Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Xoves, 22 de setembro de 2022 Páx. 49390

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2022 pola que se convoca o Curso Lei xeral orzamentaria.

Conforme os obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia recollidos no protocolo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública, polo que se establecen os principios reitores e de funcionamento do devandito instituto, e aprobado o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2022 polo Consello Reitor, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio,

RESOLVO:

Convocar o Curso Lei xeral orzamentaria, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Bases

Primeira. Obxectivos e contido

O obxectivo principal do curso é que o alumnado se achegue á Lei xeral orzamentaria de xeito que poida adquirir ou, se é o caso, actualizar os seus coñecementos na materia.

De acordo con estes obxectivos, neste curso abordaranse os seguintes contidos:

1. Ámbito de aplicación e organización do sector público.

2. Principios orzamentarios. Estrutura.

3. Modificacións orzamentarias.

4. Contabilidade do sector público e principais saldos orzamentarios.

5. Control: tipos, órganos de control e responsabilidades.

Segunda. Persoas destinatarias

1. Poderá participar na actividade formativa convocada nesta resolución o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais, da Administración institucional, das entidades locais de Galicia e de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia, que se atopen na situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; o persoal das escalas dos corpos da policía de Galicia, policía local e bombeiros, e o persoal do Servizo Galego de Saúde, non entendendo por tal o persoal empregado público da escala de saúde pública e Administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As persoas interesadas deberán dispoñer dunha conta de correo electrónico cuxo enderezo terán que indicar na solicitude e dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un ordenador con conexión á internet.

– Un navegador web actualizado.

Terceira. Desenvolvemento

Modalidade: teleformación.

Duración: 25 horas.

Datas: do 3 de outubro ao 27 de outubro de 2022.

Cuarta. Número de prazas

50.

Quinta. Solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 do día 26 de setembro de 2022.

2. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática, dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co indicado na base segunda desta convocatoria respecto das persoas destinatarias.

Aquelas persoas solicitantes que non pertenzan á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as súas entidades públicas instrumentais deberán enviar ao enderezo electrónico <iep.egap@xunta.gal> a documentación acreditativa do grupo ou subgrupo profesional a que pertencen. A non presentación desta documentación no prazo de matrícula establecido nesta convocatoria suporá a exclusión da persoa solicitante.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar o nome do curso: Lei xeral orzamentaria.

5. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de matrícula telemática, que non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

6. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

7. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

8. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. Poderá obterse calquera outra información no teléfono 881 99 71 74, en horario de 9.00 a 14.00 horas, e no enderezo electrónico iep.egap@xunta.gal

Sexta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso. Neste caso, a persoa interesada deberá indicalo incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e presentar, ademais, unha copia dos documentos a cuxa consulta se opón a través do seguinte enderezo electrónic: iep.egap@xunta.gal

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico <iep.egap@xunta.gal>

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Sétima. Criterios de admisión

A admisión se levará a cabo de acordo cos criterios indicados na base segunda desta convocatoria. A orde de admisión virá determinada pola data e hora de inscrición.

Oitava. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na lista de espera ou están excluídas de acordo co disposto no punto segundo, ordinal 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Novena. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia. O seguimento das actividades formativas

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas so podarán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsablesde los centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP coa maior brevidade posible e, en todo caso, con anterioridade ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <iep.egap@xunta.gal>

As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. O seguimento das actividades formativas:

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Superación da actividade formativa

Para poder superar as actividades formativas será necesario cumprir os seguintes requisitos:

a) A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final.

b) A superación dunha proba de avaliación final.

Ao inicio da actividade formativa publicarase o correspondente programa na plataforma de teleformación e indicaranse as probas de avaliación previstas, así como as datas en que estas terán lugar. Nestas actividades as probas de avaliación finais serán en liña. A EGAP informará a través da súa páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e das horas da proba final.

Décimo primeira. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe declarando apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e na xestión das actividades formativas e pode suprimir algunha, ampliar novas edicións da programación ou programar outras actividades diferentes cando así o exixan as circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Tamén lle corresponde á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. A execución material das actividades queda condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

3. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

4. A EGAP poderá modificar os contidos, o desenvolvemento, as datas e os lugares das actividades formativas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Todas as modificacións que afecten o desenvolvemento das actividades serán anunciadas na páxina web da Escola.

5. A EGAP garantirá na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2022

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública