Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Luns, 19 de setembro de 2022 Páx. 48929

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 9 de setembro de 2022 pola que se amplía o prazo de execución e xustificación dos investimentos establecido na Orde do 11 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións públicas a centros privados sostidos con fondos públicos para dotación de aulas dixitais, cofinanciadas polo Fondo Europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento ED301K).

Mediante a Orde do 11 de agosto de 2022 (DOG núm. 167, do 2 de setembro), a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións públicas a centros privados sostidos con fondos públicos para dotación de aulas dixitais, cofinanciadas polo Fondo Europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e a convocatoria para o ano 2022.

Segundo o artigo 27 da dita orde, establece que a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 1 de novembro de 2022. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Por outra parte, o artigo 7 da dita orde establece que se consideran gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada, sexan efectivamente realizados desde o 1 de xaneiro ata o 1 de novembro do ano da convocatoria e fosen efectivamente pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado desde a data de publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e, polo tanto, rematará o vindeiro 3 de outubro de 2022, motivo polo cal a resolución dos expedientes deixará moi reducido o prazo para a execución e xustificación dos gastos subvencionables, e resulta necesaria a ampliación dos citados prazos para garantir a súa axeitada execución.

O artigo 45 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Remítese ao disposto na normativa reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas en canto ás condicións e procedemento para a concesión da ampliación.

En todo caso, o prazo de xustificación, incluída a ampliación, deberá permitir ao órgano concedente a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente.

Por outra banda, con carácter xeral o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, regula a ampliación de prazos e dispón que a Administración, salvo precepto en contrario, poderá conceder de oficio ou por petición dos interesados unha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda a metade destes, se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiros.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación do prazo para a execución e presentación da documentación xustificativa

Amplíase o prazo establecido no artigo 27 da Orde do 11 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións públicas a centros privados sostidos con fondos públicos para dotación de aulas dixitais, cofinanciadas polo Fondo Europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (DOG núm. 167, do 2 de setembro), e establécese como data límite para a execución do proxecto e presentación da documentación xustificativa o 30 de novembro de 2022.

Así mesmo, amplíase o prazo de realización dos gastos subvencionables ata o 30 de novembro de 2022, establecido no artigo 7.

De acordo co disposto no artigo 32.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, contra o presente acordo de ampliación non cabe recurso de ningún tipo.

Disposición derradeira única.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades