortes Xerais. Funcións do Goberno.

7. O Poder Xudicial. Principios constitucionais. Estrutura e organización do sistema xudicial español. O Tribunal Constitucional.

8. Organización territorial de Estado. As comunidades autónomas. O Estatuto de autonomía de Galicia. Estrutura e disposicións xerais. Institucións: Parlamento. Presidente e Consello de Goberno. Mención ao Tribunal Superior de Xustiza.

9. Relación da Xunta de Galicia coa Administración do Estado e con outras comunidades autónomas. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. A reforma do Estatuto de autonomía para Galicia.

10. O dereito administrativo. Fontes e xerarquía das normas.

11. O acto administrativo. Concepto. Elementos. Clases. A validez dos actos administrativos; nulidade e anulabilidade. Notificación de actos administrativos. Cómputo de prazos. Recursos administrativos. Alzada e reposición; o recurso extraordinario de revisión.

12. O procedemento administrativo. Concepto e principios xerais. Clases. Os interesados. A estrutura do procedemento administrativo.

13. O réxime local español. Principios constitucionais e regulación xurídica. Tipos de entidades locais.

14. O municipio. Concepto e elementos. Competencias municipais. A provincia: concepto, elementos e competencias.

15. A organización e funcionamento do municipio. O Pleno. O alcalde. A Xunta de Goberno local. Outros órganos municipais.

16. Bens, actividades e servizos públicos na esfera local.

17. Ordenanzas, regulamentos e bandos. Clases e procedemento de elaboración e aprobación.

18. A licenza municipal. Tipos. Actividades sometidas a licenza. Tramitación.

19. Función pública local. A súa organización. Adquisición e perda da condición de funcionario.

20. Dereitos, deberes e incompatibilidades dos funcionarios. Situacións administrativas.

21. Lei orgánica de forzas e corpos de seguranza. Disposicións xerais. Principios básicos de actuación. Disposicións estatutarias comúns. Réxime disciplinario.

22. Lei orgánica de forzas e corpos de seguranza. Funcións da Policía local.

23. Lei de coordinación das policías locais de Galicia. Estrutura e aspectos fundamentais.

24. A selección, formación, promoción e mobilidade das policías locais de Galicia.

25. Réxime disciplinario da Policía local. Réxime de incompatibilidades. Segunda actividade. Retribucións.

26. A Policía local como instituto armado de natureza civil. Lexislación aplicable sobre armamento. O uso de armas de fogo.

27. A actividade da Policía local como policía administrativa I: consumo, abastos, mercados. Venda ambulante.

28. A actividade da Policía local como policía administrativa II: espectáculos públicos e actividades recreativas e establecementos públicos.

29. A actividade da Policía local como policía administrativa III: urbanismo. Infraccións e sancións. A protección ambiental: prevención e calidade ambiental, residuos e disciplina ambiental.

30. A Lei de emerxencias en Galicia: aspectos fundamentais.

31. Os plans de emerxencia. Coordinación de todas as administracións. Actuación policial.

32. Concepto e contido do dereito penal. Principios que o informan. Principio de legalidade. Principio de irretroactividade e as súas excepcións.

33. Delitos e faltas. Circunstancias modificativas da responsabilidade criminal.

34. Persoas responsables: autores e cómplices. Graos de execución do delito.

35. Delitos cometidos con ocasión do exercicio dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas garantidos pola Constitución. Delitos cometidos polos funcionarios públicos contra as garantías constitucionais.

36. Delitos contra a Administración pública.

37. Atentados contra a autoridade e os seus axentes. Desordes públicas.

38. Homicidio e as súas formas.

39. Delitos contra o patrimonio e a orde socioeconómica.

40. Delitos contra a saúde pública. Tráfico de drogas.

41. Delitos relativos á ordenación do territorio e á protección do patrimonio histórico e do ambiente.

42. Delitos contra a seguranza viaria. Faltas cometidas con ocasión da circulación de vehículos de motor. Lesións e danos imprudentes.

43. Faltas contra as persoas e contra o patrimonio.

44. As penas. Concepto, clases: privativas de liberdade, privativas de dereito e multa. Clasificación pola súa gravidade: graves, menos graves e leves.

45. A Policía local como policía xudicial. Lexislación e funcións.

46. O atestado policial na Lei de axuizamento criminal. Concepto e estrutura.

47. Entrada e rexistro en lugar pechado. Intervención das comunicacións telefónicas. Intervención das comunicacións postais. Uso da información obtida por estes medios.

48. Detención: concepto, clases e supostos. Prazos de detención. Obrigas do funcionario que efectúa unha detención.

49. Contido da asistencia letrada ao detido. Dereito do detido. Responsabilidades penais en que pode incorrer o funcionario que efectúa unha detención. O procedemento de habeas corpus.

50. Lei de seguranza viaria. Regulamentos de desenvolvemento. Estrutura e conceptos xerais.

51. Normas xerais de circulación: lugar na vía, velocidade, prioridade de paso. Cambios de dirección e sentido. Adiantamentos. Parada e estacionamento.

52. Vehículos e transportes especiais. Cinto e casco de seguranza. Circulación por zonas peonís. Comportamento en caso de emerxencia.

53. Sinais de circulación. Clasificación e orde de prioridade.

54. Permisos e licenzas de condución: as súas clases. Intervención, suspensión e revogación.

55. Transporte de mercadorías perigosas por estrada. Normativa legal. Intervención en caso de accidente.

56. A inspección técnica de vehículos. Transporte escolar: normativa vixente. O tacógrafo: definición e uso.

57. Procedemento sancionador por infraccións á normativa de circulación. Actuacións complementarias. Inmobilización e retirada de vehículos da vía pública. Carencia do seguro obrigatorio.

58. Accidentes de circulación: definición, tipos e actuacións da Policía local.

59. Alcoholemia. Datos. A súa consideración segundo a normativa vixente. Doutrina constitucional. Procedemento de indagación do grao de impregnación alcohólica.

60. Técnicas de tráfico I: ordenación e regulación do tráfico rodado. Conceptos básicos: densidade, intensidade, capacidade e velocidade. Sinalización das vías.

61. Técnicas de tráfico II: características dos sinais de tráfico. Instalación de semáforos. O estacionamento de vehículos. Concepto e problemática. Ordenación do estacionamento. Circulación peonil.

62. Toxicomanías. Clasificación das drogas. Lexislación aplicable.

63. Estrutura económica e social de Galicia: demografía, economía, servizos públicos, sociedade civil, novas tecnoloxías, patrimonio ecolóxico, social, cultural.

64. Vida en sociedade. Proceso de socialización. Formación de grupos sociais e masas. Procesos de exclusión e inclusión social. A delincuencia: tipoloxías e modelos explicativos. A policía como servizo á cidadanía. Colaboración con outros servizos municipais.

65. Minorías étnicas e culturais. Racismo e xenofobia. Actitudes, valores, prexuízos e estereotipos. Formación de actitudes e relación coa conduta. Actitude policial ante a sociedade intercultural.

66. Igualdade de oportunidades de homes e mulleres en Galicia: conceptos básicos; socialización e igualdade; políticas públicas de igualdade de xénero. Violencia contra as mulleres: descrición, plans de erradicación e atención coordinada ás vítimas.

67. Situacións de crise ou desastres. Efectos e reaccións ante estas situacións.

68. Comunicación: elementos, redes, fluxos, obstáculos. Comunicación con superiores e subordinados. Equipos de traballo e atención á cidadanía.

69. O mando: concepto, estilos, calidades, trazos e regras; características do mando: funcións, estilos, metodoloxía; relación con subordinados; técnicas de dirección de reunións.

70. Toma de decisións: proceso, deberes cara á organización e relación cos subordinados; poder e autoridade.

71. Técnicas de dirección de persoal: concepto, funcións e responsabilidade. Planificación. Organización, distribución, execución e control do traballo policial. Reunións de grupo. Formación, reciclaxe e perfeccionamento profesional dos membros do equipo.

72. Calidade nos corpos de Policía local.

73. A policía na sociedade democrática. O mandato constitucional. Valores que propugna a sociedade democrática. A dignidade da persoa. Sentido ético da prevención e a represión.

74. Responsabilidade no exercicio profesional. Principio de xerarquía e subordinación. Relacións interpersoais. Integridade e imparcialidade. Consideración ética da dirección de persoal.

75. Deontoloxía profesional. Código de conduta para funcionarios encargados de facer cumprir a lei. Declaración do Consello de Europa sobre a policía. Principios básicos de actuación oficial desde a perspectiva deontolóxica.