Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Luns, 1 de agosto de 2022 Páx. 42171

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 29 de xullo de 2022 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 10 de maio de 2022 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2022.

Mediante a Orde do 10 de maio de 2022 (DOG núm. 97, do 20 de maio) convocáronse para o ano 2022 as axudas á apicultura que teñen por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura, en réxime de concorrencia competitiva (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

O financiamento das axudas, recollido na orde de convocatoria no artigo 17, efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.713E.770.2 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, inicialmente por un importe de 1.312.953,00 euros (un millón trescentos doce mil novecentos cincuenta e tres euros). Esta axuda está cofinanciada polo Feaga da UE ata un 50 %, polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ata un 25 %, e a porcentaxe restante pola Xunta de Galicia.

A orde prevé, no punto 3 do seu artigo 17, a posibilidade de incrementar a dotación orzamentaria previamente á resolución do expediente se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito con fondos adicionais. De acordo con isto, procede ampliar as axudas á apicultura por un importe de sesenta e nove mil trescentos vinte e catro euros con oitenta céntimos (69.324,80 €). A suma total da dotación orzamentaria da convocatoria, resultante despois da ampliación, é dun millón trescentos oitenta e dous mil douscentos setenta e sete euros con oitenta céntimos (1.382.277,80 €).

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas á apicultura convocadas para o ano 2022, de acordo coa Orde do 10 de maio de 2022 (DOG núm. 97, do 20 de maio), increméntase no importe de sesenta e nove mil trescentos vinte e catro euros con oitenta céntimos (69.324,80 €) na aplicación orzamentaria 14.04.713E.770.2.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. A ampliación prevista no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 10 de maio de 2022.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural