Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Luns, 30 de maio de 2022 Páx. 31606

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

DECRETO 82/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal sanitario funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, en desenvolvemento da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

As necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deban proverse mediante a incorporación de persoal con condición de fixeza serán obxecto da oferta de emprego público, que aprobarán os órganos de goberno das administracións públicas, tal como dispón o artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Constitúe un dos obxectivos e compromisos da Administración sanitaria da Comunidade Autónoma no ámbito da saúde pública e da inspección sanitaria a estabilidade no emprego, mediante a convocatoria de procedementos selectivos para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira, nos cales se garantan os principios que rexen o acceso ao emprego público.

Non obstante, as limitacións á reposición de efectivos nas administracións públicas impostas pola lexislación básica orzamentaria no marco das directrices de contención do gasto público unido, en particular, no ámbito da saúde pública, a un incremento claro das necesidades de prestación neste ámbito, que se fixo especialmente patente nos dous últimos anos por mor da situación sanitaria derivada da pandemia, están a dificultar a consecución de tal obxectivo co consecuente incremento das taxas de emprego temporal, como recurso para dar resposta á crecente demanda de atención nun servizo público como o que se desenvolve no ámbito da saúde pública e da inspección sanitaria, caracterizado pola súa esencialidade.

Neste contexto, co fin de paliar a situación existente no conxunto das administracións públicas e co obxectivo de situar a taxa de cobertura temporal por debaixo do oito por cento das prazas estruturais, apróbase a Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, que, entre outras medidas, no seu artigo 2.1, autoriza un terceiro proceso de estabilización de emprego público.

Así, adicionalmente aos procesos de estabilización previstos nos artigos 19.Un.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, e 19.Un.9 da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, autorízase unha taxa adicional para a estabilización do emprego temporal que incluirá as prazas de natureza estrutural que, estando ou non dentro das relacións de postos de traballo, cadros de persoal ou outra forma de organización dos recursos humanos contempladas nas distintas administracións públicas, se encontren dotadas orzamentariamente e estivesen ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente como mínimo nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2020.

En particular, na escala de saúde pública e administración sanitaria, en execución da taxa de estabilización prevista na Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, ofertáronse un total de 54 prazas, cuxo proceso selectivo foi obxecto de convocatoria con anterioridade á entrada en vigor da Lei 20/2021 e na actualidade continúa o seu desenvolvemento en cumprimento do preceptuado na disposición transitoria primeira desta última lei.

Así mesmo, na súa disposición adicional sexta prevé, con carácter excepcional e por unha única vez, a convocatoria polo sistema de concurso daquelas prazas que, reunindo os requisitos establecidos no artigo 2.1 desta mesma lei, estivesen ocupadas con carácter temporal de forma ininterrompida con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016.

Na súa disposición adicional oitava establece que, adicionalmente, os procesos de estabilización contidos na disposición adicional sexta incluirán nas súas convocatorias as prazas vacantes de natureza estrutural ocupadas de forma temporal por persoal cunha relación desta natureza anterior ao 1 de xaneiro de 2016.

Da resolución dos procesos de estabilización previstos na Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, non poderá derivar, en ningún caso, incremento do gasto nin de efectivos, como así se indica no seu artigo 2.

En consecuencia, para determinar o número de prazas que ofertar, deberán detraerse aquelas que estean incluídas en convocatorias publicadas con anterioridade á súa entrada en vigor, que se encontren en desenvolvemento.

Así mesmo, pola propia natureza dos procesos de estabilización, destinados a reducir a temporalidade no emprego público, non procede efectuar na presente oferta unha reserva de prazas por promoción interna, dado que cada cobertura de prazas por este sistema de acceso supón a simultánea xeración dunha praza vacante doutra categoría ou clase.

Neste marco legal de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego, cómpre iniciar un novo procedemento de selección de persoal funcionario de carreira da escala de saúde pública e administración sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, coa aprobación do preceptivo decreto previo de oferta de emprego público.

Para o cómputo de prazas tivéronse en conta os criterios para a súa determinación previstos no artigo 2 e nas disposicións adicionais sexta e oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, así como as orientacións que no exercicio das súas competencias e, en prol da unidade de criterio nas distintas administracións, foron adoptadas pola Secretaría de Estado de Función Pública.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, despois da negociación na Mesa Xeral de Empregados Públicos e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de maio de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público

Por medio do presente decreto apróbase a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal sanitario funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, en desenvolvemento do artigo 2 e das disposicións adicionais sexta e oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

1. O número de prazas que integran esta oferta ascende a un total de nove.

2. Do total das prazas ofertadas, dúas corresponden á taxa adicional para a estabilización do emprego temporal prevista no artigo 2 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público (BOE núm. 312, do 29 de decembro), e inclúe as prazas de natureza estrutural, dotadas orzamentariamente, ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente como mínimo nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2020, sempre que tales prazas continuasen a estar ocupadas na data de entrada en vigor desta lei.

3. As sete prazas restantes corresponden á convocatoria excepcional de estabilización do emprego temporal de longa duración, prevista nas disposicións adicionais sexta e oitava da mesma lei, e inclúen aquelas prazas que, reunindo os requisitos establecidos no seu artigo 2.1, estivesen ocupadas con carácter temporal de forma ininterrompida con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016.

4. Para os efectos deste decreto, teñen a consideración de prazas de natureza estrutural aquelas relativas a funcións recorrentes que se integran na actividade ordinaria e de normal funcionamento da Administración, incluídas, por tanto, as prazas ligadas a programas ou actuacións que non gocen de substantivade propia e diferenciada da actividade ordinaria.

5. A distribución do número de prazas por clase detállase nos anexos I e II deste decreto.

Artigo 3. Sistema de selección

3.1. Procesos acollidos ao artigo 2 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

1. O sistema de selección para a cobertura das prazas que se detallan no anexo I deste decreto, correspondentes á taxa adicional para a estabilización do emprego temporal prevista no artigo 2 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, será o de concurso oposición.

2. A fase de oposición terá unha valoración do sesenta por cento da puntuación total do proceso.

No marco da negociación colectiva establecida no artigo 37.1.c) do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público e no artigo 153 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, as convocatorias deberán establecer as puntuacións mínimas para superar a proba ou as probas que deben realizar e poderán prever o carácter non eliminatorio de todos ou dalgún dos seus exercicios.

Así mesmo, poderán prever a acumulación de probas nun mesmo exercicio e sesión.

3. A fase de concurso, cunha valoración do corenta por cento da puntuación total do proceso, terá en conta maioritariamente a experiencia profesional no corpo, na escala, na categoría ou equivalente de que se trate.

O baremo de méritos para valorar en cada unha das clases detallarase nas respectivas convocatorias.

4. Os procesos selectivos que se convoquen en desenvolvemento desta taxa adicional garantirán o cumprimento dos principios de libre concorrencia, igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

3.2. Procesos acollidos á disposición adicional sexta e oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

1. O sistema de selección para a cobertura das prazas que se detallan no anexo II deste decreto, correspondentes á convocatoria excepcional de estabilización do emprego temporal de longa duración prevista nas disposicións adicionais sexta e oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, será o de concurso.

2. O baremo de méritos para aplicar nestes procesos, que se realizarán unha única vez, concretarase nas respectivas convocatorias, logo de negociación no ámbito da Mesa Xeral dos Empregados Públicos, nos termos do artigo 37.1.c) do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público e do artigo 153 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

3. A articulación destes procesos selectivos garantirá o cumprimento dos principios de libre concorrencia, igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

Artigo 4. Órganos de selección

1. A composición dos órganos de selección será paritaria para o conxunto da oferta de emprego público, de acordo co disposto no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

2. De conformidade co establecido no artigo 60 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, a pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual e non se poderá ter esta en representación ou por conta de ninguén.

3. O persoal de elección ou designación política, as/os funcionarias/os interinas/os e o persoal eventual non poderán formar parte dos órganos de selección.

4. A composición destes órganos responderá aos principios de profesionalidade e especialización dos seus membros e o seu funcionamento axustarase aos principios de imparcialidade e obxectividade.

No desenvolvemento das súas actuacións, os órganos de selección deberán respectar os demais principios de actuación establecidos pola normativa de selección e as instrucións sobre o funcionamento e a actuación dos tribunais que dite para o efecto o órgano competente.

5. Nos procesos selectivos que se convoquen mediante o sistema de concurso, en execución das disposicións adicionais sexta e oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, poderá designarse un mesmo órgano de selección para varias clases, respectando na súa composición os criterios sobre designación de tribunais establecidos pola lexislación de emprego público e demais normativa de selección.

Artigo 5. Persoas con discapacidade

1. Nos procesos selectivos que se convoquen en desenvolvemento desta oferta serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos neste artigo e na demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. De conformidade co establecido no artigo 59 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, do total de prazas que se ofertan reservarase unha porcentaxe non inferior ao sete por cento para seren cubertas entre persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no artigo 4 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, sempre que acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

3. A reserva de prazas de discapacidade efectuarase sobre o cómputo total das vacantes incluídas nesta oferta de emprego público e farase efectiva segundo a distribución que se recolle no anexo.

4. A opción a prazas reservadas á discapacidade terá que formularse na solicitude de participación no proceso selectivo con declaración expresa das persoas interesadas de reunir a condición exixida ao respecto, que se acreditará mediante certificación dos órganos competentes na forma e nos prazos que se determinen en cada convocatoria.

5. No suposto de que algunha das persoas aspirantes con discapacidade que se tivese presentado pola cota de reserva superase o proceso selectivo e non obtivese praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida por outras/os aspirantes do sistema de acceso xeral, esta será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

6. As persoas aspirantes que superasen o proceso selectivo pola cota de prazas reservadas a persoas con discapacidade poderán solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a elección das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a devandita alteración cando estea debidamente xustificada e deberá limitarse a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa con discapacidade.

Artigo 6. Acreditación do coñecemento da lingua galega

1. Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego e garantir o dereito das/dos usuarias/os dos distintos servizos sanitarios do Servizo Galego de Saúde ao seu uso, así como a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, nas probas selectivas, que se convoquen mediante o sistema de concurso oposición en desenvolvemento do artigo 2.1 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, incluirase un exame de galego, agás para aquelas persoas aspirantes que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme a normativa vixente.

As bases de convocatoria establecerán o carácter deste exame, así como a valoración desta proba e da equivalente acreditación do coñecemento da lingua galega.

2. Nos procesos selectivos que se desenvolvan polo sistema de concurso, en execución das disposicións adicionais sexta e oitava da citada lei, a valoración do coñecemento da lingua galega efectuarase nos termos que se establezan nas bases das respectivas convocatorias.

Artigo 7. Publicación das convocatorias

De conformidade co artigo 2 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, a publicación no Diario Oficial de Galicia das convocatorias dos procesos selectivos para a cobertura das prazas incluídas nos anexos I e II desta oferta, deberá producirse antes do 31 de decembro de 2022.

Artigo 8. Resolución dos procesos convocados

De conformidade co artigo 2 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, a resolución dos procesos selectivos que se executen en desenvolvemento do presente decreto de oferta de emprego público deberá producirse antes do 31 de decembro de 2024.

Da súa resolución non poderá derivar, en ningún caso, incremento do gasto nin de efectivos.

Artigo 9. Criterios xerais de xestión e publicidade dos procesos selectivos

1. A xestión das actuacións para o desenvolvemento dos procesos selectivos realizarase conforme o que determinen as bases das respectivas convocatorias.

2. De conformidade co artigo 10 da Orde do 8 de maio de 2012, pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia, a inscrición das persoas participantes en tales procesos efectuarase por medio do sistema de información Fides/expedient-e, a través da web corporativa do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es

Así mesmo, co fin de axilizar a tramitación dos procesos e de reducir os prazos de execución e as cargas administrativas, a xeración de listaxes e a acreditación para o acceso ás probas selectivas, así como a valoración dos méritos achegados polas persoas aspirantes efectuarase de forma automatizada, a través deste mesmo sistema de información.

3. Sen prexuízo da preceptiva publicación no Diario Oficial de Galicia das resolucións que se determinen nas respectivas convocatorias, facilitarase a través da Oficina Virtual do Profesional (FIDES/expedient-e) e da páxina web do organismo (www.sergas.es) toda a información que afecte o desenvolvemento dos procesos selectivos e que resulte de interese para as persoas aspirantes.

Artigo 10. Igualdade en relación coas condicións de emprego da Administración pública

As convocatorias adaptaranse ás previsións do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, en relación coas condicións de emprego da Administración pública e demais normativa de aplicación en materia de igualdade.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase a persoa titular da Consellería de Sanidade para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de maio de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Prazas ofertadas
(Artigo 2 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público)

Clase

Total de prazas ofertadas

Reserva de discapacidade

Inspector/a médico/a

1

ATS/DUE

1

ANEXO II

Prazas ofertadas
(Disposición adicional 6ª e 8ª da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público)

Clase

Total de prazas ofertadas

Reserva

de discapacidade

Inspector/a médico/a

3

1

Farmacéutico/a inspector de saúde pública

3

Subinspector/a sanitario/a

1