Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Venres, 22 de xullo de 2022 Páx. 41168

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2022 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas excepcionais a determinadas explotacións gandeiras para compensar as dificultades económicas derivadas da invasión rusa de Ucraína.

En boa parte do ano 2020 a crise sanitaria do coronavirus dificultou a comercialización das producións gandeiras, polo peche dalgunhas das súas canles principais de comercialización. Posteriormente, durante 2021 os prezos das materias primas, da enerxía e dos combustibles medraron significativamente.

Non obstante, foi a raíz da invasión rusa de Ucraína cando este incremento nos prezos acadou valores insoportables para as explotacións gandeiras. A alimentación animal é o principal custo da súa conta de resultados e Ucraína ten un peso enorme no mercado mundial de cereais. Os prezos dos produtos gandeiros non están a subir na mesma medida, polo que as gandarías galegas se atopan nun momento crítico que compromete a súa viabilidade a curto prazo.

Esta situación está afectando o resto de países comunitarios, polo que a Unión Europea publicou o Regulamento delegado 2022/467 da Comisión, do 23 de marzo de 2022, que establece unha axuda excepcional para produtores agrarios. Este regulamento indica que os pagamentos destas axudas deben facerse como moi tarde o 30 de setembro de 2022.

O 30 de marzo de 2022 publicouse o Real decreto lei 6/2022 polo que se adoptan medidas urxentes no marco do Plan nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína. Esta norma sinala que as persoas beneficiarias das axudas do Regulamento delegado 2022/467 concretaranse nun real decreto posterior.

O 8 de xuño de 2022 publicouse o Real decreto 428/2022, do 7 de xuño, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión directa dunha axuda excepcional de adaptación para compensar as dificultades económicas derivadas do conflito bélico en Ucraína en determinados sectores agrarios. Consonte esta norma, as comunidades autónomas deben tramitar, resolver, xustificar, pagar e controlar estas axudas antes de que remate o mes de setembro. Con este fin, o real decreto establece unhas bases reguladoras o máis sinxelas posible, para facilitar a xestión administrativa nas comunidades autónomas. Así, a solicitude única da PAC 2022 no sector bovino, ovino e cabrún e a declaración censual de 2022 nos sectores das aves e dos coellos serven como solicitudes destas axudas excepcionais. Ademais, o real decreto abriu un prazo de dez días hábiles para que determinadas persoas físicas ou xurídicas, posibles persoas beneficiarias da axuda, presenten unha declaración responsable imprescindible para que as comunidades autónomas poidan aprobarlles a subvención.

O artigo 1 do Real decreto 428/2022 sinala expresamente que estas axudas se conceden de xeito directo, consonte o artigo 22.2.b) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Neste punto, a Lei 38/2008 di literalmente que se trata daquelas subvencións directas nas cales o «outorgamento ou contía veña imposto á Administración por unha norma de rango legal, que seguirán o procedemento de concesión que lles resulte de aplicación de acordo coa súa propia normativa». A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indica o mesmo no seu artigo 19.3.b).

Por outra banda, as subvencións de concesión directa, en que o outorgamento ou contía lle veña imposto á Administración por unha norma de rango legal, rexeranse por esa norma, pola Lei de subvencións de Galicia e polo seu regulamento, consonte o artigo 39.1 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

Finalmente, cómpre indicar que o artigo 26 da Lei de subvencións de Galicia permite a concesión directa de subvencións mediante unha resolución e regula o seu procedemento e contido mínimo.

De acordo co anterior, o director do Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar o procedemento para conceder as axudas ao abeiro do Real decreto 428/2022, do 7 de xuño, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión directa dunha axuda excepcional de adaptación para compensar as dificultades económicas derivadas do conflito bélico en Ucraína en determinados sectores agrarios. O procedemento está recollido no anexo I desta resolución.

Segundo. Non incluír a produción de cítricos neste procedemento, pois Galicia non recibiu orzamento para este sector ao estar moi pouco desenvolvido na nosa comunidade autónoma.

Terceiro. Aprobar a listaxe preliminar de persoas físicas e xurídicas susceptibles de ser beneficiarias destas axudas de acordo co establecido no Real decreto 428/2022, que poderá consultarse na seguinte ligazón, antes do 29 de xullo: https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/beneficiario_de_axudas_pac/campana-2022

Disposición adicional primeira. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante a Presidencia do Fondo Galego de Garantía Agraria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Se, transcorrido o prazo para resolver, non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela.

Disposición adicional segunda. Información ás persoas interesadas

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira

O director do Fondo Galego de Garantía Agraria poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta xestión deste procedemento.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2022

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria

ANEXO I

Procedemento para conceder as axudas do Real decreto 428/2022, do 7 de xuño

Artigo 1. Obxecto e finalidade

O obxecto desta resolución é establecer o procedemento para conceder as axudas gandeiras do Real decreto 428/2022, do 7 de xuño, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión directa dunha axuda excepcional de adaptación para compensar as dificultades económicas derivadas do conflito bélico en Ucraína en determinados sectores agrarios.

A finalidade destas axudas é apoiar as explotacións gandeiras que leven a cabo algunha das actividades a prol do ambiente previstas no artigo 1.3 do Regulamento delegado 2022/467 da Comisión, do 23 de marzo de 2022.

Artigo 2. Procedemento de concesión

Estas axudas tramitaranse en réxime de concesión directa.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras de vacún de carne, de ovellas, de cabras, de aves ou de coellos que cumpran os requisitos establecidos no Real decreto 428/2022, do 7 de xuño, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión directa dunha axuda excepcional de adaptación para compensar as dificultades económicas derivadas do conflito bélico en Ucraína en determinados sectores agrarios.

Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias deben cumprir os requisitos establecidos no artigo 3 e seguintes do Real decreto 428/2022, no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas solicitantes deberán estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Artigo 5. Contía e modalidades de axuda

As axudas consisten nun pagamento único por animal, no caso das explotacións de vacún, ovino e cabrún, e nun pagamento único segundo a capacidade da explotación, no caso de aves e coellos. Os importes unitarios máximos son os recollidos no artigo 6 do Real decreto 428/2022.

Porén, no caso de que o orzamento asignado a Galicia non permita o pagamento das contías máximas unitarias, estes importes reduciranse linealmente a todos os produtores de cada tipo de produción ata axustarse ao orzamento asignado.

Artigo 6. Límites máximos e mínimos para recibir axudas

Os límites subvencionables por persoa beneficiaria son:

a) Explotacións de carne de vacún: ata 125 vacas nutrices.

b) Cebadeiros de vacún: ata 520 xatos de ceba.

c) Explotacións de ovino ou cabrún: ata 800 ovellas ou cabras.

d) Explotacións de aves: desde 251 prazas.

e) Explotacións de coellos: desde 50 prazas.

As contías unitarias máximas por animal para os produtores de vacún, ovino e cabrún de carne e a axuda máxima por persoa beneficiaria para as explotacións de avicultura de carne e de coellos, serán as recollidas no artigo 6 do Real decreto 428/2022.

Artigo 7. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

As persoas interesadas non precisan facer unha solicitude para recibir a subvención. No caso do vacún de carne, ovino e cabrún, a solicitude de axuda entenderase realizada por ter presentada a solicitude única da PAC 2022 (Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR250A, MR239K, MR239G, MR239O, MR20D, MR241C e MR241D, publicada no DOG núm. 20, do 31 de xaneiro de 2022), consonte o artigo 8.1 do Real decreto 428/2022. No caso dos sectores de aves e coellos, a solicitude de axuda entenderase realizada se fixeron en prazo a última declaración censual das explotacións, consonte o artigo 8.3 do Real decreto 428/2022.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites que as persoas interesadas deban realizar deberán ser efectuados dixitalmente a través da seguinte ligazón: https://portal-axudaspac.xunta.gal/

Artigo 9. Presentación da declaración responsable

1. As persoas interesadas deben achegar o modelo de declaración responsable establecido no anexo II do Real decreto 428/2022 nos seguintes casos:

a) Explotacións de vacún de carne que se atopen no caso descrito no artigo 3.1.i) do Real decreto 428/2022.

b) Explotacións de aves ou de coellos, consonte os artigos 3.2.b) e 3.3.b) do Real decreto 428/2022.

2. O artigo 8 do Real decreto 428/2022 abriu un prazo para presentar a declaración responsable nos casos anteriores. As persoas interesadas que non presentasen a declaración neste prazo dispoñen de 10 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A presentación realizarase segundo o establecido no artigo 8.

3. As persoas que reúnan os requisitos para ser beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución e non presenten a declaración responsable no prazo concedido entenderase que desisten da súa solicitude.

Artigo 10. Presentación da renuncia á axuda

As persoas interesadas que renuncien á axuda a través dun representante tamén deberán acreditar a representación fidedigna deste por calquera medio válido en dereito, agás que este medio xa figure nas bases de datos da solicitude única da PAC ou nun rexistro de representantes. A presentación realizarase segundo o establecido no artigo 8.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos rexistros públicos correspondentes para garantir o cumprimento das condicións establecidas no Real decreto 428/2022, agás que a persoa interesada se opuxera á súa consulta ou non prestara o consentimento expreso, na solicitude única da PAC 2022 (Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se regula a aplicación dos pagos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR250A, MR239K, MR239G, MR239O, MR20D, MR241C e MR241D, publicada no DOG núm. 20, do 31 de xaneiro de 2022).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta deberán presentar o modelo establecido no anexo I do Real Decreto 428/2022 e achegar os documentos correspondentes. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta. A presentación realizarase segundo o establecido no artigo 8.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación os documentos correspondentes.

Artigo 12. Resolución das axudas e publicación dos datos

1. A instrución do procedemento corresponde á persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión da PAC do Fogga. A persoa titular da Dirección do Fogga será competente para resolver estas axudas.

2. As resolucións das axudas reguladas nesta resolución serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro. De conformidade co establecido no artigo 45 da indicada lei, a notificación poderá realizarse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, cunha ligazón á páxina web do Fogga. Nesta notificación especificaranse a convocatoria, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como, se for o caso, as causas da desestimación, e expresará, ademais, os recursos que procedan contra a resolución, o órgano administrativo e xudicial ante o cal se deben presentar e o prazo para interpoñelos. As persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a aceptación da resolución. Transcorrido o dito prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada e non será admisible a renuncia posterior.

3. O prazo máximo para ditar as resolucións das axudas previstas nesta resolución será de 3 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite e notifique a correspondente resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude de axuda por silencio administrativo.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, cos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Xustificación e pagamento das subvencións

De acordo coa natureza e fins das axudas reguladas nesta resolución, non se precisa de prazo de xustificación da subvención das persoas beneficiarias, xa que todos os datos necesarios son achegados polas persoas interesadas na súa solicitude de axuda e, se é o caso, na declaración responsable. O pagamento da subvención realizarase mediante transferencia bancaria á conta indicada pola persoa na súa solicitude ou, na súa falta, na declaración responsable.

Artigo 15. Incompatibilidade

Estas axudas son compatibles con outras axudas financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Non son subvencionables os animais que recibiron axudas ao abeiro do artigo 31 do Real decreto lei 6/2022, do 29 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes no marco do Plan nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína.

Artigo 16. Reintegro da axuda

Consonte a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, reintegrarase o total do importe da axuda máis os xuros de demora correspondentes, nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención co falseamento das condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro ou ben o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo da concesión da subvención.

d) Incumprimento das obrigas impostas ás persoas beneficiarias ou dos compromisos por elas asumidas, por mor da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos que fundamentan a concesión da subvención.

Artigo 17. Infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias destas axudas aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 18. Obriga de facilitar información

1. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, as persoas beneficiarias das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles requiran a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles solicite calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

2. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas beneficiarias destas subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 20. Financiamento das axudas

As axudas económicas reguladas nesta resolución faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 14.80.713F.470.2 (proxecto 2022 00010) por un importe total de 11.843.397 euros dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, distribuídos nas seguintes modalidades:

– Financiamento estatal, modalidade 3010: 7.894.153,00 euros.

– Financiamento UE (Feaga), modalidade 4250: 3.949.244,00 euros.

Disposición adicional primeira. Normativa aplicable

Nos aspectos non recollidos nesta resolución haberá que aterse ao disposto no Real decreto 428/2022, do 7 de xuño, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión directa dunha axuda excepcional de adaptación para compensar as dificultades económicas derivadas do conflito bélico en Ucraína en determinados sectores agrarios; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.