Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 6 de xullo de 2022 Páx. 38493

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 21 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a creación e o lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CO300H).

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

Segundo o Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, transitoriamente en vigor de acordo co establecido na disposición transitoria do Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, establécese que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, coordinación e control das competencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en materia de comercio interior. Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, fomento, modernización e desenvolvemento do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins.

Concretamente, o programa 751A, que xestiona a Dirección Xeral de Comercio e Consumo, prevé a renovación do sector do comercio e a promoción de sectores e produtos galegos nun escenario onde é preciso incrementar a competitividade do comercio polo miúdo e modernizar e adecuar o comercio de proximidade co fin de que mellore a súa atracción comercial, así como adaptar os establecementos ás necesidades das persoas usuarias e que as persoas consumidoras alcancen o servizo desexado.

Coa dita finalidade, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación apoia e incentiva os proxectos que xeren e fomenten a eficiencia e a modernidade do comercio galego e, neste caso, mediante a creación e o lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, o que representa un paso máis no proceso de transformación dixital destes espazos comerciais que deben adaptarse á nova demanda e perfil das persoas consumidoras.

Así mesmo, o comercio tradicional está sometido na actualidade a un profundo proceso de cambio que exixe realizar un esforzo de renovación e adaptación continuos e mellorar a súa posición histórica que tradicionalmente veu desempeñando no desenvolvemento económico e social das nosas vilas, abríndose a novas canles de comunicación co público e de comercialización dos produtos.

Neste senso, a canle de venda dixital, coa posta en marcha dun espazo web con plataforma de venda en liña dos produtos, así como a profesionalización da xestión do seu espazo web dentro da plataforma amósanse axeitados debido á situación actual que vive este colectivo, que demanda un decidido apoio na consecución dunha maior concorrencia fronte a outras estruturas comerciais, e onde as administracións públicas teñen que xogar un papel relevante.

Por outra banda, as plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios configúranse como espazos de comercialización dos ditos produtos, e o seu principal obxectivo é ser un escaparate da produción agroalimentaria, revitalizar as zonas rurais e introducir canles de venda dixital que contribúan ao desenvolvemento, á dinamización, á expansión e á competitividade do medio rural. O crecemento dos mercados agroalimentarios supón para as comarcas rurais unha grande oportunidade á hora de gañar visibilidade e, por tanto, conseguir máis visitantes e dinamizar a súa economía local, sendo a presenza en liña un grande impulso para a súa consecución.

Con estes obxectivos, cómpre proceder á convocatoria desta orde de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para impulsar accións de promoción comercial e de acceso a innovadoras canles de venda a través da creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación en materia de comercio interior e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, en réxime de concorrencia competitiva, para a creación e o lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural (código de procedemento CO300H).

Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2022.

2. Para a concesión destas subvencións destínase un crédito total de 350.000,00 €, que será imputado ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022:

Aplicación orzamentaria

Importe (€)

Beneficiarios

06.03.751A.761.3

200.000,00

Artigo 3.a) do anexo I

06.03.751A.781.1

150.000,00

Artigo 3.b) do anexo I

3. Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

4. De existir remanente nunha aplicación orzamentaria, poderase reasignar a contía sobrante na outra aplicación. A reasignación levarase a cabo, logo da modificación orzamentaria pertinente, sen necesidade de facer unha nova publicación do importe dos créditos.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser entidade beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo III desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar, forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez finalizado o prazo para a presentación das solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar que as entidades interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 7. Información ás entidades interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300H, poderase obter información a través dos seguintes medios:

a) Na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal

b) Na páxina web oficial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación http://ceei.xunta.gal/portada, na súa epígrafe de axudas.

c) Nos teléfonos 981 54 55 25 e 981 54 55 97 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

d) No enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

3. De acordo co establecido no artigo 14.1, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no dito artigo comunicaranse á base de datos nacional de subvencións.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2022

Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a creación e o lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural (código de procedemento CO300H)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a creación e o lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural (código de procedemento CO300H).

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. Así mesmo, quedan suxeitas ao réxime de axudas de minimis, agás no caso dos concellos, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos de 200.000 € nun período de tres anos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e os investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 21 destas bases reguladoras.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. Para a concesión destas subvencións destínase un crédito total de 350.000,00 €, que será imputado ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022:

Aplicación orzamentaria

Importe (€)

Beneficiarios

06.03.751A.761.3

200.000,00

Artigo 3.a) do anexo I

06.03.751A.781.1

150.000,00

Artigo 3.b) do anexo I

As ditas aplicacións orzamentarias están financiadas con fondos propios libres.

2. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. A natureza destas subvencións xustifica realizar pagamentos anticipados, que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes a elas, de ata un 50 % da subvención concedida nos termos establecidos no artigo 7 destas bases reguladoras.

4. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou de calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o 100 % do investimento subvencionable.

5. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra da mesma ou distinta consellería ou entes dependentes, para o mesmo concepto subvencionable e a mesma entidade beneficiaria.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que non concorra ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia situados en zonas rurais e cunha poboación inferior a 10.000 habitantes.

Os concellos deben cumprir co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

b) Grupos de desenvolvemento rural (GDR) recoñecidos polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), do 16 de novembro de 2016, polo que se resolve a convocatoria sobre a selección de estratexias de desenvolvemento local e de grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Actuacións subvencionables:

Consideraranse actuacións subvencionables a creación e o lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural.

En todo caso, as plataformas de marketplace deberán estar baseadas nun proxecto de viabilidade comercial e incluír produtos agroalimentarios de orixe e elaboración galegas. As persoas comerciantes e os produtos deberán cumprir a normativa que en materia de comercio e sanidade sexa de aplicación para a venda de produtos agroalimentarios.

2. Gastos subvencionables:

Consideraranse gastos subvencionables:

a) O proxecto de viabilidade comercial elaborado por unha empresa de consultoría especializada de acordo co contido e as características establecidas no artigo 6 destas bases reguladoras.

b) O deseño e o desenvolvemento do marketplace: a inclusión e a xestión das tendas cos seus correspondentes usuarios/as, a inclusión e a xestión de catálogos en liña, a xestión de stocks e pedidos, a adaptación móbil coa tecnoloxía responsive, o proxecto de posicionamento orgánico SEO, o dominio e o aloxamento web dentro da Unión Europea.

c) As campañas de marketing e publicidade: a xestión SEM/Adwords, a xestión do social media, a fotografía e a descrición dos produtos e a creación de promocións e estratexias publicitarias e comerciais a través de medios e canles dixitais.

d) A xestión integral do marketplace: a comunicación coa clientela a través da multiexperiencia como chatboxs, asistentes virtuais ou redes sociais e a xestión dos pagamentos en liña a través de pasarelas de pagamento.

e) O deseño e a creación de produtos sustentables de packaging.

As plataformas de marketplace deberán ter un mínimo de 20 produtos á venda e reunir as características técnicas e as condicións legais previstas no anexo II.

3. Gastos non subvencionables:

Non se considerarán subvencionables os gastos de persoal.

Artigo 5. Investimentos máximos subvencionables

O investimento máximo subvencionable para os gastos establecidos na letra a) do punto segundo do artigo 4 destas bases reguladoras é de 1.500,00 € e a porcentaxe da subvención acadará o 75 %.

O investimento máximo subvencionable para os restantes gastos comprendidos entre as letras b) e e) do punto segundo do artigo 4 é de 40.000,00 € e a porcentaxe da subvención acadará o 80 %.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude, anexo III, a seguinte documentación:

a) Concellos:

− Xustificante de atoparse ao día na rendición de contas xerais ante o Consello de Contas de Galicia, de acordo co previsto no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

− Declaración de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia (anexo III).

b) Grupos de desenvolvemento rural (GDR):

− Certificación da/o presidenta/e da entidade co acordo do órgano competente polo que se acorda participar nesta convocatoria.

− Escritura de constitución.

c) Documentación común para todas as entidades solicitantes:

− Proxecto de viabilidade comercial, en que se incluirán os seguintes puntos:

• Estudo de mercado da área de influencia.

• Análise DAFO.

• Plan de márketing.

• Valoración económica das actuacións e viabilidade financeira, que incluirá unha análise dos riscos do investimento.

• Viabilidade técnica, que incluirá unha descrición da estrutura e do soporte técnico de acordo coas características e as condicións legais previstas no anexo II.

• Cronograma de implantación e plan de acción temporal.

• Indicadores de cumprimento.

− Memoria asinada descritiva das actuacións para as cales se solicita a subvención, que deberá incluír, polo menos:

• O número e as características dos/as participantes e dos produtos postos á venda.

• A descrición do deseño e o material de packaging.

• A descrición das campañas de márketing e publicidade.

• O orzamento total do investimento con indicación das fontes de financiamento e, de ser o caso, a porcentaxe e as contías achegadas por cada unha das partes.

− O orzamento desagregado e detallado do investimento solicitado coa relación das facturas ou, na súa falta, facturas pro forma dos gastos previstos para a realización das actuacións para as que se solicita a subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola entidade solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados neles.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación dos servizos, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os presten ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

2. De conformidade co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electrónicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Pagamento anticipado

1. As entidades interesadas poderán solicitar, no prazo de dez días hábiles contados dende a notificación da resolución de concesión da subvención, o pagamento anticipado, que supoñerá unha entrega de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de ata un 50 % da subvención concedida, coa obriga de constituír garantía no caso de subvencións superiores a 18.000,00 €.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por unha entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

Unicamente será admisible a garantía presentada por terceiros cando o fiador preste fianza con carácter solidario, renunciando expresamente ao dereito de excusión.

O avalista ou asegurador será considerado parte interesada nos procedementos que afecten directamente a garantía prestada nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A garantía deberá constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda.

3. As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude de anticipo, anexo V, a declaración doutras axudas, anexo IV, debidamente asinada e no caso de que a subvención concedida sexa superior a 18.000,00 € deberán achegar, ademais, a copia do xustificante do depósito da garantía na Caixa Xeral de Depósitos.

4. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano correspondente.

5. En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados a entidades beneficiarias cando solicitasen a declaración de concurso, fosen declaradas insolventes en calquera procedemento ou se atopen declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estean suxeitas a intervención xudicial ou fosen inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT para subvencións e axudas.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Comunidade Autónoma de Galicia para percibir axudas e subvencións.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos pertinentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e correspóndelle á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ditar a resolución de concesión, sen prexuízo da delegación desta competencia.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 8 destas bases reguladoras resulta que a entidade solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma ou coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na alínea d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, o órgano instrutor poderá realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir a entidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión avaliadora de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as esixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 11. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación da subvención ás entidades interesadas.

Para os efectos de valorar as solicitudes e propoñer ás entidades solicitantes con dereito a obter a subvención, a Comisión de Valoración aplicará os criterios de valoración para determinar a concorrencia competitiva entre as entidades solicitantes da actuación subvencioable definida no artigo 4 destas bases reguladoras.

Na proposta de concesión que formule a comisión de valoración figurarán, de xeito individualizado, as entidades solicitantes propostas para obter a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas ata esgotar o crédito dispoñible.

2. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas, de ser o caso, ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

• Presidente/a: o/a subdirector/a da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

• Vogais: un/unha xefe/a de servizo da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Un/unha xefe/a de sección da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que fará as funcións de secretario/a.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención, relacionados por orde decrecente, son os seguintes:

1.1. Para todas as entidades solicitantes:

a) Pola calidade do proxecto: de 1 a 5 puntos.

b) Pola implantación de medidas de apoio e seguimento (mentoring): 2 puntos.

c) Polo número de produtos agroalimentarios postos á venda:

− De 20 a 30 produtos: 1 punto.

− De 31 a 50 produtos: 3 puntos.

− Máis de 50 produtos: 5 puntos.

d) Polo número de persoas comerciantes participantes:

− Ata 5 comerciantes: 1 punto.

− De 6 a 10 comerciantes: 3 puntos.

− Máis de 10 comerciantes: 5 puntos.

1.2. Para os concellos:

a) Por estar adherido ao convenio coa Fegamp Doing Bussiness: 2 puntos.

2. Unha vez esgotado o crédito dispoñible, no caso de que máis dunha solicitude obtivese a mesma puntuación, utilizarase como criterio de desempate a maior puntuación obtida na orde de prelación establecida neste artigo referida aos criterios indicados.

De persistir o empate, logo de aplicados os criterios de valoración, atenderase á data e hora de presentación das solicitudes e prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á que o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

Artigo 13. Audiencia

Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e as xustificacións que consideren pertinentes.

Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

Artigo 14. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. A persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresar, cando menos, a actuación subvencionada, a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

A dita resolución será publicada na web http://ceei.xunta.gal e notificada ás entidades beneficiarias de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Nesa notificación comunicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis, en aplicación do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).

As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente, con indicación das súas causas. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que as entidades non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións do procedemento ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, a entidade solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, a conduta ou a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ás entidades interesadas na forma prevista no artigo 13 destas bases reguladoras.

Artigo 17. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Velar para que as persoas comerciantes e os produtos cumpran a normativa que en materia de comercio e sanidade sexa de aplicación para a venda de produtos agroalimentarios, de conformidade co disposto no artigo 4.1 destas bases reguladoras.

c) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o desfrute da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente ou a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1 destas bases reguladoras. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Acreditar con anterioridade á proposta de resolución de concesión que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos durante un período de dous anos dende a súa concesión.

h) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso.

i) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento desta, e no artigo 17 destas bases reguladoras.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control.

l) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou a entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Obrigas específicas de publicidade

1. As entidades beneficiarias deberán dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En concreto, as entidades beneficiarias deberán facer constar o cofinanciamento da Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, en todas as actuacións, actividades e materiais que formen parte do proxecto financiado ao abeiro desta orde de axudas, coa inserción da imaxe corporativa institucional básica da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido do Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración.

2. O incumprimento desta obriga de publicidade producirá a perda do dereito ao cobramento total da subvención, así como o reintegro total das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Artigo 20. Subcontratación

Enténdese que unha entidade beneficiaria subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Faise especial indicación de que as persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa entidade solicitante, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

b) Que se solicite e conceda a súa autorización previa (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

Artigo 21. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da orde de convocatoria e ata o 31 de outubro de 2022, dunha copia da seguinte documentación:

a) Memoria asinada xustificativa das actuacións para as cales se concedeu a subvención, que deberá incluír, polo menos:

• A denominación e a ligazón á plataforma de marketplace, a cal deberá estar en funcionamento no momento da xustificación, e acreditación do rexistro do dominio da plataforma.

• O número e as características dos/das participantes e dos produtos postos á venda.

• A descrición do deseño e o material de packaging.

• A descrición das campañas de márketing e publicidade.

• O resumo executivo.

• O orzamento total do investimento con indicación das fontes de financiamento e, de ser o caso, a porcentaxe e as contías achegados por cada unha das partes.

• O orzamento desagregado e detallado do investimento realizado coa relación das facturas dos gastos que se imputan a cada unha das actuacións.

b) Xustificación dos investimentos:

Os gastos xustificaranse mediante a presentación das facturas dos provedores, que deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que establece as obrigas de facturación, e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa.

Cando a entidade beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

As facturas deberán estar emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto.

c) Xustificación dos pagamentos:

Os pagamentos xustificaranse a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o número de factura obxecto do pagamento e a súa data. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade bancaria.

d) Anexo IV, declaración doutras axudas, debidamente asinado.

e) Documentación gráfica que acredite o cumprimento da obriga de publicidade establecida no artigo 19 destas bases reguladoras.

f) Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da axuda.

g) No caso de que as entidades interesadas se opoñan expresamente á consulta dos datos, certificacións expedidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse o dito documento sen compulsar.

2. En concreto, para os concellos:

a) Certificación do órgano que ten atribuídas as facultades de control da legalidade que acredite o cumprimento da normativa de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación.

b) Certificación da Intervención respecto da achega municipal comprometida para financiar o investimento.

c) Conta xustificativa integrada, con carácter xeral, pola documentación que se relaciona nos parágrafos seguintes e que incorporará, en todo caso, a certificación da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención.

No caso de subvencións destinadas a financiar investimentos, a conta xustificativa conterá:

− Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace da/do alcaldesa/e ou presidenta/e, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1. O cumprimento da finalidade da subvención.

2. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

− Certificado dun taxador/a independente debidamente acreditado/a e inscrito/a no correspondente rexistro oficial, no caso de adquisición de bens inmobles.

− Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e /ou indirectos.

− Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e da súa procedencia.

− De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os órganos competentes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderán solicitar as aclaracións ou os informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

4. Transcorrido o prazo de xustificación sen tela presentado de conformidade co disposto polo artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, requirirase a entidade beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións. A presentación da xustificación no prazo adicional non eximirá a entidade beneficiaria das sancións que legalmente correspondan.

Artigo 22. Pagamento

Recibida a documentación xustificativa da subvención, e antes de proceder ao seu pagamento, os órganos competentes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

O importe da subvención aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria, ao número de conta designado pola entidade beneficiaria.

A subvención reducirase proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas, observarase o establecido no artigo 2 destas bases reguladoras.

Artigo 23. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou de incumprimento das obligas contidas nestas bases reguladoras, na orde de convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data na que se acorde a procedencia do reintegro.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda deste dereito será o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro.

O alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Incumprimento total: para os efectos do disposto no parágrafo anterior, entenderase que hai incumprimento total, co correspondente reintegro do total da cantidade percibida, cando o cumprimento non acade o 60 % do investimento subvencionado.

4. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Control

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 25. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, a entidade beneficiaria, o crédito orzamentario, a contía da subvención e a súa finalidade.

Non obstante o anterior, cando o importe das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexa de contía inferior a 3.000,00 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Artigo 26. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido la Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1) e no resto de normativa que resulte de aplicación.

ANEXO II

Características para a creación e o lanzamento dos marketplaces

A. Características xerais do marketplace:

1. O desenvolvemento propio do marketplace en propiedade con programación a medida ou cun software de xestor especializado en marketplace ou con soporte multitenda nativo, non baseado en plugins.

2. O deseño deberá adaptarse a múltiples dispositivos, resolucións e pantallas e permitir unha visualización correcta desde todos eles.

3. O peso das imaxes debe ser inferior a 350 KB e a resolución máxima será de 72 dpi.

4. As páxinas deberán contar con optimización para SEO, incluíndo especificamente:

a. Configuración das metaetiquetas de título e descrición segundo ás boas prácticas establecidas polos buscadores.

b. Arquivo robots.txt optimizado e mapa do sitio sitemap.xml.

c. Que non existan ligazóns rotas ou erros 404 ou 500.

d. No caso dunha web multiidioma, contar coas etiquetas canonical correspondentes.

e. As imaxes deberán ter o atributo descritivo Alt.

f. Non poderá existir contido duplicado.

5. Dispor dun carro da compra en que poder realizala.

6. Incorporar unha pasarela de pagamentos para finalizar as compras de xeito completamente en liña.

7. Os prezos e información sobre envíos teñen que ser correctamente configurados e indicados de acordo co contrato que teña a/o propietaria/o do marketplace coa/s empresa/s de servizo de mensaxaría.

8. Que exista unha páxina específica para a/o comerciante dentro do marketplace.

9. Que estea visible para a/o compradora/o final a información de contacto da/do vendedora/o para poder executar os seus dereitos de consumo e protección de datos, engadidos ligazóns a redes sociais, páxina web (se dispón dela) e a lista de produtos ofertados por esa/e vendedora/o.

10. As/os comerciantes deberán dispor dun panel de control desde o que xestionar as súas vendas e obter información e estatísticas das vendas realizadas.

B. Características das fichas de produto:

1. Facilitar un tutorial ás/os comerciantes para que poidan crear eles mesmos as fichas de produto e que estas cumpran cos seguintes requisitos:

2. O peso das imaxes debe ser inferior a 350 KB e a resolución máxima será de 72 dpi.

3. Mínimo de 2 imaxes por produto, agás para aqueles que pola súa natureza non procedan das imaxes, como o caso de produtos dixitais ou cursos.

4. Estar organizados por categorías e etiquetas.

C. Características do aloxamento:

1. A/o propietaria/o do marketplace debe dispor de acceso ao aloxamento no hosting ou servidor en que estea situada/o.

2. Aloxamento web dentro da Unión Europea.

3. Aloxamento web que permita unha velocidade de carga acorde cos requisitos actuais de Google.

4. Contar con certificado seguro SSL para o marketplace (https).

D. Condicións legais:

1. Cumprir con toda a lexislación vixente xeral e en materia de consumo.

2. Engadir a información legal en materia de consumo accesible, completa e doada de atopar (prezos, envíos, devolucións, reclamacións, etc.).

3. Os prezos deben estar indicados segundo unidade de medida (prezo por kg, prezo por litro...), e debe especificarse se os impostos están engadidos ou non.

4. Dispor dunha páxina co aviso legal, identificando a/o responsable da explotación do marketplace e conforme a lexislación vixente.

5. As cookies cuxa instalación automática non está permitida por lei non poderán instalarse sen o permiso expreso da/do usuaria/o da web.

6. Dispor dunha páxina coa información de privacidade segundo a lexislación vixente.

7. Incorporar calquera outra páxina con información legal que sexa necesaria para cumprir coa lexislación vixente no momento da creación do marketplace.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file