Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Luns, 30 de maio de 2022 Páx. 31616

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 13 de maio de 2022 pola que se modifica a Orde do 22 de abril de 2020 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos desta consellería e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

En virtude dos decretos 136/2019 e 137/2019, do 10 de outubro, estableceuse a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, respectivamente.

Mediante a Orde do 22 de abril de 2020 establecéronse as delegacións de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, modificada pola Orde do 25 de maio de 2020.

A presente orde ten por finalidade realizar unha modificación puntual nas competencias delegadas na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, co obxecto de atribuírlle tamén as ferramentas contractuais que precisa para o desenvolvemento das competencias materiais que lle son propias, o que implica a realización do correspondente axuste nas delegacións realizadas tanto a prol da propia Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade como da persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

Así, cómpre atribuír á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade as facultades e actuacións que, como órgano de contratación, lle corresponden á persoa titular da Consellería de Sanidade, para o exercicio pleno das funcións que lle corresponden á Secretaría Xeral Técnica nas materias propias da súa competencia.

Para tal efecto, o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, regulan o mecanismo da delegación competencial admitindo que o exercicio das competencias cuxa titularidade corresponda a órganos da Administración autonómica poida ser delegado noutros órganos da mesma Administración, cumprindo cos requisitos de publicación que o citado artigo 6 establece.

Por canto antecede, en virtude das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; os decretos 136 e 137/2019, do 10 de outubro, polos que se establecen as estruturas orgánicas da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, respectivamente, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 22 de abril de 2020 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

Un. Modifícase o artigo 1 da Orde do 22 de abril de 2020, que queda redactado como segue:

«Artigo 1. Delegacións na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica as seguintes competencias:

a) O despacho e resolución dos expedientes de índole administrativa que lle estean atribuídos á persoa titular da Consellería.

b) As facultades que como órgano de contratación lle corresponden á persoa titular da Consellería, para o exercicio das funcións e competencias atribuídas á Secretaría Xeral Técnica, agás cando se trate de contratos menores de obras, servizos ou subministración licitados polas xefaturas territoriais. Quedan exceptuados desta delegación os expedientes competencia da Dirección Xeral de Saúde Pública e da Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria.

c) En relación coa delegación prevista no parágrafo precedente, a autorización e disposición dos gastos, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, o recoñecemento das obrigas de gasto e propostas de pagamento dos diferentes capítulos do orzamento, así como propoñer e aprobar as modificacións orzamentarias que correspondan.

d) A execución dos acordos de carácter xeral do Consello de Dirección da Consellería.

e) A disposición de todo canto atinxe ao réxime interno da Consellería, agás o reservado legalmente á competencia exclusiva da persoa titular da Consellería ou que estea atribuído expresamente a outros órganos.

f) As que derivan do exercicio do protectorado das fundacións de interese galego adscritas á Consellería.

g) O exercicio das que en materia de persoal lle corresponden á persoa titular da Consellería segundo o establecido na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, no ámbito da Consellería e dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, agás a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación, o nomeamento de persoal eventual e os que correspondan a outros órganos.

En particular, deléganse as seguintes funcións:

1ª. A resolución dos recursos administrativos interpostos contra actos e resolucións das persoas titulares dos órganos da Consellería, salvo as ditadas en expedientes sancionadores non disciplinarios, a suspensión dos actos impugnados en vía administrativa, así como a resolución das reclamacións en materia de responsabilidade patrimonial e os procedementos de revisión de oficio que lle correspondan á persoa titular da Consellería, nos casos en que non estean expresamente delegados noutros órganos, e sempre que non ditase o acto obxecto do recurso ou reclamación.

2ª. As que en materia de persoal lle corresponden á persoa titular da Consellería respecto do persoal funcionario e laboral da Consellería de Sanidade e do adscrito aos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, incluíndo nestes casos o persoal regulado na Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma.

3ª. As autorizacións:

Un. Das comisións de servizo con dereito á indemnización prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, das persoas titulares das xefaturas territoriais e do persoal dependente da Secretaría Xeral Técnica da Consellería.

Dous. As relativas a asistencia a cursos e actividades de formación e/ou perfeccionamento, e as vacacións anuais, permisos e licenzas do persoal baixo a súa dependencia dos servizos centrais da Consellería e das persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería.

g) O exercicio das tarefas de responsable de tratamento, nos termos definidos na lexislación en materia de protección de datos das persoas físicas. Estas tarefas aplicaranse a todos aqueles tratamentos que conteñan datos de carácter persoal dentro do Sistema público de saúde de Galicia».

Dous. Modifícase a letra b) do parágrafo 1 do artigo 6 da Orde do 22 de abril de 2020, relativo ás competencias delegadas en materia de contratación a prol da persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde:

«b) As que lle correspondan como órgano de contratación ao Servizo Galego de Saúde e á Consellería de Sanidade, agás no previsto no parágrafo b) do artigo 1 respecto da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, incluída a tramitación de expedientes de contratación centralizados ou que afecten a unha pluralidade de áreas sanitarias ou centros de gasto, sen prexuízo do disposto nesta orde sobre contratos menores».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade