Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Venres, 5 de agosto de 2022 Páx. 42899

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

ACORDO do 26 de xullo de 2022 polo que se anuncia a apertura dunha convocatoria pública para a presentación de solicitudes de autorizacións para a utilización de instalacións de atracada en pantaláns en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, para embarcacións profesionais, principalmente de terceira e cuarta lista, no porto de Rianxo (código de procedemento IF503A).

Ao atoparse a instalación de atracada para embarcacións profesionais destinadas ao sector pesqueiro de Rianxo en proceso de remodelación, é preciso que as embarcacións que desexen obter unha praza de amarre, utilicen ou non na actualidade unha atracada, soliciten a correspondente autorización.

Por este motivo, anúnciase a apertura dunha convocatoria pública para a presentación de solicitudes no citado porto. Nesta instalación as atracadas destínanse ás embarcacións de 3ª lista.

As autorizacións de atracada solicitaranse e adxudicaranse de conformidade co establecido no procedemento IF503A publicado na sede electrónica da Xunta de Galicia, para o que deberán achegar a documentación indicada no dito procedemento.

As instalacións que se poñen á disposición son as indicadas na web de Portos de Galicia www.portosdegalicia.com, na seguinte ligazón:

https://www.portosdegalicia.gal/solicitudes_atracadas_profesionais

Neste sitio poderase consultar a tipoloxía de prazas de atracada postas á disposición, as frotas a que van dirixidas, así como a súa localización. Non obstante, a distribución, tamaño ou calquera outra característica das prazas poderase modificar durante a convocatoria por motivos de explotación portuaria debidamente xustificada.

No suposto de que exista máis demanda que oferta de prazas, os criterios de selección serán os indicados na condición décimo primeira da Resolución do 29 de marzo de 2022 pola que se aproba o procedemento de autorización para utilización de instalacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, para embarcacións profesionais de 3ª, 4ª e 5ª lista.

Como criterio especifico ao procedemento, para os efectos de asignación de prazas de amarre, as vendas/ou descargas realizadas pola embarcación solicitante nun porto distinto do porto onde se solicita a atracada minoraranse multiplicando o importe declarado por 0,75 se se trata dun porto autonómico, e por 0,5 se se trata dun porto estatal.

Tendo en conta que se trata de remodelacións de pantaláns existentes, que precisan resignación de atracada, considerase o disposto no punto 6 da condición décima da resolución, polo que segundo o indicado no dito procedemento, ábrese un prazo específico de presentación de solicitudes dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG.

Transcorrido o prazo de presentación, analizaranse as solicitudes achegadas nese período segundo os criterios xerais e específicos da convocatoria, e realizarase unha proposta de asignación de atracada entre todas as presentadas. A asignación de prazas realizarase atendendo ás características da embarcación e da instalación en canto a calado e lonxitude de atracada, ou outros condicionantes que puidesen existir.

Non obstante, dado que o procedemento queda aberto, poderanse presentar solicitudes a partir desa data, pero non serán tidas en conta na primeira asignación de prazas, sendo posible a súa autorización se existen prazas vacantes.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2022

Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia