Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 28 de febreiro de 2022 Páx. 14029

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a relación de persoas excluídas con carácter definitivo das listas únicas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de determinados corpos, escalas ou especialidades resultantes da transformación de oficio de listas das categorías profesionais laborais equivalentes, ao abeiro do establecido no artigo 4.2 da Orde do 20 de xullo de 2021.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, incorpora a disposición transitoria segunda que contén unha habilitación para elaborar unha lista única como resultado da funcionarización. Esta disposición foi obxecto de desenvolvemento mediante a Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 20 de xullo de 2021 (DOG do 30 de xullo).

De conformidade co artigo 4.2 da Orde do 20 de xullo de 2021, cando fose necesario crear novas listas de natureza funcionarial para cuxa inclusión se requira a mesma titulación xenérica ou específica que a exixida para o acceso ás listas da categoría profesional laboral funcionarizada declarada equivalente, a Administración poderá transformar de oficio as listas da categoría laboral correspondente en listas de persoal funcionario do corpo, escala ou especialidade declarada equivalente. Ao abeiro do establecido nos artigos 3 e 4.3 da Orde do 20 de xullo de 2021, as persoas integrantes das listas para a cobertura temporal de prazas de persoal laboral de categorías profesionais laborais equivalentes, de conformidade coas equivalencias establecidas no anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, serán admitidas nas listas únicas, sempre que cumpran os requisitos legais exixidos para o acceso ao correspondente corpo, escala ou especialidade de persoal funcionario en que se clasifica a categoría profesional laboral que se funcionariza, nos termos establecidos no artigo 8 do Decreto 37/2006, en concordancia coa súa disposición transitoria segunda. Deste xeito, a Administración comprobará que nas persoas integrantes das novas listas de natureza funcionarial concorren os requisitos legais exixidos para ser admitidas nelas.

Na disposición transitoria segunda da Orde do 20 de xullo de 2021 disponse que a unificación e elaboración das listas únicas comezará coas correspondentes aos corpos, escalas e especialidades afectadas polos procesos de funcionarización convocados polas resolucións da Dirección Xeral da Función Pública do 7 de febreiro de 2020.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 6 de outubro de 2021 (DOG núm. 195, do 8 de outubro) fíxose pública a relación provisional de persoas excluídas das listas únicas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de determinados corpos, escalas e especialidades, resultantes da transformación de oficio das listas das categorías profesionais laborais equivalentes, ao abeiro do establecido no artigo 4.2 da Orde do 20 de xullo de 2021.

Con data do 25 de outubro de 2021 rematou o prazo establecido no punto terceiro da dita resolución para presentar reclamacións.

Unha vez examinadas e resoltas as reclamacións, a Comisión Permanente constituída ao abeiro do artigo 4 do Decreto 37/2006, acordou elevar ao titular da Dirección Xeral da Función Pública a relación definitiva de persoas excluídas das listas únicas para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Orde do 20 de xullo de 2021, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro. Facer pública a relación definitiva de persoas excluídas nas listas únicas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos, escalas e especialidades que se relacionan no anexo desta resolución, resultantes da transformación de oficio das listas das categorías profesionais laborais equivalentes.

Segundo. A relación definitiva de excluídos poderá consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de Listas de contratación; no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012; e nas oficinas de Rexistro e Atención á Cidadanía da Xunta de Galicia (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo).

Na relación figura a seguinte información:

– Persoas solicitantes excluídas, con expresión da causa de exclusión.

Nesta relación figuran exclusivamente as persoas solicitantes admitidas nas listas de categorías profesionais laborais que non cumpren os requisitos legais exixidos para ser admitidas nas listas únicas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos, escalas e especialidades declaradas equivalentes, que non resultasen penalizados o 15 de xullo de 2014 ou con anterioridade a esta data.

Terceiro. As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contra esta resolución e de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2022

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO

Corpos e escalas (persoal funcionario)

Grupo

Corpo/

escala

Denominación

A1

208F

Escala de facultativos. Especialidade medicina

A1

208G

Escala de facultativos. Especialidade psicoloxía

A1

208H

Escala de facultativos. Especialidade pedagoxía

A2

208A

Escala técnica de facultativos. Especialidade enfermaría

A2

208C

Escala técnica de facultativos. Especialidade educadores

A2

208B

Escala técnica de facultativos. Especialidade fisioterapia

A2

208E

Escala técnica de facultativos. Especialidade traballo social

A2

208D

Escala técnica de facultativos. Especialidade terapia ocupacional

B

208J

Escala de axentes técnicos facultativos. Especialidade xardín de infancia

C2

20A3

Escala de auxiliares de clínica